ACTA 03/2002

 

 

 

ACTA DE SESIÓN ORDINARIA DO CONCELLO REALIZADO O DÍA 11 DE ABRIL  DE 2002

 

 

 

 

ORDE DO DÍA:

 

1.-APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA ANTERIOR.

2.-DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS  DA ALCALDÍA.

3.-RATIFICACIÓN,  SE   PROCEDE,   S/  RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA SOBRE MODIFICACIÓN DO PRAZO DE CARENCIA DO PRÉSTAMO CO BCL.

4.-MOCIÓN DE EdeG-OV  S/ DEFICIENCIAS NO SERVICIO DE RECOLLIDA DO LIXO.

5.- MOCIÓN DO BNG  S/ CONSTRUCCIÓN DO CENTRO DE SAÚDE.

6.- MOCIÓN    DO    PSG – PSOE   S/   PACTO LOCAL.

7.- MOCIÓN    DO BNG   S/  SEGURO DECENAL NAS        EDIFICACIÓNS.

8.- MOCIÓN DE EdeG-OV S/ ESTABLECEMENTO DA TAXA TOBIN.

9.- ROGOS E PREGUNTAS.

 

 

ASISTENTES:

 

Sr. alcalde D. JAVIER BARREIRO TENORIO

 

CONCELLEIROS:

 

D. Javier Abal Juncal

D. José Manuel Cordeiro Portela

D. Alberto Currás Piñeiro

Dna. María C. Costas Gayo.

D. José González González.

Dna. María Martín Alonso

Dna. Carmen Sotelo Pena

Dna. Carmen Entenza Domínguez.

D. Osbaldo Martínez Couso

D. Julio Martínez Rodríguez

D. Xosé Manuel Millán Otero.

D. Rosendo Moreira Piñeiro.

D.Serxio Regueira Gómez.

Dna. Isabel Lorenzo Martínez.

D.    José E. Santos Leites.

    Secretario . D. Felipe Fermoso Valdés

 

Na casa do concello de Moaña, o 11 de abril de 2002, reúnense os devanditos señores baixa a Presidencia do Sr. alcalde, D. Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de realizar o Pleno Ordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás 20:00 horas, en primeira convocatoria.

 

           A presidencia declara aberta a sesión ás 20:00 horas.

 

INCIDENCIAS:

 

         Xustifica a súa ausencia a este acto D. José Luis Leite Fraga e se retira durante o seu desenvolvemento ó finalizar o debate do punto núm. 7 da orde do día Dna. María Carmen Costas Gayo, ás 22:20 horas.

        

1.-APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA ANTERIOR

      

         Dáse conta do borrador da Acta 2/2002, do 14 de marzo de 2002. Apróbase por unanimidade sen modificacións.

 

         O portavoz do PSOE D. Julio Martínez suxírelle á Presidencia que, por mor dunha maior brevidade posible, se utilice o acceso ás actas mediante correo electrónico; o alcalde contéstalle que se terá en conta a súa petición.

 

         Seguidamente, a Presidencia le a proposta de declaración institucional do Concello de Moaña sobre a situación do pobo palestino, que subscriben os grupos municipais, a dita proposta di como segue:

 

“PROPOSTA DE DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE MOAÑA SOBRE  A SITUACIÓN DO POBO PALESTINO

 

         O pobo palestino vén sufrindo desde hai décadas unha situación absolutamente irracional e inxusta marcada pola privación de dereitos tan fundamentais como de vivir en liberdade na súa propia terra.

 

         Esta situación veuse agravada nos últimos meses como consecuencia da escalada militar do goberno israelí, que se materializou mediante a ocupación dos territorios baixo xurisdicción palestina, as detencións masivas, os ataques militares contra a poboación civil que producen centos de víctimas inocentes e o acoso á Autoridade Nacional Palestina.

 

         Ninguén pode permanecer alleo a un drama que cada día adquire unhas proporcións xigantescas, e que deriva nunha escalada irracional de violencia que ten como víctimas directas tanto a poboación civil palestina como a poboación israelí.

 

         O Concello de Moaña súmase ó clamor que desde diversas instancias sociais e institucionais de todo o mundo se está a producir para poñer freo a esta situación e, en consecuencia, acorda o seguinte:

1.- Demandar o cesamento inmediato de hostilidades e agresións por parte de Israel, comezando polo abandono inmediato dos territorios ocupados.

2.- Condenar a actuación do goberno de Ariel Sharon por atentar contra os dereitos humanos máis elementais e contra o dereito internacional, e por incumprir sistematicamente as resolucións do Consello de Seguridade da ONU.

