Moaña, no camiño do mar (1750-2006) por Manuel Uxío García Barreiro

 

 

I. AS CATRO PARROQUIAS DO ACTUAL CONCELLO DE MOAÑA EN 1750

 

De xeito algo diferente ao ocorrido nas veciñas parroquias de Domaio, Meira e Tirán, que no século seguinte se agruparon coa de Moaña para formar a nova estrutura administrativa denominada actualmente "Concello de Moaña", a poboación de San Martiño foise asentando ao longo de varios séculos polas súas zonas altas e medias, dedicándose de forma case total a agricultura e á gandería, polo que o grande areal que lindaba coas parroquias antes citadas de Meira e Tirán non dispuña a penas de casas ao longo da súa ribeira. Tal como demostran algúns "cuncheiros" encontrados no castro do Cruceiro, dela sacábanse croques, ameixas e navallas para complementar a alimentación dos seus poboadores, preferentemente agrícola, con proteínas procedentes do marisqueo e da pequena pesca artesanal.

O sinalado anteriormente pódese comprobar por varias fontes. Unha das máis importantes é o Catastro do Marqués de la Ensenada, realizado en 1750 e publicado en 1752, no que, segundo o exposto no caderno da Agrupación C.D.R. "Nós" de Moaña, editado en maio de 1987, a fregresía de San Martiño contaba cunha poboación de 1690 habitantes, sendo por iso a que tiña máis poboadores de todas as da Península de Morrazo, a gran maioría xornaleiros-agricultores e só 28 mariñeiros con dorna.

Outra fonte autorizada que se refire á despoboación do litoral de dita parroquia é o discurso dirixido aos armadores polo presidente de Confraría de Pescadores, D. José Costa Alonso, o 11 de marzo de 1951 :

"Con el nuevo procedimiento de pesca (refírese á arte da "ardora"), Moaña se transformó por completo, principalmente este barrio de la Playa, del que hace cincuenta años podían contársele las casas con los dedos de las manos y hoy ofrece el aspecto de una hermosa villa situada en el sitio más poético de la ría de Vigo y siendo para todos una gran satisfacción este progreso, detenido por la enorme crisis que se padece desde hace dos lustros"

Nas outras tres parroquias era maior o número de mariñeiros en proporción aos seus habitantes, ao estarn máis volcadas cara ao mar; por iso non é estrano que por esa época en Moaña non existise nin un só barco de pasaxe pola ría, en contraposición con Tirán, que tiña catro, Domaio tres e Meira dous.

No caderno sinalado máis arriba recóllese que na fregresía de Moaña, como entidade territorial ademais de eclesiástica, había seis sacerdotes. Un deles tiña que ser o párroco reitor que habitaba a casa reitoral. Desde ela dirixía os fregreses, e non só no ámbito espiritual. Por este e outros motivos, nesas datas decidiuse derruir o antigo ábside románico da igrexa, para levantar no seu sitio outro maior de estilo barroco, engadíndolle ademáis dúas capelas, sacristía e un campanario no lado dereito, que substituiu a súa antiga espadana central. Tamén se instalaron cinco retábulos do mesmo estilo barroco, con varias imaxes novas que encheron as fornelas. Algunas delas aínda perduran e outras desapareceron no século XX, pola desidia dos responsables da súa conservación.

Cada un dos retábulos desta igrexa, o mesmo que sucedía cos novos que tamén se montaron nas de Domaio, Tirán e Meira, dispuña do seu correspondente altar, onde os citados sacerdotes celebraban misa diariamente, a maior parte delas polos difuntos que antes de morrer deixaban nos seus testamentos diñeiro ou propiedades para que as súas almas fosen reconfortadas cunha boa cantidade de celebracións eucarísticas, segundo a súa riqueza. Desa maneira pretendían acurtar a súa estancia no purgatorio, de acordo coas súas crenzas e cos comportamentos relixiosos tridentinos da época.

A obsesión co purgatorio era tan grande neses anos que en moitos "petos de ánimas" en baixorrelevos representábanse as almas entre chamas, sendo moi pecualiar o que existía na igrexa de San Martiño e que despois algún dos seus párrocos, moi experto en arte, madou que o retirasen dos edificios parroquiais. Nel víanse entre chamas un papa, un bispo, un crego, un monxe, un home e unha muller, todo iso moi aleccionador para os nosos antepasados, na súa maioría analfabetos por eses anos de triunfo das teses barrocas na Galiza rural.

Os retábulos principais destas igrexas foron testemuñas de magnas cerimonias relixiosas, as mais importantes das cales se celebraban na de Moaña, por ter carácter de fregresía, e polo tanto se a única das catro en que non se tiñan que desprazar as grandes celebracións ás súas oitavas. Desta forma, nas solemnes misas gregorianas como a do Corpus, San Martiño e outras, enchíanse os presbiterios de cregos, propios e alleos.

