ARREDOR DA LAREIRA 247XULLO 2.006
“A COSTUREIRA DOS POBRES”Foi no Cunchal, barrio de o Piñeiro, onde María Chapela Corrales naceu no 1917. Dende nena aprendeu a coser con señora Asunción de Vidal no mesmo barrio, so precisou de oito meses de aprendizaxe. Os trece anos o seu pai comproulle unha máquina de coser, pois quería que a rapaza traballara para axudar na casa, xa que era a máis vella entre os sete irmáns. Aínda así, e apoiada pola nai, foi a escola de noite que facía Mundo, o fillo de señora Rosa a Grola, no mesmo barrio onde vivía. Alí aprendeu o pouco que sabe e sempre ía buscando fórmulas ou maneiras de aprender cada día un pouco máis. Dende os quince anos ata os vinte e tres, que foi cando se casou, andou coa máquina de coser na cabeza de casa en casa, percorrendo os barrios da Paradela, Broullón, a Fraga, o Redondo, Berducedo e incluso na parroquia de Meira. O traballo que desenvolvía era moi extenso, arranxaba roupa, faciana nova, tanto para homes coma para mulleres e tamén para os rapaces. Naqueles anos o soldo de cada día saía en tres reais, traballando oito ou dez horas. Así andou todos estes anos ata que se casou, entón comeza a traballar na casa, mentres coidaba a os fillos. Chegou un momento no que o seu home, señor Antonio, non quería que traballara tanto, pois empregaba moito tempo e el quería que atendera a casa e os fillos antes que nada, entón señora María ideou traballar na casa polo día e coser de noite. Cando chegaba a época das festas que tiñan máis sona (San Martiño, Samertolameu, O Carmen, San Benito....) botaba as semanas sen durmir facendo roupa para que a xente puidera ir de estrea. Recorda que incluso cosía a roupa de augas para os mariñeiros, e non debe estrañarnos este feito, pois falando con ela, comentoume que é filla do que foi o tan coñecido patrón da ardora chamado o Sardiñeiro. Colleu tanta costume de traballar pola noite, que cando os fillos eran mozos e algún xa estaba casado, insinuáronlle que non era axeitado estar tantas horas sentada a máquina, e tiña que empezar a mirar pola súa saúde. Hai uns cantos anos que estivo un pouco enferma e tivo que ir o médico, os fillos volvéronlle a recordar o de non traballar tanto, e seica foi o médico quen lle dixo que si ela estaba activa pouco a pouco podía ir facendo cousas, pois doutro xeito podería ser peor. Lembra algunhas anécdotas que lle aconteceron o longo dos anos. Aínda era unha rapaza nova cando fixo un pantalón de mahón, o cal o rematar deuse conta que os botóns de abotoar a petrina púxonos cambiados como si fora para unha muller, non lle dixo nada o home que lle fixera a encarga que cando recolleu o pantalón marchou todo contento. Tamén recorda cando ía pola mañá cedo, sendo unha nena a coser a Broullón ou a Fraga, por aqueles camiños enlamados, víñalle a cabeza o medo que lle tiña o home do saco, e outras veces que ten escoitado berrar a o raposo, saía correndo ata chegar o sitio de destino. Nos anos da fame, señora María de Delmiro, deuse conta que moitas daquelas persoas, pobres como ela, as cales lle ía a traballar e que despois non lle puideron pagarlle, o entendeu, e nunca lles tivo en conta aquelo, de aí posiblementexurde o apodo “da costureira dos pobres”, que aínda segue sendo hoxe. As veces, como ela di, chegándolle para comprar o fío e pagar a luz, é suficiente. Nos anos da guerra, decátase que si houbo un parón notable no traballo, que despois a medida que foron pasando os anos foi aumentando de novo. Neste tempo moitas mulleres, amigas dela que tiñan os mozos e os homes na guerra e non sabían ler nin escribir, ela prestábase para escribirlle as cartas e lerllas, para que dese xeito, aquelas mulleres mantiveran o contacto cos noivos ou maridos. Cando cumpriu os sesenta e cinco anos e despois dunha vida enteira acompañada da súa máquina SIGMA, decide facer algúns traballos para pasar o tempo, tamén lle sirve para estar entretida, e a ela gústalle. Por outra parte os veciños, centos de clientes de toda a vida, incluso xa os fillos destes, achéganse a súa casa para pedirlle que lle faga algún traballo, a muller nunca di que non, e podo dar fe que señora María é unha desas persoas que gozan co que fan, polo tanto a súa casa de o Piñeiro segue sendo unha referencia para a xente. Dende hai dez anos a esta parte coa súa máquina e pouco a pouco, levou a cabo a maior parte dos traxes para o carnaval de distintas comparsas, este ano mesmo fixo os traxes para os nenos e nenas do Colexio de Primaria da Veiga do Mal, tamén fixo os traxes rexionais de nenos e nenas para grupo folclórico Solaina. A experiencia de tantos anos facendo traxes de mahón e outros de telas máis finas, vestidos para ir o baile eas vodas, tanto para homes coma mulleres, deulle a confianza para facer traxes típicos galegos, co traballo que eles teñen. Hai un vínculo moi forte entre María, a máquina de coser, os fíos, a cadeira, a xente, difícil de separar unha cousa da outra. A máquina de coser actual ten máis de vinte e cinco anos nas súa mans, e unha das tres coas que traballou ó longo de todos estes anos. Hoxe señora María de Delmiro, de oitenta e nove, amiga dos veciños de Berducedo-Piñeiro, mentres poida e a vista llo permita, seguirá estando na súa casa coa porta aberta para arranxar algunha peza de roupaa quen precise do seu humilde traballo de costureira, e por suposto, conversar un pouco, pois todo fai falta na vida. Luís Chapela Bermúdez |