ACTA 07/2002

 

 

 

ACTA DE SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO CONCELLO REALIZADO O DÍA 6 DE XUÑO DE  DE 2002

 

ORDE DO DÍA:

 

1.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, DAS ACTAS ANTERIORES.

2.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS  DA ALCALDÍA.

3.  RATIFICACIÓN,   SE   PROCEDE,  S/  RESOLUCIÓN  DE

     VACANTE E TRÁMITES SOLICITUDE CREDENCIAL DA NOVA 

     CONCELLEIRA.

4.- APROBACIÓN, SE  PROCEDE,  S/  NOMEAMENTO 

     REPRESENTANTE MUNICIPAL NA ASEMBLEA XERAL DE

     CAIXANOVA.

5.- APROBACIÓN,  SE  PROCEDE,  S/  NOMEAMENTO 

     REPRESENTANTE MUNICIPAL NO CONSELLO DE

     ADMINISTRACIÓN DA AUTORIDADE  PORTUARIA DE VIGO.

6.-  RATIFICACIÓN, SE PROCEDE, S/ PROPOSTA DO CONSELLO

      ECONÓMICA E SOCIAL DO MORRAZO.

7.-  MOCIÓN DE EG-OV S/ CONTROL SANITARIO DAS PRAIAS DE

      MOAÑA.

8.-  MOCIÓN DO PSG-PSOE, S/ SOTERRADO DAS LIÑAS DE ALTA 

      E  MEDIA TENSIÓN.

9.-  MOCIÓN DO BNG, S/ ORDENACIÓN DE USOS DA COSTA.

10.-ROGOS E PREGUNTAS.

 

 

ASISTENTES:

 

Sr. alcalde D. JAVIER BARREIRO TENORIO

 

CONCELLEIROS:

 

D. Javier Abal Juncal

D. José Manuel Cordeiro Portela

D. Alberto Currás Piñeiro

Dª María C. Costas Gayo.

D. José González González.

Dª. Carmen Sotelo Pena

Dª. Carmen Entenza Domínguez.

D. José Luis Leite Fraga.

D. Julio Martínez Rodríguez

D. Xosé Manuel Millán Otero.

D. Rosendo Moreira Piñeiro.

D. Serxio Regueira Gómez.

Dª Isabel Lorenzo Martínez.

D.    José E. Santos Leites.

    Secretario . D. Felipe Fermoso Valdés

 

Na casa do concello de Moaña, o 6 de xuño de 2002, reúnense os devanditos señores baixa a presidencia do Sr. alcalde, D. Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de realizar o Pleno ordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás 20:00 horas, en primeira convocatoria.

 

           A Presidencia declara aberta a sesión ás 20:00 horas.

 

INCIDENCIAS:

 

         Queda xustificada a ausencia a este acto do concelleiro Sr. Martínez Couso, así como a autorización da Presidencia para abandonar o acto os señores Leite Fraga e Martínez Rodríguez, os cales se ausentan ás 22:05 horas, unha vez votado o punto oito da orde do día.

 

1.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, DAS ACTAS ANTERIORES

 

        - Acta 4/2002, unanimidade, unha vez tomada en conta a observación feita polo Sr. Santos Leites, quen se abstivo no punto nove “Aprobación Corrección Erros nas Normas Subsidiarias”, polo que non se logou a unanimidade con que consta.

 

       - Acta 5/2002, manifestan os grupos da oposición que non é certo canto se recolle na acta, no referente á moción do Partido Popular, punto dous da orde do día “Moción do PP vía Alta Capacidade do Morrazo”. Non se chegou a ler a moción e polo tanto tampouco o seu debate e votación.

 

       O secretario manifesta que a Presidencia a leu, non houbo debate e si votación, a pesar do ambiente enxordecedor reinante.

 

       Como o grupo da oposición non se atopa conforme sobre as aclaración feitas e o resultado de votación, a Presidencia somete a votación o dito borrador, obtense o seguinte resultado:

 

        Votos a favor: Oito (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena e Entenza Domínguez do PP), sete en contra (Sres. Millón Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Sres. Leite Fraga e Martínez Rodríguez do PSOE e Sr Santos Leites de EdeG-OV) apróbase o borrador do acta número 5/2002.

 

         - 6/2002.-  Unanimidade.

