ACTA 13/2002

ACTA DE SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO MES DE NOVEMBRO REALIZADO O DÍA 19 DE DECEMBRO DE 2002

 

ORDE DO DÍA:

1.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA ANTERIOR

2.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA

3.- APROBACIÓN,SE PROCEDE, S/ DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

S/AFUNDIMENTO DO PRESTIGE

4.-APROBACIÓN DEFINITIVA,SE PROCEDE,S/ESTUDIO DE DETALLE

NA TRAVESÍA MONTENEGRO.

5.- APROBACIÓN INICIAL, SE PROCEDE, S/ ESTUDIO DE DETALLE

NA RÚA VILA DE MADRID.

6.- MOCIÓN DO PSOE S/ VIVENDAS DE PROTECCIÓN OFICIAL.

7.- MOCIÓN DO BNG S/ AMPLIACIÓN DO PORTO e FRANXA

COSTEIRA DE DOMAIO.

8.- MOCIÓN DO PSOE S/ MODELO DE FINANCIAMENTO LOCAL

9.- MOCIÓN DO BNG S/ FINANCIAMENTO DAS FACENDAS LOCAIS

10.-MOCIÓN DE EULOXIO SANTOS S/ MELLORAS DA BAIXADA Á

BORNA.

11.-ROGOS E PREGUNTAS.

ASISTENTES:

Sr. alcalde D. JAVIER BARREIRO TENORIO

CONCELLEIROS:

D. Javier Abal Juncal

D. Alberto Currás Piñeiro

D. José Manuel Cordeiro Portela

Dª María C. Costas Gayo

Dª. María Sonia Costa González

D. José González González

Dª. Carmen Sotelo Pena

Dª. Carmen Entenza Domínguez

D. Osbaldo Martínez Couso

D. Julio Martínez Rodríguez

D. José Luis Leite Fraga

D.Xosé Manuel Millán Otero

Dª. Isabel Lorenzo Martínez

D.Rosendo Moreira Piñeiro.

D.Serxio Regueira Gómez.

D. José E. Santos Leites.

Secretario: D. Felipe Fermoso Valdés

Na casa do concello de Moaña, o 19 de decembro de 2002, reúnense os devanditos señores baixa a presidencia do Sr. alcalde, D. Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de realizar o Pleno ordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás 20:00 horas, en primeira convocatoria.

A presidencia declara aberta a sesión ás 20:10 horas.

INCIDENCIAS

Dª. Sonia Costa González incorpórase ás 20:10 horas e os señores Leite Fraga e Martínez Couso retíranse ás 21:00 horas.

1.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA ANTERIOR.

Apróbase a Acta núm. 12/2002, do 31 de outubro, por unanimidade sen modificacións.

2.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA.

A Corporación queda ó corrente.

3.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, S/ DECLARACIÓN INSTITUCIONAL S/AFUNDIMENTO DO PRESTIGE

O Sr. Currás Piñeiro, portavoz do grupo popular, le o escrito conxunto firmado polos portavoces integrados na Corporación Local o texto literal do cal di como segue:

 

"DECLARACIÓN INSTITUCIONAL S/ O AFUNDIMENTO DO PRESTIGE

 

Se para calquera área costeira a seguridade no tráfico marítimo é dunha interese fundamental, para Galicia con maior motivo, debido á dimensión e importancia que a pesca, o marisqueo e a acuicultura adquire nesta comunidade e a dependencia que destas actividades ten a nosa economía.

Galicia sitúase como primeira comunidade pesqueira de Galicia, debido ás altas taxas de producción primaria das nosas augas e o seu mantemento depende en grandísima medida do grao de calidade ambiental do medio mariño.

Por iso, a maior ou menor seguridade que se acade no tráfico marítimo ten unha referencia directa na integridade de persoas e capitais e no bo mantemento ambiental do medio.

Nos últimos 30 anos temos sufrido cinco accidentes de petroleiros, e hai uns días o accidente do petroleiro Prestige supón un novo desastre ecolóxico e económico para a nosa costa.

Non obstante, é necesario que as administracións adopten medidas que permitan garantir unhas maiores medidas de seguridade no tráfico marítimo fronte ás nosas costas, a eliminación rápida e eficaz dos vertidos e a recuperación do ecosistema mariño.

