Auxe, declive e rexurdimento da freguesía de San Martiño de Moaña, por Manuel Uxío García Barreiro
 

A primeira nova da igrexa románica de Moaña data dos derradeiros anos do século XII, está escrita en latín e gravada na pedra do tímpano da portada, nela relátase que está consagrada a San Martiño, San Emiliano e San Bricio, ademais sinala que foi feita ou contratada por un home de apelido Arias [Arias feci] (1) Transcorrida a metade dun século, alá polo ano 1.237, un crego chamado Fernando Arias, probablemente parente do Arias do tímpano, fixo unha doazón de bens que posuía, en soldos e terras, dos lugares de Sabaceda, Sande, Canizada, etc. ó mosteiro de Armenteira, para que os freires pregasen pola súa alma. O documento que formalizaba esta doazón recolle o topónimo “Moania” (literalmente: Sancti Martini de Moania) e atópase no Archivo Histórico Nacional en Madrid.

Isto quere dicir, que aínda que o topónimo polo que se cita o Concello ten mais antigüidade, (é moi doado que se remonte aos primeiros séculos da Era Cristián), a primeira proba que se ten del, nestas datas, atópase no devandito documento de 1.237, sendo moi curioso que foxe escrito pouco tempo despois de facerse a Igrexa; polo que, ata que non apareza outro testemuño mais antigo, cabe subliñar que o primeiro nome completo da freguesía foi o de San Martiño de Moaña.

No século seguinte aparece outro documento, escrito esta vez no idioma galego, procedente tamén do mesmo arquivo de Madrid e citado por Xosé C. Villaverde nun artigo sobre o galego medieval; nel o prior do mosteiro de Érmelo, Roy Mourinno concede un foro o escudeiro Roy Lourenço que se encontraba na freguesía de Sam Martinno de Moanna, na data do doce de febreiro de 1.399.

Despois veñen moitos mais testemuños tanto en latín, por seguir a Igrexa escribindo nese idioma, como en castelán, posto que no século XV, os Reis Católicos obrigaron a que os documentos oficiais se fixeran nesa lingua

A freguesía de San Martiño de Moaña, pasou a formar parte da xurisdicción de Cangas no ano 1.501, dependente do Señorío de Morrazo que pertencía ó Arcebispado de Santiago, sendo pois a autoridade eclesiástica a que nomeaba o xuíz que era a persoa civil que tiña o meirande poder en toda a devandita xurisdicción formada polas parroquias de Ardán, Santomé de Piñeiro, Cela, Bueu, Beluso, Hio, Darbo, Coiro, Moaña, Tiran e Domaio, ademais da de Cangas; nese tempo os moañeses elixían a dous procuradores que os representaban en Cangas, os cales desaparecen a mediados do século XVIII para ser substituídos por un mordomo ou alcalde pedáneo; o sometemento de Moaña a xurisdicción de Cangas durou ata o ano 1.813.

En 1.607, o cardeal Jerónimo del Hoyo sinalou que a freguesía de San Martiño de Moaña tiña 120 veciños, o que da a supoñerque a poboaban unhas cincocentas persoas, posto que os censos se facían por cabezas de familia; estes, ademais das rendas forais que entregaban os donos das terras nas que traballan, dábanlle a Igrexa a décima parte dos bens producidos, que logo se dividían en tres partidas iguales, unha para o reitor da freguesía, outra para o Arcebispo de Santiago e a terceira para a Universidade desa cidade (nese tempo: Colexio Fonseca), deste xeito o devandito reitor era unha das dúas persoas mais pudentes da freguesía

Logo que os turcos invadiranCangas no ano 1.617, esa vila quedou totalmente saqueada, e as súas casas arruinadas polos incendios; neste ambiente, moita xente intentou medrar coa desgracia allea, entre os que destacaron algúns membros do Santo Oficio que promoveron procesos de bruxería dabondo.

 

O caso que mais se lembra aínda hoxe é o de María Soliño que por quedarse viúva nese tempo, con 70 anos, do pescador e home rico Pedro Barba, espertou a envexa e a cobizados inquisidores que lle aplicaron moitos tormentos para que confesara que era bruxa, cousa que negaba cando a deixaban en paz; neste caso gañou a Inquisición que se quedou con todos os bens que herdara do seu finado, entre os que estaba o dereito de presentación dos abades da Igrexa de San Martiño de Moaña, polos que lle correspondía unha parte dos seus décimos e primicias; a pobre muller debeu morrer desterrada pois non aparece a partida de defunción en ningunha Igrexa da xurisdicción de Cangas, iso que tiña dereito a que a soterrasen na Capela Maior da Colexial cangueira (2).

