Os diccionarios conceptúan a lenda como un relato
fantástico, de feitos máis ou menos extraordinarios e transmitidos de
xeneración en xeneración. E decir, por tradición.
Segundo os etnógrafos, as lendas teñen raigames
históricas, míticas e astrais. A menudo, unha mixtura desas connotacións
dificulta a diferenciación entre, lendas, contos, superticións, etc.
A deformación con que recibimos as lendas, non
difire da mecánica do xogo xuvenil chamado "O Disparate". Nese xogo participa
un número indeterminado de persoas, colocadas en círculo ou en fila. O
primeiro pensa nunha frase e transmítea, en voz baixa, ó segundo; este
fará o mesmo co seguinte e, así sucesivamente. O derradeiro xogador agardará
até que o primeiro berre a mensaxe orixinaria; depois o derradeiro, tamén
en voz alta, dirá a frase recibida, que cáseque sempre contrastará, polo
disparatada da frase inicial. lmaxinemos pois, a dexeneración e terxiversación
que poideron ter as lendas, contos e tradicións a traverso dos séculos.
O corpo de lendas aquí representadas é mais ben
un inventario e estan case todas recollidas en tres fases diferentes.
Unha inicial que parte desde a formación do Grupo
Arqueolóxico do Morrazo en 1972 até O 1975, ano en que prácticamente desaparece
toda a actividade.
A partir de 1979, reorganizase o Grupo Arqueolóxico
e integrase como Agrupación Cultural Nós. Logo durante o inverno de 1981
e a primaveira de 1982 realízase un traballo de campo na parroquia de
Domaio.
Co gallo das Letras Galegas de 1986, a Agrupación
Nós fixo unha primeira recopilación escolar de lendas e contos, con resultados
ben diferentes.
Nesta públicación prescindirase dos contos, excepto
aqueles que pola súa interpretación teñen certas reminiscencias tradicionais.
Maio 1988
"A Agrupación cultural nos quere expresar o seu
agradecemento a tódolos informantes e demais persoas que coa sua colaboración
fan posible legar a Moaña este documento cultural".
LENDAS ETIOLOXICAS
Os etnógrafos galegos Risco (1) e Chivite (2), nominan
como etiolóxicas todas aquelas lendas que poidan explicar a etimoloxía
dos lugares. E coñecido que o saber popular sempre percurou darlle un
significado ós lugares. Sempre tentou unha interpretación do nome das
cousas, e iso deu orixe a unha serie de lendas sorprendentes que, se ben
poden ter algunhas relacións históricas, na súa maioría non se relacionan
con cultos astrais ou ideas relixiosas. Hoxe a toponimia, hidrominía,
etc. coma os estudos básicos da filoloxía, percuran darlle un contido
científico á etimoloxía e significado das palabras; non por iso o folclore
deixará de ter interés por moi pintorescas que parezan as lendas.
1. ETIOLÓXICAS
1.1. - Domaio
1.1.1 Lembránse os vellos que hai moitos anos, os poboadores
da outra banda da ría, é decir, os de Rande, chegaron a colonizar estas
terras seica animados pocas súas mulleres, ás que coa presunción correspondente
berraban: ¡de alá e domaios! Apartir de entón quedou Domaio como nome
destas terras. (Referéncia: Xosé Piñeiro, 54 anos. 1981).
1.1.1.1 Como variante da lenda anterior, hai outra
que fala dunha época na que Domaio era unha zona deshabitada e chegaron
os primeiros habitantes procedentes de Chapela. Estes intentaron cultiva-las
terras comenzando polas de beiramar, pero o alto grado de salinidade impedíailes
obter boas colleitas. Os veciños e familiares da outra beira da ría, aconsellábanlles
que a terra fora "adomaina"; é decir, que a estercasen e traballasen.
E tanto insistiron coa verba "adomaina" que dexenerou en "Domaio", de
aí o actual nome da parroquia.
1.1.1.2 Outra das explicacións populares da orixe do
nome Domaio básase na improductividade das terras pertencentes ó dominio
feudal do conde de Montealegre, e cóntase que nun ano de grande sequia
os labregos miráronse na obriga de non paga-los impostos ó señor conde.
lste inflexíbel, adoptou posturas de forza, o que motivou o levantamento
do campesinado. E diante desta manifestación tan numerosa, o señor conde,
seica medoñento, referíndose ós seus eidos, díxolles: ¡Tomaio e domaio!
E de tal xeito nomeáse Domaio a esta parroquia.
1.1.2 Pegada de San Pedro. Chámase a unha pena que
ten como unha grabura semellante a ferradura dun cabalo. (Rfa. Xosé Piñeiro
1981)
1.1.3 A Costa. Chámase barrio da Costa porque alí viviu
un guerreiro chamado Manuel Costa, que tiña moita sona por combatirlas
invasións angloholandesas. (Rfa. Xose Piñeiro 1981)
1.2. Moaña (N. Sra. Carme)
1.2.1. Moaña.- Chámanlle o río da Fraga, río dos Ladróns,
porque nun sitio concreto de moito paso, había continuamente asaltos e
roubos ás xentes que por alí transitaban. Nese paso, a cada beira do río
estaban unha moa dos muiños pra facer fariña e unha aña que según o informante
perdeu o significado. (Rfa. Recollida por Sebastian Juncal, do mestre
Gumersindo Juncal con mais de 80 anos e falecido hai uns anos. 1988) (E
difícil de concretar o topónimo "Moaña" xa que no caso de ser palabra
composta, vale -moa- como raíz, pero aña so representaría a cria dunha
ouvella, cousa sen sentido. A. Moralejo Lasso no seu libro "Toponímia
Gallega y Leonesa", contempla a terminación -aña- con posibilidades de
procedencia gala ou céltica, sen especificar un significado. De tódolos
xeitos a súa orixe pode ser remota, xa que no ano 1237 documéntase unha
donación do mosteiro de Lérez a ecclesia Sc. Martini fr Moania(*). (*)
lsidoro Gonzalo Bango Toriso - Arquitectura Románica de Pontevedra. Ed.
Fundación Barrie de La Maza.
1.3.Moaña (San Martiño)
1.3.1. Contan que un día raptaron a unha raiña e leváronna
para o monte, alí morreu de pena. De aí ven-lle ó monte da Pena. (Rfa.
do Colexio de Tirán).
2. LENDAS HAXIOGRAFICAS
2.1. Domaio
1.1 Pegada de San Pedro. Cando o demo tiña fame, baixaba
convertido en cobra á praia da Borna para coller toda clase de marisco
e o carrexaba para o monte. Unha vez alí, xantaba enriba dunha laxe até
fartarse e despois dormíase a face-la digestión. Cadroulle pasar por alí
a San Pedro.- O informante supón que Santiago- e ó mira-la cobra decatouse
de que era o demo mutado e sen pensalo máis, pisouna co cabalo, causándose
a morte. E dou a pisada con tanta forza que a ferradura quedou grabada
na pedra. (Rfa. Xose Piñeiro 1981. Taboada Chivite recolle que o cabalo
de Santiago deixou a marca da súa ferradura en moitos penedos do país.
Tamén poden atribuirse á virxe o mesmo calcañal de S. Pedro).
2.1.1.1. O apóstolo S. Pedro era perseguido e fuxía
a cabalo e ó chegar á Borna atopouse sen saída. Collen entón coso e brincou
até alcanzar a outra beira da ría. No salto o cabalo escorregouse marcando
unha impronta da ferradura que perdura deica hoxe. (Rfa. Fernando Alonso
Romero 1.973).
2.1.1.2. San Pedro tiña por costume largar o aparello
rasteando de terra cara o mar e, cáseque sempre tiña, lances en branco.
Un día aparecéuselle Cristo, e díxolle: -Pedro, así non se larga. Debes
facelo do mar para a terra. Pedro non dubidou un segundo, en facer tal
como foi aconsellado, e mallou tal cantidade de peixe que quedou abraiado.
