FARO DE VIGO ESPECIALFESTAS SAN MARTIÑO 2.005“CONVERSAS CON SR.MARCIAL DE SANTEIROS”Aquela tarde que pasei conversando con el na casa do seu fillo no lugar de Basachón, a Xalde, tiven a sensación de que estaba diante dun home orgulloso da terra e do traballo que nela se desenvolve, aínda que hoxe vaia en decadencia. Son oitenta e oito anos de vivencias e recordos frescos que afloran na súa memoria áxil, así como os coñecementos que posúe sobre o medio natural, no cal se moveu sempre. Como el di: “o mundo é sempre o mesmo, e as persoas sempre estamos aprendendo”. Marcial Carballo Calvar, naceu no ano 1917, no lugar e casa dos Santeiros, na Xalde. Subliñar que a palabra santeiros se lle daba a aquelas casas que tiñan un vínculo moi grande coa Igrexa, neste caso coa de San Martiño, que dende hai moitos anos mantiña baixo a súa tutela o resto de igrexas e capelas do concello, consecuentemente todos aqueles documentos históricos das parroquias (na actualidade, todo está concentrado en Santiago). Eran tempos nos que as rectorais non eran seguras, e os curas por medo ós roubos e cousas polo xeito acostumaban a levar para esta casa os santos, estandartes, libros, pezas de ouro, incluso documentos asinados por Isabel II, entre outras cousas de valor. Esta casa, onde el naceu, xa era dos santeiros en época dos tataravós, podemos falar de trescentos anos de historia sen medo a enganarnos. Era esta, casa de moita labranza e sementeira, así se entende que tiñan dous días a semana, martes e domingo, para moer no muíño do Ferreiro. O forno para facer o pan acendíase a miúdo, como di señor Marcial “o pan que nos facíamos era de fariña milla mesturada con centeo, así non se desfacía tanto, nin endurecía, era moi bo, podían comelo ata os reis”. Non hai noticias de que haxa outra casa no noso concello que tivera esa distinción ou nome, hoxe a casa dos santeiros vencida polo paso dos anos, e coas silveiras intentando apoderarse dela, só é un recordo do que noutro tempo foi. Lembra que dende moi pequeno xa comeza no fuxallo da agricultura, tamén vai dúas horas o día a escola á Paradela, que era na casa dos Suciegas, sendo mestre un tal Abel. Unha anécdota curiosa pasoulle cun cadelo que tiñan na casa o que lle tiña medo, chamado Troski, o peor foi cando contaba once anos e o animal seica colleu a rabia, Marcial axudoulle o seu pai a prendelo no pé do canastro, nun descoido que tiveron traboulle na man dereita. O cadelo matárono dun tiro, Marcial pasounas duras para curar, tiveron que queimarlle as dentadas con correntes e pincharse todos os días nun médico de Vigo, o mesmo tempo tivo que levar un réxime moi estricto durante tres meses. Sendo aínda un rapaz, con trece anos, embarca o boliche durante catro anos, lembra que ían ata fora das Cies, e incluso chegaban ata Monteferro, a travesía era a remos, e despois de traballar había que coller o remo de novo para volver, aquela foi unha das poucas veces que exerceu de mariñeiro, pois a el tiráballe máis o traballo na terra. O cumprir os vinte anos chegáballe o tempo de ir a Mariña, pero como había exceso de cota el quedaba fora. O caso foi que coa Guerra Civil mobilizaron a toda Quita do 37. Foi coma outros, obrigado a participar na Guerra Civil, destinado para Zaragoza por onde andaron por Aragón adiante, acabando en Teruel. No ano 1942 licéncianos a todos, de novo volve para a casa dos santeiros despois daquela guerra infame, a que el recoñece como algo inhumano, na que moitas familias foron obrigadas a loitar uns contra os outros. Afirma, “que aquela guerra foi unha cousa tola, que el entendía entre dous bandos por un lado os republicanos e por outro Franco e a Igrexa, e xa miras