3.- Solicitar unha intervención activa e directa da Comunidade internacional para conseguir unha paz duradeira e xusta en Palestina e Israel, situación que debe ter como fundamento e dereito da comunidade  Palestina a contar cun estado propio e recoñecido no ámbito internacional. Neste sentido, e tendo en conta que o Estado español ocupa nestes momentos a Presidencia  da Unión Europea, o Concello de Moaña demanda do Goberno español unha maior presión política sobre Israel para deter a actual ofensiva bélica contra o pobo palestino.

 

         O Pleno da Corporación acorda facerlles chegar esta declaración plenaria ó Goberno español e ás representacións diplomáticas palestinas e de Israel en España.

 

Moaña, 4 de abril de 2002

GRUPO MUNICIPAL DO BNG

GRUPO MUNICIPAL DE PSG-PSOE

GRUPO MUNICIPAL DE PP

GRUPO MUNICIPAL DO EdeG-OV”

 

INTERVENCIÓNS

 

         Faino o portavoz do PP, D. Alberto Currás Piñeiro, para manifestar que apoia a título persoal, esta declaración institucional, pero hai que acordarse dos fallos e deficiencias de ambos os contendentes, por iso condenan á vez a conducta observada pola Autoridade Nacional Palestina.

 

VOTACIÓN E ACORDO

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda apoiar a declaración institucional transcrita.

 

 

2.-DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS  DA ALCALDÍA

 

         A Corporación queda ó corrente. O portavoz de EdeG, D. Euloxio Santos Leites, pregunta sobre a resolución dictada polo Sr. alcalde en relación cos embargos ó Concello, en relación coa urbanizadora Golf-Domaio, que aínda entende que é competencia da súa autoridade, débeselle dar conta á Comisión Informativa correspondente. O alcalde aclara os motivos da dita resolución.

 

 

3.-RATIFICACIÓN,  SE   PROCEDE,   S/  RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA SOBRE MODIFICACIÓN DO PRAZO DE CARENCIA DO PRÉSTAMO CO BCL

 

         O alcalde informa a Corporación da súa Resolución do día 22 de marzo de 2002, dictada ó abiero do informe de intervención achegado, que se refire á ampliación da carencia do préstamo concertado co Banco de Crédito Local.

 

         A dita resolución para a cal solicita a ratificación do Pleno, di como segue:

 

          “Préstamo con el Banco de Crédito Local de España, núm. 19925773                 . Modificación del plazo de carencia.

         Formalizado prestamo con el Banco de Crédito Local de España, el 28 de diciembre de 1999, número 19925773, por importe de 2.099.336,03 euros, teniendo en cuenta que vencido el prazo de carencia inicial, por razones de liquidez de tesorería, interesa a este Ayuntamiento ampliarlo por un ano más, visto el informe del Interventor, RESUELVO:

         Concertar con el Banco de Crédito Local de España, S.A., la modificación de las condiciones contractuales del referido préstamo en el sentido de ampliar por un año el perido de carencia de amortización y prorrogar, asimesmo, un año el vencimiento final de la operación.

         Sen perjuicio de la ejecutividade de esta Resolución, se deberá dar cuenta al Pleno del Ayuntamiento para su ratificación en la próxima sesión que celebre.”

        

INTERVENCIÓNS

      

         O Sr. Millán Otero manifesta que non pode apoiar en modo ningún a presente resolución, pois iso significaría a ampliación da débeda existente; considera que o PP coa súa maioría absoluta, non é capaz de reducir o déficit.

 

         O grupo de Goberno, a pesar da boa etapa económica dende a súa constitución por falta de austeridade, logra liquidez con toda clase de préstamos, desembocará ó cabo do seu período de mandato nunha situación similar á de fai tres anos.

 

         O Sr. Martínez Rodríguez  non vai de acordo coa dita resolución, no seu lugar, propón o refinanciamento da débeda Concello-Banco Cto. Local con dous anos de carencia; con esta operación o único que se pretende é lograr máis liquidez para que resolva a próxima corporación, por tanto non apoia a operación realizada.

 

         O Sr. Santos Leites  di que o pretendido con esta operación é lograr a carencia pero a base de custos económicos, autorizando a amortización un ano máis. O PP comprometeuse a sanear as arcas municipais en catro anos e aínda que considera que o proxecto é difícil, ben poidera dedicarse a reducir en parte o déficit existente.

 

         Coincide co resto dos portavoces no sentido de que o período de bonanza económica habido nos últimos tres anos, non se aproveitou, nin se repetirá e, sen embargo, do saneamento da entidade, nada de nada; de contas, orzamentos e liquidacións, nada. A solicitude de anticipos e outras operacións económicas non sanea, unicamente se logra aumentar a débeda para que se faga cargo dela a próxima corporación.

