Moaña, no camiño do mar (1750-2006) por Manuel Uxío García Barreiro
2. IRRUPCIÓN NO LITORAL GALEGO DOS FOMENTADORES CATALÁNS EN 1.756. A CONSERVACIÓN DO PEIXE.
Desde tempos inmenmoriais e ata a invención na Franza durante o ano de 1.820 do cerramento hermético para caixas de folla de lata con peixe no seu interior, só existían catro procedementos para conservalo: o afumado, o escabechado, o secado e a salgadura. Este último, que era o máis frecuente, consistía en descabezar, eviscerar e limpar a especie máis común, que era a sardiña (e en moita menor escala, outros peixes azuis), ao obxecto de salgalos e almacenalos en recipientes de madeira. Esta actividade, complementaria da pesca e que se denominaba "escochado", era realizada preferentemente por familiares dos mariñeiros de todas as parroquias do Concello de Moaña nas súas mesmas vivendas, coincidindo coas épocas de abundancia de peixe, dando lugar a que as súas adegas almacenasen barrís cheos de proteínas coas que facer fronte ás duras tempadas de escaseza de peixe, mal tempo e amarre da flota, permitindo incluso a súa venda en feiras e mercados próximos. Os fomentadores cataláns chegados nunha primeira vaga a estas terras durante o ano de 1.756, con fortes axudas do goberno de entón, construíron grandes almacéns ou factorías de salgadura, nos cales as sardiñas eran procesadas en lotes, mesturando o sal coa axuda de pas e efectuando a súa inmersión en salmoira dentro de píos de cantería cuxa cabida era moi superior á dos recipientes de madeira que se usaban con anterioridade nas citadas adegas das vivendas. A única innovación tecnolóxica que trouxeron a Galiza foi a do uso dunha prensa de madeira, denominada "prensa de machos", que extraía a graxa das sardiñas colocadas unhas enriba das outras, prensándoas durante unhas doce horas e deixando que esta saíse lentamente e se deslizase por unha rede de canles cara un pozo de almacenamento. A graxa recollida vendíase para que con ela se curtisen peles e se preparasen pinturas. Para facer fronte á maior captura de sardiñas, necesarias para procesar nos seus almacéns de salgadura, os cataláns impuxeron unha novidosa arte do cerco donominada "xávega", coñecida polos nosos mariñeiros simplemente como "arte" e que será tratada con detalle noutro capítulo. A fíns do século XIX, Juan Vázquez Conde, alcumado "o Catalán", chegou a Moaña procedenta de Marín, para dedicarse á salgadura do peixe no almacén que xa existía, e do que aínda quedan en pé, nos baixos da edificación do século XVIII correspondente ao Pazo do Real, todos os píos de cantería. Estes restos,que aínda se encontraban en bo estado de conservación, representan a memoria viva da historia de Moaña nos prolegómenos da súa senda cara ó mar. Juan Vázquez fixou a súa estancia nunha vivenda que se lle concedeu dentro do propio pazo facéndose cargo máis tarde doutro almacén de salgadura ubicado na zona do Con, que tamén funcionaba con anterioridade e cuxo propietario era o dono do Pazo de Paxarín. Neste almacén, que despois pasou a ser seu, estívose salgando peixe ata que se converteu en estaleiro na década dos corenta do século XX. Tamén se dedicou á salgadura a que despois se converteu en fábrica de conservas herméticas que pertenceu á familia dos Alfageme e que aínda está en pé en dito barrio do Con, aínda que dedicada á conxelación de peixe. Ademais destes tres almacéns de salgadura, hai constancia de que existían outros en Meira e Domaio, sendo quizais o máis antigo de todos o que se encontraba no lugar desta última parroquia, onde máis tarde se ubicou o estaleiro de Benito González. Despois da guerra contra os franceses (1.808), unha segunda vaga de fomentadores cataláns chegou a Galiza, e con eles multiplicáronse as fábricas de salgadura e a pesca de baixura, ata chegar a un máximo de 250 almacéns de 17.000 toneladas obtidas no ano 1.828 en todo o país. Por medio dos métodos sinalados, estes industriais