Por todo iso, a Corporación Municipal de Moaña consciente da preocupación que situacións como a que estamos a vivir está a afectar a poboación en xeral, pero moi especialmente a poboación galega en particular, é polo que propón:

1.- Instar a Xunta de Galicia a:

    1. A creación dunha Comisión Interministerial para que coa colaboración da Unión Europea e do propio Goberno Galego, se poñan en marcha as accións necesarias para paliar os danos económicos e sociais e ambientais que se deriven do sinistro do buque Prestige.
    2. A que as medidas extraordinarias e urxentes habilitadas pola Xunta de Galicia sexan tramitadas coa máxima celeridade. Para tal efecto constituír oficinas temporais nos concellos afectados co obxecto de informar e tramitar as axudas.
    3. A elaboración dun plan de actuación que contemple todas as tarefas de salvamento, contención, recollida e eliminación de vertidos e rexeneración do litoral, contemplando tanto a recuperación biolóxica como a paisaxística e medio ambiental.
    4. A propoñer unha mellor coordinación de esforzos entre Administracións, Concellos, Confrarías e voluntariado para lograr no prazo mais curto posible a eliminación dos vertidos e a recuperación ambiental.
    5. A requirir dos organismos competentes a adopción das medidas necesarias para impedir que no futuro se repitan accidentes desta gravidade no litoral, e que se estudie a posibilidade técnica do aloxamento do corredor marítimo máis alá das 28 millas actuais para o transporte de cargas potencialmente perigosas.

2.- Instar a Administración Central e Europea:

    1. Que no Real decreto lei de medidas urxentes para facer fronte ás consecuencias económico-sociais para todos os afectados se contemple tamén:

    1. Que o tránsito de barcos con mercancías perigosas e contaminantes fronte ás costas galegas, que discorre ó amparo do Dereito de Paso Inocente, se faga con práctico a bordo, ou ben por fóra da mar territorial.
    2. Establecer un organigrama de salvamento marítimo en Galicia que conte coa participación da Xunta e da Dirección Xeral da Mariña Mercante para incrementar a eficacia deste servicio.
    3. O establecemento de rutas predeterminadas, con puntos de notificación obrigatorios, para o acceso ás rías e portos galegos, cando o destino dos buques desas circunstancias sexa Galicia.
    4. Aumentar os medios materiais e humanos do dispositivo de seguridade e salvamento marítimo operante en Galicia para que se poidan realizar debidamente os labores de prevención e control, ademais das de salvamento e loita contra a contaminación.
    5. Establecer normas de utilización de remolcadores, de forma que estes escolten ó barco con mercadorías perigosas ou contaminantes, desde a entrada da ría ata o seu atraque e con remolque firme ó buque.
    6. Promulgar nova normativa en materia de practicaxe, de maneira que, do mesmo modo que se está procedendo á que haxa buque que poida atracar sen axuda de práctico, aqueles outros considerados sub-estandar -que se clasificarían segundo das normas europeas- se lles obrigue a recoller ó práctico fóra das rías.
    7. Establecer unha rede de balizas-rádar (racones) que cubra todos os puntos característicos das entradas de cada ría.
    8. Mellorar a información meteorolóxica subministrada ós barcos, por exemplo, mediante sistemas automáticos de transmisión continua, similares ós ATIS (Automatic Terminal Information Service) de uso na aviación comercial.
    9. Dispoñer normas de control marítimo axudado (Advisory Control) de maneira que desde os centros de seguimento de tráfico marítimo se informe ós barcos das diversas circunstancias da navegación.
    10. Establecer procedementos normalizados de entrada e saída de portos e rías.
    11. Fixar requirimentos mínimos de equipos operativos para navegar por augas interiores.
    12. Designar puntos de fondeo dentro das rías ou nas proximidades dos portos, de maneira predeterminada.
    13. Que os novos petroleiros sexan dotados de sistemas duplicados de combustible, propulsión (dous motores en cámaras separadas) e goberno (dúas hélices, dous temóns).
    14. Que nos casos de accidentes de buques sub-estandar, os donos da carga sexan responsables das indemnizacións a que dese lugar o sinistro.
    15. Que se estudie a posibilidade de que os responsables da carga perigosa ou contaminante e o seu transporte, ou ben a súa aseguradora, en caso de accidente con consecuencias para o medio ambiente, estean obrigados a presentar nun prazo de 24 horas un Plan de limpeza e de reparación de danos, facéndose cargo dos gastos disto desde o principio, previndo, naturalmente, o seu resarcimento posterior, en caso de que se demostre que o accidente non fora da súa responsabilidade.
    16. Que as administracións marítimas melloren a calidade e profundidade das inspeccións do Estado Rector do porto, efectuadas ó amparo do Memorandum de París.
    17. Que se aplique a proposta da Comisión no caso Erika, para crear un fondo especial europeo de compensación polos danos causados pola contaminación.
    18. Que a Comisión Europea desbloquee todos os fondos posibles de compensación, e así mesmo se proceda a mobilizar os fondos FIPOL.
    19. Que a Comisión Europea posibilite o concurso de todos os instrumentos europeos posibles para as poboacións afectadas por sinistros, tales como Fondos Estructurais e o recentemente creado Fondo de Solidariedade.
    20. Que se continúe coa mellora dos medios de salvamento e loita contra a contaminación, segundo acordo no Plan Nacional de Salvamento Marítimo 2002-2005 aprobado polo Goberno, con especial atención a Galicia.
    21. Que a administración central artelle campañas de promoción de productos de pesca, da acuicultura e do marisqueo procedentes da nosa comunidade, facendo especial fincapé na calidade, seguridade e salubridade dos nosos productos.