 

         Ó Sr. Cordeiro Portela sorpréndelle as explicacións dadas polos grupos da oposición, cando saben de sobra que a situación económica recollida polo actual grupo de goberno foi, cando menos, vergonzosa e fai referencia a un montante total de tres mil douscentos millóns de pesetas; cincocentos millóns de débeda financeira, douscentos millóns por sentencias xudiciais firmes e outros a acredores. Nos quince anos anteriores confeccionáronse todos os orzamentos con déficit e nas súas respectivas liquidacións, coa excepción do liquidado en 1997, foron deficitarios. Deste modo non se pagou a Seguridade Social,  Facenda, Fenosa, Seragua, etc.  O actual grupo de goberno minorou considerablemente a débeda cos provedores e cos organismos sinalados anteriormente e nos exercicios 1999 e 2001 liquidáronse con superávit, pagando ós acredores; polo tanto, as críticas da oposición non teñen rigor ningún.

 

         O Sr. Regueira Gómez, o refinanciamento non supón máis que gastos para os veciños, os gobernos anteriores tamén pagaron a pesar de ter gobernos de distinto signo, tanto na Xunta como Deputación, os cales “lles cerraron o grifo”.

 

         Replícalle o alcalde e recoméndalle que cale a boca, porque está Vde. implicado en contas de saneamento en Domaio, as cales non lle foron aboadas polo anterior grupo de goberno, ó consideralas incorrectas.

 

         O Sr. Martínez Rodríguez dille ó delegado de Facenda que lle defraudou a súa xestión económica, o único que fai é unha interpretación electoral da economía municipal.

 

         O Sr. Millán Otero reitera que non confía na xestión de goberno porque non existe transparencia nela, en definitiva, non hai datos obxectivos e pregunta ónde se reduciu a débeda. Non está en contra de refinanciar pero cunha xestión económica rigorosa, non con enganos  e recórdalle ó concelleiro de Facenda que a débeda existente non é imputable ós partidos políticos senón ó propio concello.

 

         Replica o Sr. Cordeiro para dicirlle que existen documentos de refinanciación de débeda subscritos polo Sr. Abalo. Nas contas, o importante non é a súa presentación nos prazos establecidos, senón os seus resultados. Finalmente, o concelleiro de Facenda fai uso das partidas asignadas no orzamento para afrontar os gastos correspondentes, só e exclusivamente.

 

VOTACIÓN E ACORDO

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por dez votos a favor (Srs. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena, Martínez Couso, Martín Alonso e Entenza Domínguez do PP) e seis en contra (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Sr. Martínez Rodríguez do PSOE; e Sr. Santos Leites de EdeG) acordan:

 

1.- Ratificar nos seus propios termos a resolución da Alcaldía  do día 22 de marzo de 2002.

2.- Remitir a certificación do presente acordo ó Banco de Crédito Local.

 

 

4.-MOCIÓN DE EdeG-OV  S/ DEFICIENCIAS NO SERVICIO DE RECOLLIDA  DO LIXO

 

         Trala lectura da moción, o Sr. Santos Leites adianta que, como o alcalde non acepta as mocións subscritas polos colectivos veciñais, vese obrigado a subscribir a presente moción conxunta co BNG-PSOE. Di a moción como segue:

 

“MOCIÓN CONXUNTA DO BNG, PsdeG-PSOE E  EdeG SOBRE DEFICIENCIAS NO SERVICIO DE RECOLLIDA DO LIXO E SITUACIÓN LABORAL DOS TRABALLADORES DA CONCESIONARIA

 

         Transcorridos quince meses desde a privatización do servicio de recollida do lixo, seguen observándose deficiencias manifestas motivadas polo incumprimento reiterado por parte da empresa do prego de condicións e do contrato de adxudicación asinado entre Urbaser e a Mancomunidade do Morrazo:

         -A recollida non chega aínda a todos os barrios, a pesar de que as taxas son idénticas para todos os veciños.

         -Non se realiza a limpeza de contedores coa periodicidade mensual estipulada no contrato, mentres que o camión limpa-contedores cedido pola mancomunidade é utilizado de forma irregular para prestar servicio noutros Concellos que teñen adxudicado o servicio a Urbaser.

         -A recollida de papel, vidro e voluminosos segue presentando múltiples deficiencias, en especial fóra dos núcleos urbanos.

         -Non se puxo aínda en marcha a recollida separativa de envases, a pesar do convenio asinado no seu día entre os concellos do Morrazo e ECOEMBES.

         -Suspendéronse as campañas de información e concienciación social iniciadas fai cinco anos pola mancomunidade, a pesar de que no contrato de adxudicación Urbaser adquiría o compromiso expreso de dedicar o 2% anual dos seus ingresoso para este fin.

         -Segue sen solucionarse a incorporación á empresa concesionaria dos seis traballadores subrogados pertencentes ó cadro de persoal do concello de Moaña.

