PRESENTACIÓN
Despois de tanto tempo algúns muíños de auga chegaron aos nosos días cumprindo a función para a que foron construídos. Están preparados para moer pero fano de tarde en tarde, quizais porque os herdeiros xa a penas teñen necesidade de facer pan. Son os muíños da Avilleira, no río do Atranco; o muíño de Cudixeira de Abaixo e o muíño do Ferreiro, no río do Inferno; tamén o muíño de Laguíña, o de Sampedro e o da Graña, no río da Fraga.
Os muíños que moen con máis frecuencia son catro: o muíño de Rial, no río Miñouba; o muíño de Felipe e o muíño de Vinanza, no río da Fraga; por último, o muíño de Rouco no rio do Inferno.
“A XOIA DO RÍO MIÑOUBA, EN DOMAIO”
No século pasado funcionaban a pleno rendemento na parroquia de Domaio vinteún muíños repartidos entre os río Miñouba e o río da Freixa, moían o millo que os veciños recollían nas súas leiras. Hoxe só move o reducio o muíño de Rial. Situado no río Miñouba, preto da Ponte de Rial, no barrio de Verdeal, ven traballando desde hai máis de 150 anos. A razón pola que esta xoia sigue a moer actualmente é o mimo co que o señor Daniel Verdeal Rial, veciño do lugar, o conserva.
Sorprende este muíño polas súas pequenas dimensións. As paredes mantéñense no sabio equilibrio de quen desde sempre coloca con destreza pequenos e irregulares cachotes de pedra, uns enriba doutros, semellando que en calquera momento van caer. As pedras grandes enmarcan a porta da entrada. É unha construcción totalmente primitiva que aguanta o paso dos anos dun xeito exemplar. De cando en vez, debido a humidade, as hedras intentan agarrarse as paredes e ó tellado.
Segundo lle contaron a Daniel, para construir o muíño, dezaoito propietarios lindantes que tiñan senllas leiras onde crecía cadanseu salgueiro, acordaron parcelar o terreo que lindaba co río. Deste xeito o muíño naceu cedendo dereitos de moenda a dezaoito herdeiros que, a medida que procrearon, medraron en proporción xeométrica. Actualmente aínda van a moer algúns deles: Carmen do Xastre, Isaura de Porfiria, Peregrina de Gómez, Carmen de Angelito, Benito de Dosinda... Pero a alma, o depositarrio da chave, o corazón que lle dá vida, é Daniel. Este home de gran vitalidade ós seus setenta e cinco anos, non escatima esforzos para que o muíño estea sempre a punto. Coa habilidade herdada do seu avó, arranxa pezas, limpa as canles e a presa, e retella. El di: “o muíño e o meu compañeiro, e mentres poida este non vai a correr a mesma sorte que os outros que había na parroquia”.
A parte dos herdeiros, hai veciños que cando queren facer unha bola de pan acheganse ó muíño de Rial a moer e, por suposto, "...non se lle cobra nada a ninguén, nin maquía nin nada, só cando hai que limpar os regos ou as presas, axudan nos traballos". Normalmente o muíño moe no inverno favorecido pola abundancia de auga nesta época do ano. Ten unha singularidade digna de resaltar, este muíño non ten cubo, polo qua a auga percorre unha presa de setenta metros en liña recta, sae de debaixo da parte dereita da ponte de Rial e despois baixa en picado por unha canle de pedra que vai directamente o rodicio facéndoo xirar con forza. Este sistema permite, incluso con pouca auga, poñer a traballar o muíño. Daniel afirma que cun bo caudal o muíño pode chegar a moer en oito horas catrocentos quilos de millo.
Agora xa a penas se traballan as veigas, e cada vez se planta menos millo e centeo, así que pouco hai para moer. Por outra banda, Daniel comenta que hai moitos veciños que teñen muíños eléctricos nas súas casas, pero cando queren facer un bo pan prefiren moer no muíño de auga. Subliñar que daqueles dezaoito salgueiros que había onde se construíu o muíño, hoxe aínda se poden mirar catro arbores como testemuña daquel lugar.