No ano 1.633, cando estaba nos seus comezos o morgado do Rosal que tanta importancia tivo en Moaña ata que se disolveu, levaron a soterrar para a Colexiata de Cangas a Constancia López de Saavedra, señora do Pazo, con todo o boato fúnebre que naquel tempo se empregaba para darlle compaña os cortexos dos finados; Vázquez Marinelli e outros autores, recollen no libro “Historia de Cangas”, como “foi acompañada por unha procesión multitudinaria, coa asistencias de todas as confrarías ... nun desfile fúnebre sen precedentes” ;de xeito parello, facíanse os enterros das persoas ricas da freguesía ata ben entrado o século XX; para destacar algúns exemplos significativos, nun libro de defuntos consta que o 28 de Decembro de 1.829 enterrouse Hermenegildo Miranda, maior de 80 anos, amortuxado nun habito saial de San Francisco e con sete cregos cantando responsos detrás do seu cadaleito, tamén se subliña que encargou 47 misas rezadas pola súa alma; o presbítero da Ameixoada, Manuel Antonio Aval Boubeta finado o 5 de Xaneiro de 1.789, e soterrado na capela maior da Igrexa,deixou encargadas nada menos que 1.100 misas, sen embargo, as honras fúnebres dos probes eran doutro xeito, así o 1 de Abril de 1.831 soterrouse a María Rosa Villanueva, tamén maior de 80 anos, viúva, constando literalmente no libro de mortos: Era pobre de solemnidad, púes ni casa propia tenia en que vivir, asistieron al. entierro de limosna los sacerdotes de esta Parroquia, ni unha soia misa lle dixeron.

Dende a Idade Media, os defuntos de Moaña enterrábanse dentro do recinto parroquial ou no interior da Igrexa, das dúas maneiras está reflectidonos libros de defuntos; tamén consta neles, que a algunha das persoas finadas déronlle terra en sartegos propiedade da súa familia, así o 5 de Outubro de 1.763 sepultaron a Francisca Villanueva dos Piñeiros “junto al colateral de la capilla de Nuestra Señora del Rosario, quedando a capela maior para as persoas “importantes” da freguesía; en Febreiro de 1.833 deixáronse de facer enterramentos dentro da Igrexa, a partir do 17 de Febreiro soamente os enterraban no adro darriba e logo do 6 de Setembro dese ano, nun novo Camposanto, que de primeiro soamente ocupaba a metade do terreo do definitivo, que durou ata 1.942.

O motivo de que o interior da Igrexa deixase de ser empregada como cemiterio, foi o cumprimento da Cédula do Rei Carlos III dada en Madrid o 3 de Abril de 1.787, que ordenaba que se soterrasen os mortosen: “Cementeriosfuera de las Poblaciones siempre que no hubiere dificultad invencible o grandes anchuras dentro de éllas, en sitios ventilados e inmediatos a las Parroquias, y distantes de las casas de los vecinos”; a devandita Cédula debíase ao que nela se sinala no seu comezo: “Que con ocasión de la epidemia experimentada en la Villa del Pasage, Provincia de Guipúzcoa, el año de mil setecientos ochenta y uno, causada por el hedor intolerable que se sentía en la Iglesia Parroquial de la multitud de cadáveres enterrados en élla, se enterneció mi corazón a vista de aquel desgraciado suceso ... “

As persoas que a Igrexa nomeaba como “disidentes”, (os que profesaban outra relixión, eran excomungados ou se quitaban a vida) non podían sepultarse en “lugar sagrado”, por iso, tanto no Cemiterio que se consagrou en1.833 como o inaugurado en 1.942 había un sitio separado por muros para eles; nestas circunstancias, non é doado comprender como foi soterrado no Adro de Arriba, nun sartego con lápida de pedra que aínda se conserva, un home de Quintela que se aforcou no seu canastro durante o ano 1.922, cando ese lugar foi tamén empregado con anterioridade como Camposanto.