 

         A estas graves irregularidades vén sumarse a situación laboral dos actuais traballadores de Urbaser que prestan servicio no Morrazo. A pesar de que no prego de condicións se fixaba con toda claridade unha serie de obrigas que debería cumprir a adxudicataria, a estas alturas encontrámonos con que os traballadores de Urbaser seguen nunha situación de precariedade que repercute na prestación do servicio:

         a) Carecen de convenio colectivo, o que os sitúa nunha situación desfavorable con respecto a outros traballadores da empresa limitando os seus dereitos laborais.

         b) Os camións que realizan o servicio fóra dos núcleos urbanos están dotados só de conductor e un peón, coa consecuencia de frecuentes accidentes laborais e unha mingua na calidade do servicio.

         c) Non se están cumprindo normas básicas de seguridade e hixiene no traballo: dotación de vestiario insuficiente, condicións sanitarias precarias na nave da empresa, etc.

         d) Non se respectan os períodos de vacacións e de compensación do traballo en festivos.

         e) Estase acudindo frecuentemente á contratación de persoal mediante Empresas de Traballo Temporal, opción explicitamente prohibida no prego de condicións da adxudicación.

 

         Sen entrarmos en aspectos propios da negociación laboral entre empresa e traballadores, os grupos municipais promotores desta moción entendemos que é competencia da mancomunidade e das corporacións que a forman velar polo cumprimento estricto das condicións pactadas no seu momento coa empresa, máis aínda cando estas repercuten na calidade do servicio que se lles presta ós veciños. Por iso, os grupos municipais do BNG, PsdeG-PSOE e EdeG propoñenlle ó Pleno da Corporación que adopte os seguintes

 

ACORDOS:

 

         a) Instar a empresa e traballadores á negociación dun convenio digno que regularice a situación laboral na empresa adxudicataria do servicio de recollida do lixo e permita a súa mellora.

         b) Solicitar de Urbaser o cumprimento das obrigas laborais asumidas coa sinatura do contrado de adxudicación do servicio e amosar o apoio da Corporación ós traballadores na demanda do dito cumprimento.

         c) Reclamar a Urbaser unha solución inmediata e satisfactoria de todas as deficiencias indicadas na exposición de motivos (ampliación da recollida, limpeza e reposición de contedores, campañas de concienciación, recollida separativa, etc.).

Moaña, 1 de abril de 2002”

 

         E concreta que aínda que o problema é empresa-traballadores, a mancomunidade non pode obviar isto, pois está unida a través dun contrato e le unha das cláusulas do prego de condicións, entre outras aparece a subrogación de traballadores. Por iso, a mancomunidade non pode consentir máis tempo cos problemas actuais, posto que queda claro que a empresa non cumpre o contrato.

 

         O Sr. Millán Otero quere distinguir dúas partes dentro da moción:

 

1.- Sobre a situación do servicio de recollida en Moaña, é malo, non cumpre o prego de condicións, existe precariedade no servicio, non se repoñen nin lavan os contedores. A separación do lixo non se fai, tampouco se ampliou o servicio como consecuencia da privatización, nin existiu campañas de información. Debe abrirse novo expediente sancionador á empresa .

2.- Trato cos traballadores, refírese ós seis de Moaña sen admitir a pesar da obrigatoria subrogación dos seus contratos. Ós traballadores de Moaña puxéronlles para asinar os seus contratos de forma moi pouco ortodoxa, con presións. O prego de condicións di que se rexerán por un convenio e resulta que despois de quince meses no traballo, os indicios do dito convenio son nulos, en conclusión deben de negociar os tres alcaldes coa adxudicataria.

 

         O alcalde, e en referencia o BNG, táchao de ignorancia atrevida, parece que descoñece as conversas habida respecto do tema; o presidente da mancomunidade preocupouse do asunto a través de reunións coa empresa e traballadores. Recoñece que a empresa durante 2001 non funcionou ben, pero mellorará moito durante o 2002 aínda  que  non o fará  o 100%

 

            En canto á privatización do servicio por peche do vertedoiro de Moaña, as súas obras aí están, remata dicindo que a presente moción ten moitas inexactitudes no seu contido.

 

VOTACIÓN E ACORDO

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar a moción presentada por EdeG.

 

 

5.- MOCIÓN DO BNG  S/ CONSTRUCCIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

 

         Le a moción o Sr. Millán Otero, o texto literal da cal di como segue:

        

“MOCIÓN CONXUNTA DE BNG, PsdeG-PSOE E EdeG SOBRE A CONSTRUCCIÓN DUN CENTRO DE SAÚDE EN MOAÑA

 

         O Pleno do Concello de Moaña no mes de decembro do ano 1999 aprobou unha moción sobre a situación sanitaria de Moaña que contiña os seguintes puntos:

1º Construcción dun Centro de Saúde que cubra as necesidades sanitarias primarias dos veciños de Moaña.

