Moaña, no camiño do mar (1750-2006) por Manuel Uxío García Barreiro
3. O GRAN DESENVOLVEMENTO DA PESCA DE BAIXURA EN MOAÑA
De acordo co descrito en anteriores capítulos, os fomentadores cataláns, pouco despois da súa chegada a Galiza en 1.756, impuxeron en Moaña e unha grande parte do litoral galego unha nova arte de pesca para capturar o maior número de peixes posíbel, a chamada "xávega", que por esta zona os mariñeiros denominaban "arte" Esta técnica, moi empregada desde tempos remotos noutras latitudes, supuxo unha auténtica revolución en terras galegas, pois os traballadores do mar estaban afeitos a utilizar maioritariamente a arte do xeito, que consistía en despregar á deriva unha rede coa malla adecuada ao tamaño dos peixes; estes ao introducírense nela non podían saír, polo que en expresión popular quedaban enmallados. Para pescar desta maneira empregábanse botes xeiteiros, de arredor de 9 metros de eslora por 3 metros de manga e 0,9 de puntal, que podían despregar remos e velas. A pesca por este e outros sistemas tradicionais está documentada en Galiza desde o século XI, en que aparecen os gremios de mareantes, que mostran unha grande actividade no século XVI e que desaparecen coa chegada dos fomentadores cataláns. Ao resultar relativamente baratas as redes que se manexaban, estas técnicas de pesca empregaban un escaso número de habitantes das catro antigas parroquias, os cales tripulaban pequenas embarcacións. Iso confírmase no seguinte cadro, publicado en 1.987 polo citado José C. Villaverde Román, a partir dos datos do catastro do Marqués de la Ensenada, expostos no ano 1.752: Parroquia -----Mariñeiros con dorna-----Mariñeiros sen dorna---Nº de dornas Tirán----------------------------------------------17------------------------------2------- Domaio---------------16--------------------------7--------------------------------------- Moaña----------------28----------------------------------------------------------3------- Meira------------------6-------------------------------------------------------------------- Estas dornas que pescaban varias especies, especialmente sardiñas e polbos, eran tripuladas por menos de 4 persoas e nelas rexía o sistema de quiñóns para repartir o producto das capturas. No que atinxe á técnica da xávega, esta consiste en lanzar redes de grandes dimensións por medio dunha dorna ou bote, similar á xeiteira, pero con tres ou catro remos por banda, deixando un cabo en terra e describindo unha elipse que rodeaba parte da costa. O cabo deixado na praia a o outro que estaba dentro do bote, e que regresaba tamén á terra despois do lanzamento da rede, eran de grandes dimensións, e por eles tiraban homes, mulleres e nenos ata que chegaba o corpo da rede cos peixes que quedaban varados na area. Estas faenas executábanse ao anoitecer (arexo) e ao mencer (manexo). Hai aínda moi poucos anos este sistema de pesca era utilizado na praia de Barra (O Hío), e nas de Aveiro (Portugal) aínda poden verse tractores tirando das redes, substituíndo desa forma os bois, que en expresión popular "araban o mar" en grandes areais, arrastrando os peixes cara á area. Arte similar, aínda que empregada soamente en botes que faenan de forma exclusiva enriba do mar, é o "boliche", que aínda se emprega, e o bou. A pesca por estas e outras técnicas pouco invasivas denomínase de maneira común "oficios baixos". Case todos os cambios importantes dan lugar a conflictos a así sucedeu durante o ano1.756, cando os mariñeiros do Con e de Meira se enfrontaron cos fomentadores recén apousentados e que trouxeron por estes lares as novas técnicas de pesca, moito máis competitivas que as tradicionais, chegando por iso a queimar algunhas das súas naves e a destrozarlles os sequeiros de peixe que tiñan na Xunqueira. Desas loitas contra a arte da xávega, nas que tivo que intervir o Poder Público auxiliado por algúns paisanos para o restablecemento da orde, proveñen as seguintes coplas recollidas no libro de José Costa Alonso "Memorias de mi vida societaria": Del Con fueron al Real y al Latón también han ido y en estos sitios echaron piedras para hacer un castillo.