3.- Amosarlles o recoñecemento público da Corporación Municipal ós traballadores e traballadoras do mar de Moaña, ós distintos colectivos sociais e voluntariado que nas últimas semanas deron unha lección de solidariedade e esforzo altruísta para defender as nosas rías e o principal medio de vida do noso Concello.

4.- Enviarlles este acordo tanto á Xunta de Galicia como ás administracións central e europea.

Moaña, 19 de decembro de 2002

PORTAVOZ PP

PORTAVOZ BNG

PORTAVOZ PSOE

PORTAVOZ EG"

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar a declaración institucional subscrita polo grupos municipais en relación co afundimento do buque Prestrige.

4.-APROBACIÓN DEFINITIVA ,SE PROCEDE, S/ESTUDIO DE DETALLE NA TRAVESÍA MONTENEGRO.

Dáse conta do expediente tramitado para a aprobación definitiva do Estudio de Detalle sobre definición de aliñación na esquina formada polas rúas Xunqueira e Montenegro neste centro urbano.

O dito Estudio de Detalle conta cos informes sectoriais preceptivos que son favorables a este, así como informe do secretario xeral do Concello e do técnico municipal e da Comisión Informativa, non se formularon alegacións ningunha durante o seu período de información pública.

Din textualmente os ditos informes como seguen:

INFORME DO SECRETARIO:

ASUNTO: APROBACIÓN DEFINITIVA DO ESTUDIO DE DETALLE NA TRAVESÍA DE MONTENEGRO.

ANTECEDENTES:

Trátase de Estudio de Detalle promovido polo Concello para a definición de aliñacións na esquina formada polas rúas avda. da Xunqueira-Travesía de Montenegro-Calella de Montenegro; aprobado inicialmente polo pleno da Corporación Local na sesión ordinaria realizada o día 30 de setembro 2002.

O dito acordo foi publicado por medio dun edicto no DOG núm. 165, do 9 de outubro e no Diario Atlántico; sen que se formulasen reclamacións durante o período dun mes de alegacións.

Simultaneamente se solicitan informes sectoriais a Costas de Galicia, Costas del Estado e Estradas de Galicia, os cales emiten informes en sentido favorables. Aínda han de terse unha serie de consideracións no informe emitido por Costas do Estado e da Xunta.

Igualmente emite informe favorable o arquitecto municipal.

Examinados os antecedentes anteriores, o secretario xeral do Concello, emite o seguinte

I N F O R M E

1.- Lexislación aplicable, art. 46 e 48 da Lei 1/97, do solo de Galicia e art. 23 e seguintes da Lei de Costas.

2.- Ante estas circunstancias o Pleno da Corporación pode aprobar definitivamente o Estudio de Detalle.

3.- Haberá de cumprirse o art. 48 da Lei 1/97 sobre a publicación do acordo de aprobación definitiva.

É canto debo informar, non obstante, a Corporación decidirá.

Moaña, 26 de novembro de 2002

O SECRETARIO"

INFORME DO TÉCNICO MUNICIPAL:

"Asunto.- Aprobación definitiva do Estudio de Detalle na travesía de Montenegro.- Tramitación iniciada coa proposta técnica redactada polo arquitecto municipal, non produce variacións no expediente polo que procede aprobarse definitivamente o presente Estudio de Detalle.

Dos informes sectoriais, tanto o da Consellería de Pesca e asuntos marítimos, Dirección Xeral de Recursos Mariños, rexistro de saída 14340, do 21 de novembro de 2002, como do Ministerio de Medio Ambiente-Dirección Xeral de Costas –Servicio Provincial de Costas de Pontevedra. Rexistro de saída 2994, do 25 de novembro de 2002, nos trasladan senllas observacións que non teñen incidencia directa sobre o estudio de detalle xa que este exclusivamente representa a liña de edificación exterior en planta baixa, non obstante se ben o E.D. non ordena VOS, as observacións feitas polos organismos mencionados deberán referirse o propio proxecto de obras que se someta a licencia de xeito que os VOS non deberan engadir servidume de protección no dominio público."