2º Que o goberno municipal lle propoña á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a adecuación provisional do actual ambulatorio atendendo a aspectos tales como entrada de ambulancias, ascensor, eliminación de barreiras arquitectónicas, servicio de rehabilitación e fisioterapia, radioloxía, dentista e hixienista dental, etc.

3º Que o goberno municipal xestionase diante da Consellería de maneira inmediata a dotación dun local digno para poñer en práctica os cursos de preparación pre-parto.

4º Que o goberno municipal comece as xestións necesarias para a construcción dunha piscina climatizada municipal que poida atender as demandas de saúde e lecer dos nosos veciños.

 

Nos días posteriores a esta aprobación –estamos falando de comezos do ano 2000- o Sr. alcalde nos medios de comunicación manifestou que os aspectos ós que se refiren os puntos 2 e 3 poderían ser acometidos de inmediato.

A Plataforma da Sanidade de Moaña mantivo unha moi prudente espera ata xuño do ano 2000, data na que solicitou que a informasen no Pleno do Concello sobre as xestións levadas a cabo para executar aquel acordo plenario. Non houbo resposta.

No mes de setembro dese mesmo ano 2000, unha representación da Asociación de Mulleres de Moaña reuniuse co Sr. alcalde. O Sr. alcalde díxolles que xa falara coa directora provincial do SERGAS e que a solución pasaba por unha reforma da actual casa do mar. Sobre a piscina informou de que entraría nos orzamentos da Xunta do ano 2001.

O 12 de febreiro de 2001, a Plataforma presentou no Concello unha moción para que se acordase a inclusión no orzamento municipal dese ano unha partida para a adquisición dos terreos necesarios para a construcción dun novo centro de saúde.

Durante o verán de 2001 celebráronse diversas entrevistas entre a Plataforma da Sanidade e o xerente de Atención Primaria e a Delegación Provincial do SERGAS.

No mes de xuño, o SERGAS anuncia nos medios de comunicación que vai investir 150 millóns de ptas. para ampliar a actual casa do mar, declaracións que a Plataforma considerou desde o primeiro momento “pouco serias”, pois en ningún documento dos orzamentos da Xunta consta tal consignación económica para este fin.

A Plataforma aposta inequivocamente pola construcción dun centro de saúde que unha vila de 18.500 habitantes como Moaña merece e nos corresponde por lei. A ampliación da actual casa do mar considerámola inviable, porque non achegaría solucións nin melloras no aspecto sanitario e ademais as negociacións para a utilización dos terreos colindantes son moi complicadas, xa que ó ser competencia de Costas requiren a súa concesión, cousa nada fácil como puidemos comprobar os moañeses coa instalación do saneamento da ría.

Por outra banda, o incumprimento do acordado respecto das reformas que de xeito inmediato é necesario acometer nas instalacións da casa do mar, considerámolo unha burla para os moañeses, cando todos sabemos que calquera dos concellos limítrofes como Bueu, con menos habitantes, ten máis e mellores servicios que Moaña. Por todo isto, os grupos municipais do BNG, PsdeG-PSOE e EdeG, en nome da Plataforma da Sanidade de Moaña, solicitamos que o Pleno da Corporación adopte os seguintes

 

ACORDOS:

 

1) Que o Sr. alcalde informe sobre as xestións levadas a cabo para a construcción do centro de saúde de Moaña.

2) Que se inclúa nos orzamentos municipais do ano 2002 unha partida para a adquisición dos terreos necesarios para a construcción do centro de saúde.

Moaña, 26 de marzo de 2002”

 

INTERVENCIÓNS:

 

         Interveñen, en primeiro lugar, membros da plataforma de Sanidade de Moaña, os cales na súa intervención coinciden en que o Concello execute os seus acordos plenarios. Non é posible a ampliación da casa do mar polos custos económicos que suporía, hai que construír un centro de saúde.

 

         O Sr. Martínez Rodríguez vai apoiar o seu grupo esta moción porque é un recoñecemento xusto e cívico xa que as atencións recibidas na casa do mar son moi deficientes, existe unha promesa electoral do grupo de goberno de construír ese centro de saúde, así como unha piscina climatizada e outros servicios.

 

         O Sr. alcalde quere que o pobo coñeza que non pretende enganar a ninguén, a situación económica do Concello é moi mala como acaba de ratificar o seu concelleiro de Facenda, Sr. Cordeiro. O que se pide é moi xusto pero non por iso hai que facelo xa, non hai partida orzamentaria para adquirir os terreos e a achega económica necesaria é imposible por parte do Concello.

