|
||
IGREXA DE SAN XOÁN DE TIRÁN, POR VÁZQUEZ MARINELLI |
||
|
||
| ANÁLISE DESCRITIVA
Igrexa dunha nave e ábside rectangular Está orientada hacia o poñente. No centro da fachada ábrese unha portada románica de arcos apuntados da que non se conserva nin o tímpano nin as arquivoltas, posúe tres columnas a cada lado sobre pequenos plintos (parcialmente tapados polo baldosado do adro), decorados con círculos nos que se inscriben frores de oito pétalos ; as basas e capiteis son entregas (cando non están exentas e se incrustan na estructura do muro), as basas áticas con garras, os capiteis vexetais de follas rematan en bolas ou pequenos vástagos, teñen collarino circular ; os ábacos, peza en xeral cadrada que coroa o capitel, continúan no muro da fachada formando un aleiro.
Enriba da portada hai unha desafortunada ventá rectangular e por encima a primitiva seteira, reformada e rectangularizada, de derrame interno ; remata cunha espadana de dous ocos de corte neoclásico, feita a comezos do século XIX, para as campás. Pola decoración e tracería apuntada, a portada podría ser datada a finais do século XII. A torpe ventá da tribuna abriuse en 1860. Ten dúas seteiras de derrame interno e unha porta adintelada ; bordeando o dintel, unha moldura de arco apuntado destiñada a albergar un tímpano que hoxe non ten ; remata esta fachada cun groso contraforte que descende en bancadas ; o aleiro está percorrido por unha cornixa decorada por canzorros en caveto cos seguintes temas, de esquerda a dereita: 1º: modillón en rolo 2º ata o 8º: modillóns de proa. 9º :cabeza de bóvido. 10º: dúas figuras humanas coas cabezas entre as pernas do outro, en posición acrobática. 11º e 12º: modillóns de proa. 13º: cabeza moi deteriorada. 14º e 15º: de proa. 16º: cabeza de félido. 17º: cabeza de bóvido. 18º: modillón cun rolo na parte baixa.
Ten dúas ventás similares ás da cara sur e o aleiro está percorrido por unha cornixa con canzorros en caveto, son 18 e todos son de proa. Nos arranxos que se fixeron no teito e aleiros, os primitivos canzorros foron sustituidos polos modillóns en proa, de fácil labra e pouco custe. O actual é rectangular e máis longo que o primitivo nuns 2 metros e 30 centímetros. Este alongamente realízase en 1642, en 1742 é remozado e reconstruido. Hoxe vemos pola regularidade dos sillares que estes muros son posteriores ós da parede sur, que é a menos remodelada. Ten unha ventá rectangular de derrame interno, coa única función de proporcionar luz ó altar maior. Orixinariamente tiña una bufarra na cara sur do teito, coa mesma función. A nave cúbrese con armazón de madeira, está sen faiar. A actual cuberta é de cemento e tella, ten uns 70 cms. máis de altura que a primitiva, vense aínda as marcas dos pontóns da antiga armazón. Debido ás reparacións das paredes e arranxo en outros elementos como o arco triunfal, columnas, ventás, etc., hoxe algúns destes elementos están descentrados e son desiguais e disimétricos.
Orixinariamente a igrexa estaría percorrida por un aleiro que se impostaba na parede ó nivel dos ábacos da portada principal, consérvase un pequeno tramo na porta e no arco triunfal. Na parede norte da nave hai dúas ventás rectangularizadas de derrame interno ; dous altarciños pequenos, excavados no muro a modo de fornelas ; un altar, aproveitando unha porta de arco apuntado, hoxe murada. Na parede sur, dúas ventás e dous altarciños de igual traza que na parede norte e unha porta transversal de arco apuntado. Sepárase a nave do presbiterio por un arco triunfal que no seu frente presenta dúas arquivoltas de media caña e despois o arco en arista viva, que reposa en dúas columnas. A columna da esquerda é de basa ática sobre plinto, fuste redondo e corto de tambores, cun capitel moi ancho con tallos rematados en volutas en espiral nas esquinas ; nunha cara ou rostro de home sen expresión nen movemento, ó lado unha boliña ; do centro saen dous brazos que agarran entre os dedos o que puidera ser o listón superior dun cesto de uvas, no medio dos brazos un rostro triangular sen faccións (curiosamente parece un rostro da civilización exea primitiva) ; na outra cara hai varios botóns circulares de distinta forma e unha fror xeométrica de seis sépalos. A columna da dereita é de basa ática, fuste máis alto que na da esquerda, de tambores ; o capitel moi ancho con decoración de tallos rematados de volutas de espiral, no centro ten como un racimo de sete uvas, ten ábaco. Enriba do arco triunfal hai unha ventá rectangularizada e disimétrica que ten inscrito un debuxo (de momento, difícil de reproducir). O prebiterio, de menor altura que a nave, ten unha ventá rectangular na parede sur e unha grada no altar maior
COMENTARIO O que sorprende desta igrexa é o seu emprazamento enriba dun acantilado rocoso sobre o que o mar bate en marea alta excavando covas debaixo da igrexa. Chegouse a temer que se derrubara, polo que pensaron en trasladala de lugar na metade do século XVIII. Hoxe o perigo desapareceu en gran parte polo dique que a defende dos embates do mar. A igrexa non ten terreo polos lados, únicamente en sentido lonxitudinal, o que permitiu alongar o ábside. ¿Por qué a colocan aquí?. A miña aventurada hipótese é que aquí houbo en época romana un santuario adicado a deuses relacionados co mar, hai que recordar que o castro de Santa María do Castro está só a un kilómetro de distancia. Este hipotético santuario reutilizaríase coa chegada da relixión cristiana, conservando o mesmo carácter de templo-santuario relacionado co mar, por iso advócase a San Xoán Bautista, que na tradición cristiana está emparentado coas augas. O templo presenta unha adición de dous espacios, nave e presbiterio, rectágulo e cadrado, alineados no mesmo eixo lonxitudinal. Non obstante o sentido lonxitudinal non domina con claridade posto que a nave é bastante ancha diminuindo o efecto rectangular ; a tribuna e o arco triunfal axudan a restar importancia ó lonxitudinal, xa que neles hai retencións ópticas e paredes de sentido transversal. As paredes están inarticuladas, os altarciños e a porta transversal non logran difuminar a realidade do muro continuo. O arco triunfal divide os espacios e as funcións con claridade : zona de crentes, zona de altar, mantendo a preeminencia espacial para o altar e o sacerdote, colocandoos no fondo do eixo lonxitudinal e elevados nunha grada respecto ós crentes. Debido a que as primitivas seteiras foron ampliadas e rectangularizadas e a apertura de novas ventás na porta principal e presbiterio, o edificio conta con igual intensidade de luz en todas partes, do que resultan masas e contornos estables e claramente delimitados. A luz é tenue, armoniza o espacio. A atmósfera mistérica propia do románico está perdida, camibando a un ambiente que mantén o espíritu do grupo, porque a claridade permite distinguir e individualizar o crente, pero sen disocialo do comunitario. A especial sonoridade do edificio incrementa o acento de grupo ó disolver e unificar con intensidade as oracións, favorecendo un tono armonioso, claro e sen distorsións. |
||
|
||
|
||
Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia. |
||