Fachada principal
Interior

A primitiva fábrica era dunha nave con ábside rectangular, as reformas que sofriu ó longo do tempo alongan a igrexa e engaden o cruceiro e a cúpula.
Consta dunha portada de medio punto percorrida por dúas molduras en pequeno relevo; está flanqueada por dúas columnas de basas áticas apoiadas sobre altos plintos.
Enriba das columnas, pero sen apoiar nelas, hai un frontón partido de pouco relevo e unha pequena fornela coa imaxe de santa Baia. A fachada remata cun óculo, que da claridade á tribuna, e unha espadana de dous ocos.
A portada é de 1710, e a espadana rematada en cruz e veleta é de 1828.
Ten só unha nave que estivo a dúas augas e con cuberta de madeira ata 1710, en que se fixo a bóveda de medio punto con tres arcadas que se impostan no seu arranque á parede e transmiten o empuxe da bóveda ós seus respectivos contrafortes do exterior.
Ten unha bonita tribuna de madeira sostida por dúas mochetas, con seteiras rectangulares ós lados.
O cruceiro ten unha cúpula sobre pechinas e remata nun cimborrio circular con lanterna. Os brazos do cruceiro cúbrense con bóveda de medio punto na esquerda e de crucería na dereita ; os nervios cruceiros impóstanse nas esquinas por medio de mochetas rematadas en cabezas humanas individualizadas pero con moi pouco relevo. A capela maior cúbrese con bóveda de crucería apuntada, rematando os seus nervios en cabezas humanas de parecida execución cas da capela lateral dereita.
A capela da dereita fíxose en 1697 ; a cúpula e capela maior en 1698, ambas feitas a costa do seu abade rector, D. Pascual Pardo.
Retablos: o da capela maior é obra de Gregorio Pardo en 1738, o da capela da dereita foi executado en 1699