INFORME DE COMISIÓN INFORMATIVA:

"Extraordinaria de Urbanismo do 27.11.02.- O delegado de Urbanismo dálle conta á Comisión do expediente do Estudio de Detalle na travesía Montenegro para a súa aprobación definitiva, se procede, polo pleno da Corporación.

A Comisión queda ó corrente e manifestan que se pronunciarán na sesión do Pleno da Corporación do día 28 de novembro."

Como se atopa conforme á Lei a tramitación do presente expediente, o Sr. Abal Juncal concelleiro-delegado de Urbanismo proponlle á Corporación a aprobación definitiva do Estudio de Detalle.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda:

1.- Aprobar definitivamente o presente estudio de detalle.

2.- Publicar a través do DOG e nun diario de maior difusión da provincia o acordo adoptado.

5.- APROBACIÓN INICIAL, SE PROCEDE, S/ ESTUDIO DE DETALLE

NA RÚA VILA DE MADRID.

O Sr. Abal Juncal, delegado de Urbanismo proponlle á Corporación Local a aprobación inicial de Estudio de Detalle promovido pola Asociación Educativa Dalila, existe proxecto técnico redactado polo arquitecto D. Teodoro de Francisco Antes e que se refire á modificación do fondo edificable no edificio xa construído na rúa de Madrid neste centro urbano.

O dito Estudio de Detalle conta cos informes favorables do secretario xeral do Concello, técnico municipal e Comisión Informativa de Urbanismo, os cales respectivamente din como segue:

INFORME DO SECRETARIO,

"ASUNTO: APROBACIÓN INICIAL DE ESTUDIO DE DETALLE.

O delegado de Urbanismo solicítame informe sobre a aprobación inicial de Estudio de Detalle promovido por Asociación Educativa Dalila e que se refire á Modificación do Fondo Edificable no edificio xa existente na rúa Vila de Madrid, segundo o proxecto firmado polo arquitecto D. Teodoro De Francisco Antes.

O dito proxecto de Estudio de Detalle reúne todas as determinacións esixibles na Lei do solo de Galicia, así como o informe favorable do técnico municipal.

Polo tanto, non existe inconveniente ningún en que a Corporación Local aprobe inicialmente o dito Estudio de Detalle. O acordo de aprobación inicial deberá publicarse no DOG e BOP, de esixir informe sectorial algún, que parece non é o caso, haberá de solicitarse previa á aprobación definitiva

É canto debo informar, non obstante, a Corporación decidirá.

Moaña, 19 de decembro de 2002

O SECRETARIO"

INFORME DO TÉCNICO MUNICIPAL:

"Peticionario : Asociación Educativa Dalila; Asunto: Estudio de Detalle; Situación: Rúa Vila de Madrid-Moaña.

INFORME: Procede aprobar inicialmente o presente estudio de detalle. A proposta de prolongación de baixo e plantas inferiores ó interior do patio de cuarteirón da ordenanza 4 non interfire nas luces rectas das vivendas opostas. Todo iso de acordo co epígrafe 2.2.1.41. da norma.

Moaña, 17 de decembro de 2002.- O APARELLADOR MUNICIPAL"

INFORME DA COMISIÓN INFORMATIVA DE URBANISMO.

O delegado de urbanismo dálle conta á comisión do expediente do Estudio de Detalle na rúa Vila de Madrid para a súa aprobación inicial, se procede, polo Pleno da Corporación.

Dáse conta tamén do informe do aparellador municipal, Arturo Garrido, da data 17.12.02 que di:

"Procede aprobar inicialmente o presente estudio de detalle. A proposta de prolongación do baixo e plantas inferiores ó interior do patio de cuarteirón da ordenanza 4 non interfire nas luces rectas das vivendas opostas. Todo iso de acordo co epígrafe 2.2.1.41. da norma."

A Comisión queda ó corrente.

Moaña, 17.12.02.

O DELEGADO"

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda :

1.- Aprobar inicialmente o presente Estudio de Detalle.

2.- Publicar este acordo a través de edictos no DOG e BOP ou diario de maior difusión da provincia.

6.- MOCIÓN DO PSOE S/ VIVENDAS DE PROTECCIÓN OFICIAL.