 

2.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS  DA ALCALDÍA

                  

        O Sr. Santos Leites e Millán Otero pregúntanlle ó alcalde sobre a orixe e consecuencias da resolución do 3 de xuño de 2002, que afecta ás retribucións dos cabos da Policía Local. Contestalles o alcalde que se debe a un error técnico dos servicios de Intervención e que se salva con esta resolución.

 

       Solicítase o informe do secretario do Concello, quen despois de dar unha información somera do expediente que orixina o establecemento das retribucións do persoal da Policía Local, ratifica que, tratándose dun error técnico como se amosa na notificación enviada á Intervención municipal, o método para salvalo é a resolución da Alcaldía, non procede a intervención do pleno. En canto á proposta que aparece na Comisión Informativa sobre o traspaso de cantidades que figuran no complemento de destino ó complemento específico, non é viable, trataríase unicamente de salvar unha ilegalidade solapada a través doutro. Polo tanto é firme o acordo do 13 de maio de 1999 notificado á Intervención municipal o 19 do dito mes.

 

3.  RATIFICACIÓN,   SE   PROCEDE,  S/  RESOLUCIÓN  DE

     VACANTE E TRÁMITES DE SOLICITUDE DA CREDENCIAL DE NOVA  CONCELLEIRA

 

O Sr. alcalde dálle conta á Corporación da resolución dictada o 30 de maio de 2002 que di:

 

“ASUNTO: SOLICITUDE DE NOMEAMENTO Á XUNTA ELECTORAL CENTRAL DA NOVA CONCELLEIRA NA CORPORACIÓN DE MOAÑA

 

         Producida a vacante de concelleira no grupo popular deste Concello por falecemento da súa titular, Dª. MARÍA MARTÍN ALONSO, procede cubrir a súa vacante, articulando os mecanismos establecidos no art. 182 da lei 5/85, do 19 de xuño, e as súas posteriores modificacións.

 

         Na súa virtude, DISPOÑO:

 

1.- Declarar a vacante sinalada.

2.- Darlle conta da presente resolución ó Pleno da corporación para a súa ratificación.

3.- Continuar os trámites establecidos, remitíndolle a certificación do acordo á Xunta Electoral Central (Palacio de Congresos de Deputados) para que designe e remita a credencial do nomeamento da nova concelleira.

4.- Unha vez en posesión da credencial que acredite o novo nomeamento, déaselle posesión a este na seguinte sesión plenaria que se realice.”

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda:

 

1.- Ratificar nos seus propios termos a resolución na forma en que se atopa epigrafada.

2.- Remitirlle a certificación do presente acorda á Xunta Electoral Central, Palacio de Congresos de Deputados, para os efectos sinalados na dita resolución.

 

 

4.- APROBACIÓN, SE  PROCEDE,  S/  NOMEAMENTO 

     REPRESENTANTE MUNICIPAL NA ASEMBLEA XERAL DE

     CAIXANOVA.

 

             O Alcalde informa a Corporación do requirimento efectuado por Caixanova ó Concello da data 27 de maio de 2002 para que a Corporación Local designe representante municipal na Asemblea Xeral de Caixanova; o dito representante deberá reunir as condicións esixidas no Decreto 180/2002, da Xunta de Galicia.

 

            Manifesta o alcalde a súa intención de autopropoñerse para o dito cargo.

 

INTERVENCIÓNS:

 

         O Sr. Martínez Rodríguez ten dúbidas sobre o nomeamento deste representante, pois puidese incorrer en incompatibilidade. Informa o secretario de que existe esta vacante, posto que cesa o mesmo, unha vez, cesado no cargo que ocupaba na Corporación; en canto á incompatibilidade de cargos que puidese afectarlle ó alcalde, esta non existe, o alcalde é membro electo da Corporación, non designado.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación, en votación ordinaria e con oito votos a favor (Srs. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena e Entrenza Domínguez do PP) e sete abstencións (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Reguera Gómez do BNG; Srs. Leite Fraga e Martínez Rodríguez do PSOE; e Sr. Santos Leites de EdeG-OV), acordan  nomear representante municipal na Asemblea Xeral Caixanova a D. Javier Barreiro Tenorio, alcalde-presidente do Concello.

 

5.- APROBACIÓN,  SE  PROCEDE,  S/  NOMEAMENTO 

     REPRESENTANTE MUNICIPAL NO CONSELLO DE

     ADMINISTRACIÓN DA AUTORIDADE  PORTUARIA DE VIGO.