Non podía arrastar polo cope, tendo que afincar os pés pra facer forza,
e fixo tanta que lle quedou grabado o pé nunha rocha. (A dez metros da
"Pegada" atopouse outra pena cunha impronta de ferradura. A lenda conta
que anque chova endexamais cria musgos nin líquenes).
2.1.1.3. Como variantes destas lendas temos unha incompleta
explicando que a "pisada de S. Pedro" foi producida pola caída cando corría
co cabalo. Na pisada non medra herba nen musgo.
2.1.1.4. Outra, transforma a "San Pedro" nun guerreiro
que fuxía dos enemigos. Para adiantar camiño apoiouse nunha pedra para
pegar un chimpo. O saltar caeu e deixou grabada a pezuña nunha pedra.
(Rfa. do Colexio de Reibón. 1986)
2.1.2. San Lourenzo. A lenda dí que San Lourenzo apareceu
nunha pedra un pouco máis arriba da igrexa. O penedo ten grabadas unhas
incripcións (é un petroglifo). Un día pasou un bispo e descifrando as
inscripcións preguntou ós veciños se había por alí un lugar chamado Bandeira
-pola similitude co dibuxo da pedra-. Despois tamén preguntou se había
outro nomeado Cavada Redonda, ollando pras Coviñas e seguiu acertando
coas Quintas e dous lugares máis que o informante esqueceu.
2.1.3. O Dezmos das Fabas. As fabas eran un dos poucos
productos do campo que non pagaban dezmos á lgrexa. Nunha ocasión, o crego
inxeniou un compló co sancristán, pois maxinou o xeito de cobrar o tributo
polas fabas. Chegou o día no que a imaxe de San Sadurniño desapareceu
da igrexa de San Pedro. Despois de facer varias rogativas o crego saíu
en procesión cos feligreses entonando a oración seguinte: San Sadurniño,
aparecedevós -berrraba o crego. O dezmo das fabas pagámolo nós -respostaban
os feligreses o unísono. E craro. ¡Miragre! ¡Apareceu o santo!, xusto
no medio das fabas sementadas nunha veiga. A partires de entón pagaron
o dezmo moi religiosamente. (Referencia de Xosé Piñeiro, que leu o conto
nun libro publicado en Bos Aires por Eugenio Paz e disque foi recollido
duns escritos dos seus avós).
2.2.Meira.
2.2.1. San Bartolaméu. Un día estaban uns mariñeiros
pescando preto da illa de Toralla (Canido), e ó descansar para face-la
comida lles apareceu un mociño abordo. O cociñeiro do barco nun xesto
moi humán achegoulle a vela do barco para se quentar. Dalí a pouco o patrón
preguntou pola vela que desaparecerá. O cociñeiro respostoulle o que fixera
con ela e como seguía sen aparecer, o patrón amarrou ó mozo ó pao e ó
veleiro navegaba máis rápido que coa vela. Cando chegaron á illa de San
Bartolameu o rapaz desaparecen. Máis tarde atopáronno na praia e poideron
comprobar que era o mesmo San Bartolameu. (Rfa. Francisco Pérez Carballo.
66 anos. Colexio de Reibón).
2.2.2. Pedra de Morcegueira. E un enorme penedo, aburacado
por dentro e apoiado noutro por un punto que a lenda dí corresponder ó
dedo da Virxe e o día que retire o dedo ou caía o penedo será o fin do
mundo.
2.3. Moaña. (San Martiño)
2.3.1. Monte da Pena.
2.3.1.1. As rochas da cima do monte da Pena, abríanse
e aparecía unha virxe peiteándose e cantando. Toda persoa que pasaba por
alí sentíase abraiada pola cantiga e dirixíanse como hipnotizada hacia
a abertura, e o entrar pechábase, polo que a persoa, que lograba adentrarse,
endexamais voltaba. (Rfa. Colexio de Tirán. 1986).
2.3.1.2. Tódolos días santos e máximo. no Nadal, a partir
das 12 da noite abríase unha rocha no monte da Pena e saía unha frecha
e deseguido unha virxe peiteándose cun peite de ouro. Para falar con ela
había que ir pola noite e ó mencer voltabase a pechala porta da rocha,
deica o próximo festivo. (Rfa. Colexio de Tirán 1986).
2.4. Tirán.
Os mariñeiros notaban cando viña un temporal porque
lles aparecía no mástil máis outo, un reflexo, semellante a unha luminosidade
que deron por chamarlle a luz de San Telmo. (Rfa. Colexio de Tirán 1986)
LENDAS HISTORICAS
Recurrindo novamente a Risco, éste danos unha terceira
clasificación de lendas chamadas históricas que á súa vez subclasifica
en lendas de fonda raigame popular, nas que poidan entrar todas aquelas
que teñan caracteres míticos. E as de orixe non popular, procedentes de
clases máis cultas, que interpelan coñecementos históricos ou connotacións
alleas á cultura galega. Atendendo ás lendas históricas recollidas, coidamos
fundamental desglosar este apartado atendendo os temas seguintes:
3.1 LENDAS DE ORIXE NON POPULAR.
3.2 LENDAS HISTÓRICAS DE CARÁCTER XERAL.
3.3 LENDAS DE MOUROS E MOURAS.
3.4 LENDAS DE SERPES, COBRAS, CULEBRAS.
3.5 O FOLCLORE DO MONTE DA PARALAIA.
3.1 LENDAS DE ORIXE NON POPULAR.
Prácticamente non existen grandes lendas mitolóxicas
identificadas co Concello, pero sí cabe redactar aqueles que lle intercalaron
valores históricos, mais cultos co folclore popular
3.1.1 Domaio
3.1.1.1. O Forte. Foi escenario dunha batalla naval
contra a flota anglo-holandesa que chegou a desembarcar e ó intentar subir
polo monte, foron danados con moitas baixas polas grandes pedras que deixaban
bolear os nativos dende o alto da "Gorita". (Rfa. Xosé Piñeiro 1981. Intúese
unha clara alusión ás escaramuzas do combate naval de Rande).
3.1.1.2. Praia de San Pedro. Foi esceario dunha grande
batalla. (Rfa. Xosé Piñeiro. 1981).
3.1.1.3. Tesouro de Rande. Contan os vellos que o tesouro
de Rande foi portado por carros do país, e alguns veciños apropiáronse
de moedas de ouro que deixaron en herdanza, especialmente os veciños de
Santa Cristina de Vilaboa.
3.1.1.4. O Castillo. O tráfico da ría era controlado
e pechado por unha cadea que portaban dende os castelos erguidos cadansúa
beira. O Castelo da Punta do Corvaceiro (Coveiro) foi desfeito ó carrexar
os porpiaños en balandros pra construción dos peiraos do Areal en Vigo.
(Rfa. Xosé Piñeiro 1981. E evidente que o informante conta con documentación
literária da batalla de Rande e incluso ésta derradeira, mais que lenda
é o feito histórico).
3.1.1.5. Domaio. O tal nome poidera ser de procedencia
gaélica, o "DUM-AIH", que significa "pedra dos Lamentos", por cuio nome
coñécese a pía que se acha no xardín da que chaman "Casa grande de Montealegre".
(Rfa. Fernando Alonso Romero. Se ben esta lenda pode encadrarse nas etilóxicas,
compre mais ben neste apartado xunto coa recollida de Moureira P. e Domingos
A. no libro "Miscelánea Antroponimia Germánica en Galicia y Norte de Portugal"
- Porto 1969-que nos di que o nome de Domaio supón un composto de Dom-
ayo, co segundo elemento Germánico)
3.2 LENDAS HISTÓRICAS
DE CARÁCTER XERAL
Resalta Taboada Chivite (2) o extraordinario poder de
supervivencia de feitos relixiosos e fai referencia a ese animismo astral,
describindo varios símbolos como os penedos, rochase laxes. Cicais o culto
á pedra pode ser o máis prehistórico e dunha grande relixiosidade. Non
esquezamos que a mámoa da Chan da Arquiña supera, segundo os derradeiros
estudos, os 5.000 anos de existencia e representaba un culto funerario.
