“RECORDOS DA NOSA FEIRA”

A vida dos galegos en xeral estivo sempre moi vencellada ao rural, e ata non hai moito tempo a economía de Galicia xiraba arredor da agricultura, da gandería e da producción artesanal. Alá polos remotos tempos medievais naceron as feiras, para elo creáronse espacios públicos nos que periodicamente, ben semanal ou quincenalmente quedaron gravadas na toponimia nomes como a Feira do Tres, Feira do Dezanove,...

Hoxe, tristemente moitas xa son un simple recordo, a de Moaña é proba disto. A parroquia de San Martiño, foi noutro tempo o centro principal de Moaña, pois alí estaba o axuntamento, a farmacia ou botica, sala de baile e o lugar onde se celebraba a feira, os días tres e dezanove de cada mes. O campo da feira situado no barrio de Abelendo, abarcaba unha extensión grande de terreo, na que grandes carballos centenarios exercían como gardiáns do lugar. Os arbores, a parte de proporcionar sombra a xente, tamén eran aproveitados para amarrar o gando nos días de feira. Desgraciadamente, hoxe non queda ningún.

A feira de Moaña, en algún tempo estivo catalogada como a terceira en importancia no sur da provincia, só superada polas feiras de Redondela e Pontevedra. Eran anos nos que en cada casa había media ou unha ducia de ovellas e tamén dúas ou tres vacas. O día tres ou o dezanove Abelendo era unha festa, desde tres horas antes de saír o sol polos camiños ía chegando o gando de distintos lugares guiados polos xornaleiros contratados para a ocasión, e tamén polos propios donos. Na parte alta do campo se poñía o gando novo, do muro para abaixo o gando vello, no medio estaban os postos de tela e roupa, na parte de abaixo se expoñía a froita, cachos de porco salgado, galiñas, ovos e infinidade de legumes. As ovellas e os porcos, situábanse na parte máis próxima que mira o Casal. Cando se rapaban as ovellas a la tamén se vendía na feira, mentres nas casas os xergóns para durmir eran de follaco do millo.

Os carros ían chegando a feira cargados de leña e sacos de piñas que se vendían normalmente para Vigo, que pola tarde serían levadas nun barco, incluso algunhas veces se chegou a vender peixe. Un personaxe habitual das feiras de Moaña era señor Manuel o Peneireiro, veciño de Soutomaior, era moi simpático pois bailaba e cantaba simulando cunha peneira unha pandeireta, acudiu a feira ata moi velliño. Que a feira tiña moita sona ninguén o dubidaba, así se entende a presencia dun reloxeiro que aproveitaba para poñerlle os pendentes as mulleres, un fotógrafo que acostumaba a percorrer a feira e retratar a todo aquel ou aqueles que llo pedían. No medio de todo aquel trasfego tamén topaba sitio para traballar un dentista, pois a xente aproveitaba para sacar algunha moa. Non faltaba nunca o cego bohemio, tocando o violín e contando historias que un axudante cunha vara ía sinalando nun lenzo o que acontecía na cantiga. Este cantador de feiras e romarías, segundo lembra señor Manuel poñíase sempre na entrada principal do campo da feira, despois de cada canción o axudante pasaba a gorra para coller as esmolas. Así mesmo gañaban o día aqueles trapalleiros que facían xogos de cartas ou de chapas, para sacarlle os cartos a xente, houbo algún que ía cos cartos para mercar unha becerra e quedou sen nada, foi todo un drama.

A feira íase movido por algo máis que a necesidade de comerciar, pois en non poucas ocasións este argumento era só un pretexto, así os mozos máis novos aproveitaban para conquistar algunha moza. Nos días de feira a Abelendo chegaba xente de toda a provincia, uns a pé e cargados e outros os máis podentes en cabalos. Os triquillóns exercían un dominio na feira descomunal. Contan que o lugar de Figueirido, en Vilaboa, tiña fama de ser terra deles.