Salió la disposición de los más fuertes de Vigo, Salió Francisco Soaje,con valos inaudito. También salió Juan de Lagos,con unos hombres de brío.
Non obstante, o progreso foi impondo esta e outras técnicas pesqueiras, por medio das cales se abastecían de peixe os almacéns de salgadura, emprregándose de forma intensiva ata fins do século XIX. Neste século, a maior necesidade de peixe para exportar en fresco a través das liñas de ferrocarril recén inauguradas e a demanda de materia prima das novas conserveiras trouxeron consigo a introducción en mares moañeses da novidosa arte do cerco-xareta ,tamén chamado "pesca da ardora". Este sistema de pescar, importado da costa cantábrica, era moito máis efectivo que os que usaban anteriormente. Por iso, outra vez surxiron grandes conflictos en Moaña e noutros portos galegos, cando as traíñas recén construídas viñan cargadas de sardiñas procedentes do interior da ría ou dos arredores das illas Cíes, sendo de tal magnitude as protestas que o Ministerio de Marina ditou en xullo de 1.900 unha Real Orde nos seguintes termos: Queda suspendida la marícula de traineras o cercos de jareta en los puertos del litoral comprendidos entre el cabo Finisterre y el río Miño y en el distrito de Sada y prohibida la pesca con dichas artes en las zonas marítimas, mares territoriales o aguas jurisdiccionales del litoral relacionado (...) Que se proceda a construir una comisión especial, que se determinará (...) a fin de que, en unión de las juntas de pesca de las provincias marítimas de Galicia y departamento de Ferrol, reúna los datos necesarios para establecer una regulación orgánica definitiva de la pesca de la sardina en las costas a la que se refiere esta Real Orden(...). Outra vez, o avanzo dos tempos logrou que esta nova técnica de pesca se legalice dous anos máis tarde, e por iso en Moaña chegaron a estar matriculados un total de 111 barcos de diversos tamaños en 1.949, que deron emprego a máis de 3.500 persoas, o que representou un enorme logro para o pobo, por conseguir dar emprego directo á mairía dos seus homes, e indirecto a outras moitas persoas, homes mulleres e aínda nenos, ata ben entrados os anos 60 do século pasado. Cada barco necesitaba entre 15 e 40 tripulantes, de acordo co seu tamaño, posto que aínda non se descrubiran as novas técnicas de elevado dos aparellos a bordo por medios mecánicos, que na actualidade reducen considerablemente as tripulacións dos buques. No cadro nomeado "Moaña en 1.943", do lembrado mestre de Moaña Don Santiago Barreiro, relaciónanse os barcos pesqueiros xunto co nome dos seus armadores e as matrículas dos mesmos. Tanta importancia tivo en Moaña a pesca da ardora que moitos mariñeiros e armadores coordenados polo recordado José Costa Alonso, no ano 1.921 integráronse nunha sociedade que se implantara noutros moitos portos do litoral español,d enominada Pósito de Pescadores, cuxo fin era a defensa dos intereses pesqueiros, protección social dos mariñeiros, instrucción dos nenos e mozos por medio de ensinanzas de orientación marítima e pesqueira, etc.. A vida societeria do Pósito, que o 13 de novembro de 1.939 inaugurou o local aínda hoxe existente e que en principio se denominou "Casa del Pescador", pasou por moitas vicisitudes, segundo se relata nas "Memorias de mi vida societaria" de José Costa Alonso, constituíndo as de máis impacto social as súas disputas coa "Alianza Marinera" desde o mesmo instante da súa constitución, o intento de disolvelo por marinos de guerra de Marín nos comezos da guerra civil, a súa conversión en "Cofradía de Pescadores" no ano 1.944 e outras. A arte do cerco-xareta, denominada comunmente "ardora", componse dun gran pano de rede de forma rectangular cunha dimensión variábel desde 250 ata 1.000 metros de lonxitude e uns 40 metros de profundidade, segundo o barco para o que sexa deseñado. Dispón na parte superior do número adecuado de flotadores que a manteñan en posición vertical cando é lanzada