As árbores e prantas eran outras expresións simbólicas amosadas polos
romanos cando falaban dos bosques sagrados de Gallaecia e o mesmo refraneiro
galego recolle infinitas propiedades medicinais, maléficas ou as espirituais
das prantas. O sol e o lume, de propriedades purificadoras, relacionanse
coas divinidades omnipotentes e son a figura principal dos cultos astrais.
Alonso Romero (3) fala do solsticio de verán no S. Xoán como unha data
na que o sol inicia un debilitamento progresivo cara ó inverno e apuntala
co desexo campesino de axudar ó nacemento da deidade solar con fogueiras
e ceremonias que poidan alonxar ás malos espritos que danan as colleitas.
Pola sua banda Chivite, versándose en Estrabón dí que a lúa coas súas
fases establece un ciclo vital de influencias en tódolos aspectos, sexual,
agrícola, climatolóxica, matanza de animais, etc. Facendo unha relación
de semellanzas entre deidades prerromanas coas grecorromanas, Risco (1)
afirma que moitas lendas, tradicións contos e apoloxías, foron na súa
orixe mitos. E destaca como Martiño Dumiense (S.VI), arremete contra o
costume de por luces nas encrucilladas para "Chamar ó demo". Se a encrucillada
era de sete camiños servía pra facer ritos de bruxeria. Cuevillas, segundo
versiona Chivite, documentase nos Lares Viales, deidades romanas, para
decir que tiñan propiedades curativas e de liberación e o cristianismo
transformou colocando cruceiros nas principais encrucilladas. A matanza
do porco pode acadar outra interpretación mitolóxica, de ritual funerário
que ademais de producir alimentos, obtéñense amuletos pra previr o mal
de ollos. Tamén suliña Chivite o falo como símbolo prehistórico orxiástico
e de reprodución, e recurrindo a Estrabón e Silio ltálico dí que os páxaros
teñen a súa interpretación nos voos e cánticos, tanto agoreiros como benefactores.
Nas lendas castrexas, aparecen con certa frecuencia a galiña cos pitos
de ouro e o galo negro como variante. Estes símbolos estranos aínda non
acadaron unha explicación convincente por parte dos etnógrafos polo que
presumen dunha xenéresis pregaélica. Hai outros espritos infernais: a
man negra, o demo, o trasno, a santa compaña, etc. En conxunto persiguen
fins maléficos e obscurantistas das xentes.
3.2.1. Domaio
3.2.1.1. Chan da Lagoa - San Lourenzo. Contan os máis
vellos que no camiño que cruza dende San Lourenzo a San Adrián, na pasaxe
Chan da Lagoa preto dunha gran pedra. A xente que ía de noite polo atallo
aparecíalle un home que se puña a súa beira e lle facía compaña durante
un traxecto curto, até chegar á Chan da Lagoa. Se a persoa ía polo camiño
o home misterioso o acompañaba polo monte, e ó reves, se a persoa tiña
medo e metíase no monte o home ía polo camiño, até desaparecer no regato.
Dise dun valente que non tiña medo e ó pasar, cuns zapatos novos, chegou
á casa con eles rotos, sen cordóns e non sabe por donde atravesou. O home
misterioso sempre vestía con patalón marrón chaqueta negra e camisa branca
e non se lle aparecía a todo mundo. Incluso nas pandillas non era observado
por todos. (Rfa. do Colexio de Domaio 1986)
3.2.1.2. Castro de Montealegre 3.2.1.2.1. Cova dos Liñares.
Pola parte Oeste do castro, tiña saída unha cova que atravesando a ría,
procedía de Rande. E non era moi doado dar coa saida, polo que a xente
tentaba pasala mellor dende Rande. Até hoxe non houbo ninguén que poidera
atravesara, pois din que ó chegar á mitade do traxecto apagábase toda
clase de luminosidade. (Rfa. Xulio Táboas 1981)
3.2.1.2.2. As cidades. Falando entretidas baixaban de
Montealegre dúas mulleres, cando de súpeto, de entre os ramallos presentóuse-lles
unha man negra. Mentras a primeira muller (que non se decatou da "presencia"
camiñaba e falaba a outra, nada mais veu a man, caeu morta. (Recollido
de Taboada Chivite. Ritos y Creencias Gallegas. A Coruña 1980).
3.2.1.2.3. Cova da Lóntrega. No monte ten cova a lóntrega
que comunica o Castro coa Beiramar. (Os informantes coidan que é unha
cobra, pero en realidade trátase, ó igual que en Tirán dunha londra, lontra
"nutria". Mamífero carnívoro, con membrana interdixital, vive nas beiras
dos ríos e alimentase de peixes).
3.2.1.2.4. O Castro. No Castro, dúas vellas sacaban
tódolos días a asollar o ouro sobre dous cobertores.
3.2.1.3. Borna. Afirman varios veciños da existencia
de dúas pedras escritas na praia da Borna onde se le "Deiqui o Codesal"
e outra no Codesal que pon "Deiqui a cen metros". Segundo o comunicante
intentouse descifrar a mensaxe rebuscando nun radio de cen metros por
si aparecía algun tesouro e non deu froito a pescuda. (Rfa. Xulio Táboas
1981. Ousérvese a semellanza desta lenda coa relación dos tesouros que
se dan cita no Ciprianillo).
3.2.1.4. Gagán (Xaxán). Din que no monte Gagán había
uns encantos, onde os encantados asociaban as moedas na mañán de S. Xoán.
Para desfacer dito encantamento tiñan que ir uns homes e un crego para
ler un libro, coa condición de que non nomeasen a Deus para nada. Foron
pois dous homes acompañados dun crego e outro medio parvo: Cando comenzaron
a ler o libro co crego, apareceulle un home cun carro cheo de cartos e
preguntoulles. - ¿Que queredes? - Diñeiro. Respostaronlles os homes que
ían a desencantalo. - Ai, meu Deus, ¿todos estes cartos son pra nós? ¡Alabado
sexa Deus!. Exclamou o menos espabilado. Tan logo como pronunciou o nome
de Deus, cairon lóstregos, tronos é escomenzaron a chover e ventar, de
tal xeito que levaron os muiños arrastro. Desapareceu o diñeiro e o crego
morreu co susto da tronada. (Rfa. Rosa Alvarez Rivas. 70 anos. Colexio
Reibón 1986).
3.2.2. Meira.
3.2.2.1. Torre de Meira. No castelo existe unha cova
con dúas olas. Unha chea de ouro e outra de veneno. A cova era poseedora
dun encanto que decía: "Entrarás e non voltarás". Se alguén era capaz
de entrar e coller unha ola podían suceder dúas cousas: Se a ola era de
ouro quedaría rico, pero se colle a de veneno morrería.
3.2.2.1.1. Cáseque no alto da torre, hacia o sur, onde
hai agora un loureiro, había unha porta entre dúas pedras. Hai uns sesenta
anos foron tres homes co libro de S. Ciprián e mentras un deles collía
o libro ó reves leíao en voz alta, os outros dous, sentiron un ruido como
se fora unha ringleira de carros. Un dos que cavaban dixo: -¡Válgame Deus,
xa veñen os carros pra enchelos de ouro! E, o pronunciar a palabra "Deus",
desaparecen todo ouro (1974).
3.2.2.1.2. Baixaban uns homes o pé do Castelo cando
miraron unhas galiñas con pitos piando. Un dos homes foi a collelos pensando
que serían dalgunha casa de Meira de Arriba e ó ter un pito na man convertíuse-lle
en ouro. Asombrado, tratou de collelos e escapáronlle todos.
3.2.2.1.3. Na torre seica tivo lugar unha batalla. Na
illa de San Bartolameu había unha fortaleza que defendían os da torre
cando vían chegar piratas. Unha vez, o conde de Tirán estaba en guerra
co de Meira e os soldados destruironlle a torre que segue en ruinas. (Rfa.
Benedicto Boubeta Santomé. 60 anos Colexio de Abelendo).
