ACTA 14/2002
ACTA DE SESIÓN EXTRAORDINARIA DO PLENO REALIZADO O DÍA 30 DE DECEMBRO DE 2002
ORDE DO DÍA:
1.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA.
2.- DAR CONTA DA APROBACIÓN DA LIQUIDACIÓN DO
ORZAMENTO DO PADROADO BEIRAMAR DO EXERCICIO 2001
3.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, S/ CONTA XERAL DO ORZAMENTO DO CONCELLO 2001.
4.- APROBACIÓN INICIAL, SE PROCEDE, S/ ORZAMENTO ORDINARIO DO CONCELLO E PADROADO BEIRAMAR 2003.
5.- APROBACIÓN, SE PROCEDE, S/ PREGO DE CONDICIÓNS DO
CONCURSO PARA ADXUDICAR OS SERVICIOS DE AUGA
POTABLE, DEPURACIÓN E AUGAS RESIDUAIS.
ASISTENTES:
Sr. alcalde: D. JAVIER BARREIRO TENORIO
CONCELLEIROS:
D. Javier Abal Juncal
D. Alberto Currás Piñeiro
D. José Manuel Cordeiro Portela
Dª María C. Costas Gayo
Dª. María Sonia Costa González
D. José González González
Dª. Carmen Sotelo Pena
Dª. Carmen Entenza Domínguez
D. Osbaldo Martínez Couso
D. Julio Martínez Rodríguez
D. José Luis Leite Fraga.
D. Xosé Manuel Millán Otero
Dª. Isabel Lorenzo Martínez
D. Rosendo Moreira Piñeiro
D. Serxio Regueira Gómez
D. José E. Santos Leites.
Secretario: D. Felipe Fermoso Valdés
Na casa do concello de Moaña, o 30 de decembro de 2002, reúnense os devanditos señores baixa a presidencia do Sr. alcalde, D. Javier Barreiro Tenorio, asistidos por min, o secretario, coa finalidade de realizar o Pleno Extraordinario da Corporación, anunciado para o día de hoxe ás 20:00 horas, en primeira convocatoria.
A Presidencia declara aberta a sesión ás 20:25 horas.
1.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA.
A Corporación queda ó corrente.
2.- DAR CONTA DA APROBACIÓN DA LIQUIDACIÓN DO ORZAMENTO DO PADROADO BEIRAMAR DO EXERCICIO 2001
O alcalde exponlle á Corporación que a través de Resolución do día 16 deste mes dispuxo a aprobación da liquidación do orzamento do Padroado Beiramar, exercicio 2001.
INTERVENCIÓNS:
Sr. Millán Otero pregunta como se presentou con tanto atraso a dita liquidación e non se fixo coa do Concello.
O interventor informa de que tanto unha como outra liquidación poden presentarse por separado, pois son independentes conforme o determina o art. 193 da lei 39/88 de facendas locais.
O Sr. Cordeiro Portela manifesta que o responsable deste atraso non é outro que o secretario interventor do padroado.
A oposición replícalle ó responsable de Facenda no sentido de que non existe máis responsable neste atraso que o propio presidente do padroado.
3.-APROBACIÓN, SE PROCEDE, S/ CONTA XERAL ORZAMENTO DO CONCELLO 2001.-
O alcalde dálle conta á Corporación do expediente onde consta a elaboración da Conta Xeral do Concello correspondente ó exercicio 2001; á dita conta déuselle información pública a través de edicto no BOP e non se presentaron alegacións contra ela, tendo en conta que o expediente é coñecido polos membros da Corporación, proponlle ós asistentes a súa aprobación.
INTERVENCIÓNS:
O Sr. Santos Leites pensa que non se pode aprobar a conta xeral do orzamento ó atoparse incompleta, é dicir, falta a conta xeral do padroado Beiramar da liquidación da cal dáse conta no día de hoxe. Cre que se houbese alegacións á conta xeral do Padroado e estas foran estimadas, a conta xeral do Concello quedaría invalidada, polo tanto a Conta Xeral do Concello non pode aprobarse nesta sesión.
O Sr. Cordeiro Portela non dubida sobre a legalidade da proposta e en todo caso solicita do secretario ou interventor que se pronuncie sobre ela. Manifesta o secretario que o amparo no disposto no art. 193 da Lei 39/88 de facendas locais considera que non hai inconveniente ningún en aprobar a conta.
VOTACIÓN E ACORDO
A Corporación, en votación ordinaria e por 10 votos a favor (Sres. Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena, Martínez Couso, Costa González e Entenza Domínguez do PP) un en contra (Sr. Santos Leites) e seis abstencións (Srs. Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; e Sres. Leite Fraga e Martínez Rodríguez do PSOE) acorda aprobar a Conta Xeral do Orzamento do Concello correspondente ó exercicio 2001.