Ollando os libros de defuntos parroquial, comprobase que despois do ano 1.833, non se volveu a soterrar a ninguén dentro da Igrexa, nin sequera aos abades que ata o de entonces tiñan sartego reservado na Capela Maior, o mesmo que sucedía cos donos do Pazo de Rosal e outras familias fidalgas e podentes; por esta causa fixéronse tres covas diante daportada principal da devandita Igrexa, sendo o primeiro párroco que alí se enterrou, xa en 1.805 D. Domingo Antonio Martínez y Prado, logo no ano de 1.838,D. José Antonio Mouriño, na tumba do medio, e o ultimo D. Enrique Rubido de la Gándara en 1.950; tamén consta que se enterraron familiares dos reitores nestes sartegos..

A parte mais anterga da Reitoral, que por paradoxo que pareza, é a que aínda está en pé, remontase o século XVI, é dese tempo datan uns pouquiños documentos recollidos nunha carpeta, xunto con outros de séculos posteriores e refírense a recibos de pago de misas, fundación da capela de San Bernardino, da que non chegou imaxe nin outras tradicións a data de hoxe e outros asuntos. Os libros importantes de bautizos, vodas e defuntos empézanse a facer no ano 1.632, aínda que o primeiro de bautizados, o que vai de 1.634 a 1.747 está desaparecido; estes libros, xunto cos das confrarías e a devandita carpeta, encontrábanse na zoa derrubada da Rectoral, nun cuartiño interior illado da humidade, poloque ata os anos setenta do século XX en que empezaron a caer pingueiras entre as tellas, sen que o crego que moraba nela, fixera nada por reparalas, a súa conservación era moi boa; logo, o derrube desa zona, implicou a perda de testemuños moi importantes para coñecer a Historia de Moaña e o deterioro de outros documentos, que por sorte, na actualidade encóntranse no Arquivo da Igrexa de Santiago, aínda que algúns deles nin sequera se poden consultar por estar en pésimo estado.

A primeira documentación sobre a Confraría da Virxe do Rosario de Moaña remontase ao ano 1.641, maila que a súa orixe pode ser anterior; a imaxe desta Virxe, probablemente de comezos do século XVII, foi a que primeiro honraron os homes do mar e os emigrantes de Moaña; con esta confraría coincidiron as do Santísimo Sacramento, Virxe da Soidade, Animas, San Martiño, San Roque e San Antonio, de todas elas hai documentación no devandito Arquivo de San Martiño.

O dar comezo o século XVIII, a poboación da freguesía deMoaña aumentou moito con respecto a dos primeiros anos do século anterior; no Padrón de Calle – Hitade 1.708 reflíctanse 395 veciños, equivalentes a 1.400 habitantes aproximadamente, converténdose Moaña na freguesía mais poboada das doce que formaban a xurisdicción de Cangas, seguíndolle esta derradeira vila con 372 veciños.

No ano 1.752 publicase o Catastro do Marqués de la Ensenada, onde se describe que Moaña tiña censados 490 veciños (Cangas 384), equivalentes a 1.700 poboadores, sendo a súa maior autoridade civil o mordomo pedáneo Juán Barreiro, que tamén era labrador, seguíndolle no censo de civíscomo fidalgos, José Saavedra Romai señor da casa do Rosal que tiña 5 criadas e 4 criados no seu Pazo,Bartolomé Prezedaque vivía no Cruceiro e tiña unha criada e logo, Ignacio Broullón y Romay con casa no Outeiro da Igrexa e tamén unha criada; despois cénsanse dous escríbanos (un deles, Antonio Rubiños, da familia da Granxa de Paxarin), un mestre de rapaces, un notario apostólico, un arrendador de décimos eclesiásticos, un gaiteiro, etc.

O censo de eclesiásticos ven presidido polo reitor da freguesía D. Francisco Antonio Tabares Saavedra que vivía na Reitoral con un criado menor, tres criadas, un sobriño menor de 18 anos, dúas sobriñas é unha muller pobre, nomeada Rosa Romero; lle seguían outros catro cregos que habitaban casas de planta alta no Cruceiro, Ridomuiño, Outeiro e Marrúa, todos cunha soa criada; tamén había un crego mais, que lle chamaban “clérigo de menores” e vivía nunha casa terreña da Miranda co seu pai que era labrego é unha criada.