á auga, e no inferior dos chumbos necesarios para iso, contando ademais nesta parte baixa cunha serie de argolas polas que pasa un cabo resistente denominado "xareta", que é o encargado de cerrala polo seu fondo e así deixar atrapado o cardume ou asociación de peixes nadando xuntos. Estes tipos de panos de redes construíanse con fibras naturais, preferentemente de algodón, e eran introducidas en caldeiras de auga con cascas de piñeiro e productos para facelas resistentes e ao mesmo tempo darlles a súa cor castaña característica, operación que se realizaba a miúdo en talleres de Moaña e que se denominaba "casca". Para que as redes non pudrisen despois de mollarse no mar, había que estendelas nos denominados "tendais" instalados con postes de pedra e traveseiros de madeira na praia da Xunqueira. Estes eran públicos, aínda que existían tamén algúns de propiedade privada. O traslaado das artes de pesca desde o peirán cara aos tendais, a súa colocación nos mesmos para que secasen e o seu posterior regreso, era realizado polos propios mariñeiros de cada embarcación por medio de carros movidos por gando vacún ou por eles mesmos. Arredor das cinco da tarde, os barcos da ardora saían do peirán cos seus aparellos de pesca secos e cargados a bordo, pondo rubo cara ao bando de pesca que a cada patrón lle parecía máis apropiado, chegando a eles na noite cun mínimo resplandor de luar. Por iso cada período de pesca denominábano familiarmente "escuro". Cando os barcos chegaban a ditos bancos, o patrón de pesca de cada un deles instalábase na zona de proa coa vista cravada na auga, que era axitada pola embarcación ao navegar lentamente. Isto facíase coa fin de observar o brillo, fosforescencia ou barbullo que producen os peixes preto da superficie, impresión moi semellante á do mar ardendo ou ardente en noite escura. De aí o nome de "ardora". Ao estimar o patrón de pesca que a intensidade do mar ardendo tiña a suficiente entidade para realizar unha segunda comprobación, daba orde para que o mariñeiro de garda que se encontraba ao seu lado lanzase á auga un cabo no extremo do cal ía atada unha pedra redonda ou "pandullo" e que caía na "mareta", o inicio da pequena oleaxe que produce a roda en contacto coa auga. Desta maneira os peixes que están a media auga soben e aumenta o "ardente" do mar. Se o citado patrón, despois de obter os sinais indicados, e nalgúns casos despois de lanzar algunhas pedras á agua en varias direccións, consideraba que merecía a pena efectuar un "lance", procedíase a arroxar o bote ou chalana ao mar, con dous mariñeiros no seu interior provistos dos pertinentes remos. Nesta chalana instalábase un chicote ou extremo da arte de pesca, quedando o outro extremo no barco que se vai alonxando dela formando un círculo, mentras os outros mariñeiros van largando o resto do pano da rede. Cando a operación terminaba, o chicote da chalana era izado de novo ao barco e alí os mariñeiros tiraban de cada un dos extremos da "xareta", pechando desta maneira a parte inferior da arte de pesca e deixando atrapado o cardume. A continuación, desde a chalana íase separando o pano de rede do barco e alí tirando por el na zona dos flotadores, ao obxecto de que non se enredase na hélice, mentres os mariñieros desde o costado da embarcación tiraban ou "halaban" o pano, metendo a bordo en primeiro lugar a zona do calón, ocupándose un deles, se fose preciso, de separar a nave das redes co manexo do denominado "remo da pica". Cando xa se recollera a maioría do "pano", nun espazo mínimo do mesmo chamado "enxauga" cuxa rede estaba reforzada, aparecían os peixes que eran izados a bordo do barco por medio de "trueis" que os trasegaban ata as caixas ou adegas da embarcación, onde eran almacenados para a posterior venda. Finalizado o lance, a chalana era izada de novo a bordo e outra vez se volvía a empezar o labor descrito anteriormente de obsevación da auga para iniciar outros intentos de aumentar a pesca. Antes do