3.2.2.2. Laxe Negra. Couso. Na noite de S. Xoan, sae
unha galiña con pitos. (Na pedra desta lenda incompleta hai uns restos
de grabados rupestres).
3.2.2.3. Landreira. Hai unha cova de mouros cun tesouro
escondido. Nela había dous baúles, un cun tesouro e outro con veneno.
E según se abrira, así quedaban, ricos ou mortos. (Rfa. do instituto Maria
Soliño de Cangas, 1988)
3.2.3 Moaña (N. Sra. do Carme).
3.2.3.1. As Raiñas. O sur da fonte había unha pedra
que ó petar nela soaba como unha campá, e dentro gardaba un tesouro, cunha
galiña de pitos de ouro. (A pedra foi desfeita pra facer unha serra).
3.2.3.2. Broullón. Na noite de S. Xoán saía unha vella
en Broullón a asollar unhas moedas de ouro e un home ó mirala achegouse.
Achegouse tanto que desaparecen. Din que é un encanto por obra do demo.
(Rfa. do Colexio de Reibón, 1986)
3.2.4 Moaña (San Martiño)
3.2.4.1 Outeiro do "Coello". lndo hacia Cela, había
unha fonte que chamaban de San Lourenzo. O día da onomástica, aparecía
unha galiña con doce pitos e desaparecían a pouco de sair. (Rfa. Maria
Barcia Pérez. 46 anos. Colexio Reibón 1986)
3.2.5 Tirán
3.2.5.1. Cova da Londra (Lontra). A cova chegaba até
o monte dos Remedios e estaba habitada por unha lontra, animal peludo
con garras e fortes dentes que rompía os aparellos dos mariñeiros e comían
"á xente". (A cova está debaixo mesmo do cimenterio de Tirán, e coa pleamar
chega a entrar auga nela. Na festa de S. Xoán que se celebrou sobre ó
1965 ou 1966, (non é seguro o ano). Un grupo de mozos e mozas baixaron
á praia, facendo apostas para introducirse na cova. Cando os máis atrevidos
meteronse nela, a sorpresa foi moi grande ó comprobar un resplandor bermello
emanado dende o fondo. O acceso a esa luz era tan estreito que apenas
cabía un brazo. As hipóteses que se barajaron da procedencia desa luminosidade
foron moitas. A máis acertada sería o "Lume factuo" emanado dos osos caídos
do cimenterio).
3.2.5.2. Castro dos remedios. O pé do monte, na Carrasqueira,
din os vellos que había unha cova que chegaba até o cruceiro que hai na
parte Noroeste. Un mozo de trinta anos asegurou que entrou nela e ó chegar
a uns douscentos metros non puido seguir por facerse estreita.
3.3 LENDAS DAS MOURAS / DOS MOUROS
A menudo a lenda está vinculada a un xacimento arqueológico
ou monumento religioso. De feito as recollidas nos xacimentos castrexos
teñen unhas carecterísticas comúns, sendo as máis representativas as de
mouras / mouros. O descoñecemento da historia que poideran ter os informantes
sobre os nosos antepasados fai que a cultura popular o que máis aló se
remonta é "ó tempo dos mouros". Percurando o significado etnográfico temos
a Risco que define as mouras, donas, mouros, como ritos pagáns, de vestigios
prehistóricos que semellan símbolos da mitoloxia nórdica e centroeuropea
e, que popularmente coñécense como fadas. En suma son seres sobrenaturais
que non pertenecen á nosa especie. As mouras e mouros (4) son seres "morenos",
"escuros", históricos e son os antepasados que construiron os monumentos
antigos, alguns ainda cun encantamento de albergar tesouros. Eran os grandes
protagonistas da mitología popular que os van delimitando i encadrando
segundo as circunstancias do período que se narre. Así descríbense como
entes non cristianos, pero pola contra poseen grandes riquezas e poderes,
que axiña ofreceu a troques dun desencanto moi doado. Sen dúbida pode
tomarse como unha variante da figura goethiana de Mefistófeles sen os
poderes diabó- licos e maléficos. As mouras, mulleres en xeral de singular
beleza, soen ter moita relación cas augas das que Chivite (2) intúe como
reminiscencias das divinidades acuáticas "ninfas" ás que a tradición popular
transforma en mouras, doncelas, donas, mozas. Alonso del Real (4) paraleliza
as lendas das mouras que aparecen peitándose na noite de S. Xoán, cun
vello ciclo mitológico do mundo mediterráneo en relación coa fertilidade.
O que si é indiscutible é o significado das mouras e a influencia do baixo
medievo, entendendo como unha necesidade de riqueza polo campesinado que
pola propia condición endexamais chegarían conquerir. A saber si estas
lendas teñen reminiscencias coa deusa Fortuna.
3.3.1 Domaio
3.3.1.1. Poza da Moura.
3.3.1.1.1. En tempos remotos viviu no lugar unha fermosa
xoven, muller de cabelos longos e loiros que se peiteaba cun peite de
ouro. Polo serán sumerxiase na poza e emerxia ó día seguinte para sentarse
na laxe e cantaba unhas melodiosas cantigas. Polo mediodía asollaba o
millo recollido que se convertía en ouro. Certo día cando os mozos baixaban
cos rebaños, unha cabra acercouse para comer o millo. A moura p ra espantar
ó animal tiroulle o peite de ouro, que o recolleu o zagal. A moza correu
tras del para recuperalo, cousa que non foi capaz. Logo díxo-lle, "anda
rapaz, que levas peite para os teus fillos, netos bisnetos e tataranetos.
Houbo outro mozo que prendado da moura prometeulle o que fora para desencantara.
A moura seica lle dixo: -Se queres desencantarme debes ser valente, e
vexas o que vexas ou oias o que oias, non te asustes. Quédate e axúdame.
Así o fixo, pero o rapaz, nas primeiras probas, ó ver rodando hacia él
unhas rodas de muiño, asustouse e fuxiu, evitando asi o densencanto. (Estas
lendas están recollidas dunha recomposición, feita por Celia Sanjorge,
no Faro de Vigo, do 19/1/1985 que aparte da súa interpretación, presenta
valores etnográficos válidos).
3.3.1.1.2 Tódolos días pola mañán cedo, saía da pozo
unha moura de longos cabelos que despois de peitealos ben, deixaba o peite
de ouro tras dela, botándo horas enteiras asollándose. Correuse o rumor
por Domaio que de que o peite tiña un encanto. Un día un mozo agardou
achantado toda noite. A moura sen se decatar da súa presencia, repetiu
a faena de sempre, deixando o pois o peite detrás dela e deitándose na
laxe, intre que aproveitou o rapaz para achegarse paseniño, sen facer
ruido, até collelo. Foi entón cando botou a correr sen parar e sen mirar
para atrás, pois sabía que se o facía quedaría sen encanto. O chegar a
súa casa gardou o peite nunha arqueta. O cabo duns días foi comprobar
se seguía no mesmo sitio, e atopouse coa sorpresa de que o baúl estaba
cheo de ouro. (Rfa. Xulio Táboas 1981)
3.3.1.1.3 Na noite de San Xoán saía da poza unha moura
agardando ó mencer para asollarse.
3.3.1.1.4. Fuxindo das guerras da -Reconquista (suposición
do informador) chega a Domaio un príncipe mouro e a súa filla moi fermosa.
Foron vivir para o monte onde mantivo cautiva a filla pra que ningún a
mirase. Co paso do tempo, un pastor chegou a coñecela e mesmo chegaron
a namorarse. O pai mouro ó decatarse das relacións, irouse moito e rabexado
dou morte ó zagal e máis ó seu gando. De diante tal arrepiente acontecemento
a princesa fuxía anguriada sen parar até chegar ó río da Pasaxe e alí,
desesperada, decidíu afogarse nunha poza moi profunda labrada pola caída
da auga. Non se sabe si chegou a afogar, pois contan os nosos vellos que
en certas noites do vran, teñen escoita-do como uns choros ou suspiros
de muler, pero ó achegarse para mirar quen era, tiñan a sensación de que
alguén se sumerxía naquela poza sen fondo. (Rfa. de Xosé Piñeiro, 1981.)