Despois dunha breve introducción da moción, o Sr. Martínez Rodríguez le esta e di como segue:

 

"D. José Luis Leite Fraga, como voceiro do Grupo Municipal Socialista, presenta á consideración do Pleno do Concello de MOAÑA a seguinte,

MOCIÓN

Exposición de motivos:

0 Plan Parcial Rosal Sur e actualmente en desenvolvemento e outros que se poidan desenvolver no novo Plan Xeral permitiranlle ó Concello de Moaña dispoñer de varias parcelas municipais de solo urbanizable correspondentes ó 10% do aproveitamento público que contempla o citado plan. Este feito pode ser aproveitado polo Concello de Moaña para dar resposta a unha importante demanda social dirixida ás clases máis desfavorecidas, como é a construcción de vivendas de protección oficial de promoción pública VPO (vivendas sociais) destinadas a personas con rendas baixas, xoves e maiores que doutro xeito lles sería imposible acceder a unha vivenda digna a un prezo asequible, entre os 6 e 8 millóns de pesetas ( 360.000 e 480.000 euros), distando moito dos mesmos tipos de vivenda se son de promoción privada, o precio da cal chega a ser dobre. A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (I.G.V.S.) financia o 100% da construcción deste tipo de vivendas de VPO, só coa condición de que os concellos poñan a disposición do citado organismo os terreos para construír as vivendas. Os socialistas entendemos que se presenta unha oportunidade, de dispoñer de terreos públicos urbanizados para poñelos a disposición da Xunta de Galicia e facer as primeiras vivendas sociais VPO en Moaña.

Por todo o anteriormente exposto, propóñolle ó Pleno a adopción do seguinte,

A C O R D O:

Que o concello de Moaña poña a disposición da Xunta de Galicia os terreos correspondentes ó aproveitamento público dentro do Plan Parcial Rosal Sur, para que a través dun convenio co I.G.V.S. se poidan construír as primeiras vivendas de protección oficial de promoción pública en Moaña.

Moaña, 15 de outubro de 2002"

INTERVENCIÓNS:

O Sr. Abal Juncal, delegado de urbanismo, manifesta que se falou moito sobre o tema que pretende a presente moción e que unha vez dispoña o Concello de solar idóneo para iso, levarase a cabo o seu destino para a construcción de vivendas sociais, con toda prioridade.

O Sr. Leite Fraga recórdalle o grupo de goberno que na aprobación do orzamento ordinario do exercicio anterior plasmouse este compromiso, polo tanto rógalle ó grupo de goberno que lle dese prioridade ó solicitado na presente moción, unha vez que dispoña o Concello dun solar suficiente e adecuado.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar nos seus propios termos a moción presentada.

 

7.- MOCIÓN DO BNG S/ AMPLIACIÓN DO PORTO e FRANXA

COSTEIRA DE DOMAIO.

Le a moción o Sr. Regueira Gómez e di literalmente como segue:

" MOCIÓN DO BNG SOBRE AMPLIACIÓN DO PORTO E ACONDICIONAMENTO DA FRANXA COSTEIRA DE DOMAIO

Diante das necesidades do porto de Domaio, o sector mexilloeiro e outros colectivos demandaron de Portos de Galicia a realización dun proxecto de ampliación e mellora. Despois de moitas peripecias, o día 31 de marzo de 1998 foi publicado no DOG, para información pública, un proxecto para a realización de diversas obras. Durante os prazos legalmente establecidos foron presentadas alegacións por diversas asociacións relacionadas coas actividades marítimas e usuarios destas instalacións, así como outros colectivos, na que propoñen unha serie de correccións que dean solución ás necesidades reais sen que supuxesen unha agresión para o entorno. As propostas alternativas integradas nas alegacións son:

-Construcción e ampliación do peirao con pases de auga que permitisen a circulación das correntes mariñas.

-Conversión da rampla existente no peirao actual en zona de atraque e trasladar esta para a nova ampliación.

-Construcción dunha ampla rampla en Laxe Bagaña e substitucións dos diques por muros verticais.

-Canalización dos vertidos existentes na dársena para evitar a acumulación de terras e lixo, coa conseguinte perda de calado.

Todas estas demandas foron defendidas a mediados do ano 98 por representantes de diferentes colectivos e dos grupos con representación no Concello, diante do Director Xeral de Portos de Galicia en Santiago. Este comprometeuse a realizar as modificacións oportunas para proceder á realización das obras. Case cinco anos despois, todo segue igual, pois aínda que teñen figurado partidas económicas en diferentes orzamentos da Xunta de Galicia e "moitas promesas", a realidade é que non se coñecen exactamente as condicións nas que se levarían a cabo, nin os prazos de execución, se finalmente se chegan a realizar.

