ARREDOR DA LAREIRA 198

XUÑO 2.005

 

“A ARTE DE CURAR COAS MANS”

Atopámonos de cheo no século XXI, na era dixital, internet, tv, teléfonos móbiles e demais aparellos. Algúns pensan que este bun mellóranos a vida, outros, creen que a empobrece. Os pobos tamén mudaron a súa faciana, a xente, embarcada na modernidade cambiou o xeito de vida dunha maneira moi notable. Na Moaña actual pódese mirar no medio da nebulosa do tempo un pobo que camiña para adiante sen esquecer as súas raíces, iso é bo, xa que a historia colectiva debe perdurar no presente e no futuro. As costumes, mitos, lendas e tradicións, os contos que se contaban nos longos invernos a carón do lume da lareira, todas estas cousas conforman a esencia do pobo.

Nesta ocasión a través da memoria da xente nos metemos no mundo dos curandeiros, persoas que tiñan nas súas mans unha sensibilidade especial, digna de envexa, e que sempre estiveron o servicios dos seus semellantes. Con só apalpar un brazo, man, perna, pé e outras partes do corpo, sabían se un tendón saíra do sitio ou se un óso quebrara, así como, si o dano o podían arranxar ou non, entón mandaban a persoa o médico ou especialista. Estes curandeiros acadaron moita sona incluso fora do ámbito local, algúns xa nos deixaron hai algúns anos, hoxe so segue exercendo un deles na súa casa da Veiga do Mal. O feito de que miles de persoas petaran nas súas portas buscando axuda, viña dado porque non atopaban arranxo na medicina chamada oficial. Por outra parte, os galegos somos por natureza abertos, cremos e respectamos as outras formas de curar doenzas, probablemente sexa esta unha parte da herdanza que nos deixaron os nosos antepasados.

Hai algo tan enxebre en Galicia como son os apodos ou alcumes. Na maioría das veces se coñecen as persoas polos alcumes antes que polo propio nome. Nos curandeiros este feito é fundamental, xa que por moitos anos que pasen ese alcume que os deu a coñecer mantense sempre.

Os nosos curandeiros

Eu non coñecín a señor Emiliano, naceu en Cangas, pero a maior parte da súa vida pasouna en Moaña, concretamente na súa casa dos Ladrados, San Martiño. Durante moitos anos atendeu a xente arranxando ósos e doenzas relacionadas. Segundo me contou algunha xente era moi bo na súa profesión, e tamén como persoa, do que aínda hoxe se garda un bo recordo.

Angel Martínez Rodríguez, máis coñecido por Canisada, naceu no lugar de Canisada,a Meixoada, no ano 1920. Dende neno comezou a mirar coma a súa nai, señora Dolores, atendía a xente que viña pola casa para arranxar torceduras, escordaduras, etc., aquel traballo desenvolvíano coas mans untadas cun pouco de aceite. Canisada íase facendo mozo, embarcou un tempo nun barco da ardora pero non lle gustou moito, xa que o del era o traballo no campo, o xornal, e por suposto facer pozos de auga artesáns, que se lle daba moi ben. Sempre que podía cando a nai atendía a unha persoa el trataba de estar presente, quería aprender os secretos de curar coas mans.

O seu comezo foi dun xeito casual, cando cun veciño foron o monte a buscar leña, o outro mozo caeu e rompeu unha perna, ante a dor do home, Canisada entabooullo con ramas e paos, dese xeito puideron volver para a casa. A partires daquel día comezou a axudarlle a nai e pouco antes de que señora Dolores morrera el xa comezara a curar coas mans, tamén aprendeu a facer uns bos vendaxes, que son fundamentais na curación. Cando se casou trasladouse a vivir para o Con, a súa sona xa comezaba a agrandarse, ata a súa casa chegaba xente de toda a comarca e incluso de máis lonxe. Anos despois trasladouse a vivir para o Portal do Almacén o pé do camiño que vai a Lameira, e que co paso do tempo pasaría a ser coñecido como Camiño de Canisada. Pasou corenta e cinco anos da súa vida arranxando ósos sen distinción, xornaleiros, mariñeiros, futbolistas, remeiros, etc. sempre o mesmo sistema primitivo, as mans, un pouco de aceite e vendas si era preciso.

Dicir que a súa consulta a parte da casa era onde cadrara, nunha veiga, no camiño, nunha taberna... xamais cobrou polos seus servicios, era a vontade da xente. Cando contaba sesenta e oito anos, o veciño Canisada deixounos, quedando na memoria da xente o seu traballo de tantos anos e que a miúdo segue sendo lembrado con nostalxia.

Outro dos históricos curandeiros era Antonio Chapela Pazos, máis coñecido polo Canastreiro. Veciño do Carrachal, Moaña, naceu polo 1918, o apodo venlle dado porque o seu pai era un artesán que facía cestas e cestos de vides. Sendo un mozo e sen que ninguén saiba explicar o por que, nin como fixo, escribiu a Barcelona para que lle mandaran uns libros, acompañado dun péndulo, que explicaban como se podía aprender a curar algunhas lesións dos ósos. Con vintecinco anos comezou a consultar a xente que reclamaba os seus servicios, atendíanos na casa, despois a tardiña e durante trinta anos, aproveitando que ía a tomar unha chiquita a da Chicaja, tamén consultou na taberna. Anos máis tarde, atendeu a xente na casa da súa sobriña.

