O Calendario:

En moitos lugares de Galicia o Entroido viña precedido doutras festas semellantes que se celebraban en días sinalados como o Domingo Fraleiro ou Borralento, o Xoves de Compadres ou Comadres, etc. , pero en Moaña esta tradición xa se perdeu. Aquí, os días máis importantes son o domingo, luns e martes, o Mércores de Cinza e o Domingo de Piñata. No primeiro domingo pola mañá os gaiteiros ían polos camiños e corredoiras tocando e anunciando a festa. As "madamas e galáns" xunto con moitos "curruvellos" dirixíanse ós "torreiros", que eran lugares preparados nas diversas parroquias para facer a festa. Eran veigas ou terreos axeitados para o baile nos que se facía un bo palco adornado de loureiros, buxos, laranxas bravas, frores, etc., no que tocaban os músicos ; bailábase a xota, a muiñeira, a ribeirana, a mazurca... Na Feira, na Grela, no Pazo Redondo de Meira, no adro de San Bieito de Domaio e quizais noutros "torreiros", estes bailes alongábanse ata ben entrada a noite.

Os disfraces:

Comunmente o disfraz era roupa vella, moi vella, que se atopaba na casa xa fóra de uso. Tapábase a cara cun trapo ou careta, poñíanse uns zapatos vellos, un chaquetón con remendos e pantalóns de gran tamaño no caso dos homes. As mulleres podían levar unha saia vermella ou negra e vella, un pano na cabeza, unha chaqueta de la negra e un mantón. Moitas veces levaban un pau na man para defendérense ou para meterlles algo de medo ós rapaces. Estes eran os "Curruvellos". Os Curruvellos eran os personaxes que non podían faltar no entroido e dedicábanse, sós ou en compañía, a visitar os amigos ou coñecidos. Era moi importante que o curruvello non fose descuberto e para iso finxía a voz ou non falaba. Facía chistes, caía antipático e, mesmamente, era respetado. Pasado o entroido discutíase se tal curruvello era fulaniño ou menganiño e incluso se facían apostas.

Outros disfraces eran as Madamas e os Galáns que formaban as parellas de "Bonitos". Trátase dunha tradición que hoxe en día xa se perdeu e vestían uns disfraces moi elegantes. As madamas ían vestidas con varias enaguas e un vestido longo negro, con preciosos adornos, encaixes e volantes. Unha blusa branca con encaixes, puntillas e bordados, e un chal. Sobre as roupas era obrigado levar moitas xoias de ouro que ían pedindo ós veciños, pulseiras, colares, pendentes -canto máis grandes mellor-. Ben peiteadas cun moño na cabeza, lucían os seus encantos bailando cos seus galáns no torreiro, nun lugar reservado para eles. Os galáns ían cuns pantalóns brancos, camisa branca e chaleque negro con pequenos petos dos que penduraba a cadea dun reloxo antigo. Tamén levaban unha faixa azul ou vermella como complemento á "pajilla", un sombreiro de palla cunha cinta negra da que penduraban outras cintas de cores. Ademáis da súa elegancia, que certamente contrastaba coa vestimenta dos curruvellos, distinguíanse porque eran bos bailadores.

Outro disfraz que se facía a comezos de século era a "fera". Destas feras ou bestas coñécense algunhas variantes, unha semellábase á "Coca" de Redondela e outras podían ser vacas ou cabras. A primeria estaba feita cun armazón de varas de salgueiro arqueadas e recubertas con tea. A figura podía ter unha significación ben ancestral pola súa silueta "dinosauria" e simbolizaba o mal que no enterro da sardiña se queimaba ou destruía. A cabeza da fera estaba formada por dúas táboas cunha visagra a xeito de boca. Posiblemente, a fera era o animal que máis divertía ós rapaces que lle tiraban castañas secas ou noces á boca. A fera era portada por dous homes desde o seu interior. O que ía diante miraba pola boca, e como a tea que cobría ó animal chegaba ata o chan, non se lle miraban nin os pés.

Outro disfraz no que participaban dúas ou máis persoas consistía en que se metían debaixo dunha manta e un deles puña na testa unha cabeza de vaca feita de madeira, cunha boca moi grande que se abría e se pechaba. Os homes e mulleres que a miraban íanlle botando herba na boca e como é de supoñer, a vaca comíaa.

A xente tamén se divertía ben cando lle podía dar paus no lombo a un home que ía disfrazado de "cabra" salvaxe que daba berros. Segundo a lenda, tratábase da cabra da morte. O tal home cubríase cun caparazón de madeira, cunha manta e varios pelexos que simulaban ser unha cabra. Tamén levaba unha cabeza cunha boca moi grande pola que berraba e que podía abrir e pechar para asustar os máis pequenos. Os que non tiñan medo dábanlle paus no lombo.