foráneos intensificaron a exportación do peixe salgado ao mercado español, sobre todo ao de Levante, pois tratábase dunha fonte de proteínas máis barata que a dos productos cárnicos. Iso orixinou o incremento de botes de pesca en Moaña e, conseguintemente, a reconversión dalgúns labradores en pescadores e de mulleres en traballadoras de factorías de salgadura. Como ronsel da citada invención en terras galas do sistema de conservación do peixe en caixas herméticas de folla de lata no ano 1.820, ao pouco tempo empezaron a procesarse os productos do mar con esta nova técnica, en pequenos talleres de Vigo e de outras grandes vilas, ata que en 1.879 o catalán Manuel Godoy consruíu na Illa de Arousa a primeira fábrica galega, con tecnoloxía francesa. Ante o éxito desta pioneira instalación conserveira, outras moitas por toda a franxa do noso litoral, chegando a ser máis de 100 as que estaban en pleno funcionamento durante o ano 1.907, dúas das cales ubicáronse en Meira e en Tirán, en época máis serodia, e non puido construírse outra de grandes dimensións na zona do Real por non chegarse a un acordo de compra de terras entre un fomentador atalán e o propietario das mesmas. Na proliferación de fábricas de conservas herméticas de peixe, tivo unha enorme importancia a ausencia de sardiñas das costas galas, desde o ano 1.880 ata o 1.887, o que orixinou a creba das que se construíran na Bretaña francesa. Por iso, os seus donos formaron sociedade cos cataláns para construílas no litoral galego, empregando man de obra feminina e materia prima propia, pero con tecnoloxía e man de obra masculina de alén-Pirineos. Exemplo típico de descrito párrafo anterior é a inauguración o 14 de xullo de 1.883 dunha fábrica de conservas en Bueu, propiedade de dúas empresas: S. Massó e fillos a primeira, e Félix R. Domingo de Bayonne, a segunda. Despois, a mesma sociedade Massó construíu outra gran fábrica en Cangas, e xa no ano 1.952 os fillos de Darío Martín Alfageme, que procedían de Marín, alugaron a Ernesto Carballo, antigo alcalde de Moaña, e posteriormente compraron a súa viúva, a citada factoría de salgadura de sardiñas e secadeiro de ovas de pescada situada no barrio do Con. Esta fábrica, que chegou a empregar a perto de cen traballadores, funcionou a pleno rendemento desde dito ano 1.952 ata 1.986, baixo a dirección dos mesmos donos, Miguel, Antonio e Darío Martín Vega; a partir dese ano volveuse a vender e na actualidade está o edificio lixeiramente modificado e con nova maquinaria para a conservación de productos mariños conxelados. No barrio de A Serval de Meira, no ano 1.942, empezaron a lenvantarse paredes de pedra, con obxecto de edificar unha nova fábrica conserveira, pero un gran temporal as derrubou, polo que se interromperon as obras ata o ano 1.957, en que de novo se continuaron os traballos de edificación, que remataron felizmente no ano 1.958. Desde ese ano ata o 2 de xaneiro de 1.981 en que se produce o peche, a fábrica de " La Guía", como así se denominaba por estas ubicada xusto por fronte do montículo de Vigo que leva ese nome, chegou a dar traballo ata un máximo de 500 mulleres. A primeira especialidade que saíu desa factoría, propiedade de Enrique Lorenzo Docampo, foi a denominada "Sardinillas del Arroaz", e a última "Calamares en su tinta". Este home, fundador e impulsor da idea de crear a fábrica, chegou a ser presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e faleceu xustamente durante o ano do seu peche. Da importancia que tivo esta gran fábrica,non só a nivel local, pois os seus productos foron aprezados en toda Europa, dá conta o cambio de nome do barrio de A Serval, que pasou a denominarse barrio da Guía, en honor desa fábrica cuxas estructuras aínda seguen en pé. O enraizamento do topónimo tradicional para os que poboaban Meira antes da construcción da fábrica recóllese nestes versos, transcritos por Geno Piñeiro no seu caderno " Conservas La