ACTA 05/2002
ACTA
DE SESIÓN EXTRAORDINARIA DO CONCELLO REALIZADA O DÍA 23 DE MAIO DE 2002
ORDE DO DÍA:
1.- MOCIÓN
CONXUNTA BNG - PSG PSOE é EdeG S/ “ PROPOSTAS DE MODIFICACIÓN NO TRAZADO E
MELLORAS CONSTRUCTIVAS NA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO.
2.- MOCIÓN DO PP S/ “VÍA ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO”·
CONCELLEIROS:
D. Javier Abal Juncal
D. José Manuel
Cordeiro Portela
D. Alberto Currás
Piñeiro
Dna. María C.
Costas Gayo.
D. José González
González.
Dna. María Martín
Alonso
Dna. Carmen
Sotelo Pena
Dna. Carmen
Entenza Domínguez.
D. Osbaldo
Martínez Couso
D. Julio Martínez
Rodríguez
D.
Xosé Manuel Millán Otero.
D.
Rosendo Moreira Piñeiro.
D. Serxio
Regueira Gómez.
Dna. Isabel
Lorenzo Martínez.
D. José
E. Santos Leites.
Secretario . D.
Felipe Fermoso Valdés
No
salón do Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela -Moaña, o 23 de maio de
2002, reúnense os devanditos señores baixa a presidencia do Sr. alcalde, D.
Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de
realizar o Pleno Extraordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás
20:00 horas, en primeira convocatoria. Quedou habilitado o dito local para a
realización deste acto en virtude da resolución dictada pola alcaldía de data 8
de maio de 2002 ó amparo do disposto no art. 85.1 do R.D. 2568/86, do 25 de
novembro, en relación co art. 49 do R.D. 781/86, do 18 de abril.
A Presidencia declara aberta a
sesión ás 20:00 horas.
INCIDENCIAS:
Xustifica a súa ausencia ó acto o
concelleiro D. José Luis Leite Fraga.
Preséntase neste, ás 20:12 horas, a
concelleira Carmen Sotelo Pena.
Finalmente se ausenta ás 21:45 horas D.
Osbaldo Martínez Couso, quen o fai antes de finalizar o debate do punto
primeiro.
1.- MOCIÓN
CONXUNTA BNG - PSG PSOE é EdeG S/ “ PROPOSTAS DE MODIFICACIÓN NO TRAZADO E
MELLORAS CONSTRUCTIVAS NA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO
Aberto o acto, a
Presidencia solicítalles ós grupos da oposición que lean a moción conxunta
presentada. Toma a palabra o portavoz do BNG, Sr. Millán Otero, quen
previamente manifesta que se ben aparece a moción firmada polos grupos
políticos da oposición, os artífices desta son AAVV de Moaña, Comunidade de
Montes, Traída de Augas, e outros colectivos os que, por diversas razóns,
consideran necesario modificar o trazado da vía de alta capacidade; por tanto,
serán eses colectivos os que defendan a moción.
Seguidamente, o Sr.
Millán Otero le a moción que, literalmente, di como segue:
“MOCIÓN CONXUNTA DO BNG,
PSdeG e EdeG SOBRE PROPOSTAS DE MODIFICACIÓN NO TRAZADO E MELLORAS
CONSTRUCTIVAS NA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO.- O Consello da Xunta, na
súa reunión do 20 de setembro de 2001 declara a utilidade publica e dispón a
urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da vía
de alta capacidade. Púñase fin así a un procedemento informativo de trazado da
citada vía. No seu momento, numerosos particulares e colectivos sociais e veciñais de Moaña presentaron en torno a
2.000 alegacións en que advertían do forte impacto e prexuízos sociais e
materiais que o trazado proposto podía provocar en barrios e parroquias do
concello.