Unha das xornadas en que a igrexa de San Martiño e os seus arredores estaba máis acugulada de sacerdotes e de fregreses desta e doutras parroquias, era a do Venres Santo. Nela, tiña que resultar impresionante para os nosos antepasados do século XVIII e aínda para os dos séculos posteriores, a contemplación do desencravo da crua dunha imaxe de Xesucristo morto, ubicada no centro do seu novo presbiterio barroco, con todas as tallas do retábulo tapadas.

Esta cerimonia teatral que representa a baixada da cruz dun cristo articulado, que despois se convertía en xacente, era dirixida por un frade que predicaba desde o púlpito, con tal dramatismo que facía chorar ás persoas que abarrotaban a igrexa. Ao final do "desencravo", a imaxe de Cristo depositábase nunha urna e sacábase en procesión, acompañada dunha talla da Virxe Dolorosa, recén incorporada o novo retábulo da capela esquerda. Aínda pervive esta representación, que se remonta ao Concilio de Trento, do século XVI, pero sin a grandiosidade nin o dramatismo de antano.

Un só sacerdote atendía a capela de San Gregorio dentro do Pazo do Rosal, sendo moitos os párrocos que procedían da aristocrática familia que o habitaba e que tanto poder tiña debido á propiedade de grandes extensións de terras que aforaban aos veciños, polo cal pódese dicir que por eses anos do século XVIII o reitor da fregresía e o Señor do Pazo eran os personaxes máis influíntes de Moaña, aínda que o fidalgo do Pazo de Paxarín tamén era moi poderoso.

Polo menos dous membros da familia Saavedra, señores do Pazo do Rosal, están enterrados no presbiterio da igrexa de San Martiño, segundo se acredita nun escudo de madeira que se encontraba próximo ao sarcófago e que tamén foi trasladado de lugar. Dito escudo foi fotografado antes da súa desaparición e represéntase ao lado da súa epigrafía:

JOSÉ SAAVEDRA DE YEBRA Y ROMAY

SUÁREZ DE DEZA. SR. JURISDICCIONAL

DE LOS COTOS DE VILLALPAPE, TUIRIZ,

MARZÁN Y SANTIAGO...., CAPITÁN

DE LA GUARDIA REAL PROVINCIAL, PATRONO

DE ESTA SANTA IGLESIA PARROQUIAL

EN 22 MARZO 173....

Y SU NIETO D. JOSÉ CABALLERO DE LA REAL

Y DISTINGUIDA ORDEN DE CARLOS III

EN 25............. 18...............

 

En Meira e Domaio censáronse tres sacerdotes por parroquia e só un exercía na de Tirán. Os párrocos eran tamén os seus personaxes máis influíntes, pero a propiedade das súas terras estaba repartida entre persoas de dentro e de fóra delas.

Outro dos datos interesantes sinalados no Catastro é que nas catro parroquias só había un gaiteiro, eran 42 os tecedores e 466 os labregos-xornaleiros, o que redunda a favor da tese da dependencia case exclusiva dos produtos da terra e do gando da maioría da poboación.

É de salientar que se constatara a existencia dun só gaiteiro en Moaña, e ningún nas demáis parroquias. Sen dúbida debe de tratarse do único que tocaba a gaita de maneira profesional, e polo tanto deberían existir outros que o facían por afección. Isto ten que ser así, posto que nos libros de contas das confrarías parroquiais, relacionados co século XVIII, detállanse os gastos que ocasionaba a contratación dun gaiteiro para amenizar as súas celebracións importantes, e eran moitas as festas en que se honraba a santos sanadores, ademáis dos patros de cada parroquia. E iso sen contar cos requirimentos que se lles facía para alegrar algunhas fiadas e esfolladas importantes, onde traballaban e se divertían os nosos avós.

Outro exemplo do alonxada que estaba do mar nese século a fregresía de Moaña destaca nun documento que describe como os veciños do barrio máis perto da Praia, o da Miranda, aforaron as súas terras, casas, etc., ao pequeno mosteiro de Santiago de Ermelo o 9 de marzo de 1730 por unha renda de cento vinte ferrados de pan mediano, millo miúdo e centeo, máis unha barra de vintedous reais a entregar o día de San Martiño de cada ano. Débese remarcar que non se sinala ningún produto relacionada coa pesca, como así sucedía coas escrituras de inventarios de bens aforados doutras parroquias máis volcadas cara á ría.

