Xosé María Castroviejo Blanco Cicerón
Naceu en Santiago de Compostela o 9 de marzo de 1909 e morreu
na súa casa de Tirán, en terras do Morrazo, frente ó mar de
Vigo, o 23 de marzo de 1983. Estudiante famoso nos inquedos
ambientes universitarios da Compostela republicana, licenciado en
Dereito, dedicouse máis tarde á docencia universitaria en
Santiago. O periodismo foi a actividade literaria na que cultivou
a poesía, a
narración e o ensaio. Foi un
viaxeiro infatigable polo mundo pero moi especialmente por
Galicia que coñeceu como moi poucos e a cuio engrandecemento
dedicou a práctica totalidade da súa obra literaria tanto en
castelán, o que a fixo mais coñecida no resto de España e do
mundo, coma en galego.
Varias das suas obras foron traducidas ós principais idiomas estranxeiros, algunhas logrando múltiples traduccións que incluen o chinés, o xaponés ou o checo. A obra de Xosé María Castroviejo foi fundamental para espallar a cultura galega fóra das nosas fronteiras e para dar a coñecer Galicia ós galegos e o noso modo de vivir e de pensar entre povos e nacións moi distantes.
Foi un dos autores galegos mais leídos no seu tempo en España e nas américas onde tivo unha grande influencia intelectual que lle obrigou a viaxar ao outro lado do Atlántico moitísimas veces para dar cursos universitarios e conferencias. Como conferenciante e na conversa tiña Xosé María Castroviejo un don especial que facía un deleite falar con el e que convertiron en moi celebradas as súas charlas soio ou en compañía de outros escritores.
En 1933, para coñecer de verdade a mar e a vida dos mariñeiros con quen ía despois de compartir o resto da dúa vida, embárcase a bordo dun barco de pesca que faenaba nas augas de Irlanda, no Gran Sol. Xunto cunhas impresionantes fotografías de barcos, homes, galernas e tempestades, desta experiencia difícil de esquecer trouxo o seu primeiro libro, "Mar del Sol, poemas de un diario a bordo", publicado uns anos máis tarde, en 1940 ó terminar a Guerra Civil. Nel, con imaxes poéticas cautivadoras canta ó corazón do home lexos dos seus e ó esforzo heróico do mariñeiro frente a unha natureza indomable.
Coma moitos homes e mulleres de letras, Xosé María Castroviejo síntese fondamente comprometido co seu tempo e participa na guerra civil sendo ferido gravemente en combate. Do seu paso polo frente trouxo o seu segundo libro de poemas. "Altura", que acaba de ser en parte reeditado por Círculo de Lectores baixo o título "Todo en el aire. Versos sin enemigo". Neste libro, que recolle obra de Xosé María Castroviejo e doutros autores de poemas de guerra como Miguel Hernández, Manuel Machado, Rafael Alberti, Luis Cernuda, Gerardo Diego, etc., o editor Gonzalo Santoja dí: " En los poemas de estos hombres, ideológicamente tan distintos, nadie encontrará, sin embargo, apologías de la muerte, la destrucción y el odio..., estos versos nos pertenecen a todos..., como hombres, supongo, estarían a la altura de las circunstancias ; como poetas, al menos en estos versos, estuvieron por encima".
Este libro de poemas "Altura", ten un importante significado para coñecer a Xosé María Castroviejo, home independente e políticamente libre, pois foi feito no frente e editado en 1939, data en que tiña especialísimo valor publicar, como fai, un espléndido cántico alexíaco a Federico García Lorca, posiblemente o primeiro en letra impresa na España da postguerra, nun desafío, moi único, a calquera forma de censura coma a que había entonces.
En 1938, convalecente das feridas da guerra, casa con Doña María Francisca Bolíbar Sequeiros, nacida en Bueu, Pontevedra, e pouco despois van vivir a Tirán donde vai residir ata a súa morte en 1983. Do matrimonio van nacer 11 fillos: Carmen, finada en 1942, cando tiña tres anos, Javier, José María, Clara, Santiago, Ricardo, Concha, Teresa, María Francisca -historiadora, autora de "El carlismo en Galicia", finada en 1976 cando cumplía os 23 anos-, María e Miguel. Actualmente viven nove, un pouco espallados polo mundo pero cunha unión estreita, constante, con Tirán que visitan moi frecuentemente e donde continúa a residir Doña María Francisca.