3.3.1.1.5 Na poza da Moura vivía unha sirea moura que
cantaba moi ben e co seu canto prendaba a todos aqueles que se lle achegaban.
Un día, un home chamado "Carroque", sen que a moura sa decatase, achegouse
e rouboulle o peite do ouro. Enrabechada polo engado, mataba a tódolos
homes que topaba, até que un día desapareceu, e endexamais se soupo dela.
"Carroque" vendeu o peite polo que lle deron moitos cartos. (Rfa. Recollido
do instituto Maria Soliño de Cangas. Esta lenda fai unha alusión as sireas
que teñen vincula-ción as legendarias Nereidas, divinidades mariñas da
mitoloxiá grega)
3.3.1.2. Monte Faro. Contan que hai covas de mouros
(O pé do Faro está o monumento megalítico da mámoa da Chan da Arquiña).
3.3.1.3. Cavada do Salgueiro. E unha zanxa rectangular
de vintecinco metros de longo. Nunha das cabecearas ten esteos caído.
O seu fondo pasa ben dos dous metros. A lenda dí que foi vivenda dos mouros.
(Ainda que é improbable, poidera tratarse dunha mámoa).
3.3.1.4. Praia da Borna. De seguido da praia da Borna
está a punta da Moa, refuxio dos mouros.
3.3.1.5. Cruceiro de As Vaqueiras. Debaixo do Cruceiro
está a cova de mouros. Dise que apareceu a Santa Compaña.
3.3.1.6 A Garita dos Mouros Había neste lugar unha fonte
con sete canos de Ouro e un veciño de Domaio pretendeu apropiarse deles
pero non debeu ser capaz. Cando voltou estaba espantado de sufrir un encanto,
pois asegura que entrou pola mañán e saiu pola noite, e él pensa que estivera
dentro solo unha hora. A fonte desaparecen cando os franceses expulsaron
ós mouros. (Esta lenda, ainda que foi recollida en Meira, debe corresponder
á "Jurita" de Domaio).
3.3.1.7 A Gorita. Era unha espécie de torreta-vixía
feita polos mouros. A vinte pasos da Gurita (Jurita como decote lle chaman)
está soterrado un tesouro que ninguén atopou. Hoxe está desfeita por levar
os porpiaños para pozos e casas. (Rfa. Xosé Piñeiro 1981).
3.3.2. Meira
3.3.2.1. Chan da Areda. As cidades.
3.3.2.1.1. Estaba pastoreando un rapaz cando lle apareceu
unha moura roxa, moi fermosa e peiteándose díxolle. -¿Rapaciño, virás
mañán ó monte cas ouvellas? -¡Virei, sí señora! díxolle o rapaz. -Pois
toma este ramiño e ven aquí ás doce. Miraras bolear un penedo tan grande
coma un pé de muiño, non lle teñas medo, xa que o tocarlle co ramiño desfaráse
en ouro. O seguinte día, foí o rapaz ó monte. O chegar as doce acontecen
tal como dixera a moura, pero o rapaz o mirar que o penedo víñalle enriba,
tomou medo e fuxíu berrando. Mentras, o penedo seguía boleando até meterse
no río de Meira (Muiño do Coto). Cando a pedra chegou ó fondo do río,
da terra saíu unha voz que exclamaba: -¡Ai meu Deus, até agora saía cada
ano a peitearme, a partir de hoxe, sairei cada cen!.
3.3.2.1.2. Hai unha cova que fixeron os mouros que chega
até a illa de Ons.
3.3.2.2. Torre de Meira.
3.3.2.2.1. Vivía no monte un matrimonio de mouros. Cando
a moura estaba a punto de ter un fillo, o home saiu urgentemente a buscar
a parturenta. Esta ó chegar a súa casa, asustouse. Pero a pesares de todo
conseguiron un bo parto. Xa rematado, o mouro quíxo-lle pagar e a parturenta
non llo aceptou, quixo facelo gratuitamente. Entón o mouro díxolle. "Eiquí
ten este tronco, cando queira algo, veña a co-llelo que é unha gran tesouro".
(Segundo o informante a moura chámase Olga e o seu home Xan. Tiveron unha
nena que foi bautizada en Meira) 1974.
3.3.2.2.2. Na torre viviron os mouros e comunicáron-se
co monte Paralaia por unha cova que foi cortada ó facer a carretera da
Fraga.
3.3.2.2.3. Na chan das Corredouras estaba a entrada
dun túnel que comunicaba co Castelo. Por alí saían os mouros para facer
instrución.
3.3.2.2.4. No castelo dos mouros, había unha mina que
comunicaba coa Paralaia e ían os mouros por ela. Din que os mouros deixaron
ouro e prata no castelo encantado. En tempos antigos entrou un mozo na
mina e desapareceu. Para desencantalo hai que ler o libro de San Ciprián
ó reves. (Rfa. Maria Costa Rúa. 72 anos. Colexio Reibón,1986)
3.3.2.2.5. Outeiro da Grela. Outra das variantes da
Torre de Meira. Di que os mouros deixaron os tesouros na Cova e na mañán
de San Xoán saían unhas fadas que se sentaban a peitearse con peites dourados
sobre unha manta brillante. (Rfa. de Mª Bermúdez O Campo. 77 anos. Colexio
de Reibón. - Tamén apuntou que o axuntamento estaba no barrio dos Carballos.
Refírese ó axuntamento constitucional de 1836).
3.3.2.2.6. No castelo que estiveron os mouros hai unha
porta de pedra que garda un tesouro. A porta foise enterrando co curso
do tempo. Pódese abrir lendo un libro o revés que ninguén sabe quen o
ten. Un vello afirmou telo nas súas mans e ensinoullo a un amigo e léndoo
ó revés como decía a tradición, a xente andaba cos pés para arriba. (Rfa.
Colexio de Reibón, 1986)
3.3.2.3. Monte Sobreira. No outo do monte Sobreira,
unha moura saía a peitearse, tendo diante dela un saco que relucía coma
o ouro. Nunha ocasión achegouse un pastor e ó estar moi perto, escomenzaron
a sair do saco porquiños de ouro. A moura o desatarse da presencia do
pastor tirou o peite e desapareceu todo.
3.3.2.4. As Fontiñas. Raibón. Nesa paraxe viviron os
mouros.
3.3.2.5. A Landreira. Houbo unha familia que se levaba
ben cunha familia moura. Un día a muller foille pedir fío á moura para
coser roupa. A moura deulle un cachiño tan pequeno que a outra estrenada
dixo que non lle chegaría para coser nada. A resposta da moura foi contundente
e díxolle: -"Non te preocupes que terás fío para toda a túa vida". E así
foi, coseu e coseu e sempre tiña fío. Certo día, unha veciña achegouse
para pedirlle un cacho de fío e ésta díxolle: -Vou darche un anaco deste
que me deu a moura e nunca ten remate. Pero resulta que o fío acabouse.
(Recollido do insituto María Soliño de Cangas, 1988)
3.3.3. Moaña (N.
S. do Carme)
3.3.3.1. O Rosal. Un mouro doulle o amo da casa-grande
do Rosal un turbante de seda e díxolle: - Se o amarras á cabeza, mañán
terás todo canto poidas desexar. O amo do Rosal, foi desconfiado e amarrouno
a unha nogueira. O día seguinte non estaba o turbante nin a árbore. (Rfa.
Aurelia Alvarez. 78 anos 1974. No Rosal apareceu cerámica negra de galaico-romana
e medieval.)
3.3.3.2. Os pañeros. Hai unha cova debaixo dunha pedra
moi grande. Tería uns trinta metros e nela viviron os mouros. Hoxe está
tapada pola terra. (Rfa. Colexio de Reibón, 1986).
