ARREDOR DA LAREIRA 191

MARZO 2.005

 

 

“O DERRADEIRO CARPINTEIRO DE RIBEIRA”

A través da memoria dos profesionais entramos no mundo dos estaleiros ou talleres de ribeira, que no século pasado foron unha potencia económica en Moaña, facendo deste pobo un punto de referencia nesta materia. De toda aquela industria concentrada maioritariamente nas parroquias de Meira e Domaio, hoxe no concello só queda un taller de xeito oficial e en plena actividade.

Vicente Ferradás, naceu no 1952 na parroquia de Domaio. Cando contaba trece anos, comezou a traballar no taller de ribeira de Lemos e Ríos, situado en Punta Fondón, na mesma parroquia. Dende aquela non deixou o taller, cando os anteriores propietarios se xubilaron el fíxose cargo do arrendo e da concesión, disto xa vai camiño dos trinta anos. Unha vez que señor Laxe se xubilou en 1991 e Victorio o de Meira dende hai un ano aproximadamente, Vicente é na actualidade o único carpinteiro de ribeira en activo.

Lembra nos seus comezos que en Domaio estaban activos sete estaleiros de ribeira: o de Canal, Verdeal, Luciano Riobó Casqueiro, o Regueiriño, Laxes, Lemos e Ríos, o de Ferradás e o de Benito González, este último xa non traballaba. Naqueles anos o taller de Ferradás que contaba con tres naves daba traballo a máis de cen persoas, é dicir, a metade das persoas que traballaban neste oficio en Domaio, que na súa totalidade roldaban os douscentos cincuenta. A maioría dos estaleiros xa traballaban a finais do século XIX, como o de Verdeal e Ferradás. O taller de Benito González suponse que foxe o máis antigo, xa que foi levantado nunha antiga salazón que segundo documentos históricos xa existía nas invasións turcas cando asaltaron Cangas e Domaio. Aquel asalto fixo que a xente escapara para o monte e suponse que aí comezou a poboarse o barrio de San Lourenzo.

Na primeira metade do século XX Domaio vivía case exclusivamente da carpintería de ribeira e da agricultura, isto viña derivado pola cantidade de estaleiros que había na súa pequena franxa costeira, contribuíndo a elo o chan do terreo ata a beiramar, e tamén pola gran cantidade de madeira que había nos seus montes e de moi boa calidade. Dese xeito Domaio contribuíu economicamente a enfilar un novo rumbo no noso concello.

Os materiais que se empregan nos talleres son os mesmos de sempre, madeira de carballo, pino do país e eucalipto, que se compraban nos montes e que despois levábanse os aserradoiros de Cangas e Redondela e de volta a Domaio. Por suposto non había máquinas, sómachadas, serróns, martelos e serra portuguesa que traballaban dous homes con ela, deste xeito se entende a importancia que tiña a man de obra en todo o proceso. Ata aquí chegaban pedidos de todos os lugares de España, sendo Andalucía e Galicia os mercados máis fortes. Destes estaleiros saíron naqueles anos un cargueiro de trinta metros para Coruña, unha parella de barcos para o bacallao en Terranova, barcos de pesca para o Gran Sol e para Canarias, e infinidade de barcos de pesca de baixura, balandros para atender as bateas e chalanas pequenas.

Curiosamente o vapor que facía os viaxes diariamente de Moaña a Vigo, chamado “Buenos Días”, foi feito no estaleiro do Regueiriño, e aquelas lanchas que facían o percorrido de Santa Cristina, Domaio, Chapela a Vigo, e que transportaban xente, animais domésticos e todo o que se puidera levar, catro destas lanchas saíron do estaleiro de Lemos e Ríos, e outra do de Luciano Riobó Casqueiro.

Nas conversas con Vicente e facendo un repaso do seu traballo, recompilamos os seguintes datos dos barcos que se botaron a baixo no seu taller: Na segunda metade da década dos setenta, tres balandros para o mexillón, dous barcos pequenos de pesca de baixura e unha draga para a area; na década dos oitenta, vinte balandros e dous pesqueiros de baixura; nos noventa, nove barcos de pesca, un balandro e un barco de recreo para Canarias. Do 2.000 ata hoxe, do seu taller saíron sete barcos de baixura de entre nove e catorce metros.

O tempo que emprega para facer un barco de pesca con dez metros de eslora é de cinco meses, un balandro, pódese facer no mesmo tempo pero xa precisa da axuda de dous homes. A madeira total que se precisa para un barco de dez metros son oito metros cúbicos. Unha anécdota moi curiosa foi cando fixo a súa primeira chalana no quinteiro da casa dos pais, despois trouxona ata o mar entre camiños e veigas nun carro de bois.

Os clientes de Vicente son maioritariamente de Galicia, o derradeiro barco que está rematando estes días no estaleiro é un pesqueiro de dez metros e medio para un armador da Confraría de Bueu. Este carpinteiro en activo di que os talleres de ribeira foron en decadencia polo feito de que as institucións non apostaron por eles, e si por aqueles que empregan na súa construcción outros materiais. Vicente afirma que os barcos de madeira teñen unhas vantaxes que non posúen os de ferro e que os fan máis manexables no mar. Tamén recoñece que esta profesión xa non é o que foi e mal se vive dela, o que pasa é que o traballo de toda a vida tira dun. Ata fai pouco ocupaba o seu tempo de lecer tocando o trombón e fixo os seus pinos na banda de música de Moaña, como el di, a carpintería e a música son as miñas grandes paixóns.

Agradecerlle a este carpinteiro de ribeira a amabilidade que tivo, axudándonos a levar a cabo este pequeno percorrido polos estaleiros, así sabemos un pouco máis desta profesión tan fermosa que oxalá non se perda definitivamente no noso pobo.

Luís Chapela Bermúdez