 

         De igual forma o alcalde informa a Corporación do requirimento enviado polo presidente de Portos de Galicia da data 28 de maio de 2002, no que insta o Concello para o nomeamento de representante municipal no Consello da Autoridade Portuaria de Vigo e da súa ría.

 

         O alcalde proponlle á Corporación que o dito representante sexa o concelleiro D. José Manuel Cordeiro Portela.

 

INTERVENCIÓNS:

 

         O Sr. Santos Leites manifesta que non ten coñecemento dos traballos e obrigas que debe asumir o noso representante, votará en contra.

 

         O Sr. Leite Fraga absterase por razóns análogas.

 

         O alcalde aclara que como di o cargo de representante naquel organismo, este tratará de defender os intereses de Moaña, aínda que recoñece que os asuntos que se tratan na súa maioría afecta exclusivamente a Vigo.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

          A Corporación, en votación ordinaria e con oito votos a favor (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena e Entenza Domínguez do PP), un en contra (Sr. Santos Leite de EdeG-OV) e seis abstencións (Sres. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Sres. Leite Fraga e Martínez Rodríguez do PSOE) acorda nomear representante municipal ante a Autoridade Portuaria de Vigo e da súa ría ó concelleiro D. José Manuel Cordeiro Portela.

 

        

 

6.-  RATIFICACIÓN, SE PROCEDE, S/ PROPOSTA DO CONSELLO

      ECONÓMICA E SOCIAL DO MORRAZO.

 

         Informa o alcalde sobre o asunto que é de sobra coñecida polos membros da Corporación Local, a máis abundamento, posúen a acta da reunión realizada polo dito órgano consultivo. O alcalde solicita que o Pleno a ratifique, se isto procedese.

 

         O texto literal da acta di como segue:

 

“ACTA DA REUNIÓN DO CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DO MORRAZO (PONTEVEDRA)

 

     No salón de actos da Casa da Cultura de Quintela-Moaña, ás 18,00 horas 30 minutos do día 3 de xuño de 2002, reúnense baixo a presidencia de D. Javier Barreiro Tenorio, presidente da Mancomunidade de concellos do Morrazo, o CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL, coa existencia dos seguintes membros, asistidos do secretario da mancomunidade, D. Felipe Fermoso Valdés.

 

¡Error! Marcador no definido.Sres./as asistentes

 

VOCAIS:

 

* D. José Enrique Sotelo Villar (P.P) alcalde de Cangas.

* D. Tomás Barreiro Sotelo (P.P.) alcalde de Bueu.

* D. Luis Boullosa Nores (P.P.) Cangas.

* D. Juan Chillón Iglesias (BNG) Cangas.

* Dª Encarna Santos Paredes (PSOE) Cangas.

* D. Aureliano Dávila Juncal P.P.) Bueu.

* D. José Novas Piñeiro (BNG) Bueu.

* D. José Millán Otero (BNG) Moaña.

* D. Julio Martínez Rodríguez (PSOE) Moaña.

* D. Euloxio Santos Leites (os verdes) Moaña.

* D. Julio Peláez Riera (en  representación da Consellería X.I.R.L).

* D. Camilo Vilas Pastoriza (Asociación ACICA).

* D. Juan Vilar Pazó (Asociación Mariñeiros).

* D. José García Pastoriza (Asociación Armadores Bueu).

* D. Manuel Rúa del Río (Confraría Pescadores S. Martín) Moaña.

* Dª Alicia Rodríguez Díz. (Pta. Mariscadoras a pé da Ría). Moaña.

* D. Eugenio González Fernández (UGT).

 

     Aberto o acto, a Presidencia exponlle ós asistentes que por razóns da información publicada en distintos medios que afectan tanto a flota pesqueira española e con maior incidencia a de Galicia, é o momento de tomar acordo entre todos unha vez analizada a situación.

 

     O Sr. Millán Otero- concelleiro do BNG de Moaña- interrompe á Presidencia para manifestar que non é a forma de realizar esta convocatoria. Contesta o Sr. presidente que tratándose dunha reunión extraordinaria e urxente non existe outra posibilidade.