Daniel o ten claro, “eu sinto cariño polo muíño, é unha parte de min e mentres poida seguirei atendéndoo sempre”. E podo dar fe de que así será, pois xa pediu no concello varias veces que lle axuden a arranxar as pedras da presa que surte de auga ó muíño, pois as pasadas riadas movéronas do seu sitio, e para que o muíño traballe, Daniel tivo que pasar a auga por un rego de regadío. Oxalá a súa petición sexa atendida axiña, pois o muíño de Rial merece todo o apoio e respecto. Sería desexable que as autoridades, tanto locais como provinciais, axudaran na protección e conservación do muíño de Rial, historia viva dos muíños de auga na parroquia de Domaio.
“O MUIÑEIRO DO RÍO DO INFERNO”
O muíño de Rouco atópase no lugar das Cangallas, no barrio da Paradela. Está rodeado de canavais, maceiras, nogais, laranxeiros, vimbieiras ; hai unha pequena horta, onde se cultivan verduras, patacas, leitugas... e por suposto auga abundante que rega a terra e move o rodicio. Con máis de douscentos anos de antigüidade foi e segue sendo o máis grande de Moaña, pois cando se construíu, totalmente en pedra, tamén se ergueron dous cuartos e unha cociña con forno e lareira. Por fora aínda se conservan algúns cortellos para os animais domésticos, galiñas, patos, ovellas...
No esencial o muíño de Rouco consérvase como cando foi construído. Agora xa non vive ninguén, pero o forno segue cocendo o pan de millo coa fariña da moenda. Cóntame o señor Rouco que aquí viviu un matrimonio que tivo sete fillos que naceron e medraron no muíño, hai uns anos unha señora anciá emigrada en Nova York, volveu a Moaña e, emocionada, visitou o muíño onde nacera. O muíño foi comprado xa hai moitos anos por Marcelino Pérez González, pai de señora Amelia Pérez, esposa de Rouco, téndoo na súa propiedade arredor de setenta anos, naquel tempo o muíño traballaba á maquía, moendo día e noite, pois había máis auga que agora.
Este muíño recolle a auga do río do Inferno, para elo ten unha canle impresionante de pedra duns sesenta metros feita en laxes tal como saíron do monte, despois foron escarvadas para que a auga corra con forza ata o cubo, todo o conxunto é algo espectacular. Pasados algúns anos José Rouco Riobó, casou con Amelia Pérez, e foi entón cando comezaron a traballar eles no muíño. De aí xurde o nome do muíño de Rouco, e non é para menos, pois Amelia e José xa levan cincuenta anos atendendo e moendo no muíño. En todos estes anos señor Rouco converteuse nun experto deste traballo, así a parte de moer, el fai todos os arranxos que precise o muíño para que siga funcionando, o mesmo pica as pedras como fai pezas para o rodicio, ou outras cousas que poidan xurdir. Nos últimos anos o muíño só moe nos meses de outono e inverno que é cando o río leva máis auga, nesa época o muíño pode moer arredor de cen quilos millo o día, segundo conta señor Rouco.
Hoxe só moen para eles, e por suposto polo día, dicir que as espigas de millo están colgadas diante do muíño a secar, debaixo dun alpendre, dándolle un aire primitivo ao entorno. Conversando con señor José Rouco, afirma que o muíño eléctrico só é bo para moer a fariña para os animais, pois esta sae moi quente e perde propiedades, aparte deso, tamén sae moi gorda. Rouco é un amante da natureza, do rural, dun xeito de vida que para algunha xente xa non se leva. Sabe que cando non poida baixar o muíño a moer ou a facer o pan no forno, axudándolle a súa muller este xeito de vida rematará con eles, pois os fillos teñen outros traballos e non están pola labor de seguir con estes hábitos naturais. Como el di: “e iso que isto é san, aquí un esquécese de todo, relaxa moito, é unha verdadeira gloria”. Razón non lle falta, no muíño de Rouco só se escoita o ruído da auga e a dos paxaros, estando alí semella que nin tan sequera existen as máquinas a motor, esas que cada día nos van minando o cerebro e contaminando o corpo.