Os xogos:

Un dos xogos que estaba máis estendido era a "Corrida do Galo" que se facía tamén con moitas variantes. En lugares coma Verducedo, no camiño preto da do "Roxo", atábase o galo a unha corda que atravesaba o camiño e os que querían participar no xogo tiñan que pagar unha "cuota" en diñeiro. Colocábanse a unha distancia determinada, uns quince pasos, e cos ollos vendados, como se fora "á pita cega", e un machete na man, ían achegándose a tentas para intentar ferir ó galo. Gañaba o galo para si o que conseguía ferilo no seu intento. O galo dábao algunha persoa da vecindade e "recaudaba" as cotas dos participantes. Podía suceder que acertasen os primeiros e entón non gañaba case nada. Mais tamén podía suceder que pasasen moitos sen acertar e entón gañaba cartos. O bo era que tanto o que gañaba coma o que o poñía, no caso de que houbese unha boa participación, facían unha caldeirada e invitaban a viño ós presentes no espectáculo. Outra variante é a corrida do galo que se fai en Vilaboa aínda hoxe e que tamén se facía na parroquia de Domaio. Nestes casos, enterrábase o galo no chan deixándolle a cabeza fóra. Ó redor, formando unha grande roda, colocábanse os "guardiáns", para impedir que o roubasen. Estes personaxes ían armados de paus que empregaban cando alguén collía o galo. Tamén se podían colocar nos camiños que rodeaban o lugar da festa para coller ó que fuxira co galo. Se o que rouba o galo consegue escapar dos gardiáns, quédase con el, pero se ninguén consegue roubalo, entón os gardiáns teñen dereito a comelo.

Quizais este sexa o xogo máis importante que se coñece e aínda se podería falar de máis variantes, como a de matalo alí no propio burato no que está enterrado coa cabeza fóra, a de colocalo na punta dun pau posto de pé ou atravesando a canle dun río. Nestes casos gañaba o galo o que conseguía chegar ata o galo sen caer ó chan ou ó río. O gravado que se reproduce data de mediados do século XIX, pero aínda se teñen noticias moito máis antigas, dos séculos XVI e XVII nos que se practicaba a "corrida do galo".

As comidas:

O xantar no entroido tiña un senso tan vello coma as grandes comilonas en honor ós deuses gregos e romanos. Téñase en conta que nos estamos a referir a principios de século, tempos nos que se pasaba moita fame. Tempos nos que se comían sardiñas salgadas un día, máis salgadas outro, afumadas, secas..., sempre sardiñas. Pois ben, o entroido tiña unha significación importante para "encher o buche". Nas casas as comidas eran a base de porco ; cacheira, orellas, chourizos, etc.; de postre comíase o bandullo, as filloas ou as chulas. As comparsas ían cantar as súas murgas ás casas fortes, ás tabernas, para comer pan de millo ou no mellor dos casos, pan de trigo. Por beber unha fecha de viño. Cando había sorte, ata lle poñían unha boa mesa con pan, anacos de porco e viño. ¡Aquilo si que era unha festa! O Casino Desde comezos do século existiu en Moaña

As comparsas:

Eran, sen dúbida, elementos importantísimos dentro da festa. Nos primeiros trinta e seis anos do século XX, houbo en Moaña moitísimas comparsas. Por non haber constancia escrita de todas elas, só se poden reflexar as máis significativas das recopiladas. Todas as comparsas tiñan o seu director e ás veces encargaban as músicas a compositores moañeses ou de Cangas como foi o caso de Chaplín ou Tenreiro. Tamén tiñan o costume de nomear madriña, normalmente á filla dunha casa forte, íanlle cantar á súa casa e ela correspondía cunha boa merenda en agradecemento á comparsa. Valgan estes exemplos das comparsas máis representativas e das que temos noticias: Os Cazadores, Os Labregos, Os Mariñeiros-Náufragos, Os Villanos, Los Duendes, Os Curiosos, Os Contrarrilleiros, Os Gatos, Os Reflectores, Os Verdadeiros Humoristas, Los Jóvenes Libertarios, Los Deportistas, A dos Apaches, Os Trovadores, Os Limpiabotas.

O ENTROIDO ONTE pola Asociación Cultural Nós

O Casino:

Desde comezos do século existiu en Moaña o Casino do que eran socios as familias máis pudentes do concello. Máis adiante aceptou como socios a patróns, administrativos e representantes da pequena burguesía. Durante o entroido este casino contrataba unha orquestra que amenizaba o baile de disfraces ata altas horas da madrugada rivalizando cos casinos doutros concellos veciños. A orquestra era xeralmente de corda con mandolinas, frautas e acordeón

Madamas e galáns
Entroido no Casino, 1929
INICIO