Guía, unha industria que mudou o nome de todo un barrio": Viva Meira porque ten Samertolameu na illa Santa Eulalia de Patrona e na CERVAL a Peregrina. A maior parte do persoal que empregaban todas as fábricas de conserva era feminino e de baixo custe laboral; por iso obtidas por este medio eran moi competitivas tanto no mercado español como no de toda Europa e Oriente Medio. Os enlaces ferroviarios da Coruña e Vigo con Madrid nos anos 1.883 e 1.885 tamén colaboraron no auxe desta nova industria ao facilitar a exportación do peixe a ditos mercados, polo que ao necesitarse grandes cantidades para abastecelos era preciso dispór de moitos barcos de pesca, provistos de novas artes de cerco-xareta. Consecuencia deste fenómeno foi a construcción intensiva de buques en Moaña, empezando polas traíñas desde 1.898 aproximadamente comezaron a empregar esta técnica, seguindo logo con vapores e motores, ata un máximo de 111 barcos de propulsión mecánica que se encontraban en activo no ano 1.949. Estes barcos daban traballo de maneira directa a máis de dous mil cincocentos homes, e de modo indirecto, por medio das fábricas de conservas, estaleiros, reparación de redes, talleres mecánicos, cordelerías.etc., a máis doutras mil cincocentas persoas de ambos sexos de todo o concello. Por iso, esta gran industria que veu do mar, baixo o impulso dos fomentadores cataláns, supuxo que nunha primeira fase, a que vai desde 1.756 a 1.902, en Moaña aumentase o número de persoas dedicadas á pesca e á salgadura do peixe, e que a partir deste último ano, en que se permitiu a nova técnica da ardora, a proliferación das citadas fábricas conserveiras e a exportación en fresco desde a lonxa do Berbés de Vigo, os traballos relacionados coa actividade pesqueira ocupasen a unha inmensa maioría de habitantes do concello moañés, desprazando así a agricultura e a gandería como primeiras fontes de emprego. Relacionado con esta implantación en Moaña do sistema capitalista e da discriminación feminina, hai que destacar o que se observa en varias fotos antigas de conserveiras: os homes aparecen calzados e dedicados a labores técnicos de certa cualificación, en contraste coas mulleres, descalzas e ocupadas na realización de traballos de maior esforzo físico, sendo os seus salarios moi inferiores aos dos seus compañeiros masculinos. Tamén é de subliñar o feito de que a terminoloxía empregada para nomear as diferentes partes do proceso de conservación está formada por palabras francesas, traídas polos homes desa nacionalidade que se dedicaban aos traballos de soldadura de latas e ao mantemento das máquinas durante a primeira fase de construcción das conserveiras, segundo se pode comprobar visitando o Museo Massó de Bueu. O relevo das dúas grandes fábricas de Moaña (A Guía e O Con), ambas sen actividade conserveira tradicional na actualidade, tomárona as seguintes empresas: -Cafemar S.L., con 11 traballadores. -Cruz Pérez Hermanos S.A., con 31 traballadores. Fandicosta S.A., con 65 traballadores. -Pesquerías del Atlántico e Industrias, con 11 traballadores. Por desgraza, nesta industria tan importante na marcha do concello de Moaña cara ao mar perdéronse moitos centos de postos de traballo, sobre todo femininos, xa que as mulleres constituían a man de obra máis numerosa das citadas fábricas de Tirán e de Meira, desprazándose outras moitas a Vigo, en barcos de pasaxe, para traballar nas súas grandes factorías de conservas herméticas de peixe. Esta actividade tradicional foise reconvertendo desde os inicios da década dos oitenta do século XX, traendo consigo a desaparición de moitas factorías e no só de Moaña, xa que sucedeu o mesmo en Cangas e en Bueu, quedando Vigo con algunhas, onde as novas tecnoloxías desprazaron a gran masa de mulleres de Moaña, que tiveron que ir incrementando pouco a pouco as listas do desemprego feminino.
[INDICE] [CAPÍTULO I] [CAPÍTULO III] [CAPÍTULO IV] [CAPÍTULO V] [CAPÍTULO VI]
|