Os fomentadores cataláns chegaron a Galicia no ano 1.756 e con eles introduciuse en Moaña o capitalismo, pois eran donos de botes nos que se empregaba a arte da xávega, aquí chamado simplemente “arte”; cos novos sistemas de pesca e as prensas para prensar as sardiñas salgadas, aumentou en Moaña o número de persoas que se dedicaban ao mar, trocándose o sistema de reparto de quiñóns de peixe polo xornal que lle pagaban aos homes por pescar e as mulleres por salgar sardiñas nos novos almacéns que explotaron; deste xeito deu comezo o camiño dos labregos moañeses cara o mar, ao que tan pouco rendemento lle sacaran con anterioridade, tal e como o demostra o devandito Catastro no que se censaron 4 dornase 23 pescadores cando en Cangas eran 73 os barcos e 518 os homes de mare Bueu tiña 13 embarcacións e 63 mariñeiros

Un membro da Confraría do Rosariochamado Lorenzo de Paredes, emigrou a América onde conseguiu unha meirande fortuna; ao morrer en Santa Fe de Bogotá, daquela pertencente o virreinado de Perú, deixou tres mil reais, para que llos entregasen a devandita Confraría; con parte deses cartos firmouse un contrato no ano 1.763 co mestre arquitecto do Hío, Esteban de Sobreira para que acometera as obras de ampliación da Igrexa, comezando polo derrube da ábsida románica co obxecto de levantar outra maior de estilo barroco, mais a construcción de dúas capelas, unha sancristía, retablos e o acondicionamento do lado Norte do adro darriba para enterrar alí algúns mortos (outros seguiron soterrándoos dentro da Igrexa); estes traballos fixéronse por 13.500 reais, polo que quedaron aínda cartos para mercar alfaias a imaxe da Virxe e outros mesteres

Co novo réxime xurdido das Cortes de Cádiz que duraron dende 1.810 a 1814, elimináronse moitos dos privilexios que tiñan os nobres e os eclesiásticos; así, no ano 1.811 suprimíronse os señoríos, en 1.813 autorizouse a creación de novos concellos en pobos de mais de mil poboadores, en 1.820 danse remate os morgados, en 1.822 creouse a provincia de Pontevedra, en territorios das antigas de Santiago e Tui, en 1.834 suprimiuse a Inquisición, en 1.836 autorizaron as xuntanzas das freguesías próximas para formar novos Axuntamentos e no ano 1.837 deixáronse de pagar décimos e primicias a Igrexa.

A consecuencia disto, foi que logo dun forte descontrol das Institucións, o 30 de Novembro de 1.836 tocaron as campás da Igrexa de San Martiño a xuntanza, para darlle a nova a todos os veciños cara a que se estaba a conformar un novo Concello en Meira e a el quedaban agregados.

As queixas apareceron dabondo na freguesía, que deixou de ter identidade propia; entre as medidas que tomaron os fregueses para que as novas autoridades civís que estaban en Meira, coñeceran a extensión, poboación e riqueza de Moaña, foron entre outras, a elevación en 1.845 dunha solicitude ao novo Concello para que fixera un Afanegado con todas as propiedades da parroquia e se marcaran ben os lindes dela; o Alcalde, José Benito Rubiño, tamén da familia Paxarín de Moaña, atendeuna e ordenou a un escríbano, que confeccionara tres libros manuscritos con outras tres copias, fechados en 1.848, quedando estas últimas en mans privadas

Neste ano 1.848, dacordo co que se sinala no devandito Afanegado, a persoa mais podente da freguesía era D. Manuel Saavedra, señor do Pazo do Rosal con 708 ferrados e 16 varas de terreo, logo o devandito alcalde con 372 ferrados e 46 varas; o abadedese ano, D. Gregorio Benito Saavedra, irmán de D. Manuel Saavedra, usufructuaba 114 ferrados e 9 varas en total, propiedade da Igrexa de San Martiño, deses terreos, 45 ferrados e medio, proviñan do Padroado de San Gregorio, con capela no Rosal, e tiña por obxecto a celebración perpetua nela, de dúas misas semanais polas almas dos Señores do Pazo; estes terreos estaban na Xunqueira, Sisalde, A Moca e noutros lugares preto do devandito Pazo.

