ARREDOR DA LAREIRA 225XANEIRO 2.006“OS CAMIÑOS”Galicia ten numerosos e elementais camiños que relacionan entre si os pequenos asentamentos que integran as máis de 3.800 parroquias, cunha configuración variada que se constata nas múltiples denominacións que recibe. Domingo Fontán reflectiu esa variedade por primeira vez na súa “Carta Geométrica”, no ano 1834, e tamén o Padre Sarmiento e o Padre Crespo recolleron un bo número de denominacións: anfraito, atallo, canella, calzada, camiño, congostra, corga, paso, supé rúa, agolada, engroba, adro, quinteiro, rueiro..., son algunhas delas. Segundo Filgueira Valverde “Los caminos, como las edificaciones, los monumentos, los cultivos y las plantaciones humanizan el paisaje” ... “Por ser tantos y de tan variada configuración es tan rico también el léxico en sus denominaciones, más de medio ciento, desde la estrada, el camiño real o francés y la verea a las intransitables curripas, currunchos y cañerías”. A historia dos camiños comeza dende que o home está presente. Dos tempos castrexos son vellos camiños que inzaban o Noroeste a carón das mámoas megalíticas, e da civilización romana as súas calzadas e as pontes abertas sobre as corredoiras preexistentes. Son moitas as causas que deron orixe á súa creación, ademais de que a presencia notable e continuada da montaña dá pé para que prolifere. Hai camiños que se fixeron sen intención algunha e que non levan a ningures, mentres que outros naceron pola necesidade de poder ir ás herdades novas que se fan no monte, máis a meirande parte fanse de xeito deliberado para comunica-los sitios de habitación entre si (as rúas entre as vivendas) e coas herdades de diferente fasquía (terras de labor, monte, o muíño, a fonte, a igrexa, as vivendas...) ou entre uns lugares e outros (unhas parroquias e outras). Todas esas vías primarias ramifícanse nunha mesta rede de estradas, pistas, camiños carreiros e corredoiras, que intercomunican concellos, parroquias, aldeas e lugares, e configuran en conxunto a morfoloxía territorial característica do noso país. Cada camiño ten as súas propias características. O seu trazado ven determinado principalmente pola xeografía, o clima e a xeoloxía do terreo por onde pasa (sen que se deba esquece-la súa historia e a súa vida económica). Os camiños vanse configurando pouco a pouco, primeiramente trazados polas bestas e máis tarde fixados polo paso da xente por aqueles lugares onde o paso é máis doado. Tipos de camiñosNa mesta rede viaria que intercomunica o territorio de Galicia pódense distinguir varias categorías de camiños que van dende os modestos carreiros ata os de maior complexidade como son as corredoiras e camiños de carro. O carreiro é o tipo máis humilde e elemental de camiño. Consiste nun vieiro estreito que ten a súa orixe norepetido paso de persoas e animais a pé e, dada a súa estreiteza, atravesan por calquera propiedade ou lugar, constituíndo un atallo ou rota máis curta para cegar a un determinado sitio; en casos para ir ó monte, ás viñas ou ós curros. Tamén se coñece cos nomes de carroucho ou sendeiro. As corredoiras e camiños de carro son camiños de un certo ancho, que permita o paso dun carro, en casos franqueadas por lombas de terra con vexetación de características variadas, en función das condicións naturais do terreo. Se é posible, non ten fortes pendentes, e o seu piso é de terra (do terreo natural), protexido nalgunhas das súas partes febles ou que sofren maior erosión, ben con pedras irregulares ou cun elemental empedrado. Como testemuñas do paso dos carros quedan gravadas no chan as rodeiras, sobre todo cando o terreo é de natureza rochosa. Cando as terras de labor contiguas están a maior nivel, e polo tanto o paso queda nun lugar fondo, as paredes do terreo natural son alombadas e cheas de vexetación, tomando o nome de congostras ou vereas. Casos particulares. En inverno, moitos tramos de camiños