mapa web

 

 

Moaña : economía


 

 

A taxa de actividade do concello de Moaña, segundo os datos censuais de 2001 do Instituto Nacional de Estatistica (INE), é do 57% -dentro da cal o 68% é masculina e o 47%, feminina-. A taxa de ocupación descende ata o 49% e tamén presenta unha diferenza porcentual en función dos sexos semellante á anterior (61% e 38%, respectivamente), pois o índice de parados deste termo é bastante elevado, xa que rolda o 14% do total de activos, correspondéndolle-lo 19% ós homes e o 11% ás mulleres.

A distribución por sectores da poboación ocupada preséntase do seguinte xeito: o 17'5% traballa no primario, do cal o 16% atende ó subsector pesqueiro e tan só o 1'5% se dedica a actividades agropecuarias; o 41% dos postos de traballo vincúlase co secundario, o 30% deles no eido da industria e o 11% no da construción; e o 41'5% restante dos ocupados desenvolve a súa actividade no sector terciario.

A agricultura e a gandería ocupan o último lugar no peso da economía actual de Moaña, despois de que foran perdendo unha significativa relevancia ó longo de segunda metade do século XX. No censo agrario de 1962 o INE rexistraba 2602 explotacións agrarias, que descenderon a 973 no de 1972 e a 697 no de 1999. Malia que se intentaron potenciar, a finais do século pasado, os cultivos de invernadorio, na actualidade este sector está orientado simplemente ó autoconsumo ou como moito á venda polo miúdo nos mercados urbanos, pero que en todo caso só actúa como complemento económico. O gando, que tamén contou con certa relevancia ata mediados do século pasado, sobre todo o bovino, hoxe en día é practicamente enixistente tal e como se pode deducir dos datos publicados polo Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural sobre a base da campaña de saneamento gandeiro que realizou en 2003, na que se rexistra un total de 72 bovinos en todo o concello. É por iso que da superficie total das explotacións agrícolas só se destina o 1% a pastos permamentes e o 5% a terras labradas -a maior parte da superficie cultivada está dedicada a produtos da horta ou a forraxe para o gando-. O 94% restante repártese entre o monte (40%) e as poboacións arbóreas e forestais (54%), sendo, pois, o subsector forestal o que verdadeiramente destaca dentro do sector agropecuario; de feito existen neste termo municipal 3 comunidades de montes dedicadas á explotación forestal. Nesta superficie arbórea predominan os piñeiros e os eucaliptos, pero tamén abundan as carballeiras e, mesmo, algún souto.