Por eses anos, xa desaparecidos os morgados, a Casa do Rosal e algunha outra, comezan a vender paseniño a paseniño algúns terreos, o que aproveitan os que as mercan, a miúdo labradores ricos, para levantar casas con quinteiros oueixidos nos que puideran dar voltaos carros, cercados por murallas altas rematadas con portalóns debaixo de linteis ou lumieiras, en moitos casos coroados cunha cruz, pero nunca con ameas, xa que ese privilexio o tiñan nada mais que eclesiásticos e fidalgos, por iso na freguesía aínda hoxe, óllanse ameadas soamente os portalóns da Rectoral, do Pazo do Rosal, de un eixido de Broullón e outro mais; así naceron a maioría das casas que hoxe forman o único casco vello que lle queda a anterga freguesía de Moaña e que se encontra no Cruceiro, entre a Igrexa de San Martiño e o Cristo das Angurias.

O 6 de Abril de 1.874 asentouse, de xeito definitivo en Moaña o novo Concello baixo o nome de “Alcaldía Constitucional de Moaña”, inscrito no primeiro selo que se fixo onde se gravou tamén o escudo constitucional español.. Nese mesmo ano, formouse a Banda de Música dos Bichucos, segundo consta nos libros das Confrarías, xa que en todas elas rexístranse cantidades aproximadas de 120 reais para pagarlles as súas actuacións durante as festas de San Martiño e outros santos, substituíndo o gaiteiro profesional o que lle pagaban no ano 1.821, doce reais.

A finais do século XIX mercáronse as primeiras traíñas que viñeron de Asturias para dedicarse a pesca da sardiña e outros peixes azuis co novo arte de cerco – xareta, chamado tamén “Ardora”; este tipo de pesca procedente do Cantábrico xerou conflictos dabondo nas Rías Baixas, polo que se ilegalizou no ano 1.900; a lóxica impuxo que dous anos despois se volvera a legalizar, traendo consigo o troque da dedicación dos moañeses, que sendo labregos na súa meirande parte, vanse convertendo en mariñeiros, con tanta forza que no ano 1.943, nunha pequena guía informativa feita polo mestre D. Santiago Barreiro, veñen rexistrados 68 barcos de tracción mecánica, que con outras embarcacións mais pequenas a remos, daban traballo a cerca de catro mil persoas, sendo o porto do Concello de Moaña un dos mais importantes de España no tocante a pesca de baixura.

O efecto da Ardora foi, que paseniño a paseniño, íanse poboando as zonas que lindaban co mar dos barrios da Seara (en 1.752 só había unha casa neste lugar), Miranda e Xeira, posto que a Praia nunca existiu como barrio moañés, soamente se trataba dun areal que ocupaba todo o límite Sur da freguesía de Moaña, dende o Río de Meira (hoxe nomeado Río da Fraga) ata debaixo do muro dunha anterga Granxa (no sinalado Libro de Afanegado de 1.848 cita esa estrema de maneira textual da seguinte maneira: “... prosigue la línea a la derecha a concluír testamente debajo del muro de la Granja de Dª Carmen Fernández, vecina de Pontevedra”)

A finais do século XIX coa devandita chegada das traíñas comezaron a facerse recheos, primeiro para levantar estaleiros, logo na década dos anos vinte do derradeiro século, para construír a Praza de Abastos e o Pósito, despois a Casa do Mar e os fermosos xardíns que lle dan prestancia a nova capital de Moaña; en 1.915 abriuse a estrada 550, trasladándose a súa veira a Casa do Concello que estaba en Quintela e que recentemente asentouse nun fermoso edificio moderno no lugar das Barxas, producíndosedeste xeitoun cambio profundo nos sistemas de producción e servizos de Moaña; a consecuencia disto foi o despoboamento dos lugares altos onde se encontra o fundamento do pobo moañés,: a Igrexa de San Martiño e a súa contorno centenario.

Declive e rexurdimento da Freguesía

O meirande declive da freguesía de San Martiño de Moaña, deu comezo en 1.950 , ano en que finou o abade D. Enrique Rubido de la Gándara, e seguiu ata os inicios deste século XXI, cando se lousou o antergo cemiterioe o Adro de Abaixo, logo que o actual Párroco, encargase a restauración, moi ben feita, dos fermosísimos retablos barrocos do altar maior e das dúas capelas do cruceiro da Igrexa, foxe recuperara unha senlleira vivendaburguesa de Abelendo para adicala a “Casa de Cultura” e principiase o obradoiro destinado a Restauración do Pazo Abacial (Reitoral).