4.- APROBACIÓN INICIAL, SE PROCEDE, S/ ORZAMENTO ORDINARIO DO CONCELLO E PADROADO BEIRAMAR 2003
O Sr. Cordeiro Portela, concelleiro de Facenda, presenta o documento no que resalta que o importe deste ascende a 7,2 millóns de euros, detalla seguidamente artigos de gastos e conceptos de ingresos e continúa coa relación de obras que hai para executar comprendidas neste.
Manifesta que o documento se atopa con informe favorable do interventor consolidando o equilibrio orzamentario de igual forma que nos exercicios 2001 e 2002 cunhas liquidacións que arroxan superávit e, como máis importante, vaise corrixindo o déficit causante do endebedamento actual.
O Sr. Millán Otero quere, en primeiro lugar, felicitar ó concelleiro delegado de Facenda polos resultados económicos do exercicio 2001 e presentar o orzamento do 2003 no presente mes; sen embargo, existe no mesmo deslices e desatencións polo que debe cualificar o orzamento de fantasioso.
O interventor municipal advirte de que hai que modificalo rapidamente. Descoñece o ingreso polo IAE; coa privatización da auga tamén se modificará ou afectar a ingresos. Existe desequilibrio nos ingresos, por tanto, non se pode incluír gastos como así se advertiu en comisión informativa. En canto a ingresos e gastos por conta da mancomunidade, recoñécese certa diferencia en gastos por importe de 300.000 euros; desfase que hai que recoñecer na correspondente partida.
Igualmente os tres concellos mancomunados deben aboar subsidiariamente o importe de 87.000.000 de pesetas polo modificado.
Antes de proceder á confección de documentos, debeu existir comunicación entre o grupo de goberno, oposición, interventor e como non foi así o orzamento está desequilibrado, é fantasioso, non ten ideas novas nin prosperará no futuro, proba diso é que o Plan xeral de ordenación xeral non se aboará cantidade ningunha por conta do Concello.
O Sr. Martínez Rodríguez manifesta que este orzamento é copia do exercicio 2002, despois de facer un pequeno detalle deste, o cualifica de inchado e pouco realista. Falta consignación para as obras de piscina, casa de saúde, Casa de Cultura de Meira e vivendas sociais, o único que abunda é o asfaltado, polo tanto votará en contra do documento.
O Sr. Santos Leites manifesta que os orzamentos son copia exacta dos do exercicio anterior. Son continuístas, inflados, con ingresos irreais e carentes de obxectivos políticos; desaparecen partidas de gastos necesarios e, sen embargo, continúan outras carentes de importancia. Desaténdese a obra da Casa de Cultura de Meira e a nave de servicios; tamén debería de collerse ingresos e gastos pola catástrofe do Prestige, e por último resalta que non existe ingresos procedentes doutras manifestacións .
O Sr. Cordeiro Portela replícalles ós intervenientes para dicirlles que non manexan datos con rigor, pois o IAE será compensado polo Estado, en conclusións son uns orzamentos realistas con política de reducir o endebedamento como así queda avalado polo informe do interventor.
O Sr. Regueira Gómez critica que no documento o cadro de persoal atópase incompleta e recorda que a Deputación ten unha débeda histórica co Concello de Moaña.
Despois das intervencións realizadas o alcalde manifesta que os orzamentos se atopan con informe favorable e polo tanto que se proceda á súa votación.
VOTACIÓN E ACORDO:
A Corporación, en votación ordinaria e por 10 votos a favor (Sres Barreiro Tenorio, Currás Piñeiro, Cordeiro Portela, Abal Juncal, Costas Gayo, González González, Sotelo Pena, Martínez Couso, Costa González e Entenza Domínguez do PP) sete en contra (Sres: Millán Otero, Moreira Piñeiro, Lorenzo Martínez e Regueira Gómez do BNG; Srs. Leite Fraga e Martínez Rodríguez do PSOE e Eulogio Santos Leites) acorda:
1.- Aprobar o Orzamento xeral do Concello e do Padroado Beiramar do exercicio 2003 de forma inicial.
2.- Aprobar os documentos anexos, complementarios e inseparables de ambos os orzamentos.
3.- Publicar o dito acordo no BOP para que por termo de 15 días hábiles se poidan formular as reclamacións que se consideren oportunas contra o este.