 

         No seu momento pedíuselle ó alcalde xestións para diversas melloras e así se fixo con viaxes a institucións, pero que quede claro que a competencia e xestión da sanidade é exclusiva do Sergas. Non é certo que a obra de construcción do centro de saúde estivese incluída no programa electoral do PP; aínda que se fixeron xestións nas que se logrou o anteproxecto de ampliación da casa do mar, cun financiamento de cento sesenta millóns de pesetas, todos os trámites que se realicen para lograr este centro obterán o apoio do Concello, pero non así a achega económica.

 

         O Sr. Abal Juncal di que aínda que pareza que o alcalde está en contra da construcción do centro de saúde, non é así, hai que conseguir o terreo para o edificio a través do convenio urbanístico, posto que Costas non ó cederá.

 

         O Sr. Millán Otero comprende os veciños e a plataforma que realizou varios viaxes cos que obtivo resultados moi básicos, atópase de acordo co manifestado polo concelleiro de urbanismo no sentido de lograr os terreos a través de convenios urbanísticos.

 

         O Sr. Santos Leites agradece as propostas do concelleiro de urbanismo e entende que a partir de agora o camiño está máis despexado. Considera que se o PP non levou a obra no seu programa electoral que recoñeza a necesidade existente e se deixase de atendela, sería malo. Cre que é o momento oportuno para obter douscentos cincuenta millóns de financiamento.

 

         Finalmente intervén o alcalde e diríxese á oposición para manifestar que está disposto a aceptar a moción se se modifica a parte dispositiva desta no referente á :

         - Punto segundo: realizar xestións urbanísticas para que a través dun convenio se logre un solar necesario para a execución da obra.

         - Punto tres: que se financie total e exclusivamente con fondos da Xunta.

 

         Proposta que é aceptada pola oposición.

 

VOTACIÓN E ACORDO

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar a proposta transcrita.

 

 

6.- MOCIÓN    DO    PSG – PSOE   S/   PACTO LOCAL.

 

         O Sr. Martínez Rodríguez adianta o contido da moción cunha explicación longa e concisa e seu texto literal di como segue:

 

                 

 

INTERVENCIÓNS

 

         O Sr. Santos Leites adianta que se vai abster na votación, aínda que recoñece que o Concello asume funcións e competencias que logo non financia.

 

         O Sr. Millán Otero solicita do PSOE que retire a moción, do contrario votará en contra.

 

         O Sr. Martínez Rodríguez non contaba con este tipo de análise tan crítico, o que se pide na presente moción é mellorar a financiamento para mellorar os servicios do Concello, por iso non pode cambiar o fondo nin o contido da moción.

 

         Por último, o alcalde diríxese o portavoz do PSOE, agradeceríalle que retirase a moción, algo que non acepta.

 

VOTACIÓN E ACORDO

 

         A Corporación, en votación ordinaria e cun voto a favor (Sr. Julio Martínez Rodríguez do PSOE), e trece votos en contra (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal,  González González, Sotelo Pena, Martínez Couso, Martín Alonso e Entenza Domínguez do PP; Sres. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG) e unha abstención (Sr. Santos Leites de EdeG) acordan rexeitar a moción presentada.

 

 

7.- MOCIÓN    DO BNG   S/  SEGURO DECENAL NAS EDIFICACIÓNS

 

         Le a moción o Sr. Moreira Piñeiro que di:

 

“MOCIÓN DO BNG SOBRE O SEGURO DECENAL NAS EDIFICACIÓNS

 

            A Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, instaurou a obrigatoriedade de constituír un seguro por parte dos promotores e promotoras de novas edificacións para protexer os intereses dos consumidores e consumidoras fronte a posibles vicios estructurais ocultos na construcción, durante un período de 10 anos.

         A lei non diferencia entre autopromoción e promoción profesional para a venda a terceiras persoas, polo que, na actualidade, se está a producir unha situación non desexada por quen lexislou, que afecta a promotores e promotoras de vivendas destinadas ó uso propio, consistente en que a persoa promotora da vivenda e tomadora do seguro é a destinataria final desta, véndose obrigada a constituír un seguro para se garantir a si mesma a cobertura de posibles vicios ocultos na construcción, nos que obviamente non pode ter ningún interese obxectivo.

         O requisito do seguro decenal para acceder á inscrición no Rexistro da Propiedade provoca a obriga de contratar este seguro sempre e cando as persoas autopromotoras precisen recorrer ó financiamento alleo, por exemplo, créditos hipotecarios.

         A esixencia de estudios técnicos por parte das compañías aseguradoras e a imposición de consultings asociados a elas están derivando no cobro de primas abusivas, que poden supor entre o 10 e o 20% do valor da estructura asegurada e que, no caso de vivendas unifamiliares, anda polos 6.000 euros –un millón de pesetas.