Un día antes da feira os triquillóns chegaban montados a cabalo a Abelendo, xa pasaban alí a noite, repartíanse entre a taberna de Piñeiro (onde hoxe vive o inglés), e na taberna de Barallas, o pé do campo. Nesta última os cabalos quedaban fora amarrados nas argolas que rodeaban a taberna, como aínda se pode mirar hoxe. Contaba cun alboio grande para gardar a palla e outras cousas, era alí onde durmían os triquillóns. A taberna de Barallas tiña moita fama polo viño tinto (tinta femia), que o mercaban en Cela na casa de Vicente García, pola outra parte, na taberna de Piñeiro gozaba de moita sona o viño branco que traía do Condado. Subliñar que os triquillóns máis fortes era os coñecidos como os Americanos, que parece ser eran de Donón ou de por esa zona.

A feira era o acto máis fermoso e importante do concello, aquel movemento desenfreado remataba as tres da tarde, entón os camiños volvían a encherse de xente, animais e carros, outros decidían seguir en Abelendo, ían comer as tabernas antes mencionadas, na de Barallas, contan que tiña algunhas exquisiteces como o bacallao cocido, o polbo e a carne guisada. Sen dúbida nesta casa había boa man para a comida, xa que anos despois unha filla abriu unha taberna tamén coñecida polo mesmo nome na estrada que vai de Moaña a Cangas, da que tivo moita sona a costela cocida, que segundo conta señor Chuco, era algo sublime, que aínda hoxe lembra o sabor daquela carne.

A feira máis importante do ano e a que todos coinciden era a de San Xosé, espectacular e potente, a máis concorrida e festeira. Neste día era tradicional que comparsas e coros actuaran na feira e nas tabernas, despois percorrían toda a parroquia cantando as cancións. Lembra señor Manuel, cando no San Xosé do 36, antes da Guerra Civil, os Xóvenes Libertarios actuaron na feira e na taberna do Barallas, viñan uniformados e con un gran estandarte vermello, foi algo que nunca se lle esqueceu.

Hai moitas teorías sobre a desaparicións das feiras, uns din que as deixaron morrer, outros que non souberon adaptarse a modernidade, e para señor Manuel, señor Chuco e señora Agripina, pensan que coa a emigración polo mundo adiante se foron abandonando os campos, a xente buscou outro xeito de vida, entón a feira xa non tiña moito sentido, aguantou canto puido. Aínda despois de desaparecer o campo fíxose algunha vez no Casal, pero xa era o último alento que lle quedaba. Señor Manuel aínda mantén vivo e con nostalxia uns bolos de crema moi ben feitos que se vendían na feira e que lle chamaban bombas de París, ou aquela vez que se levantaron as tres da mañá para ir a feira de Pontevedra a vender unha vaca vella, e o chegar o Cruz da Maceira como tiñan medo o sogro púxose a cantar, con todo as tres da tarde cun calor brutal viñeron de volta sen vender a vaca ¡aquela era outra vida!.

A feira de Moaña en Abelendo rematou nos primeiros anos da década dos setenta, anos despois, Manuel, un veciño emprendedor desta parroquia, loitou para recuperar a feira e que se fixera na Praia un día o mes, xa que en Abelendo non había sitio. Aquelo quedou nunha boa intención pola súa parte pois nunca se levou a cabo, quizais tamén , porque non dicilopola deixades das autoridades en non apoiar a súa proposta.

Para min foi unha satisfacción moi grande escoitar a estes veciños, señor Manuel de Abelendo, señor Chuco de Meira e señora Agripina de o Piñeiro, que rebuscaron na súa memoria estas lembranzas de cómo eran as feiras en Moaña, co único obxectivo de que saibamos algo máis da importancia que tivo a feira no noso concello. Agardamos pois que este sexa un bo tema para comentar arredor da mesa nestes días de festa.

 

Luís Chapela Bermúdez