O seu método de traballo era o seguinte, unha vez a persoa lle dicía por onde tiña a dor, pasaba o péndulo colgado duna cadea pequena e cando localizaba o dano comezaba a dar voltas o arredor, entón con un pouquiño de aceite e coas mans comezaba a poñer o óso ou tendón no seu sitio. Xamais puxo prezo o seu traballo, a xente pagaba o que podía, e nunca deixou de atender a ninguén en ningún momento. O Canastreiro tiña outra faceta tamén fermosa como era sondar os terreos para buscar auga. Para este mester fixo un aparello circular, cunha culleriña de alpaca e outros materiais, colgado dun fío de la, así el poñíase a andar e onde marcaba a auga o trebello daba voltas, outra persoa ía poñendo na man do Canastreiro moedas ata que o aparello deixaba de xirar, entón contábanse as moedas, xa que cada unha equivalía a un metro de profundidade, polo visto foi bastante eficaz, lembra a súa sobriña que moitas veces teñen vido a buscalo doutros lugares para facer as captacións para os pozos de auga. Co paso dos anos adquiriu bateas de mexillón a medias cun socio de Meira, traballo este polo que se xubilou. Antonio o Canastreiro morreu cando contaba setenta e oito anos, unha vida chea de experiencias, un home que se abriu o mundo a través dos libros e aqueles primitivos trebellos, axudando a xente para que a vida fora un pouco mellor. Do Canastreiro tamén hai un montón de anécdotas e historias que xa forman parte do pobo.

O último dos vellos curandeiros chámase Antonio Gómez Valverde, naceu en Broullón, no ano 1935. Dende que era un cativo sentiuse atraído polo mundo da medicina no máis amplo sentido da palabra, pero como outros rapaces da súa época non puido estudiar, e todo era traballar, o mar, de xornaleiro e incluso traballou un tempo para a Forestal, así andou ata que foi chamado para incorporarse no servicio militar na Mariña. Cando levaba un ano de servicio, abríuselle unha luz para relacionarse coa medicina. Corría o ano 1956, cando unhas febres malas, chamadas asiáticas, sen saber como apoderouse do recinto militar, desbordou o hospital e os sanitarios que traballaban nel, entón pediron que todo aquel que tivera algún coñecemento para poñer inxeccións se presentara no hospital.

Antonio non o pensou dúas veces, e así pasou o resto do servicio traballando naquela dependencia. Cando cumpriu volveu a embarcar, nas temporadas que estaba na casa, moitos veciños acudían a el para que lles puxera as inxeccións. Para non ter problemas asistiu a un cursiño en Vigo no edificio de Sanidade Exterior, onde lle deron un certificado de autorización para pinchar. Dicir que daquela a penas había practicantes en Moaña para levar a cabo estes mesteres. O pouco tempo decide quedar a traballar en terra definitivamente, traballa no que aparece. É nesta época cando se mete de cheo no arranxo dos ósos, comezou dun xeito casual cando un día a súa avoa caeu no camiño e torceu un pé, a muller non aguantaba a dor e chamárono para acompañala o médico, cando chegou a súa beira comezou andarlle moi a modiño no pé, fíxolle un pequeno xiro e levoullo o sitio. Despois pouco a pouco foi atendendo á familia e achegados, que co paso do tempo serían centos de persoas. Nunca lle dixo a ninguén que non o podía atender, ata a unha da madrugada coma unha vez que lle arranxou un pé a unha rapaza, tampouco nunca puxo prezo o seu traballo, como nos outros casos a vontade da xente é o que cobra.

Nos primeiros anos de curandeiro quixo ampliar os coñecementos sobre as funcións que desenrolaban os ósos no corpo, así pasou moitas tardes co médico, doutor Blanco, cando daba consulta na estrada de arriba, na Praia, alí aprendeu moito. O traballo como nos outros curandeiros é coas mans, curiosamente el non emprega aceite, o rematar estende algunha pomada ante inflamatoria onde estaba o dano, vendar si é preciso, o que si recoñece é que lle recomenda os pacientes, lavar con auga e sal durante un tempo a zona danada. Na década dos noventa deixou de poñer inxeccións, pois a vista xa non é a mesma e a situación sanitaria en Moaña cambiou para mellor, cando menos neste apartado. O certo é que Antonio de Máximo, que é como o coñece a xente, segue arranxando ósos do mesmo xeito que nos últimos corenta anos na súa casa da Veiga do Mal, un curandeiro que sempre se preocupou por aprender un pouco máis para beneficio de todos.

Así rematamos esta reportaxe na cal recuperamos a memoria e o traballo dos curandeiros do noso pobo. Darlle as gracias a todas aquelas persoas que o fixeron posible.

Luís Chapela Bermúdez