         Esta situación, que lle afecta a miles de persoas que pretenden construír a súa vivenda, para uso propio e sen intención de transmitilas a terceiras persoas, é especialmente grave no noso país, por estar moi estendida a construcción de vivendas en réxime de autopromoción ou propia administración, e constitúe un freo ó normal desenvolvemento da construcción no noso concello.

         É por iso que presentamos esta moción no sentido de instar a modificación da Lei de ordenación da edificación para exceptuar as edificacións unifamiliares de uso propio das obrigas de constitución do seguro decenal, sempre que non mude a persoa titular durante os dez anos seguintes á súa construcción, xa que neste caso procedería constituír o citado seguro.

         Por todo isto, solicitamos do Pleno da Corporación que adopte o seguinte

 

ACORDO:

 

1.-Instar o Goberno do Estado a modificar a Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, no sentido de exceptuar as edificacións que se destinen a vivenda unifamiliar, promovidas e construídas para uso propio, das obrigas de acreditación e testemuña da constitución do seguro decenal para inscribilas no Rexistro da Propiedade.

2.-Dirixirse ós grupos parlamentarios para que o Parlamento de Galicia inste o Goberno Central para que modifique esta Lei no sentido expresado no punto anterior.

Moaña, 25 de marzo de 2002”

 

         O alcalde solicítalle ó grupo do BNG que retire a moción presentada, o que non é aceptado.

        

         O Sr. Millán pide na moción que se revise a lei, pois prexudica os nosos conveciños.

 

         O Sr. Abal Juncal recoñece que é un asunto que hai que resolver de inmediato.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación en votación ordinaria e con seis votos a favor (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez, do BNG; Sr. Martínez Rodríguez do PSOE; e Sr. Santos Leites de EdeG) e nove en contra (Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, González González, Sotelo Pena, Martínez Couso, Martín Alonso e Entenza Domínguez do PP) acordan rexeitar a moción presentada.

 

        

8.- MOCIÓN DE EdeG-OV S/ ESTABLECEMENTO DA TAXA TOBIN.

 

         Le a moción o Sr. Santos Leites e di:

 

         “MOCIÓN : POLO ESTABLECEMENTO DA TAXA TOBIN.- Euloxio Santos Leites, concelleiro de Esquerda de Galicia, propón para o seu debate e posterior aprobación polo pleno da corporación de Moaña, a seguinte

 

                                      M O C I Ó N:

 

         E innegable que o avance que experimentaron as tecnoloxías da información e comunicación ofrecen un extraordinario potencial, inimaxinable hai poucos anos, de interaccións entre as persoas, as organización e os estados, que debería servir para impulsar un maior nivel de equilibrio no desenvolvemento mundial. Pero, lonxe disto, tamén é innegable que as consecuencias que se derivan da configuración deste modelo deben ser, no seu conxunto, negativamente valoradas, xa que supuxeron un maior afondamento nas desigualdades sociais e na inseguridade económica dos pobos.

 

         O actual sistema financeiro, resido pola liberdade de movementos de capitais e o desmantelamento das barreiras comerciais, supuxeron a práctica dunha serie de operacións especulativas, alleas por completo ás actividades productivas e de intercambio de bens e servicios. Calcúlase que entre o 80% e o 90% do total das transaccións financeiras realizadas diariamente en todo o mundo son meramente especulativas e que o 80%, destas, teñen unha duración inferior a unha semana.

 

         A volatilidade do capital liberalizado non provoca unicamente devaluacións das moedas e crise financeiras, co incremento consecuente das taxas de paro, incremento de prezos, violación dos dereitos humanos, etc. senón que impide a implantación de políticas económicas equitativas por parte dos gobernos, o que fai imprescindible que estes recuperen a vontade de intervir no ámbito económico e que non renuncien ás misións que teñen encomendadas de favorecer o benestar non unicamente dos seus cidadáns senón tamén do conxunto da cidadanía mundial, partindo dos postulados da solidariedade.

 

         En 1972, James Tobin, economista distinguido co premio Nobel en 1981, propuxo o establecemento dunha taxa internacional que tiña que gravar, cun tipo moi reducido (entre o 0,1% e o 0,25%), as operacións de divisas realizadas a curto prazo, co principal obxectivo de contribuír a estabilidade dos movementos de capital. A recaptación obtida por esta taxa, coñecida polo nome de Taxa Tobin, poderíase destinar a satisfacer obxectivos de igualdade social, de desenvolvemento sostible e de reparacións dos danos causados polas políticas de liberalización.

 

         Partindo das anteriores consideracións este Pleno adopta os seguintes

 

                                                        A C O R D O S:

 

         Primeiro.- O Pleno do Concello de Moaña apoia o establecemento dunha taxa sobre as transicións especulativas nos mercados de divisas, taxa tipo Tobin, como primeiro paso para unha necesaria introducción de mecanismos democráticos de regulación e control dos mercados e do sistema financeiro. Todo iso coa finalidade de conseguir unha orde financeira internacional baseada na equidade, na seguridade e na presibilidade.

