EntreDous

 

LIGAZÓN ESTRUCTURAL : XABIER RÍOS E LITO PORTELA EN PM8, por Carlos L. Bernárdez

 

A actual exposición da viguesa galería PM8 -que se prolongará ata o mes de febreiro- amosa a obra de Xabier Ríos (Moaña, 1957) e mais de Lito Portela (Cangas do Morrazo, 1959), autores ligados por unha intensa actividade común no ámbito expositivo e unidos tamén no dinamismo cultural desde a Galería "A Carón do Mar", en Cangas do Morrazo, e do colectivo do mesmo nome co que habitualmente expoñen en mostras colectivas, ámbitos todos nos que desenvolven un labor comprometido coa realidade cultural e preocupados polos problemas do seu contorno dese a dinamización artística e desde a intervención social, pero sobre todo desde a creatividade da súa obra plástica.

Aínda que a obra dos nosos artistas é marcadamente singular, a visión de conxunto da mostra evidencia unha vontade de diálogo entre os dous autores, en especial as obras sobre papel de Xabier Ríos e os óleos de Lito Portela, cun fondo de abstracción no que se manifesta unha querenza de ligazón estructural. O resultado, sen ocultar as claras individualidades, tamén transmite un lene marco común que se transmite sobre todo na montaxe da exposición.

O primeiro dos artistas, Xabier Ríos, que traballa no ámbito escultórico e ao tempo no pictórico, presenta unha serie de pezas en metal nas que acentúa o seu xa coñecido universo de carácter construcito, conformado desde unha vontade de rigor que combina unha orientación entre conceptual e lúdica, coa papiroflexia como cita que nos remite a unha vivencia íntima do obxecto, ao xogo como referente que no resultado final o escultor, en certo sentido, descarga da súa referencia infantil para convertelo en universo entre conceptual e poético, cunha vontade evidente de intervención construtiva no espazo. Na exposición podemos percibilo en esculturas que non pretenden apenas reflectir obxectos xa existentes, senón que, sen dúbida, remiten a unha realidade-outra, paralaela ao mundo real, que se cargan dunha indubidábel aura poética e que acaban por construírense en signos vitais. Este aspecto é reforzado pola representación de movementos conxelados favorecendo o pormenorizado estudo compositivo e polo interese por non presentar unha obra como peza final e única, desviando, por medio da repetición de formas, a atención cara o proceso en si mesmo -así se manifesta neste caso, mediante o traballo seriado, sistemático ; unha repetición formal que contribúe a sinalar o aspecto procesual, atendendo ao feito de construír, do traballo.

Unha novidade a salientar a respecto á obra anterior de Xabier Ríos son as obras sobre papel de técnica mixta nas que pintura e fotografía serven para elaborar unha trama chea de sutileza. Son obras, sen dúbida, produto dun moi meditado porceso de xestación a través dun sutil xogo de ligazóns e enlaces suxestivamente elaborados. O artista utiliza as liñas, cores e fotografía para crear un conxunto de formas orgánicas que se ligan entre sí ás veces por proximidade e outras superpoñéndose e que se mesturan nunha disposición espacial que non da nacemento a unha superficie continua nin a outra discontinua, senón a un espazo evidentemente poético


Linguaxe emotiva

 
A obra presentada polo pintor L. Portela manifesta tamén unha evolución desde o seu traballo máis recente. Por unha banda ofrécenos unha serie de pinturas dunha abastracción que pode evocar paisaxes, que derivan da súa obra dos últimos anos, nas que dominaba as referencias estructurais e orgánicas dentro dunha linguaxe abstracta. Máis, na presente mostra, a maioría dos cadros abren dúas vías innovadoras na súa produción. A primeira, evidentemente derivada da súa serie "Estructuras" -que presentou recentemente en Cangas do Morrazo e Pontevedra-, tende a unha maior evocación figurativa e espacial, cunha explícita vontade de crear atmósferas e manifestar claramente profundidades espaciais. Ao tempo, e sen dúbida partindo da mesma orixe, o artista elabora unha serie de obras voluntariamente máis limitadas de cor, co verde dominante, con densas pinceladas enfáticas, que dotan o cadro dunha grande presenza e intensidade, mesmo cando se trata de obras de pequeno formato. Son cadros que, soamente alterados por leves mudanzas de tonalidade e a partir de formas simples e puras, suxiren emocións humanas básicas. Esta sensación de intensidade emocional é o que produce a impresión de estar perante obras en certo sentido intimistas, e niso hai unha mudanza a respecto de obras como as "Estructuras", cunha pincelada máis solta e máis simple, cunha notable capacidade de esencialización e adecuación da luz e a cor a unha estructura abstracta qaue rexe e xerarquiza a composición. Unha pintura, pois, expansiva, ao tempo delicada e vigorosa, que representan, cremos, un vieiro firme para a futura traxectoria do pintor, abrindo un novo vocabulario visual que sen dúbida debe ir á procura de novas formas de expresión. [Faro da Cultura, xoves, 24 de xaneiro de 2008]

 
 
 

 

Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Concello de Moaña. Biblioteca Pública Municipal de Moaña. Quintela s/nº. 36950 Moaña (Pontevedra) Galicia. Teléfono 986314250