Do mesmo xeito, a Autoridade Portuaria de Vigo, tras xestións realizadas pola asociación de veciños, elaborou un anteproxecto de ordenación dos terreos do dominio público da fronte costeira entre o Porto e o Almacén. Hai un ano e medio, a Comisión de Urbanismo aprobou por unanimidade solicitar a introducción dalgunhas modificacións no proxecto definitivo. Pasado todo este tempo, seguimos sen ter noticias sobre este proxecto, a pesar de que non lle vai custar ó Concello nin un euro, o que nos fai sospeitar que non ten sido unha preocupación para o goberno municipal.

Con base en todo o exposto e para poder dar solución ás demandas dos veciños de Domaio, o grupo municipal do BNG solicítalle ó Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1.- Solicitarlle ó ente público Portos de Galicia que remita ó Concello:

a)Copia do proxecto modificado de ampliación e mellora do porto, rampla e dársena de Domaio.

b)Prazos previstos para a execución das obras así como orzamentos totais previstos.

2.-Dirixirse á Autoridade Portuaria de Vigo para pedirlle que:

a)Remita ó Concello o proxecto de ordenación da zona de dominio público entre o porto e o almacén en Domaio.

b)Unha vez que estea o proxecto no Concello, iniciar as xestións para acadar o financiamento necesario e establecer prazos para a execución das obras.

Moaña, 16 de novembro de 2002

Asdo. Serxio Regueira Gómez"

INTERVENCIÓNS:

O Sr. González González manifesta que xa se deron explicacións de cómo facer o peirao de Domaio, non existe inconveniente ningún en aprobar a moción aínda que recoñece que non hai calado suficiente no porto e ás veces hai que ir a San Adrián. Tamén hai que diferenciar entre peirao e rampla.

Sr. Martínez Rodríguez está totalmente de acordo co solicitado na presente moción; non é de recibo que unha obra desta importancia ó día de hoxe se descoñeza o seu proxecto e documentación achegada. Estanse facendo obras sen a correspondencia ordenación urbana , polo tanto, solicita do alcalde que solicite os proxecto técnicos das obras de Estación Marítima, Club Náutico, peirao de Domaio, etc, pois considera que o Concello nesta clase de obras debe dar a conformidade.

O Sr. Leite Fraga solicita do alcalde que solicite e dea a información precisa sobre o proxecto de ordenación da Xunqueira .

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda aprobar nos seus propios termos a proposta transcrita.

8.- MOCIÓN DO PSOE S/ MODELO DE FINANCIAMENTO LOCAL

9.- MOCIÓN DO BNG S/ FINANCIAMENTO DAS FACENDAS LOCAIS

Manifesta o alcalde que tendo en conta que tanto a moción presentada polo PSOE como a presentada polo BNG é análoga nas súas peticións, solicita de ambos os grupos que se debata conxuntamente ó cal se accede.

Di a moción do PSOE como segue:

"D. José Luis Leite Fraga, como voceiro do Grupo Municipal Socialista, presenta á consideración do Pleno do Concello de Moaña a seguinte MOCIÓN:

Exposición de motivos:

O Imposto de actividades económicas (IAE) é unha das fontes de ingresos propios nos orzamentos dos concellos. Así para o Concello de Moaña represente no orzamento de 2002 unha cantidade de 150.000 euros (25.000.000 ptas) e incluso os datos contables falan dunha recadación efectiva no orzamento de 2001 aínda superior, concretamente recadáronse 162.000 euros (27.000.000 ptas). Esa é a importancia do que representa o IAE para o Concello de Moaña. De aí que para os socialistas o actual proxecto de reforma das facendas locais presentado a través dun "decretazo" polo P.P. representa unha grave ameaza para o equilibrio financeiro dos concellos, sen que se presenten alternativas para compensar ese ingreso por parte do Estado. O único que propuxo o ministro de economía, Cristóbal Montoro, no Congreso dos Deputados, o pasado 2 de outubro é que os Concellos suban os impostos vía a creación de novos impostos como o IBI comercial. Os socialistas consideramos que esta reducción fiscal do PP non é mais que un engano, que lonxe de reducir os impostos o que fai é suprimir uns para determinados colectivos para crear outros a custa do conxunto de todos os contribuíntes. Nós apostamos por un Novo Modelo de Financiamento Local no que o Estado debe garantir a suficiencia financeira dos concellos potenciando o seu carácter nivelador e onde se teñan en conta os gastos adicionais asumidos polos concellos como consecuencia da prestación de servicios de titularidade doutras administracións e que na actualidade representan máis do 30% do gasto dos concellos.

Por todo o anteriormente exposto, propóñolle ó Pleno a adopción do seguinte ACORDO:

Que o Concello de Moaña demande do Estado un novo modelo de financiamento local dende o diálogo e a participación das CC.AA da FEMP e dos Grupos Parlamentarios, onde se garanta a suficiencia financeira dos concellos en coherencia co financiamento do conxunto das administracións públicas.