3.3.4. Moaña. (San Martiño).
3.3.4.1. Monte do Agudelo. Na fonte Seca, debaixo do
Agudelo, tódolos anos pola noite de S. Xoán, saía unha moura de cabelos
dourados a peitearse e cando miraba a alguén desaparecía. Din que foron
Manuel Pena e Agustín Chapela ás 12 da noite cun "Cipranillo", que era
da facheira de Broullón, a buscar un tesouro, e canto máis cavaban, máis
sabandixas saían, até que fuxiron arrepiados.
3.3.4.2. Campo das Toupas. (a 200 m. da Cruz da Maceira).
Un home foi ó campo e saiulle unha moura que lle dixo: -Ven mañán, ás
doce do día, atoparás unha sabandixa moi grande. ¡Non teñas medo que teras
un gran tesouro! O día seguinte, o home levou con él un crego que portaba
un ciprianillo e outros manuscritos. Mentras o crego ía cavando e sacando
ouro ata escoitar unha ringleira de carros. (?) O cura ó mirar tanto ouro
dixo: -¡Ai meu Deus! ¿Todo isto para nós.? E ó decir isto, desapareceu
todo.
3.3.4.3. Os Torreiros Broullón. Na noite de San Xoán,
un piñeiro púñase da coor do ouro.
3.3.4.4. Fonte-Bieita. Na mesma fonte había un túnel
que chegaba ó campo da Feira en Abelendo. Si se falaba dende abaixo, ouvíase
perfectamente arriba (aproximadamente 1 Km.). O túnel pasa por debaixo
dos Ladrados. (Rfa. Virtuosa Núñez, 1974).
3.3.4.5. Cruceiro. Contan os vellos que a lgrexa foi
feita polos mouros que están soterrados no cimenterio vello, entrando
á esquerda.
3.3.4.6. A Meixoada. No camiño vello que ía de Moaña
a Bueu, pola noite de S. Xoán, saía unha moura coas mantas cheas de ouro
para asollalas. (Cando se refiren "asollar" de noite, queremos entender
que agardarán ó mencer para recibir os primeiros raios solares)
3.3.5. Tirán.
3.3.5.1. Castro dos Remedios. Na noite de S. Xoán saían
unha velliñas a asollar mantas cheas de ouro. Nesa noite, ninguén quería
pasar por alí por medo á un encanto.
3.4 LENDAS DE SERPES, COBRAS, CULEBRAS.
Tódolos etnógrafos trataron en importancia éste tema.
Chivite (2) fala da serpe como xenio proctetor das fontes da vida e da
santidade e dí tamén que a moura- serpe (muller-cobra), ven representar
ós espritos dos mortos que encarnan os antepasados da casa. Risco recurre
a obra "Ora Marítima" de Rufo Festo Avieno, recollida dunha fonte grega
moi antiga, e asumindo os estudos de Cuevillas e Bouza Brey, interpreta
que tódalas creencias das serpentes proceden da invasión dos Saefes, tribu
celta que tiña a "culebra" por totem ou deus (1)(2). E un animal fácilmente
ligado á auga, á muller e a todo o feminino, sensualidade, fertilidade
etc., dándose a dualidade de poder ser un becho benefactor ou mesmamente
perigoso.(4). Calo Lurido e Rodríguez Casal, apuntan a posibilidade desa
relación auga- fertilidad-Lúa, que veña dende o Neolítico. Tamén aportan
outras ideas religiosas da serpe que poden entrar noutras etapas diferenciadas
como a Edade do Ferro e Castrexo (5). A representación na arte celta como
gardadora de tesouros ocultos ten un senso cósmico en relación co arco
da vella, lóstregos, camiño de Santiago –tamén chamado noutros lugares
camiño da serpe-. Debido á muda da pel e trabarse o rabo, da idea de inmortalidade
e rexuvenecemento. E símbolo de alma por poder vivir nos sepulcros. Ten
valores negativos de elementos demoníacos e outros positivos o morar soterrada
gardando tesouros. Foi símbolo de curación, os farmacéuticos a usan no
emblema. Aparecen asociadas a héroes, a deuses e a figuras máxicas demoníacas.
Entra na mitología a partir do Xénesis para tornarse en animal maldito(51.
Abondan as lendas das serpes nos castros e as súas representacións grabadas
nas rochas, petroglifos que en conxunto deron lugar a un indeterminado
número de rituaís, cultos, enigmas, etc.
3.4.1. Meira.
Laxe dos Viveiros.
3.4.1.1. Na mañán de S. Xoán, ó sair o sol, aparecía
unha moura a peitearse e asollar-las sabas cheas de ouro. Pouco antes
do mencer, unha muller mirouna e ó desatarse a moura, díxolle que voltara
á mesma hora do día seguinte que atoparía convertida en cobra para enroscárselle
ó corpo até darlle un bico na cara e que non tivera medo, pois tería a
súa felicidade. Foi a muller ó día seguinte e acontecen tal como llo dixera
mais no intre de darlle o bico a muller arrepiou-se, facendo fuxir á cobra
que non voltou a sair. A pedra ó pisala sona valeira. (A lenda sitúase
perto do petroglifo de Pozo Garrido)
3.4.1.2. Lontreira. Unha moura que vivía na Lontreira,
namorouse dun home da bisbarra, pero ó estar encantada non podían convivir.
En certa ocasión a moura propúxolle desfacer o encanto decindolle. Se
queres desencantarme, ven esta noite, ás doce ó meu xardín e atoparasme
trocada en serpente, pero cumprirás estes dous requisitos: O primeiro
que non o saiba ninguén e o segundo que non nomees a Deus para nada. As
doce da noite estaba puntualmente o home no xardín cando lle apareceu
unha serpente enorme. A primeira reacción foi de exclamación. -¡Meu Deus!
Nese intre a serpente transformouse en muller e o único que dixo foi:
-¡Home, dobrácheme o encanto! (Rfa. sacado do instituto Maria Soliño de
Cangas, 1988).
3.4.1.3. Caiagua. Na fonte de Caiagua, saía pola noite
de San Xoán unha muller a peitearse cun peite de ouro. Para desencantala
había que ser moi valente porque aparecía en forma de serpente e había
que levar unha bola de pan e metela na boca. Tamén decían que había ouro,
pero non se podía nomear a Deus, senón desaparecería todo, por ser obra
do demo. (Rfa. Colexio de Reibón, 1986).
3.4.2 Moaña (N. Sra. do Carme).
3.4.2.1. Costa Grande-Berducedo. Na noite de San Xoán,
saía ás 12 en punto un culebron. O que o collera tería moito ouro. 3.4.3.
Moaña (San Martiño).
3.4.3.1. Monte da Pena. Na pedra da Pena había unha
doncela enfeitizada en serpe por unha bruxa, quen lle dixo que voltaría
á forma normal, cando unha persoá lle dera un bico. Así a serpe aparecíallese
a tódolos lugareños coa esperanza de conquerir algún bico, cousa moi difícil
porque fuxían todos ó mira-lo seu aspecto. Desolada, quedou chorando a
súa amargura. Pero din que un neno ó vela, deulle tanta mágoa, que se
achegou e bicouna, e así recuperou a súa forma primitiva quedando enormemente
agradecida da inocente criatura. (Maria do Carme Rodríguez, 38 anos -
Colexio Abelendo)
3.4.4. Tirán.
3.4.4.1. Monte dos Remedios. No Castro dos Remedios
ergueuse unha ermida adicada a N. Sra. dos Remedios, noutrora chamada
a Virxe do Castro (Século XVII). Diante da porta principal da capela atópase
unha pedra cáseque esférica posta alí adrede e conserva unha crara grabación
serpentiforme. Isto deu lugar á formación de moitas lendas que na realidade
son variación unhas doutras.
3.4.4.1.1. Tódolos anos polo San Xoán, despois de apagarse
as fogueiras, aparecía, no monte dos Remedios unha muller vella, sentada
na pedra que hai diante da capela. A súa postura inmóvil, e cun bastón
na man, solo era alterada cando algún se acercaba. O ir o seguinte día
para intentar localizala, atopába-se unha gran serpe movéndose arredor
da igrexa. Segundo dí a xente, a vella foi quen matou a serpe que está
grabada na pedra. (Rfa. do colexio de Tirán)
3.4.4.1.2. A pedra tiña un xeroglífo e a serpe convertíase
en bruxa.