Non me engano si digo que señor Rouco, é o último muiñeiro do río do Inferno, xa que os outros dous muíños que están preparados para moer neste río, que son o de Codixeira de Abaixo e o do Ferreiro, son muíños de herdeiros e moen de tarde en tarde. So me queda darlle as grazas a señora Amelia e señor José. Oxalá que o muíño siga moendo e o forno coza o pan moitos anos máis. Sinceramente é unha pena moi grande que unha parte fundamental da nosa historia como pobo vaia desaparecendo sen máis.
“O MUÍÑO DE PAXARÍN
Na finca de Paxarín existiu un antigo muíño construido con enormes laxes traidas dos monte da Pena en carros de bois. Cando en 2.003 fixen inventario dos muíños de Moaña, ignorei torpemente o muíño de Paxarín.
A enxeñería moderna
O trazado da chamada "Vía rápida do Morrazo" afectou gravemente a este muíño. Pese á oposición do dono da finca, sr. Moisés, a empresa que levou a cabo os traballos nesta zona desmochou a construcción para reconstruila a escasos metros. Desapareceron as grandes laxes, tamén a vexetación de acacias e nogueiras que o rodeaban, o medio que lle pertencía . Agás as pedras das paredes, o muíño de Paxarín ficou inservible e minimizado a carón do enorme viaducto da Ameixoada. Nos seus bos tempos moía en exclusiva para a ampla extensión de terreo da propia casa.
Só lle correspondían dous días enteiros de auga, os mércores e os sábados, os outros días da semana os veciños regaban as veigas do Casal e da Ameixoada. A auga que facía traballar o muíño procedía dos regatos que nacían no monte, entre o Outeiro e a Pedra da Pena, xuntándose no río da Bouza. Como o caudal de auga era moi pobre a familia de Paxarín construíu un lago para almacenala, o estar cheo abríase unha trampilla e a auga baixaba por unha pequena canle caindo directamente no rodicio, con tanta forza, que o facía xirar a gran velocidade. Remataba a moenda cando o lago quedaba baleiro, entón había que enchelo de novo.
Nos bos anos o muíño era capaz de moer un saco de quince quilos nunha hora, segundo conta señor Moisés. Máis dunha vez, sendo cativos, Cándido e os seus amigos tapoaban a auga cando estaba a moer. Podemos imaxinar a reacción do muiñeiro.
No dintel ten unha marca a xeito de T ou F, que seguramente é marca de quen o fixo, pero na mesma parede, en outra pedra, hai talladas varias cruces. Tamén se conservan perfectamente a entrada e a saída de auga no muíño. O muíño de Paxarín, como outros, dormen no sono da memoria, cando noutro tempo foi peza fundamental daquela casa. Con el son noventa e un os muíños do noso pobo que xa son parte da nosa historia.
“OS MUÍÑOS QUE AÍNDA MOEN NO RÍO DA FRAGA”
No río da Fraga ou dos Ladróns aínda funcionan cinco muíños dos trinta e un que houbo no seu día. O muíño de Felipe, con máis de 200 anos, atópase entre o barrio de Couso e Paramentes. . Señor Paredes Figueiras, Soledad Rosales, Manuel Gallego Pastoriza, Jesús Riobó Abal, entre outros, son os herdeiros deste muíño . Nos seus mellores tempos traballou día e noite, hoxe só un par de familias se achegan a moer. No verán non hai auga suficiente para poder poñelo a traballar, segundo señor Paredes, veciño de Couso, "cada ano o río trae menos auga e dende que se fixo a nova estrada a cousa aínda foi a peor".
O segundo muíño é o de Vinaza, está situado xusto debaixo do de Felipe. A herdeira que máis asiduamente vai ao muíño é María del Río Rúa, veciña do barrio de Couso. Esta muller sendo unha nena xa acompañaba a súa nai ao muíño. Recorda que moitas veces teñen durmido nunha cama de táboas que aínda existe, outras veces, quedaban de noite pois había que poñer a moer saco tras saco de millo “¡Oxalá que aqueles tempos non volvan! Todo era traballo e máis traballo”.
Hoxe ten o millo recollido das veigas na súa casa en sacos, agardando que chegue o tempo das chuvias para que o río colla caudal e poder moer de novo, pois no inverno o muíño moe case de continuo. Como ela di: “o pan de millo gústanos a todos os da casa”. Señora María non agocha a tristeza que lle produce o pensar que cos herdeiros do muíño actuais todo se acaba, pois os fillos e netos andan noutros traballos e non teñen tempo para atender o muíño, “así foi como se perderon os outros”. Tamén afirma “que a auga cada vez escasea máis, e ninguén se preocupa por ir a buscala como se facía antes”.