 

         Segundo.- O pleno do Concello de Moaña faculta o Sr. alcalde-presidente para que en nome desta Corporación, e dentro do seu ámbito de competencias, traslade a adopción deste acordo a Mesa do Parlamento e o Goberno da Xunta de Galicia e para que leve a cabo todas aquelas actuacións que considere adecuadas para dar a coñecer a necesidade de implantar no ámbito internacional os mecanismos citados anteriormente e subscriba todas aquelas iniciativas que perseguen esta finalidade.

 

         Terceiro.- O Pleno do Concello de Moaña acorda solicitarlle á Presidencia da Unión Europea a axilización dos debates e trámites iniciados polo Consello de Ministros das Finanzas da UE (ECOFIN), relativos ó informe que a Comisión Europea debe entregar sobre “vantaxes e inconvenientes da creación dun imposto sobre as trasaccións financeiras, incluidos o imposto Tobin….” A fin de avanzar na súa adaptación real.”

 

INTERVENCIÓNS:

 

         O Sr. Martínez Rodríguez comprende o contido da moción, pero os socialistas fixeron xestións no Parlamento da nación e critica que dende o punto de vista da teoría económica, especúlase máis en bolsa e pensa que o PP non apoiará á moción pos ten tomado medidas no goberno da nación.

 

         O Sr. Millán Otero di que non se deron conta os socialistas de que o presidente da Xunta ten tomado medidas a favor da taxa.

 

         O Sr. Currás Piñeiro adianta que o seu grupo se absterá pois non entra en motivos económicos.

 

         Finaliza o autor da moción para advertir de que non deben tomarse con tanta lixeireza asuntos desta importancia.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación, en votación ordinaria e con seis votos a favor (Srs. BNG-PSOE-EdeG), nove abstencións (PP) acordan aprobar a moción nos termos nos que se encontra epigrafado.

 

 

8 BIS.- MOCIÓN DE URXENCIA

 

         O portavoz do PSG-PSOE, Sr. Martínez Rodríguez, solicita da presidencia o tratamento e debate da moción sobre “Posicionamento institucional apoiando a VI Marcha Antipeaxe” polo procedemento de urxencia. Ó abeiro do disposto no art. 82.3 do ROF, e con seis votos a favor (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Sr. Martínez Rodríguez do PSOE: e Sr. Santos Leites de EdeG) e nove abstencións (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, González González, Sotelo Pena, Martínez Couso, Martín Alonso e Entenza Domínguez do PP) declarase a urxencia solicitada.

 

         Seguidamente o Sr. Martínez Rodríguez, le o texto literal da moción que di:

 

           Julio Martínez, concelleiro do grupo municipal do PSG-PSOE no Concello de Moaña presenta á consideración do Pleno polo procedemento de URXENCIA a seguinte,

MOCIÓN

 

Exposición de motivos:

O próximo sábado, dentro de dous días, vaise celebrar en Moaña a VI Marcha pola supresión da peaxe de Rande. Os socialistas, se nos poñemos agora a recordar a importancia da traxectoria deste movemento cívico nacido en Moaña, durante os catro últimos anos, non atopariamos palabras de agracedemento polo que a Plataforma vai significar para a historia deste concello, desta provincia e mesmo de Galicia. Dun xeito exemplar o movemento cívico acadou tal magnitude, en canto á consecución de apoios políticos, económicos e sociais respecto á xustiza da causa que sería difícil para calquera colectivo ou institución xustificar un posicionamento contrario ós intereses dos cidadáns do Morrazo e de toda a Área Metropolitana de Vigo. Por todos estes motivos é polo que nos sentimos orgullosos de que a Plataforma pola supresión da peaxe de Rande nacese en Moaña.

 

Propóñolle ó Pleno que adopte o seguinte,

 

ACORDO:

Que o Concello de Moaña faga un pronunciamento institucional apoiando a VI Marcha antipeaxe e reclame das institucións a total supresión da peaxe de Rande.

Moaña, 11 de abril de 2002 “

 

         Solicita dos grupos que compoñen a Corporación Local o apoio á marcha e ó seu posicionamento.

 

VOTACIÓN E ACORDO

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar a moción nos seus propios termos.

 

9.- ROGOS E PREGUNTAS

 

       As preguntas e rogos formuladas por D. Jacinto García Piñeiro, en representación dos colectivos pola mellora do trazado da vía rápida do Morrazo, foron contestadas polo Sr. alcalde.

 

 

 

        E, non sendo outro o obxecto, a Presidencia dá por rematada a sesión, ás 23:20 horas do día fixado no encabezamento, de todo o que, como secretario, DOU FE.

 

                   O ALCALDE                                       O SECRETARIO