O trazado definitivo dado
a coñecer ós veciños, o 9 de novembro de 2001, non tivo en conta en absoluto as
alegacións presentadas no seu día, ignorando incluso os cambios solicitados
pola Corporación Municipal en acordo plenario de data 19 de outubro 2000. A
maiores, o novo trazado implica a construcción dun acceso a Cangas a través da
Ameixoada, non contempla un acceso en dirección a Cangas desde Meira e inclúe
variacións inxustificadas, fóra da franxa de fluctuación dos cen metros
recollida naquela proposta. As graves afeccións ó patrimonio histórico (castro
de Montealegre) e natural (Poza da Moura, muradoiro do Outeiro do Aviador,
muradoiro da Fraga); a morfoloxía de distintos barrios (o Lourido, o Caeiro,
Broullón, a Ameixoda…); ós mananciais de augas do abastecemento doméstico, etc,
non foron resoltas na proposta definitiva. Por outra parte, seguen prevíndose
grandes aterramentos en Meira, Broullón, no Muíño do Inferno e na Ameixoada,
así como a escavación de pronunciadas trincheiras no Cairo, Montealegre, O
Piñeiro, Sabaceda, etc, que afectarán a núcleos de poboación próximos, que
poderían ser evitadas con leves modificacións de trazado ou solucións en
viaducto.
Os colectivos veciñais
(asociacións de veciños, xuntas de montes, traídas de augas) veñen demandando
desde aquela unha serie de modificación e melloras no trazado, que foron
trasladadas no seu momento ó goberno municipal de Moaña e á CPTOPV, con
resultado moi insatisfactorio e lesivo para os intereses xerais, o benestar e a
calidade de vida. Tendo en conta que os labores de identificación de terreos
afectados polo trazado están xa practicamente concluídos; que en breve está
previsto iniciar o procedemento de expropiación e está a punto de facerse
público o Proxecto de Execución, os Colectivos pola Mellora do Trazado da Vía
Rápida consideran urxente a asunción por parte da institución municipal das
suxestións propostas e a súa firme defensa ante a Xunta de Galicia se se quere
evitar unha desfeita nos barrios antes citados.
Por iso, os grupos
municipais do BNG, PSdeG-PSOE e EdeG, en nome dos Colectivos pola Mellora do
Trazado da Vía Rápida, propoñenlle ó Pleno da Corporación a adopción dos
seguintes
A C O R D O S
a) Apoiar e facer propias as propostas de modificación de trazado e
mellora constructiva elaboradas polos citados colectivos, avaladas xa por
asembleas públicas realizadas nos distintos barrios e que se recollen no anexo
a esta moción.
b) Trasladar este acordo á Consellería de Política Territorial, Obras
Públicas e Vivenda e solicitar unha entrevista co conselleiro na que participen
o alcalde, representantes da Corporación e dos Colectivos pola Mellora do
Trazado da Vía Rápida.
c) Trasladarlles este acordo e o anexo coas propostas de mellora a
todos os Grupos do Parlamento de Galicia para o seu debate, se procede, na
Comisión de Infraestructuras.
Moaña, 2 de maio de 2002”
INTERVENCIÓNS:
Dada a palabra para a
intervención dos portavoces, estes refusan intervir en primeiro lugar,
cedéndolles a palabra ós representantes dos distintos colectivos que o teñen
solicitado é que por orde de presentación no rexistro de documentos do
concello, son os seguintes:
-Manuel Rúa Chapela, renuncia a súa exposición a favor de,
-Jacinto García Piñeiro, en nome e representación da CCMM de Meira.
-Víctor Martínez Fernández.
-Ángel Nogueira Rivas.
-Manuel Curra Durán, representando os veciños de Broullón.
-María Jesús Rúa Duran, en representación AAVV o Cristo de Sabaceda, Xalde e Piñeiros.
-Luis Choren Vilar en representación da AAVV da Ameixoada.
-Manuel Pena Iglesias en representación da AAVV de Tirán.
-AAVV Montefaro, intervén D. Jacinto García Piñeiro.
-Sr. Barcia, como particular
afectado.
