| inicio | mapa web

 

Moaña : demografía


 

En termos xerais pódese dicir que a poboación de Moaña mantivo un incremento intercensual ó longo de todo o século XX e que continúa nos inicios de XXI. Non obstante, protagonizou algún descenso episódico, sen moita transcendencia e sen resultar demasiado significativo no conxunto da súa poboación. Os 18.396 habitantes que lle atribúe o padrón municipal de 2004 -máis do triplo da poboación coa que contaba a principios do século pasado- dótano dunha densidade media de poboación de 525'6 habitantes por quilómetro cuadrado, moi superior tanto á provincial (207) coma á autonómica (93).

ANOS
POBOACIÓN DE FEITO
1842
4.400
1860
4.827
1877
5.530
1887
5.665
1900
6.091
1910
7.812
1920
8.020
1930
9.634
1940
11.305
1950
11.106
1960
12.736
1970
15.060
1981
17.053
1986
17.792
1991
16.781
2004
18.396

Así pois, o termo moañés contaba en 1900 con 6.091 habitantes e continuou medrando constantemente ata acada-los 11.106 efectivos a mediados do século. Este crecemento estivo avalado en todo momento por un alto índice de natalidade, que se viu minimamente minguado na década dos 40, ó longo da cal perdeu o 1'7% da poboación, debido á crise e ás consecuencias derivadas da Guerra Civil. Despois des anos 50 volve a posicionarse nun crecemento sostido ata o ano 1981 (17.053 habitantes). Neste período de 8 décadas acadou unha medra do 248%, feito que o situou como o segundo municipio galego, despois de Vigo, en índices de crecemento. Na década dos 80 volveu sufrir unha pequena perda de efectivos, apenas o 1'5%, debido á crise industrial que se desencadeou nos 70 e que tivo especial repercusión no sector naval, provocando un pequeno movemento migratorio. Dende 1991 (16.781 habitantes) ata 2004 (18.396 ) volveu adoptar unha crecenza demográfica positiva. A situación xeográfica na que se atopa o concello, xa que ocupa unha zona costeira que se inclúe dentro da área industrial das Rías Baixas, e o alto índice de natalidade que veu mantendo polo xeral constitúen as dúas principais causas deste crecemento sostido da poboación. A primeira delas permitiu que fora maior o número de habitantes que recibiu doutras cidades có que emigrou; trátase de municipal ó abeiro do desenvolvemento económico provocado pola expansión pesqueira, a construción naval e a dinamización comercial e industrial xerada na próxima cidade de Vigo, á que acceden facilmente a través da ponte de Rande pola autoestrada AP-9. A segunda ofreceulle unha dinámica demográfica interna caracterizada por un crecemento natural elevado que veu mantendo ó longo de todo ó século XX, no que experimentou un crecemento do 190%, e que segur sostendo nos comenzos do XXI.

Polo que atinxe ós indicadores demográficos actuais, segundo os censos realizados en 2002 polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as taxas brutas de natalidade e de mortalidade son do 9% e do 7'5%, respectivamente, polo que posúe un crecemento natural positivo do 1'5%, por riba tanto do provincial (-0'4%) coma do autonómico (-3'2%). Así mesmo, o índice de envellecemento (78) é tamén inferior ó prov

ANO

PARROQUIA

1607 1824
Domaio
38
690
Moaña
120
2.093
Tirán
30
280

incial (92) e ó de Galicia (122), tal e como se pode constatar (IGE 2004) ó comprobar que o 14% dos seus habitantes é menor de 16 anos, o 70% ten entre 17 e 64 e só 16% conta con máis de 65. Atendendo á división da poboación por sexos hai un continxente maior de mulleres (9.438) ca de homes (8.958).

A parroquia máis poboada é Moaña (Virxe do Carme), xa que nela se atopa a capital do municipio, onde se concentra maioritariamente a poboación, cuxo núcleo vén medrando moito nos últimos anos. Séguelle moi de preto Tirán e Meira, que tamén posúen destacados núcleos

urbanos ó longo da costa. As menos poboadas son Domaio e Moaña (San Martiño), esta última é a única parroquia do concello que non conta con liña costeira. Os asentamentos distribúense de forma lineal ó longo da estrada comarcal PO-551 (a antiga C-550) que discorre paralela á liña da costa. O crecemento urbanístico dos últimos tempos continúa nestas directrices, o que orixina un poboamento sen rupturas na construción do plano horizontal, por cuxa razón se dilúen os límites establecidos entre os distintos asentamentos, o que dá lugar a un contínuum urbanizado no que reside a maioría da poboación. As zonas deshabitadas atópanse no interior do termo, nas áreas que non participaron do desenvolvemento económico do municipio.

 

Gran Enciclopedia Galega. Ed. 2005. Voz "Moaña"


MÁIS INFORMACIÓN:

Pirámide de poboación 1974

Pirámide de poboación 2005

Evolución da poboación

I.N.E. (Instituto Nacional de Estadística)

Economía e poboación rural na Galicia atlántica: a xurisdicción do Morrazo nos séculos XVII e XVIII