 

     Polo exposto polo interveniente, o presidente solicita a declaración de urxencia que é aceptada pola totalidade dos asistentes, exceptuando a abstención do Sr. Millán Otero. Por canto ó “quórum” esixido para a realización desta reunión, o secretario informa de que é suficiente, pois asiste máis da maioría absoluta do número legal de membros que compoñen o CES.

 

     Seguidamente a Presidencia le a súa proposta que, textualmente, di:

 

 

PROPOSTA DA PRESIDENCIA Ó CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DA MANCOMUNIDADE DO MORRAZO.

 

     Ante a reforma pesqueira propiciada polo comisario europeo de Pesca, Sr. Fischler, de desmantelamento da flota pesqueira española e por extensión da flota pesqueira galega, onde se prevé no período 2003-2006 unha reducción en 700 barcos da flota galega e a destrucción de cerca de 3.000 postos de traballo, a Presidencia do Consello Económico e Social da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, a este órgano consultivo,

 

PROPÓN:

 

     PRIMEIRO.- Rexeitar a proposta presentada na U.E. sobre Reforma da Política Pesqueira Común, que en síntese pretende reducir o número de barcos de pesca, coa seguinte diminución no número de postos de traballo.

 

     SEGUNDO.- Rexeitar, así mesmo, o desmantelamento de parte da flota pesqueira galega de altura, pois esta flota xa fixo a súa reestructuración no momento de entrada do Tratado de Adhesión no ano 1986.

    

     TERCEIRO.- Apoiar activamente as accións que leven a cabo, tanto o Goberno español como o galego, con base en impedir os nefastos efectos da reforma prevista.

 

     CUARTO.- Apoiar a petición de presencia dos concellos na mesa de traballo que formen Xunta, armadores e sindicatos por este motivo.

 

     QUINTO.- Facer chegar este acordo a todas as institucións públicas que dalgún xeito teñan incidencia na política pesqueira: Goberno español, Xunta de Galicia, Comunidade Económica Europea”.

 

Intervencións.-

 

     O Sr. Millán Iglesias do BNG do Morrazo manifesta que despois de 18 meses desde a constitución do CES, non se coñece actividade ningunha, pregunta que para qué se creou, contéstalle o presidente que el ven actuando como tal durante cinco meses, polo tanto deberá pedirlles explicacións ós anteriores.

 

     Solicita que se lea a Moción de urxencia subscrita polo seu grupo, a Presidencia autoriza a dita petición. A moción di textualmente como segue:

 

MOCIÓN DE URXENCIA

¡Error! Marcador no definido.CONTRA A POLÍTICA COMÚN PESQUEIRA

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

     A integración do Estado español na Unión Europea –no ano 1986- incluíu de cheo ao sector pesqueiro galego no conxunto de medidas, criterios e representacións que conforman a denominada “Política Común de Pesca”. Desde aquel momento caracterizou o modelo de inserción de Galicia na Europa Comunitaria en materia de pesca do seguinte xeito:

 

     . De partida, un deseño estructural marxinador para Galicia e o sector pesqueiro, consecuencia das condicións de ingreso do Estado español na UE.

 

     . Inexistencia de canles institucionais directas nos que vehiculizar e defender as nosas propostas. Xa que logo, ausencia de Galicia no proceso de toma de decisión política. Así, a primeira potencia pesqueira da UE non conta con voz nin voto nos foros en que realmente se toman as decisións.

 

     . Contexto xeral nos planos político, económico e comercial, de reestructuración e redimensionamento do sector pesqueiro no marco da UE, en beneficio das flotas pertencentes nos estados hexemónicos e en prexuízo, singularmente, da flota galega.

 

     Dezaseis anos de experiencia son suficientes para avaliar o impacto de aplicación da Política Común de Pesca sobre o sector pesqueiro galego. Abonda dicir que neste período non existe en toda a UE un caso de reducción de flota e de emprego na pesca como o que ten padecido Galicia.

 

     Neste momento a Comisión Europea, a través do comisario Sr. Fischeler ven de padecer pública a súa intención de desmantelar boa parte da flota pesqueira galega, a efectivizar a partir do 1 de xaneiro de 2003.

 

     Galicia é o primeiro país pesqueiro de Europa, e a zona máis dependente da pesca en termos económicos, sociais e de emprego. Neste contexto, é fundamental que o conxunto da sociedade galega reaccione en defensa dunha actividade que, como a pesca, é motor da súa economía.