Ao vello reitor de toda a freguesía de Moaña, sucedeulle no devandito ano 1.950, quen fora o seu capelán D. Donato Bernardez, fillo de labradores de Coiro, quemantiña moi boas relacións cos herdeiros da Casa do Rosal, os cales aínda conservaban certos dereitos históricos de presentación de párrocos de San Martiño; este crego seguiu a fuxida, cara a veira do mar, dos médicos, veterinarios, farmacéuticos, mestres e algún que outro patrón ou labrador rico, que culminou co despoboamento da zona alta da freguesía, non quedando nela persoas que quixeran ou puideran poñer algo de freo ao abandono do patrimonio histórico - artístico moañés, que nesas latitudes ía quedándose en mal estado: a Igrexa de San Martiño, o Pazo Abacial e algunhas vivendas típicas do pasado rural moañés.

O devandito desprazamento de persoas das crases sociais mais favorecidas, foi o que propiciou que a autoridade eclesiástica acadara sen oposición, que a freguesía de Moaña, a mais poboada do Morrazo no século XVIII ea segunda, despois de Cangas antes de 1.964, foxe partida en dúas, quedando na matriz de San Martiño o mais pequeno número de habitantes de toda a anterga Xurisdicción morracense, maila que ao Arcebispado de Santiago chegaran outros datos, que non se axustaban a realidade, sobre as cantidades de fregueses que ían a habitar en cada unha das parroquias moañesas, e o reparto dos barrios entre elas.

Ao devandito crego que se transformou no primeiro abade da nova parroquia do Carme, sucedeulle en S. Martiño, D. Heraclio Couceiro, home de certa cultura e moi bo caracter, pero que tiña unha maneira de ser moi peculiar, dicía a quen quixera oílo, que todos os bens que rexentaba eran da Igrexa Católica, non privativos del, por iso, soamente posuía a obriga de conservalos como estaban, sen pensar que tamén debería exercer o seu mantemento para que non se arruinaran; entón, ao estar o tellado en mal estado, deu comezo de seguido a aparición de pingueiras na Casa Reitoral que ocasionaron o derrube dunha zona, que lle puido ocasionar unha desgracia persoal, non sendo así, por afectar unicamente a sala de estar, cando estaba na habitación durmindo; para non ter que cambiar de vivenda, empregou os menos cartos posibles na reparación da desfeita, e tivéronse que seguir poñendo caldeiros no fallado, para que a auga deixara de pingar dentro do Pazo Abacial

Nos tempos en que existía o risco de virse abaixo a cuberta de madeira e tellas do país que remataba a nave románica da Igrexa, o devandito párroco D. Heraclio, con moi bo criterio, formou unha comisión destinada a recadar diñeiro entre os poucos veciños que quedaron na Parroquia, porque as arcas estaban baleiras, sen cartos parafacer unha nova; esa era a triste realidade do que acontecía nesa época de declive da freguesía, que nos tempos do seu antecesor, alleouse a meirande parte do patrimonio, maila que ninguén dúbida de que fora investido en fins relixiosos; polo devandito motivo, acompañado da escasa sensibilidade da época en canto a feitos culturais e artísticos e polas escasas axudas do Arcebispado de Santiago e do Concello, maila que os veciños fixeron moitos esforzos económicos, o resultado foi que hubo de construírse unha cuberta de formigón no remate da nave dunha Igrexa do século XII, monumento histórico artístico, que en algúns libros de arte e webs de INTERNET, está sinalada como “lamentable”; maila que se debe destacar o fino traballo do mestre albanel, contratista da obra, Sr José Fernández (José de Paletas), veciño da actual Parroquia de San Martiño, que con pouquiños cartos, a deixou do mesmo xeito que estaba cando tiña madeira, desta forma pódeselembrar como era a orixinal que se agarda que mais logo que tarde se volva a reconstruír.

