ARREDOR DA LAREIRA 246XULLO 2.006
“PEPE DE JAROCAS, O FOTÓGRAFO”Din os que saben destas cousas, que unha boa foto é aquela capaz de captar a alma da persoa. Supoño que para chegar a ese extremo é preciso que o fotógrafo sexa auténtico, sensible, respectuoso, un namorado so seu traballo, así era Pepe de Jarocas. Corría o mes do Nadal do 1918, cando José Gayo Rouco, mirou as cores do mundo por primeira vez na casa dos seus avós, coñecida como a da Tribuna, polo feito de estar na parte alta do Meixueiro, rodeada de parras de viña, semellaba verdadeiramente a tribuna do gran teatro o aire libre. Dende moi novo amosouse coma un rapaz observador e con inquedanzas que outros non tiñan, a súa ilusión era ter unha máquina e poder sacar fotos de todo o barrio. Soñaba en facer cousas mentres axudaba a traballar no campo. Cando tiña quince anos regaláronlle a primeira máquina e comezou a facer fotos polos barrios de Berducedo e Piñeiro. As mozas que querían mandarlle unha foto os noivos, achegábanse a casa da Tribuna sen ninguén saber, contando coa complicidade de señor Pepe. Naqueles anos mozos, decátase que nos barrios a parte de traballo, a penas hai nada, entón coa axuda doutros mozos aluga un proxector e comeza a pasar películas de cine para todos os veciños na casa da Tribuna, e tamén na de señor Constante, nesta última casa, tamén fixo escola, ensinando a moita xente a ler e escribir. Foron moitos os veciños e veciñas que aprenderon o básico para defenderse gracias a el. Tiña moita teima en que os veciños superan desenvolverse para que ninguén abusara deles, daba bos consellos e animaba a moitas persoas a que se aseguraran no seguro agrario para o “día de maná”, moitos llo agradeceron. Hai persoas que viviron aqueles anos con el e recórdano coma un gran conversador, un creador e contador de historias fermosas que deixaba a xente abraiada. Axudaba o seu avó na taberna do Comercio, chamada de Jarocas, e que anos despois sería a taberna e barbería de Amador da Tribuna. Naquela taberna primitiva, señor Pepe, repartía as cartas que alí deixaban para todos os veciños, traballo este que seguiría facendo anos despois, cando xa casado foi a vivir para a Praia, repartindo as cartas na casa do Enamorado, en fronte da praza de abastos, o mesmo tempo que facía as fotos. Recorda a súa prima Delia, cando foi o servicio por terra, que o volver viña todo uniformado, mentres a pobre da nai choraba de alegría ó miralo de novo na casa. Déronlle a oportunidade de poder quedar no exército pois alí incluso podería ampliar coñecementos de fotografía, pero non quixo, pois a familia, o barrio e a fotografía libre, levárono a tomar aquela decisión. Hai unha anécdota moi curiosa como é que máis dunha noite ten pasado revelando negativos na compaña do seu fillo no lavadoiro do Meixueiro, tamén son famosas as fotos de moita xente retratada sentada na Vespa que tiña. O seu fillo recorda que cando saíron os primeiros SEAT 600 o pai mercou un, a matrícula era PO-55660. Nos anos da posguerra e cando toma máis en serio e con máis dedicación o traballo de fotógrafo, entón crea unha pequena empresa chamada “Gayo fotógrafo”, infórmase que no concello de Vigo dan uns permisos para facer fotos na rúa do Príncipe, fai a solicitude e concédenllo. Percorre festas e romarías importantes de toda a provincia e doutros puntos de Galicia, sacando fotos a todos os que llo piden, e outras por encargo. Durante un tempo foi fotógrafo oficial do concello de Vigo, daquela tiña catro persoas traballando con el, con licencias en Vigo e Moaña. Falar da fotografía en Moaña, é falar de Pepe de Jarocas, da familia Gayo, pois dende 1956 que é máis ou menos cando señor Pepe comeza a traballar case en exclusiva en Moaña ata hoxe, hai medio século. Pero aínda tiña tempo para tratar de facer algunhas cousas polo pobo, así no ano 1967, señor Pepe xunto con Gonzalo Riobó, Pedro Riobó, José Romero, Vicente Rodríguez, entre outros veciños, fundaron o Ateneo en Moaña. O principio tiñan un local nas inmediacións do Portal do Almacén, ata que tempo despois trasladáronse para un local máis céntrico no barrio da Seara. Recorda Gonzalo, que cando estaban facendo o traslado coas cousas, pasou unha muller e preguntoulle a señor Pepe que ían a facer alí, el contestoulle que algúns actos culturais e cousas así, a muller seguiu a conversa dicíndolle, “para iso hai cartos ¡carallo!” (unha expresión típica do noso pobo). Naqueles anos visitaron o Ateneo intelectuais da talla de Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, entre outros. Unha tarde que tiñan reunión, Pepe díxolle a Gonzalo: “Hoxe pola mañá pasoume un detalle curioso, fun a sacarlle as fotos a un home que morrera en Domaio, e cando estaba a piques de darlle o botón, díxenlle chis, chis, mire para aquí, menos mal que ninguén me escoitou”. Todo foron risas con aquela anécdota, e non era para menos. No ano 1971 estivo no axuntamento como concellal de familia, durante un pouco tempo. Señor Pepe viviu a transformación da fotografía en Galicia de primeira man na compaña do seu fillo, dende as máquinas de magnesio que facían unha pequena chispa, e que máis dunha vez o estar a sacar fotos nas igrexas, a xente escapaba asustada para a sancristía, ata as máquinas dixitais, a pesares de que el nunca as empregou. Pouco tardou o fillo en convencelo para abrir unha tenda estudio de fotografía en Moaña, abre as portas no ano 1974, na rúa Concepción Arenal. Son anos nos que pai e fillo conviven exercendo a mesma profesión, un exercendo de fotografo oficial do concello ata a súa xubilación, e o outro, atendendo o estudio e perfeccionándose coas novidades que van chegando. En agosto de 1985 cando o home debería comezar a vivir a súa xubilación gañada a pulso, morre na casa do Real. Recordan que no seu enterro houbo tanta xente que a estrada de arriba do pobo estaba ateigada dende o Real ata a igrexa e tiveron que desviar o tráfico pola estrada de abaixo. O relevo fotográfico estaba asegurado co seu fillo, que tres anos despois abre outro estudio en Bueu, ámbolos dous seguen en activo. Na actualidade Jacobo e Damián, netos de señor Pepe, que levan a fotografía no sangue, honran a memoria do seu avó. Deste xeito se entende o nome da primeira empresa creada por el, chamada Gayo fotografo, e que hoxe os netos lle puxeron de nome o estudio de Moaña, “Gayo fotógrafos”, non teño dúbida, que alá onde este, estará orgullo dos seu fillo e netos, por seguir tan acertadamente os seus pasos. Jacobo e Damián, son a terceira xeración de fotógrafos profesionais con máis de 50 anos de experiencia, e non era para menos pois medraron entre cámaras, carretes, fotos ... Estes mozos forman parte dunha xeración de mozos galegos con gran proxección profesional, traballando en todas as modalidades da fotografía e publicidade. Jacobo, que divisou a beleza do mundo no ano 1974 é membro activoda AFP, FEPFI e FEP, dende o ano 2.000. Obtivo diversos méritos nos últimos certames de cualificación da FEPFI: Sevilla 2.001, Tarragona 2.002, Segovia 2.003, Granada 2.004 e León 2005, en distintas categorías foron vintecinco obras galardoadas, e algunhas destas entraron a formar parte da colección de honra da federación e publicadas no seu libro oficial. Damián é un mozo que comezou a andar entre nós no ano 1983. Aínda non hai moito tempo que se incorporou o mercado profesional da fotografía, pero xa amosa unha gran capacidade creativa e técnica. Neste tempo obtivo sete galardóns no último certame de cualificación en León 2.005, e gañou o premio internacional de fotografía Atlantimag-2006, no apartado de publicidade. Entre outros premios, a Gayo Fotógrafos, concedéronlle pola CEP a empresa 2.005 por levar máis de 50 anos na mesma profesión, tamén o premio Xunta de Galicia, e agardo que un día os netos de señor Pepe poidan gañar o prestixioso premio Goya ou Lux de fotografía, ¡todo é posible!. Ámbolos dous contan sempre co apoio total do seu pai. Estes mozos saben que na paisaxe diaria saturada de imaxes lanzadas pola televisión, por internet ..., a fotografía de calidade satisfae o espectador e o leva a gozar dun instante único interpretado polo talento especial do fotógrafo. Xa pasaron vinte anos dende que señor Pepe de Jarocas nos deixou, con todo o seu recordo segue vivo e non é para menos, pois a metade da poboación de Moaña foi fotografiado por el. Un amigo seu contábame que era unha persoa moi sociable e facía amizade alí onde ía, era asiduos da taberna da Afiladora, onde acostumaban a ir tomar uns chiquitos.Persoalmente dicir, que as primeiras fotos para o carné de identidade fíxomas el na Praia. Con todo o exposto cumpre subliñar que o arquivo fotográfico da familia Gayo ou “Jarocas”, que comezou señor Pepe en Berducedo-Piñeiro, segue agrandándose e expandíndose polo mundo. Agradecerlle á familia, en concreto a Pepe o seu fillo, a Delia, a Manuel Bilbao, a Gonzalo Riobó... por contribuír a que este traballo foxe posible. Luís Chapela Bermúdez |