Moaña, 18 de novembro de 2002"

Di a moción do BNG como segue:

"MOCIÓN DO BNG SOBRE FINANCIAMENTO DA ADMINISTRACIÓN LOCAL .- Existe un amplo consenso sobre a insuficiencia dos recursos cos que contan os concellos para atender os servicios que prestan ós seus cidadáns e ás súas cidadás. Son factores responsables desta situación, entre outros:

-O nivel de competencias asumidas e non financiadas adecuadamente.

-A complexidade crecente nas demandas dos/as cidadáns/ás, que obrigan ás facendas locais a un sobreesforzo.

-A asunción de gastos doutras administracións como vía para a obtención de servicios de titularidade daquelas-conservatorios, bibliotecas...

-A reducción dos ingresos municipais, ben porque a evolución tecnolóxica erosiona as bases fiscais, ben polas exencións, de facto, determinadas pola Administración Central.

De igual xeito, é evidente a necesidade dunha reforma integral do sistema de reforzamento dos principios de autonomía e suficiencia financeira das Corporacións Locais.

Porén, o Proxecto de lei de reforma, presentado polo PP, lonxe de dar resposta a estes criterios, condena á asfixia económica á maior parte dos concellos galegos.

Así, a sempre reivindicada, polo BNG, eliminación do IAE para os pequenos e medianos empresarios/as e autónomos non leva aparellada a compensación para os concellos de menos de 100.000 habitantes, ou de capitais de provincia, marxinando aí aos/ás habitantes de 310 concellos de Galiza.

Tampouco ten en conta as demandas do municipalismo galego, canalizadas a través da FEGAMP, acerca dos criterios para determinar á transferencia na participación nos ingresos do Estado (PIE).

E mentres, para facer fronte ás necesidades do gasto, permite o incremento de impostos locais, como o Imposto de Bens Inmobles (IBI) ou o Imposto sobre Construccións, Instalación e Obras (ICIO). É dicir, traslada a carga fiscal dunha boa parte dos/as contribuíntes polo IAE a toda a cidadanía en xeral, en canto que suxeitos pasivos do IBI e dos outros impostos municipais.

Tendo en conta, pois que estamos ante unha lei que, ademais de incrementar a presión fiscal sobre a cidadanía, non vai corrixir as graves deficiencias dos sistemas de financiamento municipal, presentámoslle ó Pleno a adopción dos seguintes

A C O R D O S:

1.- Solicitar do Goberno do Estado que todos os concellos, calquera que sexa a súa poboación, poidan participar, en compensación pola eliminación do IAE, na cesión de recadación de impostos do Estado –IRPF, IVE e Impostos especiais – ata agora reservada ós concellos de máis de 100.000 habitantes e capitais de provincia.

2.- Solicitar do Goberno do Estado que nos criterios para determinar a transferencia pola participación nos ingresos do estado (PIE), se teñan en contra a superficie do concello, o asentamento disperso da poboación e que se pondere o peso relativo da poboación envellecida.

3.- Instar o Parlamento Galego a que elabore unha Lei galega de facendas locais.

4.- Enviarlles o presente acordo aos Grupos parlamentares do Congreso dos Deputados, do Parlamento Galego e á Xunta de Galicia.

Moaña, 16 de novembro de 2002

Asdo. Xosé M. Millán Otero."

 

INTERVENCIÓNS:

O Sr. Leite Fraga expón que co novo financiamento retira o IAE e esixe que se reciban os mesmos ingresos a través da nova lei.

O Sr. Millán Otero atópase de acordo co exposto polo Sr. Leite Fraga e abunda este imposto é totalmente inxusto; posto que todos os contribuíntes contribúen de igual forma desprezando os rendementos dos negocios de cada un. O máis certo é que non existe compensación ningunha, a ter en conta a especificidade para cada concello en galicia non é igual que para a meseta castelá.

Sr. Santos Lentes manifesta que na Lei de orzamentos para o 2003 as compensacións adicionais a Concellos menores de 15.000 habitantes fanse notar, pero no caso de Moaña municipio no arco de 15 a 20 mil habitantes, os seus prexuízos serán irremediables .

O Sr. Cordeiro Portela, concelleiro de Facenda, manifesta que a nova lei decide suprimir do IAE a 2.100.000 autónomos e pequenos empresarios e que non hai que esquecer que este imposto grava a actividade, non os seus beneficios, non cabe dúbida de que é unha importante fonte de ingresos para os concellos, no caso concreto de Moaña suponlle un tercio dos seus ingresos.