A pesca é o subsector fundamental dentro do sector primario e tamén supón un peso importante na economía global do concello, porque aínda que só acolla directamente o 16% do total dos activos xera emprego indirecto na industria (estaleiros, fábricas de conservas, salgadoiros e conxeladoras de pescado, cordoerías.....) e nos servizos (establecementos de conxelados, marisquerías.....) asociados a esta actividade. Non obstante, este ramo vén sufrindo unha considerable recesión debido ás consecutivas crises das que foi obxecto e ós múltiples problemas ós que se vén enfrontando acotío, como poden se-los conflitos internacionais sobre a xurisdición das augas, as importacións masivas de peixe de paísses estranxeiros, a diminución de exemplares nas especies, o furtivismo, os desastres ecolóxicos como a marea negra provocada polo Prestige ou a pouca profesionalización dalgúns gremios,entre outros. Segundo os datos obtidos a partir da campaña marisqueira que realizou a Consellería de Pesca a principios dos anos 90, a lonxa de Moaña era en 1992 a que contaba con maior volume de contratación de marisco na ría de Vigo e unha das principais de Galicia -só superada pola de Noia-. Hoxe en dí, o volume total, tanto de marisco coma de peixe fresco, que entra nos seus catro portos, o de Moaña (Virxe do Carme), o de Meira, o de Domaio e O Con de Tirán -os dous primeiros son os que articulan marioritariamente a actividade pesqueira-, é moito menos significativo polos devanditos problemas, porque moitos dos barcos realizan as súas descargas noutros portos como o de Vigo, que ofrece unha maior oferta e flexibilidade nos horarios e nos prezos das vendas, e porque deixaron de pescar en numerosos caladoiros, como nas Canarias e Marrocos, nos que noutrora mantiñan unha actividade notable. Aínda así, en Moaña séguese practicando tódalas variantes da actividade deste sector, a pesca de altura, a de baixura, o marisqueo tanto a pé como en frotación e o cultivo de mexillón en bateas, sendo as máis destacadas, na actualidade, a de baixura e a axuicultura. Conta, segundo o rexistro de buques pesqueiros da comunidade galega de 2005, con 151 barcos para a pesca de baixura, case todos eles (148) son unidades familiares de pequeno tamaño dedicados ás artes menores ou artesanais, e 3 de cerco. Así mesmo, están rexistrados 58 buques máis, destinados á acuicultura ou como auxiliares dos primeiros. Da pesca realizada en frotación e a pé, as especies que máis se comercializan nas súas lonxas son os diferentes tipos de ameixas (a babosa, a rubia, a fina, a reloxo e a xaponesa), o berberecho, a faneca, o xurelo e a sardiña. É importante a produción de mexillón en viveiros frotantes, aínda que a acuicultura se atopa considerablemente minguada por varios factores: pola marea vermella, que lle afecta a este molusco durante 8 meses, impedindo a súa comercialización; pola entrada do mexillón de fóra e pola imposibilidade de aumentar o número de bateas dedicadas a este cultivo na ría de Vigo debido á degradación dos fondos mariños que producen os residuos do molusco. O sector secundario equipárase co terciario en canto á porcentaxe de traballadores activos que acolle. Como xa queda pola actividade pesqueira, sendo as empresas relacionadas coa construcción e reparación naval mailas plantas de transformación de productos do mar, especialmente conserveiras e conxeladoras de peixe,, as máis destacadas. Neste senso cómpre menciona-lo forte revés que sufriu este termo municipal co peche dos estaleiros Ascon a principios da década dos 80, como consecuencia da crise económica de 1973, pero que dende os últimos anos do século XX vén acadando unha progresiva recuperación neste eido. Aínda así, a taxa de ocupación no sector industrial do municipio de Moaña segue sendo máis alta do que cabería esperar debido ós desprazamentos diarios que se producen especialmente cara ás áreal industriais (navais e automobilísticas maiormente) da cidade de Vigo. Este último fenómeno tamén é aplicable ó subsector da construcción, que só emprega o 11% da poboación activa e parte dela realiza as actividades pertinentes fóra do termo de Moaña. En relación con isto cómpre destacar que dende a derradeira década de século XX, sobre todo nos núcleos urbanos, se veu producindo un declive no sector da construción por falta de solo urbanizable, pero que por outra banda comezou a beneficiarse da súa estratéxica situación territorial, xa que moitos traballadores que desenvolven a súa actividade na cidade de Vigo escolleron o concello de Moaña como lugar da súa segunda residencia ou mesmo para viviren habitualmente. Dentro deste sector acada certo peso a industria relacionada co aproveitamento da madeira, baseada fundamentalmente na explotación do eucalipto e do piñeiro e incentivada pola proximidade da fábrica de celulosas de Pontevedra. O sector dos servizos, estructurado ó redor do comercio e da hostelería, conta con 672 empresas (IGE, 2002), que supón o 75% das rexistradas no municipio, fronte ó 17% que se adscribe ó sector da construcción e ó 8% da industria. Esta rama vén incrementando o seu peso económico dende a década dos 80, principalmente ó abeiro do descenso bastante marcado do sector primario e, en menor medida, da mingua do secundario por mor da crise económica, xa que o cambio ou a reconversión das actividades se fai, loxicamente, cara ós servizos

Na capital de Moaña. tamén coñecida como O Carme, O Centro ou A Praia -esta era a denominación que recibía a capital antes de que se segregara a parroquia de Moaña (Virxe do Carme)-, é onde se concentran os sevizos públicos administrativos básicos: a casa consistorial, a casa do mar, a praza de abastos, correos, o xulgasdo, a confraría de pescadores, etc. e onde se localiza a maioría dos establecementos comerciais. Non obstante, trátase de comercios pequenos que se ven enfrontados a unha feroz competencia que lles ocasionan as grandes superficies da cidade de Vigo, que lle cobren as demandas comerciais e de servizos especializados á maioría dos moañeses. Neste senso tamén hai que menciona-la dependencia que presenta do veciño municipio de Cangas, aínda que moito menos relevante. Polo que respecta ó turismo, totalmente estacional, non lle resulta unha destacada fonte de ingresos, pois céntrase exclusivamente nos meses de verán e, por este carácter eventual, non conta con infraestructuras fortes, que fai que nos dous ou tres meses de verán a demanda turística desborde a oferta hostaleira. Neste senso, estanse adoptando medidas de melloras nas praias e promovendo outras alternativas de cara ó turismo de campo, coa habilitación de rutas de camiñada ou de áreas recreativas -destaca a feita nunha carballeira, preto do dolmen Chan da Arquiña- e mesmo de cara ó turismo de elite, tal e como o demostra a construción dun campo de golf e un porto deportivo na parroquia de Domaio.

Comunicacións. Como principais vías de comunicación o concello de Moaña conta coa Autoestrada do Atlántico AP-9, que lle abre o paso cara ó norte (A Coruña) e cara ó sur (Portugal), ademais de comunicalo directamente con Vigo -a través da ponte de Rande- e con Pontevedra; e coa comarcal PO-551. Esta estrada é, sen dúbida, a máis importante xa que ó redor dela se concentran os pequenos núcleos urbanos e incide na ordenación do territorio, pois veulle servindo historicamente de eixe para o asentamento industrial e o sector servizos da marxe norte da ría de Vigo. Así mesmo, posúe as secundarias PO-313, que o une con Marín, e PO-314, co porto do Con. Por mar circula unha liña regular de barcos, que une o municipio con Vigo

 

Gran Enciclopedia Galega, Ed. 2005. Voz "Moaña"


MÁIS INFORMACIÓN

Informes económicos :Ano 1998 Ano 2001 Ano 2005

Historia económica s. XVII-XVIII