convértense en pozas e lameiros intransitables para as persoas, anque si poden pasa-los animais e os carros. Nese caso adóitanse solucións para a circulación da xente mediante pasos elevados, indo, dese xeito, facéndose un novo carreiro. Cando o terreo natural é rocha ou van empedrado a base de pezas de pedra bastas, de formas e tamaños variados, como testemuña do paso do tempo quedan gravados no chan os carreiros das rodas do carro, chamadas rodeiras. Cando o carro levaba unha boa carga de mulime, había que conducilo con máis coidado do normal. Ás veces, unha canle de auga debe atravesar un camiño; nese caso, a canle faise soterrada e protexida con grosas lousas para que se poida circular. En tanto os camiños veciñais son os propios dos lugares e aldeas (modernamente substituídos por pistas), as estradas son as arterias principias que comunican os núcleos onde teñen lugar actividades comerciais e mercantís. Significado dos camiñosOs camiños levan cabo de si un sentido colectivo moi profundo, xa que tanto a súa construcción como a súa conservación é labor da comunidade. Os camiños en Galicia, ademais de ser un dos servicios comunitarios da parroquia, son como unha prolongación do fogar xa que neles vívese e fálase moito e aparecen como protagonistas na mitoloxía popular. Aparte da súa funcionalidade e importancia, que queda ben reflectida nos numerosos topónimos e derivados, os camiños teñen un grande significado no mundo da relixiosidade e do mundo máxico. A arqueoloxía, a tradición e as crónicas da antigüidade, testemuñan a existencia de ancestrais cultos ós camiños, sobre todo ás encrucilladas e ós pasos dos ríos. A complexidade da súa trama dá lugar a que proliferen as encrucilladas e interseccións dentro e forra dos núcleos habitados, son lugares onde se chanta un cruceiro e nos que se desenvolven espacios para a relación e o ler, nos que a xente se detén para falar, como ocorre nos torreiros aldeáns. Dos tempos dos romanos temos nas encrucilladas aras consagradas ó deuse protectores dos camiños (as “lares viais”), que suplantan os cultos ós deuses prerromanos. A encrucillada da que parte a incerteza dos camiños que tiña (e segue a ter) un fondo significado ara o mundo máxico e bruxería, xa que alí se facían tratos co demo ou se mantiñan relacións sexuais con el. No cruceiro da encrucillada reuníase a xente para resolver amigablemente preitos e cuestións de herdanza, ou na mesa que está ó seu pé onde se pousa o cadaleito do defunto, o pousadoiro, rezábase un responso para lle da-la derradeira despedida, ou se deitaban os rapaces enfermos co mal de aire nas noites de lúa chea para ver de curalos. Xa no século XII, no Códice Calixtino se fai referencia a enterramentos á beira dos camiños, a encrucilladas onde se enterraban os nenos sen bautizar, ou ó lugar onde aparece a Santa Compaña e se reza polas ánimas. Actualidade dos camiños en MoañaPenso que foi alá polos anos 70 e 80 do século pasado, cando os camiños comezaron a súa decadencia, coincidindo tamén coa fuxida da xente do rural cara as vilas e cidades más poboadas. Era a modernidade do momento e ninguén quería quedar atrás. Dese xeito foi como se lle deu as costas ó rural, o campo, os camiños, as encrucilladas,... Os carros do país comezaron tamén a desaparecer dos camiños, coincidindo co abandono dos campos, e tamén coa chegada dos tractores e outros aparellos modernos. Aquelo provocou que os antigos camiños de carro enchéranse de formigón e piche, dando paso á circulación de motos e coches, e como non foron ancheados, hoxe atopámonos con que na maioría deles non pasa un coche por outro, pois estes camiños que unían os barrios das catro parroquias do noso concello, non estaban preparados para esta clase de vehículos. Aínda hoxe estanse aterrando camiños polos montes, sen esquecernos os que fixo o novo Corredor do Morrazo. Os nomeados camiños de pés, polos que a xente