Indubidablemente o goberno compensará esta perda de ingresos incrementando o IAE a grandes empresas e impostos sobre móbiles e outros.

Por acordo da FEMP a este Concello compensaráselle e a outros análogos a través da participación e recursos locais; aprobado o proxecto de reforma das facendas locais o Ministerio de Facenda e a Fegamp, negociaran modelo de compensación de tal forma que considera improcedente a moción presentada.

No dereito de réplica, o Sr. Leite Fraga manifesta que como se descoñece a forma de compensación, o mais certo é que se perderán uns ingresos moi importantes.

O Sr. Millán Otero aclara que os puntos solicitados na súa moción están pactados anteriormente co partido popular e repite que a lei que se aprobe non ten especificidade para Galicia; non se dúbida de acordos co goberno central, pero ten que ter en conta especificamente os concellos galegos.

Por último, o Sr. Cordeiro Portela non ten dúbida de que a compensación por ingresos que desaparecen se percibirá de forma suficiente por outros conceptos .

O alcalde, dada a analoxía e petición das presentes mocións debatidas, solicita dos grupos que as presentan a anulación do seguinte parágrafo na parte dispositiva que aparece no punto primeiro da moción do BNG "na cesión de recadación de impostos do Estado – IRPF-IVE e impostos especiais-ata agora reservada ós Concellos de máis de 100.000 habitantes e capitais de provincia", desta forma o grupo de goberno apoiará a aprobación destas mocións. Presta a conformidade o BNG e PSOE .

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda:

1.- Solicitar do Goberno do Estado que todos os Concellos, calquera que sexa a súa poboación, poidan participar en compensación pola eliminación do IAE.

2.-Solicitar do Goberno do Estado que nos criterios para determinar a transferencia pola participación nos ingresos do Estado (PIE) se teña en conta a superficie do concello, o asentamento disperso da poboación e que se pondere o peso relativo da poboación envellecida.

3.- Instar o Parlamento Galego a elaboración e aprobación dunha Lei galega de facendas locais.

4.- Enviarlles o presente acordo ós grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados do Parlamento Galego e á Xunta de Galicia.

10.-MOCIÓN DE EULOXIO SANTOS S/ MELLORAS DA BAIXADA Á

BORNA.

Despois dunha breve introducción, o Sr. Santos Leites le a súa moción, o texto literal da cal di como segue:

"Euloxio Santos Leites, concelleiro de Esquerda de Galicia, propoño para o seu debate polo próximo Pleno da Corporación a seguinte

MOCIÓN:

A estrada de baixada ó barrio da Borna dende a comarcal 550 constitúe non só o acceso rodado para os veciños da Borna e do Latón, senón que tamén é o único acceso para varias importantes industrias: La Moa, Montajes Cancelas, Rodman, depuradora de mariscos e un restaurante. Estamos falando polo tanto dunha vía que ten unha elevada densidade de tráfico, tanto lixeiro como pesado (camións de servicio das factorías).

Pese a este elevado tráfico, que convive dificilmente cos peóns que a utilizan, o estado de conservación desta é bastante deficiente por varias razóns:

Por estas razóns é pola que propoño a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º.- Realizar a limpeza da maleza e corta das acacias existentes e que suporían perigo.

2º.- Reordenar o aparcamento na zona.

3º.- Acometer a instalación do tramo de iluminación pública que falta dende a empresa "La Moa" ata o cruzamento coa C-550.

Moaña, 22 de outubro de 2002

Asdo. Euloxio S. Leites

Concelleiro EdeG-OV"

INTERVENCIÓNS:

O Sr. Abal Juncal manifesta que o aparcamento na dita zona quedou en suspenso debido o preito existente entre Domaio e Meira, procurouse xestionar fórmula e intentarase executar o aparcamento.

O Sr. González González expón que antes de mellorar a iluminación pública haberá que talar varias árbores.

VOTACIÓN E ACORDO:

A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade, acorda aprobar nos seus propios termos a proposta transcrita.

11.-ROGOS E PREGUNTAS

O Sr. Millán Otero roga que se reparen os buratos existentes na rúa das Barxas, contestándolle o Sr. González González que na actualidade non hai asfalto pero que se levará a efecto esta reparación.

Igualmente roga que se repare a entrada de vehículos nos patios da escola de Verducedo.

Por último, o Sr. Moreira Piñeiro roga que se repare a rampla do colexio de Reibón, obra que se realizará na brevidade posible.

 

E, non sendo outro o obxecto, a Presidencia dá por rematada a sesión ás 23:00 horas do día fixado no encabezamento, de todo o que, como secretario DOU FE.