3.4.4.1.3. A serpe aparece enriba da pedra e asústa-se
ó mirar alguén.
3.4.4.1.4. Cando aparece a cobra na noite de S. Xoán,
deseguido aparecen bruxas que brincan arredor da ermida, para desaparecer
no mencer. (Variantes recollidas no colexio de Madreboa-Tirán 1986).
3.5 O FOLCLORE DO MONTE DA
PARALAIA.
O por qué facer un capítulo monográfico sobre a Paralaia,
ben dado simplemente por ser o lugar que máis lendas aporta, e segundo
pola sensación de máis tradición observada nas campañas de recopilación
folclórica. A Cova da Paralaia atópase debaixo duns enormes penedos no
outeiro do mesmo nome. Está situada no Oeste do Concello, punto lindante
coa parroquia de Santiago cle Ermelo (Bueu). Perteñece á parroquia de
S. Martiño de Moaña. Popularmente fálase da cova como un refuxio utilizado
aquel entón polos mouros, ou para gardarse os zagales adicados ó pastoreo
e incluso din que foi utilizado como escondite durante a Guerra Civil.
Tense recollido varias lendas tipificadas de procedencia castrexa pero
curiosamente os vestixios máis próximos desta cultura atopámolos no monte
da Pena e no castro de S. Martiño, que ainda quedan distantes. Somente
se documentan restos de mámoas por detrás do monte, na Chan de Ermelo.
(6). Vários informantes deron descripcións ambiguas, sendo a mellor detallada
a dada no 1974 por D. Remixio Xiráldez quen dixera estar dentro despois
de baixar dous escalóns labrados na pedra. A entrada tiña uns dous metros
de altura, seguida dunha bóveda moi grande onde convertían varias galerías.
Esta información coincide con outra recollida no Concello de Bueu que
di que a cova tiña un ensanchamento e a 10 metros da entrada partían catro
ou cinco galerías e nunha había unha pedra con debuxos. Tamén di que a
cova foi obstruida hai pouco. Foron moitas as ocasións nas que o Grupo
Arqueolóxico tentou percura-la entrada descrita sen resultados positivos.
Aínda máis, algúns dos guías que aseguraban coñecela afirmaron que a cova
foi abatida por un corremento dos penedos, fechando o paso ás galerías
e quedando somentes unha cavidade para acoller sete ou oito persoas en
incómoda posición. Esa foi a única cova atopada. Si os árabes (mouros)
apenas estiveron en Galicia, o topónimo Paralaia ben semella desta cultura;
non obstante Cesar Varela(7) opta por ser unha variante de paralaxe (pedra-laxe).
Fonéticamente "pedra" deriva a menudo en "pera", non así "laxe" en Laia.
E máis aceptable a procedencia de pedralar que podería significar pedra-casa
si se relaciona coa cova, ou pedra-lareira si atendemos a orografía dos
penedos. E inclu-so no senso de culto podería ser Peralaia ou "pedra dos
lamentos" que xunto coa de Domaio sería a segunda atopada en Moaña. O
significado etnográfico antropolóxico que poidan ter as lendas da Paralaia,
xa quedaron exemplarizados nos capítulos anteriores polo que neste apartado
clasificaranse as relacionadas directamente coa cova e as vinculadas con
penas, laxes e que pola sua proximidade encádranse no mesmo contexto do
monte a tratar.
3.5. PARALAIA
3.5.1. Lendas relacionadas coa cova.
3.5.1.1. Din que a cova ten comunicación subterránea
con outros lugares significativos como As cidades en Meira, cova da Lontra
en Tirán, etc.
3.5.1.2. O entrar na cova mírase unha monxa vestida
de branco que está tecendo. Neste lugar viviron os mouros. (Rfa. Filgueira
Valverde F. / García Alén A. "Materiales para la carta arqueológica de
la provincia de Pontevedra. Museo de Pontevedra 1953).
3.5.1.3. Na noite de S. Xoán, sae unha moura vella a
asollar ouro nunhas mantas e, se alguén se asomase e dixera "Pipar do
Saco", a vella encheríallo de ouro.
3.5.1.4. Moitas veces, de noite, aparecería unha luminaria
que era o anuncio dunha morte.
3.5.1.5. Dentro da cova había un tesouro gardado detrás
dunha porta. Para abrila tíñase que ler un libro ó revés.
3.5.1.6. Dentro da cova había dúas portas: Unha chea
de ouro e outra de veneno e para facerse rico había que presentarse ás
12 da noite de "Noiteboa" e agardar a saída dun culebrón, lendo sempre
o libro o revés.
3.5.1.7. Dentro do buraco ouvíanse uns ruidos, eran
dos mouros que vivían debaixo do piño da cova.
3.5.1.8. As 12 da noite de S. Xoán sae da cova unha
princesa moura a peitearse. Para desencantar o tesouro que alí había,
tíñase que entonar unha cantiga, cuio comenzo decía. ¿Que fas aí vella
moura, cos pañales cheos de ouro? Perdeuse o resto da cantiga, pero outro
informante asegura que era así. Paralaia, Paralón Deixache a miña alma
e o meu corazón.
3.5.1.9. Un home, ó pasar pola canexa da Paralaia mirou
un mouro o pé da cova. O mouro faloulle e díxo-lle que estaba encantado
e para desencantalo tiña que volver mañán cun saco e que él convertiríase
en cobra e se lograba metala no saco, rompíase o encanto e premiaríano
con grandes fortunas. O seguinte día, o home foi cun amigo, pois só tiña
medo. O chegar as doce da noite, mentras o amigo agardou un pouco máis
abaixo, o home foi á cova e ó mirar a cobra abríu o saco e púxoo o ras
do chan para collela, entón comenzaron a entrar moitos bechos, sapos,
cobras, lagartos, sabandixas.... O mirar toda aquela bicheria, tomou medo
e fuxíu espantado. O amigo ó miralo tan pálido, preguntoulle ¿Por qué
fuxes? -¡Veño asustadísimo, pois aí enriba hai un culebrón coa boca aberta
e cuns dentes moi grandes e unha bichería que é para espantarse! -¡Bueno,
non será para tanto! Vou mirar que pasa, dixolle o amigo que subindo a
cova mirou tantos bechos, e polo que lle contou, deitou o saco e encheuno.
Logo levouno ó lombo ate a casa. Alí abriuno con moito coidadiño e quedou
sorprendido porque estaba cheo de ouro.
3.5.1.10. Cando na cova da Paralaia, saía unha vella
asollar o ouro, no Agudelo saían os mouros. (Rfa. Virtuosa Núñez, 1974)
3.5.1.11. A remates do s. X cando chegou Almanzor a
Galicia, destruíu por completo a cidade de Santiago. A lenda conta que
cando os árabes remataban de saquear as cidades e pobos de Galicia, gardaban
tódalas riquezas nunha cova, pero ninguén conseguá ve-los; pois din que
quen entre na cova non poderá voltar. (Recollido no instituto "Maria Soliño"
de Cangas, 1988.
3.5.1.12. Decorria o ano de 1895, cando chegou un mouro
ó pazo de O Rosal a pedirlle á "Mona", dona da casa grande, un carro de
bois para ir ó buraco da Moura Paralaia. A Mona, ademáis do carro prestoulle
dous serventes que foron testemuñas do acontecido. Contaron éstes que
cando entrou o mouro na cova, díxolles que agardaran fóra. Nada máis adentrarse
comenzou a ventar, chover e tronar durante media hora ate sair o mouro
cunha figura ó lombo que dixo corresponder a un santo. Despois de metela
no carro, baixaron deica a praia da Xunqueira. Alí baixárona até o mar
e o mouro montouse nela, e nunca máis se supo del. Pasado un ano a señora
"Mona", recibiu un agasallo do mouro. Era un paquete cun pano de seda
vermello dentro, xunto cunhas letras de agradecemento polo carro e os
criados. Para acordarse dél debía amarrar o pano no sitio que quixera.