En 1.994 cando D. Heraclio deixou de ser Abade de San Martiño, o Pazo Abacial estaba cheo de humidade, que chegou ata os libros do Arquivo Parroquial; nos caixóns da sancristía onde había roupas de dicir misa, pendóns das confrarías, estandartes e outros obxectos centenarios en desuso, os ratos tiñan comida dabondo, algunhas imaxes estaban no chan de terra da Casa da Fabrica podrecendose, etc.; por esta causa, o novo crego que o substituíu de maneira provisional e que procedía da Parroquia do Carme, decidiu queimar case que todo na fogueira de San Xoán, incluíndo a talla de San Francisco, que dacordo co que sinalaban algunhas persoas maiores procedía do mascarón de proa dun barco veleiro, outras quedaron extraviadas na Reitoral e logo desapareceron, incluíndo a centenaria de San Martiño, posto que a actual é de primeiros do século XX.; milagrosamente apareceu a imaxe da Fé do século XVIII, que foi restaurada por un particular, con unha pequena axuda da Asociación de Veciños destinada a pregoar o feito, e devolta polo Párroco actual ao ser lugar de orixe, o retablo da Soidade, do mesmo século. Pouco tempo despois a ala mais nova do Pazo Abacial, a que foi feita no século XVII derrubouse por completo e así aínda sigue.

Non é estraño pois, que neses tempos de escape do agro, cara a novos asentamentos mais pretos ao mar dentro da propia freguesía, a Igrexa de San Martiño e o seu entorno milenario foxe identificado co pasado labrego e pobre dela; deste xeito deixárona ao marxe dos investimentos que se precisaban para manter o seu patrimonio monumental, e aínda de outro tipo de infraestructuras; por iso, non apareceron cartos para poñerlle un novo tellado de madeira a Igrexa, nin para restaurar a Reitoral, edificios que xa estaban en moi mal estado denantes de partirse a freguesía en dúas parroquias, maila que o capital que deixou D. Enrique Rubido cando morreu era abondoso.

Cabe subliñar, que os 114ferrados de terreo que tiña en propiedade a Igrexa de San Martiño, foron aumentados no intre de mercar o devandito abade, do seu peculio particular, unha enorme finca de preto de 20 ferrados a labradío e viña, nomeada “A de Lara” no Cruceiro, que pertencía ao dono do Pazo do Rosal; esta leira arrendouse a unha familia que a sementaba de millo e coidaba as súas parras de viño, dándolle unha parte da colleita anual aos pobres de toda a freguesía, que acudían en fieiras polos camiños e corredoiras ata chegar ao lugar de reparto, preto da Igrexa. Aínda que todos os abades facían obras de caridade no intre de morrer, D. Enrique foi o mais xeneroso deles, desta maneira, non é de estrañar que se dixera popularmente nos anos cincuenta do derradeiro século o seguinte: “Os probes de mi Díos, chegan ao Cruceiro en busca do viño e do millo que foi recolleitado na leira que lles deixou o finado de D. Enrique Rubido, que en paz descanse”. Isto aconteceu ata mediados da devandita década dos cincuenta en que a “De Lara” foi vendida en pública subhasta por cento corenta mil pesetas, e aínda agora, nin os representantes da Igrexa Católica en San Martiño de Moaña, nin os que naquel tempo formaban parte dos necesitados, coñecen de certo o destino deses cartos

De todo o sinalado, pódese sacar a seguinte conclusión: ainda que a Reitoral e a cuberta da Igrexa arruináronse cando D. Heraclio exercía de abade, o maior culpable de que se derrubase o Pazo Abacial e de que se fixera a cuberta de cemento na Igrexa, non foi este crego, senón os responsables da Igrexa Católica, que autorizaron a desaparición do padroado de San Gregorio da Capela do Rosal, onde nos anos cincuenta seguíanse dicindo misas, sen que se coñeza a contrapartida económica,logo a venda da nomeada finca “De Lara”, mais unha tomada no Monte de Lourido; todo iso sen ningún beneficio para o dono dese patrimonio, a Igrexa de San Martiño.

Tampouco o Concello franquista da época, se preocupou moito polo mantemento dos edificios históricos da anterga freguesía moañesa, parece que os baños de multitudes obtidos nas cerimonias relixiosas de Corpus Christi, Venres Santo e 12 de Novembro, onde refulxían tanto os uniformes do movemento, militares, garda civil, etc. era mellor tomalos na nova Parroquia.

