O templo eclesial de Santa Baia de Meira é un edificio con perspectiva lonxitudinal, prevalece por tanto o sentido horizontal sobre o vertical. Os dous rectángulos pétreos (pila bautismal e escaleira de caracol) que se atopan na entrada, non difuminan nin obstaculizan o predominio lonxitudinal, diríamos que a vista non tropeza en nada que dificulte unha visión totalizadora do templo, de xeito que sempre vemos a mesma imaxe, tanto se miramos desde a entrada como desde o presbiterio.
Carece de ritmo espacial porque só hai muro continuo ; ó non haber espacios subsidiarios (pilastras, confesionarios, capelas laterais...), acentúase o lonxitudinal e a horizontalidade pola cornixa que percorre, a bastante altura, o corpo da igrexa, todo esto favorece, ademáis, o reposo e a quietude do conxunto.
Os elementos arquitectónicos básicos son: bóveda de cañón, cúpula sobre pechinas e bóveda de crucería ; van nesta orde e responde o principio de adición de espacios, pero cunha particularidade, o efecto de sensacións ópticas, non se descubre a cúpula ata que o observador se encontra debaixo dela. Esta sensación débese á súa pouca altura -menor que a do corpo da igrexa- e á súa escasa amplitude. Deste xeito, a cúpula, a pesares da posición central que ocupa, non logra dar un impulso vertical ó templo, nin chega a ser un centro secundario que poida dividir a unidade espacial e a visibilidade.
O presbiterio está achicado polo arco, as dúas gradas e a bóveda de crucería apuntada que é dunha altura inferior á nave da igrexa ; non obstante, a bóveda concentra o movemento dos seus nervios no punto central, que coincide co altar maior unificando o movemento vertical e horizontal neste punto.
O edificio concíbese como un espacio puro que cumpre a súa función de dar cabida a un gran número de crentes dentro dunha atmósfera clara e luminosa proporcionada pola elevada nave e a grande cantidade de ventás de derrame interno.
A coherencia e racionalidade do edificio anuda en simbiose a estructura arquitectónica e a súa elevada función social e relixiosa.