Xosé María Castroviejo foi un home humanamente íntegro, profesionalmente independente e políticamente libre. Tivo ocasións bastantes de demostralo, e ben pronto, como cando houbo de deixar a dirección do diario de Vigo "El Pueblo Gallego" por non quererse conformar ás directrices da censura que dominaba a vida española dos anos cuarenta. O seu cese, ben costoso personalmente, convertiuse nun exemplo de ética profesional e de independencia persoal.
Xosé María Castroviejo foi un precursor na defensa da natureza e da protección do medio ambiente, uns valores que el soubo transmitir. Defendéunos con tesón dende os periódicos, cos seus artigos diarios, con conferencias, con libros e con xestións personais ante múltiples instancias. Hoxe pode parecer normal, pero nos seus tempos costoulle máis dun disgusto. Diversos sectores económicos e industriais trataron de presentalo coma oposto o adianto cando él non se cansaba de predicar, entón, o progreso que hoxe todos chamamos sostenible e harmonioso.
Dunha persoa independente non é fácil dar definicións, Xosé María Castroviejo é "gallego y aun galleguista" para Gonzalo Santonja. Para a maioría dos seus lectores o autor de Tirán é o embaixador por excelencia namorado da Galicia nosa. Como escritor en lingua galega, compre destacar no seu libro de versos titulado "Tempo de outono e outros poemas", a visión poética dun observador excepcional. E outro titulado "Memorias dunha terra", narracións escritas nunha prosa brillante e de grande plasticidade ; trátase dunha obra de lembranzas que a literatura transforma nunha arte sinxela e gozosa, amable e tranquila.
Entre os escritores galegos deste século, Xosé María Castroviejo ocupa un lugar destacado. "El Conde de Gondomar, un azor entre ocasos", a xuizo de Pedro Sainz-Rodríguez é unha "das monografías máis interesantes para poder entender os problemas políticos do século de ouro español. Compostelano de nación, o segredo e o milagre da Jerusalem de Occidente cóntanolo con ollos inocentes e sabios en "Los gozos del año santo" ou en "La ciudad de Santiago". Descrebeu a gracia das rías baixas munha guía, "Rías Bajas de Galicia", rica e colorista da paisaxe e dos pobos. Percorreu casi tódolos montes e bosques da terra galega. Un dos seus títulos mais apreciados era o de "Guarda maior honorario de caza e pesca fluvial do Reino de Galicia e da Serra dos Ancares". Alí cazou o mítico urogallo e o corzo do outono, e nolo conta con imaxes dunha beleza inolvidable na obra que escribiu co seu gran amigo Álvaro Cunqueiro "Teatro venatorio y coquinario gallego" reeditado coma "Viaje por los montes y chimeneas de Galicia". O increible pirata galego Benigno Soto sigue a navegar de forma apaixoante nas páxinas de "La burla negra". As terras do Ulla, os homes de Galicia viven nas páxinas de "Los paisajes iluminados", de "La montaña herida" ou de "Las tribulaciones del cura de Noceda". Conta coma ninguén a Galicia histórica e a máxica da que é un dos máximos coñecedores, pois veu cos seus ollos os misterios ancestrais: o barco fantasma na tempestade mariña, a Santa Compaña salmodiando porentre os cómaros e os maizais do verán, dos que fala en "Apariciones en Galicia" e no "Pálido visitante".
Peregrino cultural polo mundo, escribiu a sua viaxe pola Galicia materna, tan amada, en "Galicia, guía espiritual de una tierra", un libro tan extraordinario e cheo que del podería dicirse o mesmo que dicía a poetisa normanda da mazá que durmía na cunca das suas mans: todo o cheiro do meu país colle eiquí.
Xosé María Castroviejo posúe no grao máximo o don da evocación, a sua linguaxe é sempre significativa e sempre suxestiva. Alto poeta de apaixoada expresión, cantou o mar maior e o misterio da morte e da vida. Quen acompañe a Xosé María Castroviejo polos camiños de Galicia, levará con el un mentor incomparable que o enriquecerá coa sua música e coas súas verbas.