Seguindo río abaixo, e preto da vella ponte de Meira, en fronte do barrio de Escobar, atópase o muíño da Laguíña, que foi restaurado hai uns anos. Está na marxe dereita, mirando cara o mar. É de herdeiros, entre eles, están os Riobós e os Oteros de Couso, e tamén algunhas familias da zona de Berducedo. A pesares de estar preparado para moer a penas se lle dá uso. De cando en vez fanse actos diversos promovidos pola AAVV de Berducedo-Piñeiro, moen e fan o pan nuns fornos feitos na terra. Ese día, Desiderio, que é o herdeiro que ten a chave, abre a porta do muíño para todos.
Un pouco máis abaixo, pola mesma banda do río chegamos ao lugar do Redollo, alí atopamos o muíño de Sampedro, alugado desde hai 40 anos por Manuel de Fus, fillo do afamado muiñeiro señor Manuel de Fus. Naquel entón, nas inmediacións do muíño había un lavadoiro de pedras de seixo rústico que fixeron as mulleres aproveitando a auga que saía polo rodicio. Alí lavaban e xa poñían a roupa ao clareo nos comareiros. Había días que se xuntaban moitas mulleres, as que estaban no río e as que viñan ao muíño que traian os sacos na cabeza, pois había que vir por un carreiro entre as veigas. Este muíño é de maquía, ben se pagaba con cartos ou cunha parte da fariña. Probablemente foi este o muíño que máis traballou nos últimos corenta anos, día e noite, aínda que na década dos noventa comezou a fraquear o traballo, provocado polo abandono das veigas e tamén coa chegada dos muíños eléctricos, en definitiva, co abandono do mundo rural. Esas foron as causas, segundo di Manuel de Fus, as que puxeron punto e final ao muíño, e iso que hai uns cantos anos que foi reformado totalmente, incluso as súas paredes. Este fermoso muíño é de cubo, e ten unha canle impresionante de pedra de máis de cen metros de longo, aínda recordo sendo rapaces que collíamos as troitas nela, ao taparlle a auga, mentres Manuel non estaba, despois botábamos de novo a auga para que o muíño seguira traballando. Anos atrás era aquel un lugar fermoso, onde os cativos tamén nos divertíamos. Conversando con Manuel recentemente, xa me confirmou que nin sequera pode baixar ao muíño por un problema que ten nas costas que o obriga a andar cun caxato, e por outro lado, “xa non me importa porque xa non hai millo para moer, e si houbera é igual, pois xa non podo”
Camiñando pola marxe dereita do río, pasamos por lugares fermosos que conservan os seus nomes tradicionais, a Bastiana, a Tomada dos Touróns, a Buraca... Así chegamos a pequena ponte que une Pozonegro e o Touzal. Naquel entorno atópase o muíño da Graña, de Pozonegro, da Fonte, do Lardeiro, son algúns nomes que a xente lle dá, que tamén se restaurou hai pouco tempo. É un muíño de herdeiros, e neste caso se reparten entre a zona de Pozonegro e a zona do Touzal e Reibón. Como os outros muíños, moi poucas voltas dá a moa cada ano, é unha pena, pero este tamén deixará de traballar o día que falte a xente maior. Este muíño está nun entorno moi familiar, a ponte ao seu lado, o lavadoiro de pedra e tamén a fonte que ten un caudal moi abundante, construída no 1932. Tamén pode presumir de ser o último muíño do río da Fraga antes de que se abrace co mar, formando así o número trinta e un, de todos os que hai ao longo do río máis extenso do noso concello.
Contemplar como moe un muíño de auga en estado natural, é achegarse a máis de douscentos anos de historia dos nosos devanceiros, entón nos decatamos que aquelas pedras teñen moitas cousas que contar. Así deste xeito homenaxeamos aos cinco muíños que aínda son capaces de acariciar o millo e facer fariña, no río da Fraga.
Luís Chapela Bermúdez
Moaña, 2007 |
|