5.- APROBACIÓN , SE PROCEDE, S/ PREGO DE CONDICIÓNS DO CONCURSO PARA ADXUDICACIÓN DO SERVICIO DE AUGA POTABLE, DEPURACIÓN E AUGAS RESIDUAIS.
El alcalde informa a Corporación sobre as intencións do grupo de goberno APRA a privatización do Servicio de auga, saneamento e depuración; que para iniciar o expediente é necesario aprobar o prego de condicións económico administrativas e técnicas que deberá rexer o concurso para a súa adxudicación e firma de contrato.
O prego de condicións referido é coñecido de todos os membros desta Corporación Local e propón a aprobación deste para continuar co expediente de adxudicación .
O dito prego di como segue: (debido á extensión deste, 50 follas, non se transcribe na presente acta)
No obstante, transcríbense os seguintes anexos sobre o persoal para asumir polo adxudicatario e as débedas que ten que asumir este, os textos do cal din como segue:
ANEXO I
PERSOAL PARA ASUMIR POLO ADXUDICATARIO:
1.-
NOME E APELIDOS: Javier Gil Collazo
DNI: 76.835.016-C
ENDEREZO: Verducedo, 3-Moaña
CONDICIÓN LABORAL: Persoal laboral fixo.
CARGO: Fontaneiro-oficial de 1ª
DATA DE INGRESO: 01 de xaneiro de 1980
TRIENIOS: 7
RETRIBUCIÓN ANUAL SEGUNDO O ORZAMENTO DO 2002:
|
SALARIO |
ANTIGÜIDADE |
COMPLEM. EXTRASAL |
INCENTIVO PRODUCT. |
PRIMA PUNTUAL. |
PAGAS EXTRAS |
TOTAL |
|
11.695,07 € |
1.363,58 € |
6.364,50 € |
512,64 € |
319,31 € |
3.290,41 € |
23.545,51 € |
CUSTE COTA PATRONAL SEGURIDADE SOCIAL: 8.706,49 €
2.-
NOME E APELIDOS: Jesús Rodríguez Piñeiro
DNI: 76.804.414-P
ENDEREZO: Broullón, 14-Moaña
CONDICIÓN LABORAL: Persoal laboral fixo
CARGO: Fontaneiro
DATA DE INGRESO: 01 de setembro de 1982
TRIENIOS: 6
RETRIBUCIÓN ANUAL SEGUNDO ORZAMENTO DO 2002:
|
SALARIO |
ANTIGÜIDADE |
COMPLEM. EXTRASAL |
INCENTIVO PRODUCT. |
PRIMA PUNTUAL. |
PAGAS EXTRAS |
TOTAL |
|
10.968,50 € |
1.003,26 € |
1.303,78 € |
0 € |
319,31 € |
2.265,81 € |
15.860,66 € |
CUSTO COTA PATRONAL SEGURIDADE SOCIAL: 6.441,90 €
3.-
NOME E APELIDOS: Jesús Pereira Barreiro
DNI: 35.265.765-A
ENDEREZO: Lameira, 82-Abelendo-Moaña
CONDICIÓN LABORAL: Persoal laboral fixo
CARGO: Lector-operario
DATA DE INGRESO: 03 de novembro de 1983
TRIENIOS: 3
RETRIBUCIÓN ANUAL SEGUNDO ORZAMENTO DO 2002:
|
SALARIO |
ANTIGÜIDE |
COMPLEM. EXTRASAL |
INCENTIVO PRODUCT. |
PRIMA PUNTUAL. |
PAGAS EXTRAS |
TOTAL |
|
10.242,02 € |
877,91 € |
1.196,41 € |
123,83 € |
319,31 € |
2.105,94 € |
14.865,42 € |
CUSTO COTA PATRONAL SEGURIDADE SOCIAL: 6.132,16 €.
