En Galiza máis que unha costume era unha tradición que as persoas se lle puxera un alcume, co cal chegaban a ser máis coñecidas ata o punto que moitas veces non se sabe o seu propio nome. Co paso dos anos esa riqueza de alcumes que identificaban as persoas foise perdendo, e só se conserva nas persoas máis vellas.
Sr. Antonio Fernández Durán, máis coñecido por Antonio da Lomba, naceu no lugar da Lomba, no barrio da Paradela, o 20 de xaneiro de 1921.A súa infancia pasouna entre a escola, o traballo, e de cando en vez ollando para o seu avó carpinteiro de profesión, era un mestre en facer carros do país. Cando Antonio contaba doce anos deixou a escola e embarcou nun barco o boliche, a pesares de ser un rapaz, como era alto e de corpo, traballaba coma un adulto. Os días que non ía o mar, andaba na labranza, dándolle volta o arado de ferro, os bois eran de Sr. Benigno, subliñar que naqueles anos a maior parte dos homes foran chamados a guerra, por iso, o traballo nos campos facíano os rapaces e as mulleres. De mariñeiro andou ata os dezaoito anos, acercábaselle o tempo de ir a Mariña, lembra que estando pescando preto de Toralla un día pola tarde, recibiron a noticia de que a guerra acabara, escoitaron tocar infinidade de campás das igrexas que anunciaban así a noticia.
Con dezaoito anos entra en quintas, chamaríano o ano seguinte, pero como rematara a guerra incorporouse a filas cando xa tiña vinte anos. Nestes dous anos que quedara en terra esperando non deixa de traballar, comeza a dar os primeiros pasos coma carpinteiro, o lado de Sr. Balbino de Luís, un ebanista de moita sona. O principio non gaña nada, máis para adiante dáballe dúas pesetas o día. Antonio xa amosaba boas maneiras e o propio pai de Sr. Balbino, Sr. Antonio de Luís, ofrécella cinco pesetas o día para que fora a traballar con el, non quixo. O 16 de xaneiro de 1941, marchou para a Mariña, e o día 20 as nove da mañá comeza a instrucción no cuartel de Ferrol, xusto a mesma hora en que nacera. Lembra que era tal a fame que se pasaba no cuartel, que pensa que nalgúns momentos chegaron a comer ratos, alí estivo un ano, pois problemas de saúde provocou que o mandaran para a casa como temporal, pero xa non volvería máis.
De novo na Paradela comeza a traballar con Sr. Paz, de madeireiro no monte, facendo achas e rachóns dun metro abertos a metade, recorda que nunha ocasión no Beque fixeron corenta e oito carros de rachóns, o normal era que un home fixera un carro por día, pero habíanos que incluso cortaban máis. Así andou dous anos gañando oito pesetas de sol a sol, cando non había traballo no monte, Sr. Paz dáballe outras tarefas, facer desaterros, muros, etc. Arredor dos vintecatro anos comeza a traballar de carpinteiro para el, recollendo a sabedoría e o bo facer do seu avó, empeza a facer carros do país, arranxos, pezas para muíños (moegas, quenllas, lovetes, tellados, etc.), tanto para os do río da Fraga coma para os do río do Inferno. Por facer un eixo para un carro, cobraba dez pesetas, fixo carros para todas as parroquias do concello, o tempo que empregaba en rematalo era de dez ou doce días. Aínda lembra algúns dos seus clientes que traballaron toda a vida co carro que el lle fixera, Sr. Manuel de Teresa, José de Souto, Sr. Durán, José da Puntella, este último anos despois, vendeu o carro para Cela.

No ano 1946, casou con Modesta Juncal Carballo, a familia agrandouse con dous fillos, Alberto e Josefa. Seguiu traballando no vello taller da Lomba, ata que anos despois instalaríase no novo taller que faría na Pirenaica. Nese tempo comeza a facer armazóns para os faiados das casas que construía Xeniño, así durante tres anos, ata alí todo o traballo que el facía era con ferramentas artesanais, e aínda lembra cando chegou a Moaña a primeira cepilladora eléctrica que a trouxera Sr. Jesús o Recio, da Miranda, no 1952. Tampouco esqueceu a primeira vez que puxo unha armazón enriba dunha placa, foi na casa de Cidrás, no Casal. Pouco a pouco, no pequeno taller comeza a dar os primeiros pasos na construcción de canastros, o primeiro que fai e para Manolo de Xeniño de Abelendo, disto hai cincuenta e cinco anos, reforma outros na Paradela, que aínda hoxe están en pé. Todo se facía a man, cada táboa, cada peza, era unha verdadeira obra de arte.