amencer, os barcos da ardora de Moaña puñan rumbo ao Berbés de Vigo para levar a pesca á poxa na lonxa; noutras ocacións ían descargalo directamente ás fábricas de conserva. As descargas efectuábanse en caixóns de 50 kilos, dos dos cales completaban una "cesta", que era a medida que se empregaba para coñecer o volume de pesca que se sacara do mar en cada barco por noite de escuro. Durante o ano que se afundiu o barco da ardora "Ave del Mar" todos os barcos que empregaban esta arte eran de motor e non dispuñan de aparatos electrónicos para localizar os bancos de peixes. A súa tripulación estaba formada por un patrón de costa, un motorista, un patrón de pesca, e doce ou trinta mariñeiros aproximadamente e de un a tres "rapaces de a bordo". O patrón de costa era o máximo responsábel do barco e o que o dirixía aos bancos de peixes de acordo coas directices do de pesca. O motorista dedicábase ao mantemento de toda a maquinaria e a manobrar o motor que o propulsaba. No que atinxe ao patrón de pesca, xa se espqcificou que era o encargado de localizar o cardume e dar orde de efectuar os lances que consideraba oportunos para almacenar a maior cantidade posíbel de peixe. Os mariñeiros efectuaban todas as operacións de arriado e izado das redes, recollían os peixes cos trueis, cargaban as redes nos carros para levalas aos sequeiros, tendíanas, regresaban con elas secar ao peirán enriba dos citados carros e despios metíanas a bordo. Tamén se dedicaban a cagar caixóns de peixe entre dúas persoas para traladalo ao peirán da lonxa ou ás fábricas conserveiras. Mención á parte merecen os denominados "rapaces de a bordo", nenos de catorce a dezaseis anos na década dos cincuenta do pasado século, aínda que anteriormente era de aproximadamente once, segundo relatan aínda algúns anciáns mariñeiros. Estes rapaces efectuaban unha grande cantidade de tarefas, todas elas moi importantes para o bo funcionamento dos barcos pesqueiros da ardora. Eles eran os que tiñan que acudir á Praia, unha hora antes da saída do barco, a recoller as pedras que o patrón de pesca mandaba tirar á auga para a localización dos bancos de peixe ; enchían tamén o barril con auga potábel e metían ditos obxectos na chalana. Nesta chalana efectuaban tamén o traslado do patrón de costa e do motorista, e con eles, ao final do traxecto, introducíanse a bordo da embarcación que estaba fondeada, a cal se enfilaba cara ao peirán, despois de por en marcha o seu motor. Relatan os vellos mariñeiros que algunhas veces estes dous técnicos non levaban botas de auga e, para evitar as molladuras, subíanse ás costas dos rapaces para embarcarse na chalana. Mentres se navegaba con rumbo cara ao peirán para recoller os aparellos e o resto da tripulación, os rapaces arranxaban as xaretas que estaban tendidas para secar e colocaban no seu sitio as panas das adegas. Durante os lances, eles eran os que recollían os cabos das redes para estibalos, e os que enchían os baldes, atados aos seus cabos, con auga mariña que despois lanzaban ás caixas onde se almacenaba o peixe.. Tamén tiñan o cometido de baldear toda a embarcación cando xa se efectura a descarga do peixe. Finalizada a xornada de pesca e xa co peixe vendido, cada barco dirixíase ao peirán a botar á terra as redes molladas e transportalas aos tendidos para secar, non sen antes encher as "patelas" cos quiñóns de peixe que cada tripulante levaba para o seu fogar, mentres o patrón, o motorista e os rapaces seguían a bordo con rumbo ao fondeadoiro e desde alí montaban de novo na chalana para deixala na area e irse cada un ao seu domicilio. O reparto de peixe a todos os tripulantes, o "quiñón", era unha reminiscencia do antigo sistema de reparto de lotes de peixe á tripulación que se executaba desde tempos ancestrais e que os fomentadores cataláns foron minimizando ao impoñer o sistema capitalista de empresarios e asalariados. Outro sistema de cobro tamén tradicional era o denominado "changueo", ou "changüí", que