ARREDOR DA LAREIRA 186FEBREIRO 2.005 “PINGUEIRAS DA EMIGRACIÓN”
Dende hai moitos anos, Galicia é a comunidade autónoma do estado español cun maior número de emigrantes. Un dos últimos estudios serios levouse a cabo no ano 1998, e reflectía que máis de 800.000 galegos residían no estranxeiro. En América, Arxentina concentra a colectividade máis ampla con 300.000. A continuación atópase Venezuela, onde viven arredor de 100.000. No resto dos países coma Brasil, Uruguai ou México, as colonias son máis reducidas. En Europa, Alemania ostenta o número de emigrantes máis amplo, con 90.000, Suíza e Francia, con algo máis de 50.000 son outros países, os cales manteñen unha importante presencia galega. A estes emigrantes que residen no estranxeiro hai que sumarlle os que viven noutras comunidades españolas, que en total roldan os 600.000. Principalmente Cataluña, con 150.000, e Madrid, coa mesma cifra, despois o Pais Vasco, Andalucía e Asturias, nesta última roldan os 80.000. Daquela emigración masiva para Sudamérica que tiveron como escenarios os portos da Coruña e Vigo, houbo algúns barcos que fixeron historia e así quedou gravado na memoria da xente, tanto do Morrazo como do resto de Galicia. Falamos dos transatlánticos Guadalupe, Monserrat, Marqués de Comillas, Begoña,... este último foi un dos de máis sona na ruta de Europa ata o Caribe. O Begoña era un vello barco tipo Victory, botado en Baltimore (EEUU), en maio de 1945, co nome Vasar. Tiña 7.604 toneladas de rexistro bruto, cunha eslora de 139 metros e unha manga de 19. Para a súa propulsión levaba unhas turbinas Westinghouse, cunha potencia de 6.000 cabalos, e unha velocidade de 16 nós. Dous anos máis tarde, en plena liquidación da mariña americana, tralo remate da II Guerra Mundial, o barco foicomprado por unha compañía naval italiana chamada Sitmar Line, e rebautizado co nome de Castel Bianco, con capacidade para 480 pasaxeiros, de unha única clase, de terceira. Pouco despois no 1952, de novo é reformado nos estaleiros de Trieste, aumentando a súa capacidade a 1.200 pasaxeiros en distintas clases, ademais das bodegas de carga. A súa tonelaxe bruta pasa a ser de 10.139 toneladas. A partir de 1953, comeza a visitar os portos galegos, facendo a liña do Caribe e de América do Sur, con pasaxe maioritariamente emigrante. No ano 1957 foi comprado, xunto con outro navío xemelo chamado Castel Verde, pola Compañía Transatlántica Española, que lles puxo de nome Begoña e Monserrat, respectivamente. Foron destinado á liña de Inglaterra, Galicia, Tenerife, Caribe, Curaçao, La Guaira..., cunha capacidade de 830 pasaxeiros. Naqueles anos moitos veciños de Moaña andaron embarcados nestes barcos e noutros da mesma compañía, maioritariamente mariñeiros e camareiros. A maioría deles foron embarcados a través de señor Pazó de Quintela, pois tiña moitas amizades en dita compañía. Contoume un vello tripulante e veciño, que moitas veces cando ían a Inglaterra, cargaban o barco de negros que eran expulsados daquel país, desembarcándonos en Xamaica. Outra anécdota que pasaron nesta compañía algúns veciños de Moaña, foi no barco Guadalupe, que se atopaban no peirao da Habana cando Fidel Castro e o Che Guevara entraron co seu exército triunfais na cidade. Fidel Castro, seica invitou a tripulación a participar no desfile, e os poucos días ordenou que no barco español foxen repatriados os maricóns e as putas, así dese xeito se refería os curas e as monxas, outras fontes contan que dixo “ os que visten de negro e non cortan caña, para España”, referíndose aos mesmos. O Guadalupe volveu para España con aquela carga especial, entre os curas que chegaron repatriados de Cuba viñera o Padre Abel, que chegou a impartir as Misións en Berducedo cando aínda non había capela, e tamén noutros e barrios e parroquias do concello, do que algunha xente garda un grato recordo. Neste mesmo transatlántico, o Guadalupe, volveu da Habana para Galicia en 1962 o gran pintor pontevedrés Arturo Souto, como ben recolle no seu libro “Prosas varias”, o escritor Neira Vilas, que lle dedica unhas agarimosas verbas á memoria deste brillante pintor galego. A partir da segunda década dos sesenta, o Begoña comeza a ter importantes problemas, igual que o Monserrat na súa propulsión, especialmente nas caldeiras. Así no verán de 1974, tivo unha avaría moi importante no Porto de Vigo, que o tivo amarrado o peirao máis de quince días, o mesmo tempo comezaron os problemas coas tripulacións que empezaban a reclamar máis dereitos. Despois de facer un novo viaxe ao Caribe, foi mandando o despece o Porto de Castellón, a onde chegou o día de Noiteboa do mesmo ano. Uns meses antes a compañía xa vendera o Monserrat para o despece, poñendo fin as liñas de pasaxe. Naqueles días non faltaron voces que culpaban á propia empresa de cegar aquela situación, xa que os que a dirixían eran maioritariamente militares postos polo Réxime, e do negocio marítimo deixaron moito que desexar. A compañía que fora fundada no ano 1880 seguiu operando con barcos exclusivamente de carga. Aínda así seguiu mantendo aquelas concesións de liñas entre España e América. Anos despois ese permiso ou concesión foi vendida por unha cantidade considerable de diñeiro a unha compañía naval mexicana, que incluso fixo dous barcos de pasaxe nos estaleiros de Barreras, en Vigo. Estas e outras cousas quedaron gardadas na memoria de algúns veciños, vellos tripulantes daqueles barcos que algúns foron prexubilados e outros foron o paro. Así se deixou sentir a situación económica en todos aqueles fogares que tiñan algún membro embarcado en dita compañía. Por moitas razóns aínda que fundamentalmente económicas, na última década produciuse un gran número de retornos, a maioría procedentes de Sudamérica, a onde os emigrantes se foran en masa dende finais do século XIX ata a primeira metade do século XX. Dende finais dos anos 60 e a década dos 70, a emigración galega dirixiuse maioritariamente a Europa, tamén neste tempo houbo traslados o resto do estado. Este movemento no interior peninsular aínda se segue mantendo hoxe, por suposto, en menos cantidade. Tamén é certo que na actualidade en Galicia residen emigrantes practicamente de todos os puntos do mundo, que coma nós buscan vivir máis dignamente. Estas son pequenas pingueiras que o longo dos anos foron caendo na nosa terra, fálanos da emigración, dos barcos que tiveron un papel destacado e de persoas que viviron todo aquelo . Luís Chapela Bermúdez |