O sistema de foros consistía no arrendamento de terras de labor, montes, casas, hórrreos, muíños, etc., por longos períodos de tempo aos veciños do couto aforado, comprometéndose éstes por escritoa satisfacer anualmente aos seus lexítimos propietarios as cantidades en especie contratadas,sendo o Señor do Pazo do Rosalo personaxe que tiña máis propiedades nese réxime de aforamento,aínda que había outros como o Marqués de Valadares en Meira,os mosteiros de Oia,Melón e o citado de Ermelo,ademais do Arcebispado de Santiago,que tamén as tiñan.

Á institución eclesiástica,ademais de apeortarlle recursos este sisema foral e a contribución dos fieis ás ceremonias relixiosas,tamén lle chegaban os tributos por décimos e primicias,dando lugar a que fose a entidade máis poderosa de Galiza antes do inicio da Desamortización de Mendizábal en 1.837,estando plenamente demostrado que as 2/3 partes dos bens galegos anteriores a ese ano eran da súa propiedade.Isoexplica que houbese tantos sacerdotes censados en dito Catastro,para unha escasa poboación.

No sector secundario,o subsector máis puxante era o de tecido do liño,que daba emprego directo a 42 persoas en 1.750,constituíndo así a terceira actividade productiva das catro parroquias cdo Concello,despois da relacionada coa agricultura e coa pesca.No sector secundario encádranse igualmente os 20 xastres,4 zapateiros,16 carpinteiros,1 canteiro,6 curtidores,1 ferreiro e 1 banastreiro censados.

É interesante destacar que os nosos antepasados do século XVIII,dedicados como se expuxo de maneira maioritaria ao sector primario,tiñan moitísimas cargas,entre elas as de soportar un sector terciario avultado e que segundo o Catastro estaba formado polos 13 sacerdotes descritos,1 sacristán,3 fidalgos,4 arrendadores de foros e décimos,2 escribáns ,4 cirurxáns sangradores,1 notario aportólico,1 medidor de terras e 1 ministro de xuíz.

Como consecuencia do expresado alonxasmento do mar dos habitantes da freguesía moañesa,os seus poboadores non sufriron as terríbeis traxedias das invasións mariñas foráneas,a máis importante das cales tivo lugar no ano 1.617,cando os turcos fondearon as súas naves para apoderarse de bens e persoas de Domaio e Cangas,matando algunhas delas e levando outras como escravas.

A partir da chegada dos fomentores cataláns a Galiza no ano 1.756 para imlantar por estas terras métodos pioneiros de salgadura do peixe e novas artes de pesca que multiplicaron o número de capturas,e sobre todo ao empezar a faenar novos barcos coa arte do cerco- xareta( ardora ),en 1.898,de maneira lenta ao principio e de forma masiva despois,a pesca marítima de baixura foi desprazando a agricultura e a gandería como primeira fonte de recursos de todos os moañeses,e con iso os seus habitantes comezaron a construción de vivendas nas zonas máis próximas ás praias das parroquias,percorrendo pouquiño a pouco a ruta que os ía levando cara ao mar.

Na orde social,produciuse a incorporación das mulleres a labores diferentes dos agrícolas e gandeiros,empregándose como obreiras nos talleres de salgadura ao principio,e despois nas fábricas de conservas de peixe,nas cordelerías e na reparación de redes.

Consecuencia destas transformacións foi a implantación do sistema capitalista en barcos e fábricas en poder dos fomentadores,que paulatinamente irían desprazando as institucións eclesiásticas e fidalgas na detención do poder civil e o sistema de quiñóns que predominaba anteriormente nas embarcacións de pesca polo do salario.

A construción naval necesaria para obter de xávega a partir do ano 1.756,traíñas de ardora desde 1.898,barcos de vapor cara a 1.912 e motoras arredor de 1.925,tivo tamén un grande auxe e contribuíu a achandar a senda pola que discorría o tránsito de Moaña cara ao mar.

Como resumo deste capítulo,cabe destacar que a industrialización de Moaña,igual que sucedeu con outras vilas do litoral galaico,empezou a desenvolverse desde o ano 1.756,podéndose dicir con toda propiedade que chegou do mar,de onde procedía a materia prima,e indo cara el.Foise desenvolvendo ata os nosos días,deixando de lado,por desgraza para a nosa terra,o avanzo das manufacturas que tiveron moita importancia con anterioridade,tales como o curtido de peles,a confección,as ferrerías,etc..

O aspecto negativo de dito fenómeno foi o afundimento de moitas embarcacións pesqueiras e de pasaxe moañesas,turbando desta maneira a paz e tranquilidade das súas xentes,o máis terríbel dos cales ocorreulle ao motopesqueiro "Ave del Mar" o 10 de novembro de 1.956,e cuxo cincuentenario conmemoramos este ano de 2.006.

[CAPÍTULO II] [CAPÍTULO III]