 

     ACORDOS:

 

 

1.- Manifestar o rexeitamento do Consello Económico Social da Comarcal á Reforma da Política Común Pesqueira formulada pola Comisión Europea.

 

2.- Demandar a presencia de Galicia nos órganos europeos de decisión en materia de política pesqueira.

 

3.- Reivindicar unha nova Política de Pesca baseada nas seguintes liñas:

 

     - Igualdade de acceso ós caladoiros, sen discriminación para a flota galega.

     - Derrogación do Principio de estabilidade relativa.

     - Defensa dos acordos pesqueiros con terceiros estados e organizacións rexionais de pesca.

     - Mantemento das axudas estructurais para a renovación da flota, equipamentos portuarios, instalacións pesqueiras, etc.

-  Declarar oficialmente a Galicia como zona altamente dependente da pesca.

     - Introducir unha directriz social para humanizar e dignificar as condicións de traballo e seguranza no mar.

 

4.- Apoio activo ás medidas ou accións sociais que se articulen en defensa do sector pesqueiro galego.

 

5.- Dirixir este acordo á Comisión Europea, Congreso dos Deputados e Parlamento de Galicia”.

 

O Sr. Martínez Rodríguez do PSdG-PSOE quéixase da tardanza na convocatoria do CES, pois déronse con anterioridade feitos moi importantes non tratados. Parécelle ben a proposta de acordos lidos, lamentando a falta de acordo con Marrocos. Comparte e apoia as ditas propostas; á vez fai a súa propia que a Presidencia teralla en conta no seu momento. 

 

A Presidencia pregúntase como non se reuniu anteriormente o CES e contesta que o artigo 8 dos estatutos establece a fórmula para a súa convocatoria, entre outros, por pedimento dun tercio dos seus membros.

 

O Sr. Santos Leites reitera non é forma de convocar esta reunión, lamenta a falta de acordo coa Comisión de Pesca e propón que se refundan as partes dispositivas das propostas presentadas.

 

O Sr. Vilas Pastoriza, da Asociación de Empresarios, manifesta que sendo alarmantes as noticias recibidas, deben reunirse todos os sectores, chámense Xunta ou Concellos, para que aproben as propostas.

 

O Sr. Sotelo Villar solicita do BNG que lea a parte dispositiva da súa proposta e informado dela, dille que non se pode declarar a Galicia dependente e exclusiva da Pesca, existen outros sectores económicos á vez que pon en dúbida a capacidade de integración.

 

O BNG admite que se refunda a parte dispositiva do acordo que se quere adoptar que será común a ambas as propostas, sempre que conste o punto que diga “ Solicitar que se declare oficialmente a Galicia dependente da Pesca” o que é aceptado polos reunidos.

 

Debatidas as propostas presentadas e admitido polos reunidos a parte dispositiva do acordo que se quere adoptar que sexa refundida, a Presidencia somete a votación as propostas e por unanimidade dos asistentes acorda:

 

     PRIMEIRO.- Manifestar o rexeitamento do CES á proposta presentada sobre reforma política pesqueira común, que pretende reducir o número de barcos de pesca coa conseguinte diminución de postos de traballo.

 

     SEGUNDO.- Rexeitar o desmantelamento de parte da flota pesqueira galega de altura, demandando a presencia de Galicia nos órganos europeos de decisión en materia de política pesqueira.

 

     TERCEIRO.- Apoiar as accións que se leven a cabo tanto de Goberno español como do galego, así como as medidas ou accións sociais que se articulen en defensa do sector pesqueiro galego.

 

     CUARTO.- Reivindicar unha nova política de pesca baseada en:

 

      -     Igualdade de acceso ós caladoiros.

      -     Mantemento de axudas estructurais para a renovación da flota, equipamentos portuarios, etc.

      -     Designación, principio de estabilidade relativa.

      -     Defensa de acordos pesqueiros con terceiros estados.

 

     QUINTO.- Solicitar que se declare oficialmente a Galicia dependente da Pesca.

 

     SEXTO.- Facerlles chegar este acordo á Comisión Europea, Parlamento de Galicia, Goberno español e Congreso dos Deputados.”

INTERVENCIÓNS:

 

         O Sr. Martínez Rodríguez resalta o compadreo existente entre o PP e BNG e fai referencia á proposta por é formulada na reunión do CES e termina dicindo que o seu partido adoita ser práctico nestes asuntos.