4.- RESUME DO CUSTE:
|
NOME |
TOTAL RETRIBUCIÓN ANUAL |
TOTAL SEGURIDADE SOCIAL |
TOTAL |
|
Javier Gil Collazo |
23.545,51 € |
8.706,49 € |
32.252,00 € |
|
Jesús Rodríguez Piñeiro |
15.860,66 € |
6.441,90 € |
22.302,56 € |
|
Jesús Pereira Barreiro |
14.865,42 € |
6.132,16 € |
20.997,58 € |
|
TOTAL |
75.552,14 € |
ANEXO II
DÉBEDAS DO CONCELLO PARA ASUMIR POLO ADXUDICATARIO
1.- ACREDOR SERAGUA:
Referencia da débeda: 31 de xullo de 2002
|
ANO |
EUROS CON IVE |
|
1991 |
25.368,84 € |
|
1992 |
68.803,44 € |
|
1993 |
64.294,57 € |
|
1994 |
54.801,50 € |
|
1995 |
89.839,03 € |
|
1996 |
92.807,78 € |
|
1997 |
106.564,16 € |
|
1998 |
124.340,75 € |
|
1999 |
115.045,29 € |
|
2000 |
109.965,85 € |
|
2001 |
127.246,64 € |
|
2002 |
79.068,45 € |
|
TOTAL |
1.058.146,30 € |
2.- ACREDOR AUGAS DE GALICIA:
Referencia da débeda: Período 01 de febreiro de 1996 a 31 de decembro de 2002:
3.- ESPINA Y DELFÍN S.L.:
Referencia da débeda: 31 de decembro de 2000
- Principal: 205.348,38 €
- Intereses: 86.440,29 €
- Total: 311.810,13 €
4.- TOTAL DÉBEDAS QUE HAI QUE ASUMIR: 1.429.412,90 €
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA
1.- PADRÓN ACTUALIZADO DE AUGAS
2.- FACTURACIÓN DOS CATRO ÚLTIMOS TRIMESTRES:
3º Trimestre ano 2001; importe: 84.911,01 €
4º Trimestre ano 2001; importe: 72.630,24 €
1º Trimestre ano 2002; importe: 84.482,92 €
2º Trimestre ano 2002; importe: 88.040,91 €
TOTAL: 330.065,08 €
3.- FACTURACIÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA DE BOMBAS:
Saneamento e depuradoras: 13.908,92 €
Augas: 28.372,79 €
4.- CUSTE DE MATERIAL: Período 01 de xullo de 2001 a 30 de xuño de 2002
Total: 2.207,93 €
O presente prego atópase co informe favorable do secretario e do interventor municipal, os informes dos cales din como segue:
INFORME DO SECRETARIO:
"Asunto:
PREGO DE CONDICIÓNS PARA A ADXUDICACIÓN MEDIANTE CONCURSO DA XESTIÓN DO SERVICIO DE ABASTECEMENTO DE AUGAS, SANEAMENTO E DEPURACIÓN DE AUGAS.
En cumprimento do ordenado polo alcalde e de acordo co disposto no artigo 54 do TRRL, emítese informe con base nos extremos que se precisarán nos seguintes
ANTECEDENTES:
Primeiro.- O Servicio de auga domiciliario con carácter obrigatorio sendo da competencia municipal o ben que presta directamente o Concello de Moaña, asumindo competencias que lle confire a Lei 7/85, do 2 de abril, tralo dereito á percepción da taxa establecida para o efecto autorizada pola súa Ordenanza Fiscal.
Segundo.- En canto á depuración e tratamento de augas residuais, prevese a entrada en funcionamento da nova depuradora de augas.
Terceiro.- É desexo do grupo de goberno que tanto o abastecemento de auga como a depuración se xestione de forma indirecta a través dunha concesión; este servicio adxudicarase tras asinar contrato e trala adxudicación a través dun concurso aberto, cun prego de condicións económica-administrativas e técnicas que é obxecto deste informe.
Con base en canto antecede, a Secretaría Xeral do Concello emite o seguinte
INFORME:
1.- Lexislación aplicable: artigos 22.2.f), 47.3.e), 85 e 86 da Lei 7/85, do 2 de abril, artigos 154 e seguintes do RDL 2/2000, do 16 de xuño, que aproba a Lei de contratos das administración públicas e o seu regulamento aprobado por RD 1098/2001, do 12 de outubro nos seus artigos 180 e seguintes e por último o disposto nos artigos 48 e seguintes do RDL 2/2000 e 66 e seguintes do seu regulamento en canto ó prego de condicións e prescricións técnicas.
2.- É atribución do Pleno da Corporación conforme determina o artigo 22.2.f) da Lei 7/85 a aprobación da xestión indirecta deste servicio a través da concesión, ratificado no artigo 85.4.a) do mesmo corpo legal e artigos 156.1 de Lei de contratos das administracións públicas que o corrobora.
3.- En canto ó prego de condicións económicas e prescricións técnicas que ha de rexer o concurso para a adxudicación do servicio haberá de estarse ó disposto no artigo 48 e seguintes do RDL 2/2000 e 66 do seu regulamento. O contrato terá unha duración determinada non superior a 25 anos, admítense prórrogas sempre que estas non superen a dita duración (Art. 157 da L.C.A.P.).
4.- Sería conveniente que o interventor municipal emitise informe preceptivo en relación co procedemento inicial.