consistía en repartir o diñeiro producido pola venda de dúas ou tres cestas do peixe obtido por noite de traballo entre o armador (a metade) e o resto da tripulación. Por último, o salario de verdade obtíñano os tripulantes ao finalizar cada "escuro", sendo este variábel por estar en función do volume da pesca e do seu prezo na lonza e nas conserveiras, levando o armador aproximandamente a metade do diñeiro conseguido. A pesca de baixura foi diminuindo progresivamente a partir da década dos sesenta do século XX, ao abrirse novos mercados de traballo, primeiro en buques de altura de Vigo, despois en trasatlánticos coma o "Montserrat", o "Begoña" e outros, e seguidamente en buques mercantes holandeses, alemáns e de bandeiras de conveniencia. Tamén se dedicaron moitos moañeses á pesca de gran altura en barcos de aceiro conxeladores que realizaban longas travesías, ou a tripular plataformas petrolíferas no Mar do Norte e outras latitudes, quedando en Moaña só pequenos barcos de baixura, a maioría deles no porto de Meira. Outra actividade que se desenvolveu moito en Moaña no seu camiño cara ao mar foi o fondeado de bateas para a cría de mexillón e ostras. Tanto é así que unha grande parte dos barcos que teñen base hoxe en día no seu porto están dedicados ao servizo destes cultivos, actividade esta de moita importancia de cara ao futuro en que debe seuir extendéndose a outras especies mariñas criadas en catividade. No peirán de Meira, ubicado na illa de Samertolemeu, é onde se desprega unha certa actividade pequeira, moi por enriba da que se desenvolve nos demais do concello. Está enfocada principalmente á captura de marisco por medio das "nasas". Actualmente os "naseiros" desta parroquia, conxuntamente cos poucos pescadores que quedan nas outras, son os auténticos herdeiros dos sufridos homes do mar que conseguiron que Moaña ocupase o primeiro posto entre os portos de baixura de España. Débese sinalar tamén o auxe do deporte do remo, relacionado coas traíñas. Os mozos de hoxe en día que reman nas de Meira e Tirán son os herdeiros daqueles mariñeiros que empezaron coa técnica do cerco-xareta de maneira legal no ano 1.902 e seguiron remando e pescando de forma masiva ata que chegaron os barcos de vapor e de motor. As competicións que aqueles mariñeiros facían para seren os primeiros en chegar á lonxa de Vigo co peixe a bordo, e desa forma poder vendelo ao mellor prezao posíbel, son na actualidade remomoradas en moitas regatas que se celebran para que revalicen con outros remeiros do resto do litoral galego e do Cantábrico. Desta forma teñen a opción de conseguir grandes éxitos deportivos estes mozos que agora desempeñan profesións diferentes ás dos seus ancestros. Non se debe finalizar este capítulo sen face aínda máis fincapé na enorme importancia que tivo para doto o pobo de Moaña a pesca de baixura ata ben entrados os anos sesenta do pasado século. O seu símbolo era unha cesta de láminas de castaño denominada "patela" cunha capacidade de ata dez kilos de peixe. Cada tripulante levábaa consigo ao barco parra trasladar a súa roupa de augas e o bocadillo, coa esperanza de regresar con ela á súa casa ao día seguinte cargada cun quiñón de peixe, que era moi necesario para dar de comer á súa familia nunha época de economía de subsistencia. Tanto significaba este pequeno recipiente que por aqueles anos de auxe pesqueiro os mariñeiros eran coñecidos como "os homes da patela", e cando se pretencía que os fillos das familias con algúns recursos aspirasen a traballos menos penosos e mellor remunerados, os seus pais expresábanse dicindo: "non quero que o meu fillo vaia ao mar coa patela". Ou o que as nais dicían ás súas fillas en privado, de forma un tanto discriminatoria, pero que hai que encadrar dentro das penurias económicas deses anos: "Rapaciñas, non consintades ser noivas de ningún pateleiro, que desa maneira non pasaredes calamidades durante toda a vida".
[Indice] [CAPÍTULO II] [CAPÍTULO IV]
|