 

         O Sr. Millán Otero expón que para o BNG non existe ningún compadreo e parece máis ben que o PSOE ten a necesidade de marcar o seu territorio ó partido, non importándolle ser compañeiro de viaxe co PP con certos límites. A proposta do PSOE pásase no tempo, polo tanto non ten futuro. Di que hai que negociar aínda que o PSOE adoita facelo a cambio dun prato de lentellas e asegúralle que espera ser compañeiro de viaxe do PP sempre que sexa para bos fins, non compañeiros de PP-PSOE no acordo dos mariñeiros.

 

         Replica o Sr. Martínez Rodríguez que a súa proposta era a que había de tratarse no CES.

 

         O Sr. Leite Fraga alegrase da amizade existente entre o PP e BNG, rexeitando o trapicheo do que se lle acusa ó PSOE.

 

         O Sr. Santos Leites recoñece que non existe unión de forzas en todas as actuacións, recoñecendo que Julio parte de error.

 

         O Alcalde informa de que se sinte seriamente preocupado polo problema planteado, da súa viaxe a Madrid no día de onte deduce perspectivas pouco boas, non obstante, o Sr. ministro, Sr. Cañete, defenderá as nosas intencións ata o final.

 

         O Sr. Millán Otero, despois do tratado no CES e oído neste acto o manifestado polo Alcalde, asegura que a última decisión compételle exclusivamente ó Goberno español.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade, acordan ratificar a proposta do Consello Económico Social do Morrazo.

 

 

7.-  MOCIÓN DE EG-OV S/ CONTROL SANITARIO DAS PRAIAS DE

      MOAÑA

 

       O Sr. Santos Leite fai unha análise previa dos problemas que se derivan polo abandono das nosas praias, le a continuación a moción que, literalmente, di como segue:

 

         “CONTROL SANITARIO DAS PRAIAS DE MOAÑA.- Nun concello costeiro, con abundantes praias e areais no seu territorio como é o caso de Moaña, parece de sentido común que o control exhaustivo da calidade destas e das condicións sanitarias e de salubridade das súas augas sexa unha preocupación esencial, e máis en temporada de verán. Varias son as causas que aconsellan este control, dende a máis importante para calquera Admón. Públicas como é garantir que os usuarios/as delas poidan aproveitar as praias con plenas garantías para a súa saúde, como o reclamo e atractivo que unhas boas condicións das augas supón para o turismo, o cal ten unha clara repercusión económica.

 

Para realizar este control, en Moaña e noutros concellos de Galicia ata o ano pasado enviábaselles unha relación de zonas de baño á Consellería de Sanidade, que no noso caso correspondían coas praias da Xunqueira, O Con, e a Videira en Tirán, e a continuación a consellería efectuaba durante a época de baño diversas mostraxes (ata 9 controis) e elevaba os informes para que os concellos tomaran as medidas pertinentes. En Moaña, viñeron facéndose estes controis habitualmente, e así por exemplo púxose de manifesto que do ano 1999 ó ano 2000 houbo un deterioro moi grande das condicións sanitarias no caso das praias de Tirán e a Xunqueira, que pasaron de 71 puntos (sobre 100) a 57 e 56 respectivamente, e así foi como o ano pasado aparecemos desgraciadamente na prensa nacional coa desgraciada publicidade de ter unha das praias mais insalubres do estado. Ante isto, en lugar de adoptar as medidas correctoras adecuadas, o grupo de goberno do Partido Popular adopta unha “sabia “ decisión: no ano 2001 non remitirlle á Consellería de Sanidade ningunha relación de praias, co cal oficialmente, Moaña  non ten zonas para o baño, e polo tanto non se realizan ningún tipo de controis sanitarios dende o ano pasado, é dicir, nunha clara irresponsabilidade, optan pola política de “matar o mensaxeiro” incorrendo nunha grave irresponsabilidade diante dos veciños e dos usuarios das praias, que descoñecen o estado real destas.

 

           Por estas razóns é polo que propoñemoslle ó Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

 

                                                A C O R D O S

 

1.- Realizar inmediatamente controis sobre as condicións de salubridade das praias do Concello de Moaña.

