PAPASIÑO
Por la señal.....
Así pechaba
meu avó calquera conversa que tivesemos naquelas longas noites de inverno.
Era o momento de rezar o rosario. Iso era sagrado. Pero antes, ¡cantos
recordos!, ¡cantas historias!. Lembro sobre todo dúas: o "Don
Juan Tenorio" (que meu avó sabía de memoria, cousa que
herdamos moitos dos seus descendentes) e o "Velatorio de Manuel de Senín"
de José María Castroviejo, un relato que puña os pelos
de punta coas suas referencias os mortos vivintes.
O recordo máis
nítido que gardo é o de meu avó enriba do templete ou
tarima (onde armaba e reparaba os seus vellos aparellos de pesca) recitando
en voz alta párrafos enteiros de centos de libros (tiña unha
memoria prodixiosa), ensaiando algún discurso ou preparando algún
dos seus centos de artigos para o "Faro de Vigo".
Tamén
recordo cando nos levaba ó Pósito. Para meu curmán Suso
e para mín, era como cando viñan os Reis Magos. Había
un cuarto no andar de riba, que estaba cheo de escopetas (sen cargador e sen
cañón) e podíamos coller cadansúa. Logo, o baixar,
sempre nos daba un xogo de cartas (vello, iso si, que lle pedía para
nos ó señor que atendía a cantina do Pósito.
Meu avó
era un gran afeizoado ó fútbol, e sobre todo ó Celta,
do que tiña o carné de socio de tribuna número 15. Moitas
veces ibamos con el, pero como non nos deixaban entrar en Tribuna, pasabamos
con Arturo o Culillo a Marcador, e dende alí subiamos enriba da cantina
había entre as dúas gradas, para colarnos ata Tribuna. O día
11 de decembro de 1960 o Celta perdeu en Balaídos co Ourense. Aquela
noite, meu avó sentiuse mal. Segundo o médico, empezaba a fallarlle
o corazón. Morreu de alí a dos días
JOSÉ COSTA ALONSO
Nun artigo publicado
por meu avó no periódico Galicia Marítima, do que era
director, aló polo mes de xuño de 1931, referido ós eternos
problemas dos mariñeiros, lemos:"....para levar á realidade
este plan, necesítase contar cunha masa de pescadores cultos, capacitados
e preparados, cualidades que por desgracia non teñen hoxe os de Moaña,
estes pobres obreiros do mar tan levados e traidos en certos actos e tan mal
encauzados e inclinados para o que ha de redimilos dunha maneira terminante
e definitiva..." "...estes males non se aliviarán nunca,
digan o que se lles antoxen ós catro ventos, con cambiar os nomes ás
rúas ou con outras manifestacións desta índole, moi fermosas
para quen vive regalado, pero sen finalidade práctica para quen ante
todo debe ser primeiro a liberdade económica. Esta liberdade económica
pode alcanzala pouco a pouco, con tenacidade, constancia e moita fe no porvir,
facéndose os pescadores donos dos instrumentos de producción,
dos comercios de consumo e de efectos navais e pesqueiros de bisbarra, nunha
palabra: de tódalas manifestacións que se relacionan coa súa
vida prefesional, cousa que acadaron, gracias ós pósitos, os
mariñeiros dos portos de Castro Urdiales, Rosas, Villanueva y Geltru,
la Selva e outros moitos portos, todos eles, ó meu xuizo, de menos
importancia pesqueira que Moaña. Asusta pensar o que aquí podería
facerse, e o que se fará, cando os obreiros do mar, rendidos dunha
loita completamente inútil, se dirixan ó Pósito e acometan
con entusiasmo e decisión o que fixeron os devanditos portos. Deste
xeito, os miles de pesetas que hoxe perciben os armadores, os comerciantes,
os intermediarios e cantos viven tranquilamente a costa dos obreiros do mar,
irían a engordar os fondos da organización para que esta os
repartira en beneficio dos seus asociados...."
Penso que esta
exposición danos unha pequena idea dos verdadeiros intereses de José
Costa Alonso. Aparentemente contradictorio (franquista antes que Franco e
crítico co seu réxime, profundamente católico e devoto
case que relixioso de Alfredo Saralegui, amigo íntimo deste e negalle
o seu apoio porque o seu partido vai en contra das súas crenzas) o
seu espirito, forzas e anceios, xiran honrada e profundamente en torno a dúas
cousas: a súa fe relixiosa e o seu amor pola clase mariñeira.
AS MEMORIAS
Este libro foi
manuscrito ata finais dos anos 40. A partir desta data (meu avó xa
estaba xubilado) foino pasando a máquina no tempo que as tarefas do
mar o deixaban libre, coa idea de publicalo. Non sei se o tentou. Do que estou
seguro é de que tiña que superar dous grandes obstáculos:
o diñeiro e a censura. O primeiro non era insalvable aínda que
fose moi difícil naquela época. O segundo era imposible, e demostra
a inxenuidade de meu avó ó intentalo. ¿Como lle ían
permitir publicar as loubanzas adicadas a Saralegui, cando lle censuraban
todos seus escritos, públicos e privados, para que non aparecese o
seu nome baixo ningún concepto? ¿Cómo podía dar
a coñecer a súa frustación diante dos caciquiles dirixentes
locais, que aproveitaban aquel réxime no que cría profundamente,
para medrar a nivel particular, sen importarlle os medios? ¡Non!, non
llo ían permitir de ningún xeito, pero coido que iso él
non o sabía.
Despois da morte
de meu avó, estas memorias pasaron a pode de D. Donato, crego da parroquia
do Carme de Moaña, que llas pedira á familia, porque tiña
interese en coñecelas. Cando tentamos recuperalas íballe dando
largas e non mostraba ningún interese por devolvelas. Froi preciso
recorrer a medios extremos para que voltaran ó noso poder. Non sei
que oscuros intereses tiña este señor para que non fosen publicadas.
Mellor dito, sí seino, pero como moi ben diría meu avó:
Por la señal....
Texto de Xosé Luís Rúa Costa.
Naceu o 10 de marzo de 1887, no seo dunha modesta familia
mariñeira.
No ano 1921 é nomeado Presidente do recentemente constituído
Pósito de Pescadores de Moaña, cargo que desempeñou ata
a súa xubilación.
Foi vocal do
Consello Xeral do Instituto Social da Mariña e membro da súa
Comisión Permanente en representación dos mariñeiros
do Norte e Noroeste de España.
Formou parte
da Ponencia de Ordenación Pesqueira que se constituíu en Burgos
en xaneiro de 1938.
Foi responsable
da Sección Social do Sindicato Provincial da Pesca e autor dun anteproxecto
da Regulamentación do Traballo na Pesca Marítima.
Foi presidente
da Federación de Pósitos Marítimos de Galicia e Vocal-Tesoureiro
da Confederación Nacional dos mesmos.
Colaborou na
organización da meirande parte dos Pósitos Marítimos
de Galicia, así como das Delegacións da Mutualidade de Accidentes
do Mar e do Traballo.
No ano 1931 foi
nomeado Inspector Costeiro do Instituto Social da Mariña.
Dirixiu o periódico
"Galicia Marítima", defensor dos Pósitos Marítimos,
e publicou infinidade de artigos en distintos xornais de ámbito estatal.
Finou na súa
casa do Con (Moaña) o trece de decembro de 1960