CONCLUSIÓN:
Con esta exposición elemental conclúese que non hai inconveniente legal na aprobación do prego de condicións económico-administrativas e prescricións técnicas, co quórum establecido no artigo 47.3.e) da Lei 7/85 continuando co procedemento establecido na Lei de contratos das administración públicas ata o asinamento do contrato pola empresa que resulte adxudicataria da concesión.
Moaña, 27 de decembro de 2002
O SECRETARIO XERAL"
INFORME DO INTERVENTOR:
"SERVICIO DE ABASTECEMENTO DE AUGAS, SANEAMENTO E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS.
"CONCURSO PARA A ADXUDICACIÓN DO SERVICIO
Lexislación aplicable:
INFORME:
Os municipios están obrigados a prestarlles ós seus cidadáns, entre outros, os servicios de abastecemento domiciliario de auga potable e saneamento. Artigo 26 da Lei de bases e réxime local.
1.- A prestación do servicio pode facerse de forma directa, como na actualidade, ou por xestión indirecta a través da figura da concesión como pretende o grupo de goberno.
2.- A contratación do servicio debe facerse previo expediente, no que se ha de cumprir os trámites regulamentarios establecidos na lei e regulamento de contratos das administracións públicas.
O expediente pode tramitarse por procedemento ordinario ou de urxencia. En principio, enténdese que o procedemento que se vai utilizar debe ser o de tramitación ordinaria.
A adxudicación debe efectuarse tamén polo procedemento aberto, non restrinxido nin negociado, e dicir, que todo empresario interesado con capacidade, experiencia e solvencia acreditada poderá presentar a súa proposición.
Este procedemento haberá de efectuarse polo sistema de concurso porque a selección do empresario adxudicatario non se efectuará atendendo exclusivamente á oferta co prezo máis baixo, senón tamén a outras consideracións como a experiencia, solvencia, mellor organización, etc...
3.- O documento base do concurso é o Prego de condicións que ha de conter todas as condicións técnicas e administrativas establecidas na lei e no regulamento.
Deberá expoñerse ó público pero a súa exposición pode ser simultánea.
4.- Desde o punto de vista orzamentario, a adxudicación dará lugar a modificacións no estado de ingresos e gastos dado que o Concello recibirá o montante total da facturación pero deberá pagar o canón do adxudicatario, e nos gastos non deberá afrontar o prezo da auga e os custes do persoal transferido.
CONCLUSIÓN:
Examinado o Prego de condicións, emito informe favorable deste por incluír as determinacións regulamentarias, así como a convocatoria do concurso por axustarse ó marco legal.
Moaña, 30 de decembro de 2002
O interventor"
INTERVENCIÓNS:
O Sr. Currás Piñeiro, delegado de persoal, manifesta que os tres laborais afectados pola privatización aceptaran as condicións de traballo que se lles ofrece.
O Sr. Millán Otero di que non se explica cómo se pode levar un expediente desta importancia tan mal, negóciase a última hora cos traballadores, non existe debate técnico, consenso político nin aparecen os informes técnicos que o aconsellen. O prego de condicións está cheo de deficiencias, entre outras, non existe representante de EdeG na mesa de contratación .
Solicita que se deixe pendente o asunto para os efectos de lograr consenso e mellorar o prego de condicións que ha de pasar pola Comisión Informativa cos informes correspondentes antes de volver ó Pleno.
Presenta prego de condicións, co rogo de que conste en acta os efectos de mellorar o que se consensúe, o dito prego di como segue:
"ASUNTO: PREGO DE CONDICIÓNS TÉCNICAS E ECONÓMICO-ADMINISTRATIVAS PARA A PRIVATIZACIÓN DO SERVICIO DE AUGAS DE MOAÑA
O PP parece estar empeñado en aprobar en solitario, sen contar cos demais grupos municipais, a privatización do servicio de augas, saneamento e depuración. E xa que lles fai ilusión, non imos ser nós os que lles levemos a contraria. Aprobarano, polo tanto, en solitario.
Hai máis dun ano que se leva anunciando esta privatización. Sen embargo, a documentación básica entregóusenos hai unha semana como un asunto feito e acabado, sen posibilidades de discusión nin de chegar a un mínimo consenso, a pesar de ser un tema que vai afectar ó funcionamento do concello durante 25 anos, non só a esta Corporación e a este goberno, senón tamén a moitos outros que virán detrás.
Estamos por asegurar que nin o propio goberno municipal co alcalde e o delegado de Facenda á cabeza coñecen o que di o prego de condicións, que pasou da impresora do interventor á Comisión Informativa sen que ninguén lle botase unha simple lectura. Só así se poden explicar algúns erros que calquera podería detectar e corrixir, como cualificar de "persoal funcionario" os traballadores municipais adscritos ó servicio, ou a fórmula de revisión de prezos, que tal como está expresada non a entendería nin Hopkins. Vostedes limitáronse a copiar –mal copiado, por certo- a documentación dalgún outro Concello –podería ser o de Bueu, que privatizou a auga cun prego de condicións case idéntico a este- e aínda por enriba foron capaces de empeoralo, ó restarlle transparencia e capacidade de control municipal sobre o servicio.
Para o BNG, isto representa unha tremenda falta de seriedade e responsabilidade, por canto estamos falando dun servicio básico para os veciños de Moaña, e dunhas infraestructuras que se poden valorar en máis de 15 millóns de euros, que vostedes van regalar alegremente. Non tiveron nin sequera a elegancia de permitir que se debatese o prego en comisión informativa cos grupos municipais, escoitando as súas posibles achegas; pero, aínda máis grave, nin sequera tiveron a decencia de sentarse co Comité de Persoal e cos tres traballadores afectados, a situación laboral dos cales vai verse substancialmente modificada.
Tampouco se presenta no expediente de privatización ningún informe técnico e económico que avale a necesidade da xestión indirecta do servicio e recomende as condicións de prestación máis beneficiosas para o Concello e os usuarios. Para vostedes os servicios municipais –e o persoal que os realiza- son unha especie de "morto" que hai que pasarlles a outros o máis rápido posible, porque lles cheiran, ou enterralo canto antes. Xa o fixeron co servicio de recollida do lixo –e agora estamos pagando as consecuencias. Por iso decidiron privatizalo todo: os mananciais e captacións, a conducción de augas, a instalación e mantemento da rede, os sumidoiros, a depuración... E por se fose pouco a xestión financeira: a lectura de contadores, a expedición de recibos, a cobranza... E dalgunha maneira, tamén a fixación das taxas municipais pola prestación do servicio, dado que aínda que teoricamente terán que ser aprobadas polo Pleno da Corporación, en realidade van ser dictadas pola concesionaria.
Entre todo ou nada podía haber fórmulas intermedias: se o problema para a xestión directa era a depuradora, era ese o problema que había que resolver, e non converter nun problema todo o demais. E en calquera caso, o que non ten xustificación de ningún tipo é que vostedes privaticen a recadación e o control financeiro do servicio.
Ademais dos estudios económicos que non se fixeron, o prego debería ir acompañado dunha proposta de ordenanza para a xestión dos servicios. Ó non obrar así, vostedes están unicamente aprazando as grandes preguntas da privatización para que as respondan os que veñan detrás.
Por exemplo, ¿cómo se vai distribuír a carga financeira dunha forma equitativa entre os veciños e ó mesmo tempo garantindo o equilibrio financeiro da concesión? ¿Fixáronse vostedes na diferencia entre o padrón de usuarios do servicio de augas , 3690 aproximadamente, e do servicio de sumidoiros, máis de 6000? ¿Cómo se vai medir a taxa de depuración? ¿Polo consumo de auga, medido nos contadores de entrada ás vivendas? ¿Entón quen imos pagar a depuración? ¿Os que consumimos a auga municipal, que pagaremos a nosa e a de todos os que teñen outras fontes de subministración?
Outra pregunta do millón: ¿Canto vai desembolsar de termo medio cada veciño polos servicios de augas, sumidoiros e depuración? ¿Por qué no prego se ocultan as tarifas de referencia? ¿Tanto medo lles dá dicirlles ós veciños que os recibos case se van triplicar, que quen agora paga 100 euros anuais o ano que vén vai pagar 300? ¿Cando pensan dicirllo ós veciños?
Os estudios previos e a redacción dunha nova ordenanza dos servicios permitiríannos non ir ás cegas á privatización, pero vostedes preferiron non facer nada, botarse á piscina sen saber se ten auga e que os que veñan detrás remenden os seus descosidos.
Con este panorama non lle debería estrañar a ninguén que a privatización dos servicios de augas acabe de forma tan escandalosa coma a privatización do lixo: cun servicio deficiente, unha empresa que en lugar de concesionaria parece a propietaria do cotarro e fai e desfai á súa conveniencia, e unha débeda municipal incontrolable.
Pero a pesar deste comezo tan pouco alentador, o BNG non renuncia a que cambien de actitude e acepten aínda o diálogo e buscar unha solución consensuada, a ser posible entre todos os grupos da corporación. Por iso, tomámonos o traballo de ler con sumo detalle o prego de condicións que se somete á aprobación e facémoslles as seguintes propostas ou suxestións. Algunhas son simples erros formais, pero que amosan con claridade o pouco rigor con que están levando o proceso de privatización; outras teñen maior calado e supoñen cambiar un pouco o "chip" e non ir a piñón fixo coa idea –falsa- de que "todo o privatizado funciona mellor". Outras, finalmente, consideramos que melloran substancialmente o prego de condicións, facilitan o control do servicio e permiten unha xestión máis transparente para os usuarios. De vostedes depende tomalas en consideración:
PROPOSTAS DE MODIFICACIÓN Ó PREGO:
1.-Retirar do prego de condicións a privatización da xestión financeira e recadación do servicio, que seguiría facéndoa directamente o Concello.
2.-Fixar no prego as tarifas básicas, susceptibles de mellora por parte das empresas concorrentes. Nestas tarifas debe figurar tamén, para ser valorado conxuntamente, o prezo das acometidas de auga e sumidoiros e instalación de contadores, e non só o consumo.
3.-Modificar o baremo de adxudicación primando a proposta de tarifas sobre os outros criterios. Así mesmo, reducir a valoración das melloras propostas polos concorrentes, posto que estas en última instancia benefíciano a el mesmo, ó ampliar o número de usuarios e polo tanto as ganancias. Por outra parte, o apartado d) está xa incluído no apartado c) ("melloras nas condicións estipuladas polo prego") e polo tanto estariamos valorando dúas veces o mesmo concepto. O BNG propón o seguinte baremo: supresión do apartado d); apartado a): 20%; apartado b): 50%; apartado c): 30%. Así mesmo, debe especificarse que as melloras que supoñan investimentos por ampliación da rede ou adquisición de infraestructuras deben suxeitarse a un aval económico esixible no momento da sinatura do contrato.
4.-Retirar da proposta a subrogación do persoal ata negocialo co Comité de Persoal. O BNG considera que hai outras fórmulas máis acaídas e seguras para os traballadores. En concreto propón a seguinte:
"a) O Concello adscribirá á empresa adxudicataria do servicio o persoal municipal que actualmente vén prestando servicios no abastecemento de augas, segundo a relación que se achega.
b) Os traballadores adscritos prestarán os seus servicios na empresa adxudicataria, baixo a súa dirección, respectando o Concello integramente os dereitos derivados da súa relación laboral coa Administración Municipal, polo que dependerán da nova empresa en canto a traballo e organización, prestando as tarefas propias dos seus respectivos postos de traballo.
c) O persoal municipal adscrito á nova empresa percibirá as súas retribucións e demais prestacións regulamentarias directamente do Concello e, rematada a xestión indirecta do servicio pola empresa adxudicataria, o persoal referido readscribirase, se procedese, ós seus postos no cadro de persoal.
d) Os gastos deste persoal municipal incluiranse nos custes de explotación que oferten as empresas licitadoras, sendo aboados directamente polo Concello e deducíndose o seu importe dos pagos á concesionaria; as gratificacións por horas extraordinarias ou outros incentivos que puidese outorgarlles a empresa concesionaria serán tamén por conta desta".
5.-Que se inclúa na Mesa de Contratación ó representante de Esquerda de Galicia. Xa sabemos que deixalo fóra non foi ningunha maldade política: simplemente que non se molestaron en corrixir un prego copiado dun Concello onde este grupo non tiña representación.
6.- Creación dunha Comisión de Seguimento e Control do Servicio, presidida polo alcalde e constituída polo delegado da área, un representante de cada grupo político da Corporación, un técnico nomeado polo Concello, o responsable do Servicio Municipal de Augas de Moaña e dous técnicos designados por este.
7.-Endurecemento do réxime de sancións que na proposta son cantidades ridículas. Noutros concellos similares ó noso, o réxime de sancións é máis elevado. Proponse:
a) Para falta leves, ata 1.000 euros. (a proposta inicial son 500).
b) Faltas graves: entre 1001 e 15.000 euros (agora, entre 500 e 3.000).
c) Faltas moi graves: entre 15.001 e 60.000 euros (agora entre 3.000 e 5.000).
8.-Contemplar a posibilidade de que o Concello, previo expediente contradictorio se fose preciso, obrigue á empresa concesionaria a realizar obras de mantemento e reparación por causa xustificada.
9.- Eliminar a referencia (art. 25,1,h) ós pagos por parte do Concello do transporte dos residuos sólidos e semisólidos da rede de sumidoiros, cando haxa que trasladalos a máis de 15 k.. Debe ser responsabilidade exclusiva da empresa concesionaria.
10.-No art. 31.3 incluír a posibilidade de recurso de reposición ante a Alcaldía, en caso de desconformidade por parte do aboado cos recibos que lle sexan estendidos polo concesionario.
11.-No art. 32.4, a), ampliar o período de cobro voluntario a 2 meses, como é actualmente, e non 45 días. Reforzar as medidas de control e seguimento sobre os listados e procedementos de xestión do cobro, que neste proxecto son practicamente nulos.
12.-Contemplar a obriga (art. 40) por parte do concesionario de dispor dun Libro de Reclamacións ó público, sometido a control periódico polo Concello, e a obriga de tramitar nun breve prazo todas as reclamacións producidas.
13.-Art. 42.2: aumentar a 600.000 euros (¡proponse 30.000!) o capital mínimo do seguro obrigatorio para responder dos danos e perdas ocasionados na xestión do servicio. Obrigar tamén ó aseguramento contra incendios, inundacións, etc., de todos os bens afectados ó servicio.
14.-Art. 48.2: a fórmula de revisión dos prezos do servicio, tal como está enunciada, é incomprensible e inaplicable. Trátase dun erro de transcrición, pero mellor corrixila porque as empresas poden escachar de risa ou volverse tolas intentando descifrala. Corrixir de paso o art. 47.5. Nesta proposta o termo independente é f (non e) posto que con esta letra sinálase un epígrafe inexistente no documento-base que foi copiado: "coeficiente de ponderación do factor compra de auga".
15.-Art. 47: engadir un novo apartado 47.12 que exclúa de forma explícita e tallante a posibilidade de solicitar a revisión de tarifas ou compensacións pola alteración do equilibrio financeiro da concesión motivado polo incumprimento das previsións sobre incremento de usuarios ou rendemento das tarifas propostas.
16.- Art. 25.1. O prego de condicións debe explicitar con maior claridade os servicios a prestar con relación coa depuración de augas, que case non se contempla e presenta problemas moi particulares. En especial, debería regularse con toda precisión o tratamento dos lodos da depuradora e a súa eliminación.
17.- Engadir no art. 17 un apartado 3 bis): "O concesionario actuará como mandatario da Administración Municipal e na oficina, vehículos e toda clase de impresos que se empreguen polo adxudicatario en relación co servicio figurará a seguinte lenda: "Concello de Moaña. Servicios Municipais".
18.- Engadir un apartado 4º no art. 6, sobre "Dereitos e obrigas" do concesionario: "O adxudicatario comprométese a que toda a documentación pública –recibos, impresos, correspondencia cos usuarios e coa Administración, folletos explicativos, etc.- así como a publicidade estarán escritos en lingua galega".
19.- Prever unha cláusula adicional que contemple a posibilidade de rescatar a concesión do abastecemento de auga potable e depuración en caso de constituírse un consorcio metropolitano para estes fins. En tal caso, o concesionario deixaría de prestar eses servicios sen dereito a indemnización e reducindo proporcionalmente as retribucións municipais correspondentes.
Á vista dos numerosos aspectos deste prego de condicións susceptibles de debate, emenda e modificación, se a intención do goberno municipal é lograr o maior consenso posible –co Comité de Persoal e cos grupos políticos da Corporación-, o grupo municipal do BNG solicita que o asunto quede sobre a mesa e se traslade á Comisión Informativa de Facenda. Do contrario, anticipamos o noso voto en contra, por canto o proceso de privatización estase facendo con absoluta opacidade, sen o rigor necesario e sen a participación pública a través dos representantes dos veciños –os concelleiros- e dos traballadores, -o Comité de Persoal."
O Sr. Santos Leites pensa que da forma que se presenta esta privatización constitúe unha verdadeira fraude á economía municipal; reclama do alcalde o debate con argumentos técnicos e económicos e esixe que se deixe o axunto pendente para seu estudio e informe de comisión.
O Sr. Martínez Rodríguez se manifesta en idénticos termos que os anteriores.
O alcalde, vistas as intervencións dos tres grupos da oposición, trala consulta formulada ó secretario e interventor presentes no acto, propón retirar o asunto da orde do día para que o presente prego de condicións sexa mellorado a través de consenso entre os grupos políticos.
VOTACIÓN E ACORDO:
A Corporación, en votación ordinaria e por unanimidade dos asistentes, acorda;
1.- Retirar da orde do día o presente prego de condicións.
2.- Mellorar o presente prego de condicións con alternativas que se recollen no prego presentado polo BNG.
3.- Que a comisión correspondente informe do prego de condicións que se consensúe previa proposta de aprobación polo pleno.
E, non sendo outro o obxecto, a Presidencia dá por rematada a sesión ás 23:00 horas do día fixado no encabezamento, de todo o que, como secretario, DOU FE.