ACTA 9/2002

 

ACTA DE SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO CONCELLO REALIZADO O DÍA 11 DE XULLO DE DE 2002

ORDE DO DÍA:

1.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA ANTERIOR.

2.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA.

3.-APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO DE URBANIZACIÓN

POLÍGONO IV ROSAL SUR

4.- APROBACIÓN DEFINITIVA PROXECTO DE COMPENSACIÓN

POLÍGONO IV ROSAL SUR.

5.- APROBACIÓN DEFINITIVA DO ORZAMENTO MUNICIPAL E DO

PADROADO BEIRAMAR, EXERCICIO 2002.

6.- MOCIÓN DO BNG S/ VENDEDORAS DO DÍA

7.- MOCIÓN DO BNG S/ CONSTRUCCIÓN FONTE PASEO

8.- MOCIÓN DE EdeG OV, S/ "ORDENANZA CHIRINGUITOS"

9.- ROGOS E PREGUNTAS.

 

 

ASISTENTES:

Sr. alcalde D. JAVIER BARREIRO TENORIO

CONCELLEIROS:

D. Javier Abal Juncal

D. José Manuel Cordeiro Portela

D. Alberto Currás Piñeiro

Dª María C. Costas Gayo.

Dª. María Sonia Costa González

D. José González González.

Dª. Carmen Sotelo Pena

D. Osbaldo Martínez Couso

D. Julio Martínez Rodríguez

D.Xosé Manuel Millán Otero.

Dª. Isabel Lorenzo Martínez

D.Rosendo Moreira Piñeiro.

D.Serxio Regueira Gómez.

José E. Santos Leites.

Secretario . D. Felipe Fermoso Valdés

Na casa do concello de Moaña, o 11 de xullo de 2002, reúnense os devanditos señores baixa a presidencia do Sr. alcalde, D. Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de realizar o Pleno ordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás 20:00 horas, en primeira convocatoria.

A Presidencia declara aberta a sesión ás 20:00 horas.

INCIDENCIAS:

Xustifican a súa ausencia o Sr. Leite Fraga e Sra. Entenza Domínguez. Incorpórase a Sra. Costa González ás 20:15 horas e abandonan o acto o Sr. Martínez Couso ás 21:50; a Sra. Costa Gayo ás 22:25 e o Sr. Martínez Rodríguez ás 23:00 horas.

 

 

1.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA ANTERIOR.

Apróbase, por unanimidade, sen modificacións.

2.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA.

O Sr. Santos Leites interésase pola resolución referente á contratación dun oficial de 1ª por tres meses, sen dotación orzamentaria, a falta de informes do interventor nin respectando o compromiso de contratación a través da oferta pública de emprego.

O alcalde manifesta que esta contratación é da súa propia competencia e debido a urxencia desta, pois se trataba de poñer a punto vehículos municipais, esta non admitía espera. Habilitarase a partida necesaria advertindo o alcalde de que este punto non é obxecto de debate, senón que se limita a dar conta das resolucións.

O Sr. Millán Otero manifesta que a resposta do alcalde é moi discutible, non se fixo xestión para formalizar a contratación, e tampouco debe utilizar o nome do delegado de persoal cando este descoñece o asunto. A resolución comete irregularidade, trata de pasar como renovación de contrato nas condicións anteriores.

Tamén pregunta por que ó profesor de música se lle contrata ata cubrir a praza. Replica o delegado de persoal que se fai na forma indicada pola asesoría laboral.

 

3.-APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO DE URBANIZACIÓN

POLÍGONO IV ROSAL SUR

 

O alcalde informa a Corporación dos trámites seguidos para a aprobación definitiva do proxecto de urbanización do Polígono IV do Plan Parcial Rosal Sur. Igualmente dá conta do informe emitido polo secretario xeral do Concello que di:

"ASUNTO: APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO DE URBANIZACIÓN IV ETAPA DO PLAN PARCIAL ROSAL SUR.

ANTECEDENTES:

1.- A Corporación Local, en sesión ordinaria do día 21 de maio de 2002, aprobou inicialmente o Proxecto de Urbanización da IV etapa do Plan Parcial Rosal Sur, promovido pola Xunta de Compensación número IV.

2.- O dito acordo publicouse polo termo dun mes mediante edictos no DOG núm. 107, do 5 de xuño, e BOP 111, do 12 de xuño; co resultado de non formular reclamación ningunha contra o dito acordo.

3.- Concluído o período de información pública, é competencia do Concello a aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización conforme dispón o art. 44.3 da lei 1/97, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Por canto antecede, esta Secretaría Xeral emite o seguinte

I N F O R M E

Primeiro.- Lexislación aplicable: art. 44.3 e 46.2 da Lei 1/97 e art. 67 a 70 do Regulamento de planeamento urbanístico, aprobado por R.D. 2159/78, do 23 de xuño.

Segundo.- É competencia do concello a aprobación definitiva do Proxecto de urbanización cando reúne as determinacións previstas nos arts. 67 a 70 do Regulamento de planeamento; debe pronunciarse sobre a súa aprobación dentro dos termos establecidos no art. 46 da Lei 1/97.

Terceiro.- De proceder a aprobación definitiva, a Corporación Local, o dito acordo publicarase mediante edictos no DOG e BOP.

É canto debo informar, non obstante, a corporación decidirá.

Moaña, 9 de xullo de 2002

O SECRETARIO"

 

INTERVENCIÓNS:

O Sr. Santos Leites consúltalle ó secretario xeral do Concello se é posible aprobar o proxecto de urbanización, sen pasar por este trámite o proxecto de compensación e se lle informa de que é este precisamente o trámite aínda que pode facerse de forma simultánea .

O Sr. Martínez Rodríguez cre que antes de continuar e aprobar a presente proposta deben cumprirse os prazos para a execución das etapas anteriores onde se atopa incluído o presente proxecto.

VOTACIÓN E ACORDO

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar definitivamente o proxecto de urbanización do Polígono IV do Plan Parcial Rosal Sur.

 

4.- APROBACIÓN DEFINITIVA PROXECTO DE COMPENSACIÓN

POLÍGONO IV ROSAL SUR.

O alcalde proponlle á Corporación Local que retire a proposta da orde do día porque considera que faltan os informes precisos para a súa aprobación; a proposta é aceptada polos asistentes unanimemente.

5.- APROBACIÓN DEFINITIVA DO ORZAMENTO MUNICIPAL E DO

PADROADO BEIRAMAR, EXERCICIO 2002.

O alcalde indica os trámites seguidos no expediente de aprobación definitiva do orzamento ordinario e do Padroado Beiramar exercicio 2002, así como que se formularon cinco alegacións no período de información pública, das cales a Intervención Municipal emitiu informe; solicita da Corporación a aprobación definitiva destes documentos.

INTERVENCIÓNS:

O Sr. Millán Otero solicita do interventor municipal un informe sobre o asunto de Seragua que aínda crendo que a alegación se atopa informada correctamente, pero en qué sentido debe interpretarse economicamente.

O interventor di que a explicación a ten dada na aprobación inicial do orzamento, o concurso para privatizar é unha decisión política, aínda que a privatización debe estar condicionada a negociacións.

O Sr. Millán cre que o recomendable era consignar no orzamento ó que o interventor lle contesta que é o Pleno quen debe decidir.

O Sr. Millán cre que antes de debater o orzamento, para o BNG é indispensable contar coa liquidación do exercicio do 2001, aínda que non está confeccionada nin parece que existan previsións deste feito; con ela coñeceríanse os ingresos que puideran xerarse para o 2002, pero resulta que o documento confecciónase cunha serie de gastos a gusto do delegado de Facenda; puidera chegarse a ese montante de ingresos se se executase plans pendentes, pero desta forma non.

O orzamento é desequilibrado e por conseguinte orixinará déficit, o pasado ano puído equilibrarse polos ingresos extraordinarios procedentes da urbanización de Domaio e do cemiterio; tampouco se contemplan ingresos doutros organismos.

Por iso, as alegacións presentadas amosan a incapacidade do Goberno na súa xestión, non poden darlles resposta convincente ós veciños; tampouco se cumpren as ofertas electorais de 1999. O tema de Urbaser cos 191 millóns merece tratamento á parte sobre o seu destino e cre que o que se consideraba un éxito transformouse nun auténtico fracaso.

En resumo, a xestión do goberno é caótica e adianta que o seu grupo apoiará as alegacións veciñais de Seragua e a do PSOE.

O Sr. Santos Leites manifesta que parece claro que as alegacións dos veciños como a de Seragua e do PSOE teñen un claro destino de ser rexeitadas; non se debe desperdiciar este momento para discutir a política económica do goberno, xestión, compromisos contraídos na campaña electoral, etc, etc. Arremete contra a xestión económica do goberno, cre que se romperá a situación económica, non se minora a débeda, non se paga a auga, pero, sen embargo, non se esquece de cobrar este servicio tan indispensable.

En canto á calidade do servicio da recollida do lixo é peor que na época da súa prestación polo concello, pois cre que as condicións impostas a Urbaser véñense cumprindo moi poucas. Recoñece que a situación económica do Concello é mala, pero tamén é certo que non se fai nada por mellorala. Non se pode enganar os nosos veciños con obras que non se executan, sen embargo, parece levar a cabo a fonte cibernética, que se se fai esta, vaia paquete.

Conclusión, o discurso do grupo de goberno, non casa co diario que vive e adianta que apoiará co seu voto as alegacións presentadas.

O Sr. Martínez Rodríguez o seu obxecto neste acto é defender a alegación presentada polo seu grupo, congratúlase das alusións feitas polos seus compañeiros de Corporación. Despois de 41 días da aprobación inicial, de pouco vale aprobar o orzamento, pois efectuáronse moitos pagos sen a debida autorización e ata agora durante o exercicio fíxose moi pouco.

A privatización do servicio do lixo por vinte anos pregunta polos beneficios que obtemos os veciños, pois fíxose de forma urxente e mal; tamén pregunta pola repercusión dos 191 millóns de pesetas obtidos na mellora da adxudicación e pensa que se trapichea coas mensualidades a aboar a adxudicataria. O compromiso de reducir a carga de persoal, hoxe continua, sen cumprir, en principio deducíase o importe das retribucións na achega municipal á mancomunidade, agora non.

Resume que o orzamento carece de obxectivos, non existen investimentos nin aforro, pois se contrata gastos superfluos, por esta razón votará en contra.

O concelleiro delegado de Facenda, Sr. Cordeiro Portela, non quere deixar pasar a súa intervención sen replicar a esas afirmacións feitas polo conxunto da oposición, que lle parecen improcedentes, pois cre que no informe emitido polo interventor municipal, comprende os problemas existentes coa adxudicataria do servicio da recollida do lixo, pero confeccionarase unha ordenanza común ós municipios mancomunados.

A intención do grupo de goberno é privatizar o servicio de abastecemento de auga, dado o carácter deficitario que sempre tivo este, cre que a privatización será positiva para o Concello e que se vén atrasando o dito trámite pola entrada en funcionamento da EDAR e insiste que xamais os gobernos anteriores pagaron factura ningunha a Seragua.

En 1998 fíxose unha readaptación con Seragua, resulta que Seragua non cumpre, por iso o Concello farao no mesmo sentido; coincide co interventor municipal aconsellando que se privatice o servicio na maior brevidade posible, para iso confeccionouse o prego de condicións que servirá de base ó concurso de adxudicación; non ten coñecemento este delegado, se oculten gastos, todos eles se rexistran, con independencia do seu pagamento.

En canto ós 41 días da aprobación inicial que saiba o Sr. Martínez que a intervención tramitou de inmediato o oportuno edicto de información pública, o demais depende dos servicios do BOP e recórdarlle ó Sr. Millán que os grupos de goberno anteriores, entre eles do BNG, xamais presentou a liquidación dende 1990 na data establecida pola Lei.

En resumo, é un orzamento realista, pois doutra forma non o houbese aceptado o interventor, este documento analiza resultados e condiciona a economía municipal.

O Sr. Millán Otero diríxese ó concelleiro de Facenda para dicirlle que non se moleste en defender o orzamento, non se tivo en conta o recomendado pola empresa auditora, que certamente foi pouco seria polo que obteu uns resultado nulos e que o BNG asume éxitos e erros, recordándolle ó delegado de Facenda que xamais cumpriu os consellos da auditoría e neste caso presenta un orzamento inflado.

O Sr. Santos Leites di que discutir con Cordeiro é van, sempre nos conta o mesmo pero non foi capaz de defender o orzamento que presenta.

Por último, o alcalde puntualiza e contéstalles ós portavoces da oposición asegurándolles que se está nun bo camiño da xestión económica, por canto ás alegacións presentadas non teñen sentido, xa que é incerto canto se solicita, seguidamente le a relación de obras concluídas no pasado exercicio, adiantando que o seu grupo rexeitará as alegacións presentadas.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e con nove votos a favor (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena, Martínez Couso e Costa González) e seis en contra (Sres. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Sr. Martínez Otero do PSOE; e Santos Leites de EdeG-OV) acordan :

1.- Rexeitar as alegacións presentadas.

2.- En consecuencia, aprobar definitivamente o Orzamento municipal ordinario e do Padroado Beiramar do exercicio 2002.

3.- Publicar este acordo no BOP.

 

6.- MOCIÓN DO BNG S/ VENDEDORAS DO DÍA

Despois dunha larga introducción, o Sr. Millán Otero le a moción presentada polo seu grupo que, literalmente, di como segue:

"MOCIÓN DO BNG SOBRE SITUACIÓN DAS VENDEDORAS DO DÍA

O colectivo de persoas que acode á praza de abastos para vender os productos da súa propia colleita está formado por arredor de 60 mulleres con situacións laborais e persoais moi distintas pero que, na maioría dos casos, necesitan destes ingresos como un complemento importante á economía familiar.

Desde sempre, estas mulleres viñan instalando a diario os seus postos nos arredores da praza; sen embargo, hai mes e medio o goberno municipal decidiu limitar a venda ó mércores e sábado, coincidindo cos días de mercado. Esta decisión non está amparada pola Ordenanza reguladora do mercado e da praza de abastos nin foi adoptada formalmente mediante resolución da alcaldía ou acordo da comisión de goberno, polo que resulta ser unha imposición arbitraria que roza o abuso de autoridade.

A restricción dos días de venda está producindo un forte quebranto económico para estas persoas, sobre todo nos meses de primavera e verán en que coincide a colleita dos productos de horta e un aumento da súa demanda. Por outra parte, o goberno municipal está propiciando unha situación inxusta e discriminatoria para os veciños do noso concello, por canto en Cangas e Bueu permítese a venda tres días por semana –os dous de mercado e un máis- e noutros moitos concellos a venda é diaria, sen ningún tipo de restriccións.

Como xa noutra ocasión expuxemos ante o Pleno con motivo das demandas dos vendedores ambulantes, as ordenanzas reguladoras do mercado e da praza de abastos quedaron desfasadas e precisan dunha urxente reforma. En lugar de proceder á súa revisión debatendo as modificacións necesarias cos demais grupos municipais e cos implicados, o goberno local segue tomando decisións irregulares e unilaterais que cada vez provocan máis descontento entre vendedores e comerciantes.

Coa intención de resolver dunha vez por todas esta situación de arbitrariedade, o grupo municipal do BNG proponlle ó Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS:

a) Autorizar de forma provisional ás vendedoras do día para que poidan vender os productos de colleita propia tres días por semana, mércores, venres e sábado, en tanto non se modifica a regulamentación do mercado e praza de abastos.

b) Instar o grupo de goberno para que no prazo de tres meses lle propoña ó Pleno unhas novas ordenanzas do mercado e da praza de abastos que regulen de forma clara e consensuada o seu funcionamento.

Moaña, 9 de xullo de 2002

Asdo. Xosé M. Millán Otero"

Manifesta o alcalde que aqueles vendedores que traballaban fóra da praza se lles buscou acomodo dentro do recinto, comprende a presión comercial existente, o regulamento tratou de solucionar o problema, pero sen embargo non se puxo en práctica, recoñece que hai que dar solución os ambulantes. Que saiba que o Concello non ten interese en prexudicar a ninguén e si en solucionar o problema debendo de participar os propios interesados.

Interveñen varios afectados polo problema.

O Sr. Millán Otero di que a postura do BNG é corrixir os erros existentes chegando á mellor solución, comprende os intereses que se xogan entre os afectados e cre que dous días á semana son insuficientes, felicita o alcalde polo asentamento dos vendedores dentro do recinto.

Por último, o alcalde propón unha comisión especial que busque acordo dentro do termo de oito días e solicita de ser así, que o Sr. Millán retire a moción presentada, do contrario o grupo de goberno votará en contra desta.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e con catro votos a favor (Sres. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG) sete en contra (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, González González, Sotelo Pena e Costas González do PP) dúas abstencións (Sres: Martínez Rodríguez do PSOE e Santos Leites de EdeG-OV) acorda rexeitar a moción presentada.

 

7.- MOCIÓN DO BNG S/ CONSTRUCCIÓN DA FONTE DO PASEO

Le a moción o Sr. Regueira Gómez e di:

"MOCIÓN DO BNG SOBRE A CONSTRUCCIÓN DA FONTE DO PASEO MARÍTIMO.- A xunta de Goberno do Padroado Municipal "Beiramar" aprobou, con data 24 de xuño de 2002, a adxudicación dun proxecto para construír no paseo marítimo de Moaña unha "fonte cibernética". O custo da mesma ascende a 150.600 euros, dos cales arredor de 132.500 euros – o 87% do custo – corresponden á adquisición mediante contrato de subministro do mecanismo eléctrico e de fontanería. A obra finánciase con cargo ó proxecto de Obradoiro de Emprego, subvencionado pola Xunta de Galicia, que ten como finalidade a formación e cualificación profesional e non, como parece ser este o caso, o financiamento e execución de obra pública a favor do Concello.

Na tramitación deste proxecto obsérvanse aparentemente unha serie de irregularidades administrativas que poñen en cuestión a boa realización da obra e en último extremo a xestión dos fondos de formación que se vén realizando desde o propio Padroado Municipal:

a) Estase desviando para investimentos municipais fondos concedidos para a formación profesional e a promoción de emprego, sen que o proxecto aprobado xustifique suficientemente o valor formativo da obra.

b) A forma de contratación do subministro non respecta as formalidades pola lei de contratos das administración públicas, que para un investimento deste volume prevé a constitución dunha mesa de contratación e a realización dunha oferta pública. Neste caso, a Xunta de Goberno do Padroado aprobou, sen previa declaración de urxencia, facultar ó seu Presidente para a adquisición do subministro sen que se valorasen outras posibilidades e ofertas.

c) O lugar onde se pretende instalar a fonte forma parte do dominio público marítimo – terrestre polo que a súa utilización esixe a solicitude de autorización ante a Dirección Xeral de Costas, trámite que non consta no expediente que se chegase a realizar.

d) A pesar de tratarse dunha obra que afecta á configuración urbanística de Moaña, ningún órgano municipal –Comisión Informativa, Comisión de Goberno, Pleno ou Alcaldía- tomou coñecemento formalmente do proxecto nin adoptou os acordos oportunos. Sen embargo, e por canles que escapan a toda formalidade administrativa, o Concello realizou unha solicitude de subvención diante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para unha obra que non figura nos orzamentos municipais e que en teoría nin coñece nin executa como tal.

e) A conservación e mantemento da fonte, unha vez finalizada, debe correr a cargo do Concello, polo que sería desexable a aprobación dun estudio de custos, que tampouco chegou a realizarse.

Os estatutos do Padroado Municipal "Beiramar" establecen que correspóndelle ó Concello, por facultade de tutela, "o control de fiscalización dos órganos de goberno do Padroado" (art. 26, a). Ante as presuntas irregularidades sinaladas, o grupo municipal do BNG –ademais de reservarse a posibilidade de poñer estes feitos en coñecemento doutros organismos implicados (Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Dirección Xeral de Costas, etc)- considera necesario que a Corporación teña ocasión de debater e aclarar os trámites realizados a través da Xunta de Goberno do Padroado, polo que propón a adopción dos seguintes

A C O R D O S:

a) Solicitar a comparecencia diante do Pleno da Corporación, na próxima sesión ordinaria, do presidente do Padroado Municipal "Beiramar" para dar conta das xestións realizadas en relación co proxecto de construcción da fonte do paseo marítimo.

b) Solicitar informes da Secretaría do Concello, da Secretaría do Padroado Beiramar e da Intervención Municipal sobre os asuntos indicados nesta moción:

-Adecuación do proxecto tal como está formado ós obxectivos do Obradoiro de Emprego.

-Adecuación da modalidade de contratación aprobada á Lei de contratos das administracións públicas.

-Necesidade de solicitude de autorización para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre diante da Dirección Xeral de Costas.

-Trámites municipais necesarios para a execución do proxecto.

Moaña, 10 de xullo de 2002

Xosé M. Millán Otero.-portavoz municipal."

O alcalde, unha vez oído o texto da moción, dille ó Sr. Regueira que a presente moción non ten nin pés nin cabeza, pois ó principio da lexislatura toda a Corporación dixo que adiante coa obra, sen embargo, agora Vdes. tratan de impedir a execución desta.

O Sr. Cordeiro Portela contéstalle ó Sr. Regueira que é esperpéntico polo manifestado, di que se informa esta tarde do asunto e de forma casual. As manifestacións feitas na moción non teñen pés nin cabeza, non estará de acordo con ela, pero que recoñeza á vez que a súa postura é vergonzosa, trata de cuestionar ós técnicos e Xunta de Goberno, pero cre que probablemente non se entera do asunto. O importe do orzamento é de 50 millóns, o 50% a Xunta e Concello, é falso o que di do informe do interventor.

O Sr. Regueira Gómez manifesta que o Sr. Cordeiro que recoñeza que estaba disposto a deixar o asunto pendente para outra reunión do padroado ó non posuír todos os datos. Non se di na moción que sexa unha obra indecente ou que non se entere dos informes técnicos; pregúntalle ó Sr. Cordeiro de onde deduce para facer estas manifestacións.

O que desexa é que non se repita o do pasado ano coa devolución de 17 millóns de subvención, debe ter en conta o informe do secretario do padroado e constata que obran na marxe da lei de contratacións.

O Sr. Cordeiro matiza sobre o informe emitido polo secretario do Padroado, aclarando que o Sr. Regueira non ten razón ningunha.

O Sr. Millán Otero cre que a forma de levar as cousas na contratación de persoal vai contra a lei, tampouco existe permiso de Costas á parte doutras anomalías detectadas, por último o Sr. Millán pide desculpas unha vez que comproba que existen os permisos necesarios para a obra.

Sr. Santos Leites manifesta que non lle gusta a moción presentada e cre que o necesario sería presentar un proxecto integral da zona, o proceso formativo de persoal non se cumpre, así como outros obxectivos encomendados ó obradoiro.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e con cinco votos a favor (Sres: Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG e Sr. Santos Leites de EdeG-OV) e sete en contra (Sres: Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, González González, Sotelo Pena e Conta González do PP) acordan rexeitar a moción presentada.

 

8.- MOCIÓN DE EdeG OV, S/ "ORDENANZA CHIRINGUITOS"

 

Le a moción o Sr. Eloxio Santos e di:

"MOCIÓN: ORDENANZA REGULADORA INSTALACIÓNS DE TEMPORADA.

Eloxio Santos Leites, concelleiro de Esquerda de Galicia, propón para debater no Pleno da Corporación, a seguinte

MOCIÓN:

Actualmente a concesión e liquidación dos chiringuitos de verán nas inmediacións das praias regúlase pola Ordenanza reguladora das taxas por instalación de postos, barracas, casetas de venda... situadas en terreos de uso público municipal, unha ordenanza moi xenérica e que agrupa múltiples actividades con casuísticas e características moi dispares, e que practicamente o único que ordena é o relativo á liquidación das taxas devengadas pola instalación, e o xeito de formular a solicitude.

Esta inconcreción está orixinando múltiples problemas para a Admón. municipal e para os propios concesionarios ó non entrar a definir aspectos fundamentais da actividade, como poden ser:

A súa localización en terreos de titularidade pública ou privada.

Criterios para a concesión de "chiringuitos" entre os solicitantes.

Condicións mínimas tanto hixiénicas como estéticas que deben reunir as ditas instalacións.

Abastecemento de auga, saneamento, lixo...

Taxa que hai que devengar e criterios para o establecemento desta.

Por estas razóns expostas e tendo en conta a importancia desta actividade cara á imaxe do Concello (non debe esquecerse que están situados nos puntos de maior interese turístico) e tamén para os propios prestatarios do servicio, é polo que dende EdeG instamos a adopción do seguinte

ACORDO:

Que por parte da Corporación municipal se redacte e aprobe unha ordenanza reguladora das instalacións de temporada (chiringuitos) onde se teñan en conta as circunstancias arriba enunciadas e todas aquelas que se consideren de interese.

Moaña, 8 de xullo de 2002

Asdo. Eloxio Santos Leites

Concelleiro de EdeG-OV"

O alcalde di que seria bo a redacción dunha ordenanza reguladora, pero que recoñeza o autor da moción que a materia se atopa regulada, non obstante, someterá a votación.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar nos seus propios termos a moción transcrita.

9.- ROGOS E PREGUNTAS.

Non houbo

E, non sendo outro o obxecto, a Presidencia dá por rematada a sesión, ás 23:20 horas do día fixado no encabezamento, de todo o que, como secretario, DOU FE.

O ALCALDE O SECRETARIO