No ano 1963, monta o pequeno taller no camiño principal que vai de Paradela a Praia, no lugar da Pirenaica, aquí xa incorpora algunha maquinaria, nese mesmo ano ándalle as voltas na cabeza a idea de sacar o carné de conducir, que aínda pasarían uns cantos anos custándolle catro mil pesetas. Á carpintería traballo non lle faltaba, co que non contaba Sr. Antonio era que dous anos despois de abrir o taller, o 4 de xullo de 1965 ardeulle por completo, se supón que foi un cortocircuito, todo quedou calcinado, madeiras, maquinarias, ata o punto que as propias paredes escacharon. De súpeto o home atópase sen nada, e con todo aquelo estivo a piques de marchar para Rotterdam, que naqueles anos estaba en auxe, pero os veciños apoiárono e animárono a seguir para adiante, incluso quixeron facer un fondo común para axudarlle e el agradeceullo pero non quixo. Non había máis remedio que pelexar por aquelo, uns veciños albaneis axudáronlle a reparar as paredes, que son as mesmas de hoxe, Sr. Pedro Casqueiro mandoulle a madeira, Sebastián Juncal as uralitas para o teito, Sr. Cándida de Romero deulle os materiais (ladrillos, area, cemento, etc). A maquinaria que se puido aproveitar foi limpada e arranxada tendo que traer pezas da propia fábrica, as ferramentas máis miúdas comprounas na de Suárez e algunhas en Vigo. Unha vez o taller comeza de novo a actividade Sr. Antonio volve a torrar cos carros, canastros, muíños e outras cousas.
Non se lembra ben da cantidade de canastros que fixo, pois aparte do noso concello tamén foron algúns para Marín e tamén arranxou outros en Vilaboa. Naqueles anos non se pagaban impostos, máis tarde chegou unha norma que si había que pagar, a cada concello estipulábanlle un tope de diñeiro para recadar dos carpinteiros, lembra que o primeiro ano eran vinte ou trinta os que pagaron trinta e catro pesetas, despois a cota foi subindo cada ano máis. Coma outros veciños da Paradela sensible co seu barrio, participou na iniciativa de abrir o ramal que vai dende as Carballas a Sabaceda, feito a pico e pala, onde todos os veciños arrimaron o lombo, tamén participou activamente para que a estrada seguira dende a Pirenaica ata a Carrasqueira, onde hoxe está a capela dos Milagres.
Volvendo o seu traballo dos canastros, recoñece que antes estes se facían por necesidade para gardar os froitos do campo, e dun tempo a esta parte son para adornar casas ou fincas. Dende sempre Sr. Antonio empregou a madeira de acacia para os canastros, comprábana no monte, alí mesmo xa cortaba a medida, despois deixábana un tempo ata que era traballada, como el di a acacia dura todo a vida, e só compite con el a madeira de castaño si é boa e está ben seca.
A madeira que se precisa para facer un canastro de catro pés e de dou metros cúbicos aproximados, repartida nas seguintes pezas: -2 vigas de 4 m. de 20x11 cm. -2 travesaños de 2 m. 20x11 cm. -2 sobrevigas de 4,5 m. de 11x8 cm. -9 marcos de 2 m. de 9x9 cm. -6 cintas de 2 m. de 10x4 cm. -14 pontóns de 2,5 m. de 9x9 cm. -6 táboas para os outóns de un 40 m. de 20x3 cm. -2 táboas para as bocatellas 4,5 m. de 10x2,5 cm. -10 m. lineais de duela de 1,4 m. de 9x3 cm., aquí inclúe a madeira da porta. -1 pontón de 4,5 m. de 7x7 cm. -2 pontóns de 3,5 m. de 10x10 cm. -5 pontóns de través de 2,5 m. de 7x7 cm. -2 táboas de 2 m. de 30x3 cm.
Unha vez o canastro está rematado un tractor con grúa o leva para o lugar onde vai quedar definitivamente, enriba de catro pés coas súas respectivas moas, xa que a persoa que fixera o encargo xa tiña o lugar arranxado para poñelo.
Cando os canastros os facía a man leváballe vinte días, na actualidade non sabe as horas que emprega o seu fillo Alberto, pois só traballa neles os sábados e os domingos, mantendo a mesma mestría que empregaba o seu pai, que a pesares dos seus oitenta e tres anos de cando en vez aínda lle cepilla algúns pontóns no vello taller.
Quizais moita xente do pobo non sepa que estas xoias en madeira, ciscadas por distintos lugares do noso concello, foron feitas coas mans deste vello artesán Sr. Antonio da Lomba. Para el xa é un bo premio despois dunha vida de traballo, poder sentarse arredor da mesa no bar Faria, da Paradela, e votar un subastado cos compañeiros.
Luís Chapela Bermúdez
"O ARTESÁN DOS CANASTROS"
por Luís Chapela Bermúdez