2.- Dirixirse urxentemente á Consellería de Sanidade para que inclúa as praias de Moaña nesas zonas de baño oficiais para que proceda o seu control regular. 

 

         O alcalde di que a oposición, como noutros asuntos, coa moción lida trata de crear alarmismo infundado entre a poboación e os visitantes a Moaña, prexudicando seriamente ó noso comercio e industria hostaleira. As praias, moi a pesar das notas de prensa, estiveron e estarán controladas respecto ó estado das augas, posto que o Concello encargou e continuará encargando á farmacéutica titular as análises oportunas. En consecuencia, o que preocupa a este alcalde é o alarmismo que se pretende crear con esta moción e outras manifestacións feitas fóra de ton.

 

         O Sr. Millán Otero intervén por alusión, comparte co alcalde certas cousas, cre que a Consellería de Sanidade non actúa en condicións; pero o que xa non comparte é que non se solicite subvención ou axuda para o acondicionamento das nosas praias. Nega que se fixesen análises nas praias e que recoñeza dunha vez por todas que o PP non controla a situación e pode pasar algo grave.

 

         Replícalle o Sr. Santos Leites ó alcalde para dicirlle que o argumento “non pasou nin pasará nada grave” non lle vale e acúsao de ocultación de información .

 

         Finaliza o alcalde insistindo en que o dito pola oposición, nada de nada; a situación está controlada e as análises seguiranse facendo por conta do Concello, a través da súa farmacéutica titular.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación, en votación ordinaria e con sete votos a favor (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez, Regueira Gómez do BNG; Srs. Leite Fraga e Martínez Rodríguez do PSOE; e Sr. Santos Leites de EdeG-OV) e oito en contra (Srs. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena e Entenza Domínguez do  PP) acordan rexeitar a moción presentada.

 

 

8.-  MOCIÓN DO PSG-PSOE, S/ SOTERRADO DAS LIÑAS DE ALTA 

      E  MEDIA TENSIÓN.

 

         O Sr. Martínez Rodríguez, antes de ler a súa moción, fai unha curta introducción a esta, que di como segue:

 

         “La empresa subministradora de enerxía eléctrica UNIÓN FENOSA tiene instaladas en la actualidad varios tendidos aéreos  de lineas de media y alta tensión que atraviesan barrios densamente poblados de nuestro municipio como en zonas de Domaio, Meira, O Redondo, Quintela, Tirán, etc. Muchos de estos tendidos fueron instalados hace más de 30 años, con permisos antiguos, los cuales eran concedidos por parte de la Autoridad gubernativa en unas condiciones muy favorables para la empresa y algunos ni siquiera eran remitidos al Ayuntamiento. Los socialistas entendemos que actualmente esos tendidos aéreos de UNIÓN FENOSA que discurren por zonas urbanas y habitadas, no se adaptan a las normativas vigentes en cuanto a condiciones de seguridad, en cuanto a las franjas  de terrenos que necesariamente deberían ser expropiados para pasar el tendido e incluso en cuanto  a la proximidad con que las lineas pasan de las viviendas produciendo situaciones de auténtico peligro, lo cual puede ser motivo de accidentes mortales como desgraciadamente acontecio hace algunos años en Quintela.

Es por estos motivos que propongo al Pleno de la Corporación, la adopción del suguiente

 

                                           A C U E R D O

 

Que el Concello de Moaña inste a la Consellería de Industria de la Xunta de Galicia a negociar con UNIÓN FENOSA el cambio de tendidos subterráneos de las actuales lineas aéreas de alta y media tensión que discurran por zonas habitadas de nuestro municipio. “

 

INTERVENCIÓNS:

 

          O Sr. Millán Otero resalta que durante algún tempo coincide en temas fundamentais. Véxase a moción que presenta o PSOE, en español, adianta que votará a favor dela, porque no seu fondo está de acordo.

 

         O Sr. Santos Leites aclara que o contido da presente moción é análoga á por el presentada fai un par de anos e que foi rexeitada.

 

         O Sr. Alcalde non ten máis remedio que felicitar ó autor da moción, este é moi aplicado e vai aprendendo moito nas súas obrigas, lémbralle que os permisos e forma de concesión de liñas datan de máis de trinta anos. Por canto ó idioma utilizado na moción, fai constar a alcalde o disposto no ROM onde os debates, asuntos e outros están autorizados utilizando o bilingüismo.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acordan aprobar a moción presentada.