Interveñen os portavoces
dos grupos políticos coa seguinte orde:
Sr. Santos Leites, foron
moitos os asistentes a convocatoria desta sesión, ata este momento os
colectivos e veciños expuxeron as súas razóns e prexuízo fundados polo trazado
da vía rápida. Non é a solución para o Morrazo a vía rápida será unha
“desfeita” para o municipio, con este trazado darase unicamente servicio a
Cangas, Aldán e Bueu, supoñendo unha perda de calidade de vida para os moañeses
e favorecer de maneira infundada intereses especulativos ocultos.
Os veciños e colectivos
unicamente piden que se respecte a palabra dada polos políticos en diversas
ocasións (ver notas de prensa),
igualmente pide que se respecten os acordos adoptados pola corporación e que
estes sexan ratificados polo grupo de goberno, que aínda está a tempo diso.
O Sr. Martínez Rodríguez
amósase a favor da vía rápida e insiste en que esta execútese investindo os
fondos que sexan necesarios. Pensa que o exposto pola oposición e colectivos é
razoable e pide a unión dos partidos políticos e colectivos do municipio; do
contrario, os resultados serán pouco bos ó non introducir modificacións na obra
proxectada.
O Sr. Millán Otero en
primeiro lugar refírese o número de persoas existentes no aforo, unhas cento
cincuenta, non é tolerable que queden outras tantas fóra por non autorizar o
seu acceso o Sr. Alcalde.
O BNG non está a favor da
vía rápida, deste modo respecta o sentir popular; está claro que o partido
popular só pensa en intereses ocultos especuladores, non nos intereses dos veciños de Moaña.
Priman os intereses
económicos doutro lado da península do Morrazo, mentres se xoga co futuro de
Moaña. Hai que esixir melloras e compensacións para os afectados.
O alcalde, unha vez que interviñeron
os grupos políticos, lles contesta de forma simultánea dicindo:
O
Pleno da Corporación, na súa sesión de 19 de outubro de 2000, aprobou con 11 votos favorables (PP-10, PSOE-1) a
alegación presentada polo Grupo de Goberno Municipal sobre o estudio e impacto
medio ambiental do trazado do Corredor de Alta Capacidade do Morrazo. Pola
contra, as propostas feitas, tanto polo BNG como por EG, unicamente contaron
con 5 votos favorables.
Neste
informe aprobado pola Corporación recollíanse unha serie de melloras que pola
súa importancia críamos que terían que ser aceptadas, tanto de trazado como de
impacto medio ambiental. Así propoñiamos o desenvolvemento da circunvalación
prevista nas NN.SS dende o ano 84, como tamén a mellora das vías existentes
mediante un estudio de detalle de cada vía para comprobar as súas
posibilidades. Propostas estas que tanto o director xeral de Obras Públicas
como o propio conselleiro de Política Territorial comprometeron.
Tamén
neste informe se recollía a necesidade de contemplar un enlace na estrada de
subida a San Lourenzo, que permitiría o acceso directo dende Domaio coas
poboacións de Cangas e Bueu.
Necesario
criamos tamén que se contemplase un enlace na estrada provincial en Meira
Darriba así como tamén outro na estrada de Marín-O Con e un cuarto na estrada
Porta do Cego a Coiro. Tanto unhas como outras propostas foron aceptadas e
contempladas no proxecto de trazado definitivamente aprobado.
Entendiamos
tamén que os problemas de medio ambiente deberíanse de solucionar todos,
deberíanse contemplar a situación dos xacementos arqueolóxicos de grande valor
histórico e cultural para a nosa comarca mediante solucións técnicas que
evitasen a súa destrucción.
Así
mesmo, amosábase a preocupación desta Corporación polas afeccións que unha obra
deste tipo podería provocar sobre os recursos acuíferos da comarca onde
pediamos un estudio previo para evitar causar danos sobre os mananciais que non
sexan máis que os estrictamente necesarios.
Todas
estas propostas, tanto de trazado como medio ambientais foron aceptadas pola
Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia no seu estudio e
impacto medio ambiental de trazado do corredor de alta capacidade do Morrazo,
que en ningún momento dubidamos do seu cumprimento.
Como
consecuencia, o 30 de xullo de 2001, a CPTOPV aproba o proxecto de trazado das
obras de referencia, aprobación feita polo Director Xeral de Obras Públicas por
delegación do Excmo. Sr. conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e
Vivenda.
Con
data do 20 de setembro de 2001, a Xunta de Galicia declarou de utilidade
pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de
expropiación para as mencionadas obras por Decreto 241/2001, publicado no
Diario Oficial de Galicia núm. 192, da data 3 de outubro de 2001.
Na
data 7 de marzo do ano que andamos, os Colectivos pola Mellora do Trazado da
Vía Rápida, nunha reunión co alcalde, presentan un documento no que se recollen
propostas de mellora á referida vía e piden que sexan remitidas a través da
Comisión de Goberno á CPTOPV para o seu estudio, así como unha entrevista cos
responsables da Consellería co obxecto de debater todos os puntos do documento.
En
data 30 de abril deste ano, a CPTOPV convoca a Concello e Colectivos pola Mellora
do Trazado na Dirección Xeral de Obras Públicas, a unha reunión para expor as
conclusións do informe redactado polos responsables da redacción dos proxectos
constructivos como contestación ó dossier remitido polo Concello, onde se
recollen as propostas de modificación de diversos colectivos sobre a vía de
referencia.
Este
informe, que recolle unha análises das alegacións formuladas ó proxecto de
trazado do Corredor do Morrazo, está realizado polos equipos técnicos de
redacción de proxectos, tanto polo xefe de área, Don Felipe Carrascosa Hernández, como polo enxeñeiro técnico D.
Agustín Riobó Quintas, e polo enxeñeiro
de camiños, canles e portos, D. Roberto Aya Duarte.
No
seu informe referente á proposta de “cambio de trazado dende a ponte de Rande ata
o enlace coa estrada de subida a San Lorenzo”, o desprazamento que se
propón ocasionaría desmontes ata 60 metros máis altos cos que se contemplan no
proxecto, uns 100 metros en total, supoñendo rasantes similares. Estas
dimensións de desmonte suporían un importantísimo incremento da afección na
ladeira, obteríase como resultado uns excedentes de material que poderían
superar o millón de metros cúbicos. Con
toda probabilidade esta proposta sería rexeitada polo órgano ambiental.
No
referente á Poza da Moura, a solución estudiada ocasionaría unha grave afección
a esta zona singular ó ter que pasar en desmonte a unha cota inferior a actual
canle do río, aínda que se represente no plano como un viaducto. Para evitar
isto habería que superar en máis dun 1% a pendente máxima admitida pola norma,
ademais de supoñer unha dubidosa protección do medio ambiente.
En
canto á proposta de reducción do ancho de afección no enlace con San Lourenzo
mediante o sistema de trompeta, non queda claro o nivel que se pretende pois se
este se proxecta un cruzamento ó mesmo nivel é totalmente desaconsellable para
estradas deste tipo.
Na
prosposta que se realiza propoñendo, con carácter xeral, menos escavacións ou
aterrados e máis viaductos, está
totalmente condicionado polos parámetros de trazado en planta e alzado que se
indican na normativa e pola complicada orografía.
Sobre
o respecto ó patrimonio histórico tomáronse todas as medidas de protección
adecuadas no proxecto, coñecidas e aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio.
En
canto o “desprazamento do tronco da vía ó nordés dende o P.K. 104 ata o
enlace de Meira Darriba” na documentación facilitada, na que se recolle
o informe emitido polo enxeñeiro técnico agrícola, D. Cesar Santiago, non
aparece reflectido o cambio completo que se proxecta, descoñecéndose o punto de
inicio. Igual que no caso anterior, tampouco se recolle definición ningunha da
xeometría do trazado deseñado, nin en planta nin en alzado, non existe unha
análise do cumprimento da norma de trazado.
Esta
modificación, de levarse a cabo, prexudicaría sensiblemente a calidade
xeométrica da obra final, pois realizaríanse variacións de trazado con novas
aliñacións e con peor xeometría, que afectarían negativamente ás condicións de
visibilidade de parada e as zonas de adiantamento permitido que existen no
proxecto entre Domaio e a Fraga.
Considérase
que a afección ós mananciais representados no plano non produciría os efectos
indicados xa que os dous próximos ó trazado están localizados en zonas de
terraplén, permitindo realizar a súa reposición efectuando a captación previa e
canalización ó exterior do terraplén augas abaixo e mantendo o servicio nas
condicións actuais. O resto dos mananciais queda situado augas arriba do
trazado, polo que poderán seguir captando auga e dando o servicio do
abastecemento sen verse afectado polas obras ao incluírse tamén dentro do
presuposto de servicios afectados a reposición para o mantemento das
canalizacións de abastecemento de auga afectadas polo trazado.
Pola
contra, coa variante proposta polo enxeñeiro técnico agrícola, o trazado
desprazase ó norte cuns incrementos de cota no terreo de máis de 40 metros,
polo que os desmontes que sería necesario realizar rebaixarían o nivel freático
augas arriba dos mananciais, podendo chegar a esgotalos.
Este
importante incremento de desmontes e diminución de terraplén, ocasionaríalle un
importantísimo incremento da afección á ladeira, obterá como resultado uns
excedentes de material que podería roldar o medio millón de metros cúbicos.
En
canto os posibles riscos presentados nesta zona pola seguridade das vivendas
durante a construcción da obra, estes
son inexistentes por varias razóns. A primeira é pola considerable distancia
dende a traza ás vivendas, (100 metros no punto mais próximo) e tamén polos
sistemas constructivos e normas de seguridade empregados actualmente. En
segundo lugar, nesta zona prevese a construcción dun muro de contención de
terraplén para evitar a afección ó camiño existente e diminuír a ocupación da
nova vía.
No
referente o “deseño completo do enlace de Meira Darriba”, este estaba
condicionado pola presencia do val do río da Fraga e do xacemento arqueolóxico
do Castro das Cidades. Fíxose un estudio polo miúdo deste asunto e con valores
moi axustados será posible incorporar o proxecto os dous ramais con dirección a
Cangas co que quedará completo este enlace.
En
canto a suxestión que presenta a “AA.VV. de Verducedo e Piñeiro” pola
continuación do viaducto de Meira Darriba, este non se considera necesario e de
levarse a cabo produciría un gran volume de material sobrante para o que
habería que habilitar un vertedoiro.
Polo
que respecta a suxestión da “AA.VV. de Broullón” hai que dicir
que no ámbito analizado pola citada asociación non se produciron en ningún
punto desprazamentos do eixo de ata 130 metros, descorre practicamente polo
mesmo trazado do Estudio informativo dende o P.K. 108+700, existindo unicamente
unha variación significativa do trazado entre os P.K. 108+200 ó 108+700 que foi
desprazado uns 40 metros ó norte por condicionantes de xeometría.
En
canto ó desprazamento do trazado cara ó este, condicionaría enormemente a
xeometría en planta e a altura dos terrapléns incrementaríase de forma
sensible, xa que a rasante non se pode modificar ó enlazar a continuación cun
tramo de forte pendente e forte orografía.
A
protección de mananciais e sistemas de rego quedará totalmente cuberta cos
traballos de reposición de servicios afectados das obras, para os cales, en
todos os casos, inclúese a correspondente partida orzamentaria.
Entre
o P.K.108+800 e o cruzamento coa estrada PO-313 no Muíño do Inferno, están
previstos pasos a distinto nivel para garantir o mantemento de todas as vías
existentes na actualidade, polo que a incorporación de máis enlaces non ten
sentido neste punto. Nin sequera se poden considerar accesos directos dende a
nova vía polas características de corredor que define a esta nova estrada.
A
suxestión presentada pola “AA.VV. O Cristo de Sabaceda” en
canto á substitución de terrapléns por viaductos nos P.K. 110+400 e 111 non se
xustifican, nin por consideracións de impacto ambiental, nin por afección a
edificacións próximas e si, en cambio, produce un efecto negativo ó
desequilibrar os movementos de terras.
Con
referencia as afeccións os mananciais existentes, no proxecto contemplase un
estudio hidrolóxico e se respectan todas as canles existentes, que de
producirse un problema concreto, quedará resolto no proxecto de construcción.
En
canto ás indemnizacións, estas serán propostas pola Xunta de Galicia, que no
caso de non existir acordo cos afectados, será o Xurado de Expropiacións quen
determine as cantidades que hai que aboar. Neste xurado están representantes de
diversos sectores, o que garante que os prezos sexan os adecuados.
Polo
que respecta a suxestión presentada pola “AA.VV. de Ameixoada”, o ramal de
acceso a Cangas xa se contemplaba no estudio informativo, polo que non pode
omitirse no proxecto de trazado nin no proxecto de construcción. Este ramal
estructura o territorio, dá coherencia ó sistema viario de alta capacidade
proxectado, resolve as comunicacións das zonas mais densamente poboadas, no
caso de Moaña con Ameixoada, O Casal, O Cruceiro, Abelendo, Tirán, etc., e
ademais non produce un impacto ambiental que aconselle a súa supresión. Como
máximo, e iso é evidente, produce un efecto negativo sobre as propiedades sobre
as que se asenta, efecto que é consubstancial en calquera obra de interese
xeral destas características.
Con
referencia o desprazamento da vía, salvo casos moi concretos, a vía encóntrase
convenientemente separada das vivendas existentes, polo que o seu desprazamento
non procede e produciría, dada a topografía da zona, importantes movementos de
terras que ocasionarían un maior impacto ambiental.
Sobre
o respecto dos acuíferos, como nos casos anteriores, no proxecto contémplase un
estudio hidrolóxico e respéctanse todas as canles existentes.
E
por último, respecto das suxestións suscitadas pola “AA.VV. de Tirán”, no
referente á substitución do ramal de acceso a Cangas por outro novo, onde se
propón unir o P.K. 112+700 do tronco principal co P.K.0+700 do ramal de Cangas,
nunha lonxitude total de 1.100 metros, onde a cota de saída é de 152,82 metros
e a cota de chegada é de 41,39 metros, cunha diferencia total de 111,43 metros.
Supoñendo que se alargase a lonxitude, facendo unha pequena curva para reducir
a pendente, a lonxitude total sería de 1.250 metros co que a pendente media do
tramo sería do 9%.
A
dificultade desta proposta radica que na primeira parte deste trazado ten unha
pendente do 18%, mentes que o resto da pendente é inferior o 5%. Isto
implicaría que a rasante da vía, para manter a pendente do 9% tería alturas moi
considerables en viaductos ou terrapléns, co que sería necesario alcanzar
pendentes de máis do 12%. Consecuentemente a alternativa presentada mirase
claramente inviable dende o punto de vista técnico e o seu impacto é moito
maior cá proposta aprobada.
Para
concluír hai que dicir que, en opinión dos técnicos redactores do proxecto, as
alternativas presentadas non achegan soporte técnico que permita avaliar o
trazado alternativo en térmos de seguridade, cumprimento das normativas e
viabilidade técnica.
Gran
parte destas propostas prescinden das bandas de fluctuación definidas no
estudio informativo, xa aprobado e sometido a información pública, polo que non
ten sentido volver a un punto do trámite xa superado e non discutible.
A
maioría das propostas de trazado esquecen a obriga de xulgar a concepción
global do seu trazado, recollida no artigo 15 da Lei 4/94, do 14 de setembro de
estradas de Galicia, centrándose en
propostas estrictamente locais, non teñen en conta as repercusións de
compensación de movementos de terras, procesos constructivos aplicables, nin,
por suposto, gravísimas afeccións medio ambientais, no que en algún caso
levaría a propoñer desmontes que superarían os 100 metros de altura.
Polo
que respecta ás suxestións sobre mananciais, xa se contemplaba no proxecto de
construcción a correspondente partida orzamentaria para a reposición do servicio,
a pesar de non estar afectados varios deles polo trazado, senón só as
canalizacións para a reposición dos servicios.
Aínda que no animo do Grupo Popular
está en apoiar todas e cada unha das melloras que propoñen os diferentes
colectivos, non esquecemos que as decisións políticas dunha Corporación deben
sempre estar avaladas por informes técnicos suficientemente contrastados que
posibiliten unha toma de decisións correcta e adecuada ás suxestións que se
propoñen, cuestión esta que no asunto
que nos ocupa e despois de contrastar as propostas presentadas cos
correspondentes informes técnicos emitidos polos redactores do proxecto, a
postura correcta dunha Corporación responsable sempre será de apoio a eses
informes, como así queremos que quede
de manifesto coa nosa postura de rexeitamento ás propostas que hoxe aquí se
expoñen.”
O Sr. Santos Leites,
vista a intervención do Sr. alcalde, non lle queda máis remedio que dicir que a
nosa primeira autoridade actúa segundo o dictado de Santiago e cualifica de
vergonzosa a proposta do PP, matizando que a técnica sempre está ó servicio do
home, non á inversa, o que ocorre que fai falta máis fondos para que o proxecto
sexa correcto.
Ó Sr. alcalde, despois
das manifestacións feitas polo intervenientes, cústalle crer canto din os
grupos da oposición municipal en referencia á arraxar vivendas para executar o
proxecto, pois non é certo, xa que en Moaña non desaparecerá ningunha.
Fai un breve recordatorio
do Pleno do 19 de outubro de 2000 e acusa os tres portavoces de atoparse
desinformados utilizando a demagoxia de sempre.
VOTACIÓN E ACORDO
A Corporación, en
votación ordinaria e con seis votos a favor (dos señores Millán Otero, Moreira
Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Sr. Martínez Rodríguez do
PSG-PSOE e Sr. Santos Leites de OV),
nove votos en contra ( dos señores Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro
Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena, Martín
Alonso e Entenza Domínguez do PP) e unha abstención (do Sr. Martínez Couso do
PP), por aplicación do art. 100.1 do R.D. L. 2568/86, do 25 de novembro,
acordan rexeitar a moción conxunta presentada por BNG, PSOE e OV sobre
modificacións no trazado e melloras constructivas na vía de alta capacidade no
Morrazo.
2.- MOCIÓN DO PP S/ “VÍA ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO·
Unha vez que os técnicos responsables
analizaron todas as suxestións de mellora presentadas por varios colectivos
sociais de Moaña, e despois da xuntanza na Dirección Xeral de Obras Públicas da
Xunta de Galicia onde o Director Xeral informou do resultado destas,
propónselle ó Pleno da Corporación a adopción do seguinte
A C O R D
O
Demandar
da Xunta de Galicia a realización de todas as melloras posibles e xa
contempladas no Proxecto do trazado, no referente ós aspectos medio ambientais,
reposición de mananciais afectados e protección do patrimonio histórico, dentro
do proxecto a levar a cabo nesta comarca de corredor de alta capacidade do
Morrazo.
O alcalde somete a votación a moción do
grupo popular. Sen embargo, os portavoces da oposición esixen a súa
intervención para poder debater esta, a Presidencia non accede ó solicitado.
Sometido o asunto a votación, e despois
de varias interrupcións dos grupos da oposición e asistentes, a Corporación con
nove votos a favor (dos señores Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro
Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena, Martín
Alonso e Entenza Domínguez do PP). Os seis integrantes dos grupos BNG ( Millán
Otero, Rosendo Moreira, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez), do PSOE (Martínez
Rodríguez); e OV ( Santos Leites), que non entran en votación, acórdase aprobar
nos seus propios termos a moción presentada polo grupo de goberno.
E, non sendo outro o obxecto, a
Presidencia dá por rematada a sesión, ás 22:20 horas do día fixado no
encabezamento, de todo o que, como secretario, DOU FE.
O ALCALDE O SECRETARIO