Cousa que fixo cunha nogueira que lle tiña aprecio. Según contan amarrouno
a unha ponla e ó día seguinte desapareceu. (Ref. Xosé Francisco Pérez
Blanco, 34 anos. Colexio de Reibón, 1986).
3.5.1.13. Pola fogueira de San Xoán saía unha princesa
moura, do buraco, moi guapa. Ela lavábase e peiteábase coas augas do mar
que alí chegaban. Os que intentaban mirala non voltaban. (Rfa. Colexio
de Reibón, 1986).
3.5.1.14. Hai quen di que se entras na cova podes ir
ate Darbo. Pola noite de San Xoán saía unha fermosa muller de longos cabelos
dourados, toda vestida de branco, portando unha palangan e un peite de
ouro puro. O que lle tire unha pedra e consiga facerlle sangue, terá todo
ouro. Pola contra, se non lle acada ou non lle fai sangue quédase encantado
para sempre. (Rfa. colexio de Reibón, 1986).
3.5.2. Lendas dos arredores da cova.
3.5.2.1. No monte da Paraiaia e no Libureiro (Cangas)
viviron os mouros, os cales ó marchar decían. Paralaia, Paralaia, ¿onde
están nosos intereses? Paralaia, Paralaia, ¿onde están os intereses dos
nosos tartarabós? Estes mouros ó marchar para súa terra deixaron nos lugares
que viviron, diñeiro encantado,que caducaba ó cabo de certo tempo.
3.5.2.2. No monte da Paraiaia, din que había un encanto,
outro na fonte de Senebal e outro na Serra de Coiro. Na Paralaia decían
que vian unha muller peiteándose, pero cando alguén quería fixarse ben,
desaparecía. Cando foi a guerra de Melilla, os mouros reclamaban estes
tres sitios, porque afirmaban que tiñan minas de ouro alí. (Recollida
no Concello de Bueu).
3.5.2.3. Dentro dunha buraca, enriba da cova, hai un
marqués encantado en forma de estatua de muller sentada sobre as pernas
dobladas e susceptible de abrirse en dous cachos. Para desencantalo tiña
que ir unha rapaza virxe de 15 a 18 anos, coller unha espada que está
dentro da buraca e lanzarlla a estatua, e entón está fenderíase ó medio
quedando o marqués desencantado. (A buraca pode corresponder a unha pía,
denominada "Cunco do Frade" e fai de referencia entre os lindes de Ermelo
e San Martiño).
3.5.2.4. Na Pedra Escorregadiza, os mouros asollaban
o ouro. A pedra tiña un buraco que estaba sempre cheo de auga. Cando subía
a marea, tamén subía o nivel de auga da buraca, e cando a marea baixaba,
na buraca producíase o mesmo fenómeno.
3.5.2.5. Perto da cova atópase. fendida a pedra do Mediodía.
Un día cadrou pasar por alí un rapaz de Cela e mirou beillar a dúas princesas
encantadas e o curioso rapaz preguntoulles que facía alí. Elas respostáronlle
que eran fillas do rei de Provenza (Francia) e estaban alí por mor dun
encanto feito por un "jalife" que as deixaba sair cada cen anos. Se quería
desencantalas, tería que ir ó outro día e coller dúas cobras que sairían
do mesmo sitio e que non se asustara do que fixeran, aínda que se lle
achegaran pois eran moi ricas e ó quedar desencatadas daríanlle moito
ouro. O rapaz foi ó día seguinte e cando mirou as cobras asustouse e exclamou:
¡Váigame a Virxe do Pilar!, entón as cobras cairon moribundas. O rapaz
adentrouse nunha buraca e mirou moito ouro, longo entraron as cobras moribundas,
e dixéronlle: -¡Se non querías desencantamos, escusache vir a facernos
dano, xa que até agora saíamos cada cen anos, agora non volcaremos sair
deica a consumación do mundo. E o decir isto desapareceron elas e máis
o tesouro. (Esta presenta elementos extranos coa cultura galega, como
Provenza, Virxe do Pilar e incluso a "consumación do mundo" é un término
pouco común nas nosa lendas).
3.5.2.6. Un home, con poucas gañas de traballar, estaba
tomando o sol arrimado a un valado, entón achegóuselle outro, ben composto
de sombreiro e bastón e preguntoulle: -¿Queres gañar vinte pesos? -¿Que
teño que facer? respostoulle medio sorprendido o paisano. -Quero que me
fagas un recado ó monte da Paralaia. Entón o home que estaba estribado
no valado díxo-lle que tiña que comunicallo á súa muller cousa feita de
inmediato e que mereceu a seguinte reprimenda da muller. -Piligrín, vago,
borrachón, levas un ano sen traer un peso á casa, comendo da sopaboba
e aínda mo ves a preguntar. Entón o home foi onde estaba o cabaleiro,
quen lle rebaixou a oferta a quince pesos. -¡Ah!, entón teño que comentalo
coa mulier. Easí entre ir e vir, foise reabaixando ate chegar a cinco
pesos. -Dame acá os cinco pesos, non vai a ser que perda todos, dixo o
foigazán, e logo preguntoulle. ¿Que teño que facer? O chegar á Paralaia,
chama pola miña sorte e dille que non teño onde meter tanto carto. Logo
emprenden o camino paseniño, e unha vez arriba, berrou pola sorte do cabaleiro,
aparecéndolle unha fermosa moza, cargada de xoias, de arriba abaixo, quen
despois de recibir a mensaxe díxolle: -Dille que a súa sorte é tan grande
que sempre terá moitos cartos. Dito isto a visión desapareceu. -Xa que
entón estou eiquí vou probar pola miña sorte. Matinou o folgazán. Echamouna,
e apareceulle unha vella, pordioseara chea de farrapos vellos e lagañenta.
¿Qué queres galopín, que me queres? Preguntou a vella. -Quero cartos.
-Demandoulle. -¡Vai traballar, galopín, vai traballar! Gañache cinco pesos
porque me quedei dormida, que se non nen iso gañabas. (Rfa. Eugenio Freire
Pérez. 44 anos. Colexio de Reí-bón, 1986).
3.5.2.7. Na Paralaia hai tres pedras iguales que corresponden
a tres princesas mouras encantadas. Só alguén moi valente pode desencantaras
se vai ás doce da noite de San Xoán ó monte e non deberá asustarse do
que mire. (Rfa. Cándida Soaje Pena. 37 anos. Colexio de Quintela 1986).
3.5.2.8. Os mouros desembarcaron na Buraca das Pombas, en Liméns (Cangas)
e ían pola caverna até a Paralaia. Aí hai unha poza de auga doce que cando
sube a marea, énchese e cando baixa en Liméns, a poza queda seca. (Rfa.
Colexio de Tirán, 1986).
BIBLIOGRAFIA
(1) Vicente Risco. Etnografia. Historia de Galiza. Dirixida
por Ramón Otero Pedrayo. Akal Editor 1979. Tomo I.
(2) Xesus Taboada Chivite. Etnografia Galega. Editorial
Galaxia. 1972.
(3) Fernando Alonso Romero: Os cultos astrais en Galicia.
Brigantiun III. 1982. Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña.
(4) Mouro-Moura. Gran Enciclopedia Gallega. Silverio
Cañada Editor,1974.
(5) Francisco Calo Lourido e Antón A. Rodriguez Casal.
Aportamento 6 estudo do tema da serpe en Galicia. A pedra de Gondomil.
Galiaecia 3/4 Ediciós do Castro.
(6) Prehistoria de Cangas. Traballos de Arqueoloxia
I. Publicación do Grupo de Arqueoloxia "Alfredo García Alén". Concello
de Cangas.. 1987.
(7) Cesar Varela. Conferéncia sobre a toponimia. Curso
coñecer Galicia- Moaña 1983.