accede dun lugar a outro por entre veigas, ata as fontes, ós ríos e outros lugares, son os que mellor se conservan nas parroquias. Podemos comprobar sen medo a enganarnos que na actualidade os camiños de carro que se conservan como cando éramos nenos, en todo o Morrazo, son tan poucos que se poden contar cos dedos das mans. Un exemplo do que falamos témolo en Moaña. Na parroquia de Meira un dos poucos anacos de camiños que quedan con pedra no chan tal e como eran, é o que a altura da Porta do Sol vai entre as casas dende a estrada ata o mar e o río. Outro que aínda mantén a súa orixinalidade e outro anaco do vello camiño de carro queía dende A Moca ata Berducedo, pegado ós muros do Pazo do Rosal, tiña unha saída para Pozonegro e máis arriba outra para O Redondo, hoxe atópase cheo de silveiras resultando totalmente intransitable, atreveríame a dicir que moi pouca xente sabe que alí hai un camiño. Outro dos camiños que aínda non lle chegou o asfalto, é o que sae de Escobar ata A Rosada, en Berducedo. O seu estado é lamentable, pois sendo un camiño ancho hoxe a penas pasa unha persoa por el debido á cantidade de broza e silveiras que se foron acumulando, incluso restos de obras, como se fora unha estriqueira. Aínda quedan anacos do Camiño Real que ía de Moaña a Marín, pola parte baixa da Fraga e do Beque, a pesares de que están comestos polas silveiras e os toxos, sinal dos moitos anos sen ser transitados. Aínda gardo na memoria cando non había ponte no Río da Fraga, entonces para ir de Berducedo a Meira poñíanse unhas pedras grandes no río e cruzábase dando brincos, incluso descalzabámonos naquel lugar que era máis chan onde despois fixeron a primeira ponte, ó lado do Muíño do Tellado, unindo Paramentes e Couso, co paso dos anos faríase outra ponte máis arriba pola que xa pasan coches e está en estudio o ensanchamento da mesma. Pero como sempre e tamén neste apartado hai excepcións, hai un camiño de carro primitivo e fermoso, con fendedura nas pedras de máis de 30 cm de profundidade, que as rodas dos carros foron marcando ó longo dos anos. Esta verdadeira xoia que ven podería ser declarado de interese cultural é o camiño que dende varios séculos une ós concellos de Moaña e Bueu, sae de Pouso das Cruces ata a aldea de Hermelo. É un camiño con pedra e con lama, con regueiros que levan auga ós comareiros, algúns treitos son chans e outros costeiros, mantén a típica vexetación nas súas marxes, salgueiros, bidueiros, carballos, fentos, xuncos e castiñeiros. Ó seu carón nace o Río Bouzós, camiño de Coiro ata o encontro co Atlántico. Oxalá o camiño vello de Hermelo siga así moitos anos máis. Estes son algúns dos moitos camiños de carro que se transformaron en pequenas estradas nos núcleos tradicionais das distintas parroquias que conforman o concello. Camiño do Foxón, do Prado, da Masandía, da Pomba, do Lazareto, en Tirán. Camiño da Torneira, da Carreira, dos Ladrados, do Luceiro, en San Martiño. Camiño da Xeira, da Miranda, do Carrachal, de Escobar, das Abilleiras, da Marrúa, da Lomba, das Carballas, da Costa de Montenegro, todos eles na parroquia do Carme. Camiño de San Benito a Viñares, das Vaqueiras, da Rotea, da Paradela, da Granxa, da Fontiña, da Pedra do Navío, da Devesa de Palmás, todos na parroquia de Domaio. Camiño do Pombal, da Torre, dos Carballos, do Caeiro, da Chouza, do Pico, en Meira. Nesta parroquia hai uns cantos anos recuperouse o Camiño da Abilleira (empedrado), o lavadoiro e o leito do río. Este traballo no seu conxunto levouse a cabo entre a Comunidade de Montes de Meira e a Escola Taller de Moaña. Este pequeño ou grande patrimonio, coma unha gran parte de todo o relacionado coa vida rural tradicional, así como a toponimia dos lugares, foise transformando, depende de nós que non desaparezan de todo. Referencias bibliográficas ó libro “Patrimonio Etnográfico de Galicia” de M. Caamaño Suárez. Luís Chapela Bermúdez |