|
Moaña, no camiño do mar (1750-2006) por Manuel Uxío García Barreiro
4. A CONSTRUCCIÓN NAVAL NO CONCELLO DE MOAÑA
Para tratar da evolución de Moaña en todo o que atinxe á construcción naval outra vez hai que recorrer ao catastro publicado en 1.752. Nel encóntranse censados un total de dezaseis carpinteiros, oito en Moaña, cinco en meira, dous en Domaio e un só en Tirán. O curioso é que na lista non aparece mención algunha sobre a existencia de carpinteiros de ribeira, polo que cabe supor que algún dos dezaseis complementaba os seus traballos na construcción de vivendas, cadras, móbeis, et., coa montaxe das dornas que si están rexistradas no citado catastro. Outro feito a destacar é que eran as parroquias máis próximas ao mar, Domaio e Tirán, as que menos carpinteiros tiñan, o que concorda pouco co que sinalan os mariñeiros máis anciáns, que se refiren á construcción de pequenos botes, dornas e gamelas desde tempos inmemoriais en quinteiros dalgunhas casas de Vilela e Domaio. Para efectuar estes traballos de carpintería empregábanse preferentemente vigas, pontóns e táboas dos carballos e piñeiros destes montes, serrados por cortadores de taboleiros, dos que só aparecen censados dous, ambos na parroquia de Moaña, polo que, se os datos do catastro son verdadeiros, era necesario que se desprazasen cortadores doutros lugares para esta misión. Os datos escritos sobre o impacto que tivo na construcción naval moañesa o aumento da pesca a partir do ano 1.756 pola implantación da técnica denominada "Xávega", importada polos fomentadores cataláns, son moi escasos, o que leva a sospeitar que non foi moi grande o crecemento da construcción de botes ou dornas que se empregaron para faenar con esta arte e coas técnicas tradicionais, ata fins do século XIX. Os estaleiros de Verdeal e Ferradás en Domaio e outros en Meira xa estaban activos nas últimas décadas de dito século, construíndo dornas e gamelas para a pesca de baixura que empregaban como artes o xeito, a xávega, o bou, o boliche, etc., suponse que o máis antigo que se levantou foi o de Benito González aproveitando unha antiga fábrica de salgadura que xa existía no século XVII cando os turcos asaltaron Cangas e Domaio, segundo sinala Luis Chapela nun artigo publicado en Diario de Pontevedra o 22 de abril de 2005. O verdadeiro auxe da construcción naval deu comezo en todo o concello de Moaña cando foi autorizada de maneira definitiva a pesca de ardora no ano 1.902. Para usar esta nova técnica era necesario dispór de embarcacións abondo máis grandes que as que se empregaban anteriormente, e con este fin, tomando como modelos as que xa faenaban no Cantábrico, os carpinteiros de ribeira moañeses empezaron a construír as famosas traíñas. Moi a finais do século XIX
|