José Meira, coñecido en todo o Morrazo por "Meiriña", naceu en Moaña alá polo ano 1923. De orixe moi humilde, a sua infancia e xuventude estivo marcada pola escasez de recursos materiais e económicos, polo que só puido acadar os mais elementais estudios primarios, alternando os mesmos coa axuda nas tarefas do campo (principalmente no pastoreo de duas ou tres ovellas), así como na pesca, que por aquel entonces era unha das industrias mais boiantes no pobo de Moaña.

A súa afección foi sempre a pintura. Os seus dous irmáns querían que se adicase a música, na que eles eran avezados instrumentistas, pero nunca estivo por esta laboura. En cambio, adicábase a pintar todo canto se lle poñía diante dos ollos. Despois de vir da escola tiña que ir para o monte a pastar as ovellas e marchaba cos seus cadernos e os seus lápices para plasmar todo o que a natureza lle ofrecía. Daquela un tío recén chegado de Nova Iorque regaloulle un catalexo que abriu para el novos horizontes. Desde o mesmo monte enfocaba a entrada da ría de Vigo e debuxaba todos os barcos que arribaban daquela o porto de Vigo. Estaba tan absorto no seu traballo que se esquecía das ovellas e mais da casa. Tiña que ir a sua nai a buscalo todos os días, coas conseguintes trifulcas familiares, xa que por culpa dos debuxos esquecíase de todo. Este foi o motivo de que os seus debuxos tiveran que serlle gardados por un amigo da sua infancia, xa que a súa familia queimáballos para que se adicase o seu traballo. Así chegaron ata nos.

Mais tarde, xa casado, tivo que traballar e para elo escolleu o mais parecido a súa afección: pintor. Cada vez que pintaba unha casa, un local calquera, nun barrio calquera, quitaba tempo e plasmaba nun cadro aquelas paisaxes próximas a dondo traballaba, e moitas veces a mesma vivenda. Lóxicamente os donosquedábanse por catro patacos coa sua obra. Deste xeito a obra de Meiriña, ainda que moi numerosa, está moi espallada. Rara é a familia de Moaña e Cangas que non ten un cadro pintado por el. Moitos bares e restaurantes da zona tiñan nas súas paredes cadros pintados por Meiriña, incluso a compañía de vapores que facía as travesías de Moaña a Vigo tiña un cadro de cada un dos seus barcos, a xeito de inventario fotográfico.

Desgraciadamente a súa obra non foi recoñecida e a súa vida transcurriu como comezou: na miseria. A mesma miseria que o levaría nos derradeiros anos da sua vida a buscar refuxio na bebida para fuxir da realidade. Pouco tempo despois morrería deixando tras de sí unha obra que sinceiramente pensamos vale a pena recuperar. Ogallá o consigamos. (LUÍS RÚA)

JOSÉ MEIRA FERNÁNDEZ "MEIRIÑA"