 

9.-  MOCIÓN DO BNG, S/ ORDENACIÓN DE USOS DA COSTA.

 

         Le a moción o Sr. Regueira Gómez para dicir :

 

         “ MOCIÓN DO BNG SOBRE SOLICITUDE DE REDACCIÓN DOS PLANOS DE USOS E ORDENACIÓN DOS ESPACIOS PORTUARIOS E DA COSTA.- O Plan xeral de ordenación municipal é un documento básico e de suma transcendencia para un desenvolvemento adecuado do termo municipal. A cualificación das distintas áreas e especificacións de edificación e usos han ser coherentes e compatibles, partindo dunha visión de futuro para o conxunto e impedindo actuacións que poidan distorsionar a ordenación harmónica de todo o territorio.

 

         A parte máis importante do territorio de Moaña desde o punto de vista da poboación, económico e ambiental é a franxa costeira. Sobre ela distribúense e sobrepóñense competencias de ata catro administracións, ademais  do propio Concello: a Consellería de Medioambiente, o ente público Portos de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Dirección General de Costas del Estado sen que ata  o momento existan documentos axeitados que permitan a necesaria coordenación. Esta situación ten permitido actuacións desordenadas e incluso ocasiona a miúdo discrepancias entre as distintas administracións, con repercusións negativas para o conxunto do territorio e da poboación.

         De cara a que o PXOM cumpra a súa función, o BNG considera ineludible que as administracións con competencias sobre a franxa litoral formulen os documentos oportunos, en forma de planos especiais ou planos de usos, de maneira que poidan ser incorporados ás previsións urbanísticas do Concello. Polo tanto, propoñemoslle ó Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

                                     A C O R D O S:

1.- Instar ó goberno municipal para que realice xestións diante da Autoridade Portuaria de Vigo para que redacte o Plano especial da franxa costeira baixo as súas competencias, definindo usos, tipos de industrias, condicións de edificabilidade e delimitación sobre a lámina de auga, etc.

2.- Solicitar de Portos de Galicia a formulación dun plano de usos das zonas portuarias baixo as competencias, ordenando as actividades, edificacións necesidades viarias e dotacionais, espacios libres públicos, etc.

3.- Instar ao goberno municipal para que realice as xestións oportunas diante da Dirección General de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) para que proceda a corrixir posibles erros na delimitación da zona de dominio público marítimo-terrestre, así como as zonas de protección ou afección”.

 

         O acalde manifesta que o punto tres da parte dispositiva se solucionará co deslinde solicitado a Costas.

 

         En canto ó punto dous di que se pode aceptar, o ten regulado a Xunta.

 

         Por último, no punto un que pide aprobar; ó autor da moción debo dicirlle que non se atopa acertado, hai que matizar moito os puntos cos perfís do que se pretende.

 

         Sr. Regueira Gómez insiste na súa petición e pide á Corporación debe planificar definíndose sobre o plan de usos.

 

         Replica o alcalde que a exposición que enfoca o Sr. Regueira Gómez é precisamente ó revés do que debe utilizarse; solicita que a moción pase pola Comisión Informativa para tratala novamente.

 

         O Sr. Santos Leites cre que o asunto debe de aclararse urxentemente, aproveitando a redación do Plan xeral de ordenación municipal e incorporando a documentación precisa.

 

         O Sr. Abal Juncal manifesta que se falou moito deste tema e espera que a Autoridade Portuaria redacte o oportuno plan.

 

         Por último, o Sr. alcalde insiste en que esta moción pase previamente pola Comisión Informativa e que se inclúa, se se aproba, ó plan xeral.

 

VOTACIÓN E ACORDO:

 

         A Corporación, en votación ordinaria e con cinco votos a favor (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez doBNG; e Sr. Santos Leites de EdeG-OV) e oito en contra (Srs. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena e Entenza Domínguez do PP) rexeita a moción presentada.

 

10.-ROGOS E PREGUNTAS.

 

       Sr. Santos Leites se interesa pola sentencia que se refire ó deslinde do Camiño Amieiro-Meira, que se pensa facer. Deuse licencia de construcción de edificios e, sen embargo, os seus propietarios vense privados de todo.

         Contéstalle Javier Abal que a través de convenio ou outro compromiso haberá que buscar mellor solución posible para os veciños.