Ata hai poucos
anos, moitas tabernas de bares de Moaña lucían nas súas paredes pinturas murais
con vistas da Ría, a miúdo, unha baía salpicada de barcos e bateas, ao fondo,
os montes. Un esbozo de azul ou gris bastaba para anubrar o ambiente. Eran
obra de José Meira Fernández. A contemplación destas paisaxes desperta a nosa
curiosidade porque resultan próximas e familiares. Identificamos a ría de
Vigo, os perfís erosionados dos montes, a atmósfera gris da invernía; pero
ó mesmo tempo todos estes elementos aparecen conxugados de modo arbitrario
e orixinal, recreados quizais irónicamente polo pintor, emporiso reclaman
a atención dun espectador sempre atento a recoñecelas. Ao pouco de inaugurarse
a Ponte de Rande, o bar Regueira de Domaio amosaba unha panorámica coa ponte
ao fondo, era difícil non identificala a pesares da manipulación; o pintor
non se sometía aos datos dunha visión obxectiva, senon que, partindo da realidade,
modificaba os caracteres xeográficos e alteraba as perspectivas adaptando
a paisaxe ao seu gusto. Rara vez aparecen figuras humanas ou de animais nas
súas composicións, pero é nestes casos, en que parecen flotar no espacio co
movemento conxelado, cando a súa obra transmite os mellores destellos de inxenuidade;
os personaxes adoptan a apariencia dun colectivo, isto é, un vello eran todos
os vellos de Moaña. Ata hai pouco tempo en certa tasca de Tirán podía contemplarse
unha paisaxe idílica cun canastro, un carro de bois, vacas, galiñas, ovellas
e porcos; as dúas figuras humanas, unha enriba do carro e a outra ao seu carón,
foron motivo de numerosas e variadas identificacións, que si era o "Lobiño"
ou o difunto "Benito"; a porca parida aínda hoxe está por determinarse se
en realidade era unha cadela; ao fondo grandes pastos divididos pola "bocage
atlántica", máis propios dos países atlánticos de agricultura avanzada que
do recargado minifundismo moañés. Coa reforma de tascas e bares os murais
foron desaparecendo un detrás de outro baixo novas capas de pintura. Afortunadamente
quedan aínda cadros e domicilios particulares porque Meiriña pintaba tamén
-agás de para taberneiros e constructores de casas- para navegantes. Non obstante
estes non aparecían representados, entregan ao ritual unha das prendas máis
queridas, o símbolo do progreso, o barco de magnífica silueta, de pesca, de
carga ou de pasaxe, que Meiriña reproducía con todo detalle. Ao fondo, o horizonte
ou unhas illas Cíes imposibles. A representacón do barco foi unha constante
ó longo dos anos. Moaña foi testemuña privilexiada do ir e vir de paquebotes
que se adicaban ó negocio da emigración. Desde novo, Meiriña sentiu unha gran
fascinación por estes buques magníficos. Deslumbrado polo progreso técnico,
estaba ó corrente dos últimos deseños de barcos que asomaban pola Ría ou aparecían
en revistas. Nel trascendeu o impacto visual que desde esta beira da Ría supón
a contemplación da irrupción e manobrar dun trasatlántico. Desta época contamos
con dúas carpetas de debuxos que veñen ser como o inventario do tráfico marítimo
dos anos 50 e 60. Nos anos 70, os veciños de Moaña adicáronse á construcción
frenética de vivendas. Os aforros dunha vida de navegación, de pesca ou, con
posterioridade, do traballo nos asteleiros e nas plataformas petrolíferas
do mar do Norte, posibilitaron este fenónmeno. Moitos necesitan plasmar este
logro nunha imaxe. Meiriña retratou unha época, inconscentemente levantou
acta ó longo da súa vida das inquedanzas de numerosos moañeses: a emigración,
o mundo da pesca, a devoción pola Virxe do Carme, a casa. Cábelle o mérito,
e anos a honra de recoñecelo, de ser o único cronista dun pobo que estaba
a medrar irreflexivamente, recollendo os froitos do traballo no mar. O feito
de que poidera malvivir exercendo a profesión de pintor nolo confirma como
necesario divulgador deste progreso. Foi autodidacta, instintivo e inxenuo,
pintou a súa maneira, inventou a súa arte. Basándose na realidade, que describía
con minuciosidade, pero incluindo nas súas representacións elementos achegados
pola súa imaxinación. Era alleo ás preocupacións compositivas e técnicas da
pintura tradicional: luz, perspectiva, volume, movemento, polo que as súas
obras adquiren un aire de espontaneidade que se percibe a través das figuras,
nas cores pouco matizadas ou nas liñas de fuga contradictorias. Meiriña foi
o primeiro pintor moañés, o primeiro e único coleccionado. Na actualidade
difrutamos a poucos quilómetros dunha Facultade de Belas Artes, algúns estudiantes
de Moaña perfeccionan as súas técnicas nesta escola, están a xurdir novos
artistas, algúns de recoñecido prestixio. Algún día, cando se fale da plástica
en Moaña haberá que recoñecer a contribución de José Meira Fernández porque
conectou instintivamente coas preocupacións da época que lle tocou vivir.
Se a súa pintura tivese sabor, sabería como o viño do país que el tanto apreciaba,
natural e ácido, sen exquisiteces e elaborado artesanalmente.
X.P.