que despois dos anos que pasaron o clero segue estando aí mandando”. Recoñece que a xente tiña que agochar as colleitas e os animais pois requisábanlle todo, houbo fascistas que abusaron moito, roubaron e mataron, e co paso dos anos pedían ser perdoados, “aquelo compañeiro, foi moi duro, si por min fora a palabra guerra no existiría, xa que é un acto inxustificable”. A partires daqueles anos xa todo foi unha constante, o traballo polo día nos campos, labrar, trasmontar monte, rozar, ir a leña, viñas, veigas nas que se sementaba de todo, incluso chegou a facer carbón vexetal coas raíces dalgunhas especies arbóreas, e a noite collía a patela e saía para o mar. Así pasou o tempo ata que o home colleu unha doenza que el chama padecemento que lle durou oito anos e medio. Percorreu médicos, especialistas, bruxas, curandeiros, etc., ata que un día un cesteiro de Redondela que andaba pola Xalde comprando madeira de castaño, falando cos pais recomendoulle un médico moi bo de Santiago, e alá foron. O médico chamábase D. Lisardo, resultou que a súa doenza era unha úlcera, operárono quedando moi ben. As veces Marcial pensaba que viñera a este mundo só para traballar, pero tamén era consciente que para poder comer tiña que ser así. Xa cumprira trinta anos cando se casou con María Isabel, veciña da Xalde, si cabe a partires de alí o traballo aínda foi a máis. Lembra con cariño cando plantaban o liño e despois todo o seu proceso de transformación, no que participaba toda a familia, aínda que era a súa avoa que coordinaba as labores,ensinoume unhas sabas feitas por ela, e tamén unha especie de mantón, outra saba de liño regaloulla a un neto para facer un traxe rexional. O traballo no campo para Marcial era un xeito de vida, que respectaba e sentía algo especial por el, así non é estraño que hoxe sinta pena cando mira as veigas a monte e abandonadas, é un amante da natureza e das verdades que esta garda, como el afirma “a natureza é a nai de todo e ten respostas para todo”. Foi neste momento cando se emocionou un pouco, como el di “aínda non hai moitos anos cando o meu fillo comprou o tractor andei con el por todos os lados, sementando e limpando veigas dende a Meixoada ata Broullón, e aínda hoxe cando vou a veiga teño a ilusión como cando era un mozo, pero axiña me decato que a ilusión é unha cousa e a forza, que xa falta, outra”. Tivo a ben de ensinarme unha foto súa con barba que semellaba un bohemio, seica foi a única vez que a deixou, e todo xurdiu porque hai uns anos no día de San Martiño, cando se ía a vestir e lavarse para ir a misa maior, de repente comezou a chover e non parou en todo o día, o home colleu tal cabreo que non se afeitou en cinco meses, e só sacou a barba porque llo pediron os seus fillos o día do seu cumpreanos. A conversa ía chegando o seu fin, aínda comentou que non entende moitas cousas que hoxe conforman a vida, como el di “só son un traballador do campo”. Eu engadiría un home lúcido o cen por cen, razoable e respectuoso, feliz por poder gozar da casa, dos camiños, das leiras, e de todo aquelo que antes viviron os seus antepasados, aínda que no seu interior se adiviña unha nostalxia polos años mozos. Dicir tamén que é unha das persoas que máis sabe dos lugares, fincas, montes e da toponimia da parroquia de San Martiño, así non é estraño que moita xente se achegue a súa casa a preguntar, uns por curiosidades (relacionadas coa agricultura, herbas curandeiras, etc.), outros pedindo axuda para localizar algunha veiga ou tomada. Para min foi unha satisfacción pasar unhas horas con señor Marcial de Santeiros, só queda darlle as gracias por compartir as súas vivencias con todos. Luís Chapela Bermúdez |