Poloque ata o de aquí vense sinalando, cabe supoñer, que o froito do capital alleado, tivo que empregarse dentro dos límites da nova parroquia do Carme, afastada de San Martiño no ano 1.964, a non ser que haxa documentos que demostren outro destino diferente e que non se quixeran facer públicos por algún motivo; ollando estes feitos a data de hoxe, non parece que se realizaran as cousas moi ben dentro da Institución Eclesiástica, xa que deixou en pésimo estado dous monumentos históricos que rexentaba (un deles, a Reitoral continúa arruinada), para construír a toda presa unha nova Igrexa na Seara, aínda que ninguén negaque por motivos relixiosos foxe necesaria, pero non prioritaria

Agora xa cumpre referirse o rexurdimento da pequena Parroquia de San Martiño, que se iniciou coas reformas de casas centenarias representativas da burguesía e dos labradores podentes de Moaña, vivendas de soto e sobrado como antes as nomeaban, case todas con patíns e escaleiras exteriores, algunhas con fermosas balconadas de forxa, como a das Señoritas, a dos Médicos, etc.; tamén a que foxen moi ben arranxadas as que deixaron como pardiñeiros e por sorte quedaron fora da especulación urbanística, logo, outras construccións antigas destes barrios altos moañeses; por iso, aínda se pode ter a sensación pracenteira de ollalas en pé, cos seus linteis situados enriba dos portalóns de entrada aos eixidos, gravados co ano da súa construcción, normalmente nos séculos XVIII, XIX e comezos do XX, maila que queda algunha casa terreña do XVII e outra, moi curiosa onde está gravada unha cruz, soamente, na pedra do lintel, en contraste coas mansións das grandes propiedades eclesiásticas, nas que destacan aínda agora, as cruces de pedra enriba das lumieiras, na metade de catro ameas, como en Broullón e no Cruceiro, en semellanza co escudo no medio delas como a da entrada do Pazo do Rosal que hoxe pertence a parroquia do Carme, onde tamén hai outra cunha cruz na metade de dúas; as ameas eran símbolos de poder, polo que soamente podían poñelas os eclesiásticos e os fidalgos

O resume deste traballo, é que despois de tantas desfeitas, vese renacer como unha ”Ave Fénix”, a parroquia matriz de San Martiño, integrada coas outras catro dentro do Concello de Moaña, concello que probablemente ten a súa orixe e topónimo nestas terras altas, nas que agora e sempre, merece a pena vivir; por iso, a grande mellora que supuxeron as devanditas obras dos arredores da Igrexa, restauración dos retablose Casa de Cultura así como o comezo da reconstrucción da Reitoral, deben ter continuidade co lousado de pedra do casco vello, as axudas para quitarlle pinturas exteriores as casas de pedra que están a súa veira, o estudoarqueolóxico do Castro do Cruceiro (Ben de Interés Cultural), incluíndo algúns dos seus balados, dúas veces milenarios de cachotes de pedra, o foxo que o separa da Igrexa de San Martiño, etc.; neste empeño debe contarse con todos os poboadores da anterga freguesía de Moaña que teñen por aquí as súas meirandes sinais de identidade, deixando as divisións parroquiais só aos efectos relixiosos e non culturais, como ocorre cos veciños das outras tres parroquias históricas do Concello

Deste xeito fanse as cousas en grandes poboacións como Vigo, Pontevedra, Marín, etc., onde a lóxica división das súas parroquias matrices ao longo do tempo, non influíron en troques de identidade dos seus veciños, mais ben ocorre ao contrario, que se esforzan cada vez mais na conservación dos bens históricos que deixaron os seus devanceiros nos lugares onde se foron asentando ao longo de milenios

Este artigo, desenrolado arredor da memoria dos poboadores da anterga freguesía de Moaña e nunca de revanchismos localistas nin anticlericais, foi concibido para quea través do coñecemento destes feitos documentados, se esperte en todos os moañeses, a conciencia de que agora faise moi necesario que as Institucións parroquiais, arcebispais, municipais, provinciais e autonómicas, se lembren destas zoas que dalgunha maneira, aínda se encontran desamparadas da man de Deus e dos homes, polo que, mais cedo que tarde debese facer fronte a recuperación e mantemento dos tesouros arqueolóxicos, históricos e artísticos que aínda seguen en pé nestes lugares moañeses e que estiveron a punto de estragarse case que sen volta atrás, logo do ano 1.950, por causa dun “desarrollismo”, moi mal entendido

  • Non se pode saber de certo si na inscrición pon Arias, Aras ou Abas.
  • “Historia de Cangas de Marinelli, Moreira e Rodal 

 

 

Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia.