ACTA 10/2002

 

ACTA DE SESIÓN EXTRAORDINARIA DO PLENO DO CONCELLO REALIZADA O DÍA 18 SETEMBRO DE 2002

ORDE DO DÍA:

1.- DARLLE CONTA Á CORPORACIÓN SOBRE O PROXECTO ELABORADO POR PORTOS DE GALICIA PARA A REMODELACIÓN DA FRONTE MARÍTIMA DO CON.

2.- DEBATE E ADOPCIÓN DE RESOLUCIÓN SOBRE ISTO.

ASISTENTES:

Sr. alcalde D. JAVIER BARREIRO TENORIO

CONCELLEIROS:

D. Javier Abal Juncal

D. Alberto Currás Piñeiro

DĒ María C. Costas Gayo.

DĒ. María Sonia Costa González

D. José González González.

DĒ. Carmen Sotelo Pena

D. Osbaldo Martínez Couso

DĒ. Carmen Entenza Domínguez

D. Julio Martínez Rodríguez

D. José Luis Leite Fraga

D. Xosé Manuel Millán Otero

José E. Santos Leites

Secretario:. D. Felipe Fermoso Valdés

Na casa do concello de Moaña, o 18 de setembro de 2002, reúnense os devanditos señores baixa a presidencia do Sr. alcalde, D. Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de realizar o Pleno extraordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás 9:00 horas, en primeira convocatoria.

A Presidencia declara aberta a sesión ás 9:00 horas.

INCIDENCIAS:

Xustifican a súa ausencia os concelleiros D. José Manuel Cordeiro Portela, D. Rosendo Moreira Piñeiro, dona Isabel Lorenzo Martínez e D. Sergio Regueira Gómez.

Incorpóranse durante o acto dona Carmen Entenza Domínguez; retírase ás 9:25 horas e incorpórase ó acto ás 9:30 horas Javier Abal Juncal, en idénticos termos o Sr. Leite Fraga ausentase das 9:35 horas ás 9:40 horas. Por último, a dona Costas Gayo abandona o acto ás 9:55 horas.

Antes de comezar a orde do día, o Sr. Millán Otero pregúntalle á Presidencia que informe sobre a legalidade da convocatoria, respecto dos prazos mínimos esixidos pola lei que deben mediar entre esta e a sesión, pois aínda sendo extraordinaria non procede a declaración de urxencia ningunha ó estar prevista a súa realización dentro duns prazos xa previstos. En idénticos termos se expresan os portavoces do PSOE e o Sr. Santos Leites.

A Presidencia cédelle a palabra ó Sr. secretario para que informe sobre esa suposta ilegalidade e di que existen dúas normativas legais, a expresada na Lei e nos seus regulamentos e a definida no Regulamento orgánico municipal aprobado pola unanimidade dos membros da corporación local na actual lexislatura.

Nun e noutro caso a lexislación é dispar en canto ós prazos de convocatoria e o da celebración do acto; pero tendo en conta que o determinado polo ROM que prima sobre outra lexislación no seu artigo 10 di: ...a realización do pleno non poderá demorarse máis de 15 días hábiles dende que fose solicitado. Disto dedúcese que se a sesión se convocou dentro do prazo establecido de 15 días non hai nada que obxectar sobre prazos para a convocatoria, admitindo, por tanto, a súa legalidade.

Continuando coa orde do día

1.- DARLLE CONTA Á CORPORACIÓN SOBRE O PROXECTO ELABORADO POR PORTOS DE GALICIA PARA A REMODELACIÓN DA FRONTE MARÍTIMA DO CON.

Expón o Sr. alcalde que carece do proxecto técnico obxecto do debate nin o tivo en momento ningún, non obstante demandaralle a Portos de Galicia para que, unha vez incluído o modificado, llo remita ó Concello para o debido coñecemento de cantos o soliciten.

2.- DEBATE E ADOPCIÓN DE RESOLUCIÓN SOBRE ISTO.

Intervencións:

O Sr. Millán Otero, despois de reiterar a falta de legalidade da convocatoria da sesión, di que o ROM non pode conculcar o contido da Lei, seguidamente le o escrito presentado de forma conxunta entre o seu grupo e o Sr. Santos Leite, o cal, literalmente, di como sigue:

SOLICITUDE DE PLENO EXTRAORDINARIO SOBRE A REMODELACIÓN DA

FRONTE MARÍTIMA DO CON

As propostas de actuación para a remodelación e mellora da fronte marítima no Con levan provocado nos últimos anos fortes polémicas entre veciños e colectivos con intereses e puntos de vista enfrontados.

Estas polémicas intensificáronse desde xuño do ano 2001 ante a proposta de construcción dun paseo de madeira realizada por Portos de Galicia (CPTOPV) que contou no seu momento co apoio de colectivos sociais e todos os grupos políticos da Corporación. Esta proposta malogrouse pola torpeza ou mala fe con que se xestionou desde o goberno municipal.

Un ano máis tarde, Portos de Galicia realiza unha nova proposta consistente nun aterrado brando –entre seis e nove metros- que permitía a ampliación da estrada, gañar zonas de aparcamento e espacio peonil mediante un paseo e ampliación da beirarrúa existente. Esta proposta foi de novo rebentada polo propio goberno municipal, despois dunha presentación circense feita a porta pechada e unicamente para os seus amigos e partidarios, esquecendo á Corporación municipal e ós colectivos representativos do barrio.

Esta forma de actuar irresponsable reavivou de novo a polémica veciñal e deixou outra vez o proxecto nunha situación de indefinición que nos fai preguntar se a Consellería e o goberno local teñen auténtico interese en afrontar a remodelación do Con ou simplemente están a utilizar este asunto como unha provocación para o enfrontamento social.

Á marxe das posicións que manteña cada colectivo ou grupo político sobre as actuacións que se poden realizar na zona, resultan totalmente inadmisibles os métodos empregados ata este momento polo alcalde e o goberno do PP, furtándolle á Corporación a información e as posibilidades de debate. Non se debe esquecer que, aínda que a franxa litoral do Con sexa competencia de Portos de Galicia e que as obras vaian ser executadas pola CPTOPV, a actuación ten tamén implicacións urbanísticas, tocando competencias exclusivas do Concello de Moaña. Tanto é así que o Ente Público Portos de Galicia solicitoulle hai meses ó Concello de Moaña un acordo plenario previo á redacción dun novo proxecto, tramite este que o goberno municipal ignorou.

Nestas circunstancias e coa intención de pechar un debate estéril levándoo a onde debeu situarse desde o primeiro momento, dentro da Corporación municipal, os que abaixo asinan, como concelleiros

SOLICITAN

A convocatoria dun Pleno Extraordinario da Corporación nos prazos fixados pola Lei de bases de réxime local de acordo coa seguinte

ORDE DO DÍA:

1.-Darlle conta á Corporación sobre o proxecto elaborado por Portos de Galicia para a remodelación da fronte marítima do Con.

2.-Debate e adopción de resolucións sobre isto.

Moaña, 28 de agosto de 2002"

Considera que o grupo de goberno despois de ter maioría absoluta non precisa esconder documentos que son públicos, é incrible que o alcalde descoñeza este proxecto e, se así for, para que nos convoca á sesión. O alcalde, despois do consenso logrado entre concelleiros, colectivos e veciños coa súa actual postura, traizoou a todos.

Replícalle o alcalde e reitera que non coñece o proxecto e que o mesmo está a favor do solicitado polos veciños de Moaña.

O Sr. Millán manifesta que se o Sr. alcalde amosa o interese en que non se coñeza o proxecto que saiba que interesaranse pola oposición sucesivos plenos sobre o tema que nos ocupa e outros como a vía rápida, mosqueira, etc.

O Sr. Santos Leites pregúntalle ó Sr. alcalde se ten medo en presentarlle á Corporación a documentación que se solicita, pois este e un acto democrático e ten vostede a obriga de actuar de forma coherente e lle recorda que despois do consenso logrado con esta actitude traizoa ós seus conveciños. O alcalde chámalle a atención o Sr. Santos para que se cinga ó punto da orde do día, do contrario, retiraralle a palabra.

O alcalde debe ser consecuente co acordo adoptado en 2001 pois para a satisfacción de todos acordouse a construcción dun paseo de madeira e non os recheos que se pretenden. Fai un breve recordatorio de notas de prensa que lle ratifican canto manifesta, nembargantes, hoxe este grupo de goberno pensa ó revés.

O Sr. alcalde contesta que todos eses datos que di apareceron na prensa, para esta Corporación non teñen valor ningún. Pretende tomar a palabra o Sr. Santos Leites pero a Presidencia retíralla.

O Sr. Martínez Rodríguez fai unha breve exposición dos distintos acordos plenarios dos cales ningún se executou; así fai 20 anos falábase de construír un porto de altura, despois un paseo marítimo, en 1998 o plan de usos. Cre que o acertado para a zona, aínda que se gañen espacios ó mar, se iso vai en beneficio dos cidadáns, é o bo e correcto. Por iso, o proxecto actual coas melloras que se admitan é moi aceptable, co mesmo dótaselles ós veciños de aparcamentos, zonas verdes, vías, etc. Facer o paseo de madeira non é mais que tirar o diñeiro e cre que co proxecto actual non se verán tan afectados os mariscadores polo tanto hai que deixarse de debates estériles e sen sentido.

Presenta o proxecto confeccionado por D. Juan Fernández Rios para que este sexa incluído como melloras solicitadas e o alcalde advírtelle de que se terá en conta este; dálle as gracias ó Sr. Martínez Rodríguez pois comproba que parte da oposición ten sentido común.

Rematado o debate, a Presidencia pregúntalle á oposición se hai que votar algunha proposta, non recibe resposta ningunha.

E, non sendo outro o obxecto, a Presidencia dá por rematada a sesión, ás 23:20 horas do día fixado no encabezamento, de todo o que, como secretario, DOU FE.

O ALCALDE O SECRETARIO