|
|||
| O DESENCRAVO DO VENRES SANTO NA PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA, por Manuel Uxío García Barreiro | |||
Os primeiros datos que se teñen, a carón da cerimonia do desencravo, que aínda se representa en algunhas igrexas galegas, na data do venres santo, remóntanse ao século XIV, pois desa época son os cristos articulados de Fisterra, Hospital do Incio, catedral de Ourense e mosteiro de Santo Domingo de Tui, agora exposto no museo diocesano. Na igrexa románica de San Martiño de Moaña é moi probable que tamén houbera un cristo articulado desa época, pois o actual é do ano 1.926. Malia que non se coñecen ata o de agora documentos que o poidan demostrar, sábese que na data do 10 de outubro de 1.672, foron feitas as constitucións da confraría de Nosa Señora da Soidade, onde se reflicta que con anterioridade xa había un, segundo se salienta no seguinte fragmento: ... Regiendo la yglesia apostólica Romana la santidad del papa clemente dézimo y siendo Rey de las españas Don Carlos segundo y arzobispo de este arzobispado el excelentísimo Don Andrés girón y teniendo atención Doña catalina basquez de pígara vezina de dicha feligresía que no avía imagen de nuestra señora de la soledad, que se hizo Acosta de los cofrades siendo mayordoma y sea echo y colocado en el altar coletoral de donde oy sealla y con un santo cristo en el santo sepulcro bestida y adornada con la decencia que se requiere …
Da lectura deste encabezamento, dedúcese que na época en que a igrexa era totalmente románica, existía un altar colateral que tiña un cristo dentro do sepulcro, e tamén, que un pouco antes de facerse as devanditas constitucións da confraría da Soidade, mercouse a imaxe da virxe de vestir, que logo de situarse nese altar, foi trasladada ao retablo barroco da nova capela, engadida a igrexa no século XVIII onde, de acordo con investigacións recentes foi substituída en 1.926 pola actual Virxe das Dores, comprobándose como tivo que reformarse o camarín para acollela. Este anaco do texto constitucional, amosa que a cerimonia do desencravo de Moaña ten unha orixe anterior ao século XVII, remontándose quizais a mesma época dos cristos articulados galegos do século XIV, salientándose nel o desenvolvemento dunha tradición moito mais antiga, ademais de recoller como confrades as persoas que nese ano se consideraban principais, que son as seguintes, tomadas do texto literalmente: Primeramente addmitimos en esta santa Cofradía a nuestro muy Santo padre y a los que les subcedieran en la sed apostólica Romana y a nuestro Rey y Señor Don carlos segundo, que nuestra señora sea intercesora con su preciosísimo hijo. Le dexe Reinar en la corona de hespaña para que Seacoze contra los ynfieles y lo mesmo addimitimos a todos Sus subcesores en dcha. Corona y al excmo señor Don andrés girón arzobispo y señor de la ciudad de santiago y su arzobispado y alos demás señores arzobispos que le subcedieren y a su bicario gral. , Bisitadores en su arzobispado y a todos los abbades y Curas que fueren en esta yglecia como desde luego ad dimitimos también al licenciado Don Juan Suarez de Saavedra y figª abbad de la dha. iglecia de moaña. O capitulo mais detallado das ordenanzas, é o que se relaciona coa procesión do Santo Enterro, que se facía a noitiña de cada Venres Santo, logo da representación do desencravo; é salientable o feito, que na actualidade, exceptuando o meirande número de cregos de Moaña e das freguesías veciñas que formaban parte do cortexo procesional, e de case tódolos moañeses e xentes da contorna que enchían a igrexa e os adros nos derradeiros séculos, aínda se faga do mesmo xeito; de seguido reprodúcese literalmente este capítulo: Otrosi hordenamos que el biernes Santo de cada un año se aga la procesión de nuestra ssª de la Soledad, Al anochecer y sino, será a la hora a disposeción del cura y es condición que el mayordomo ha de ser obligado a traer un predicador que predique el Biernes Santo por la mañana el sermón de la pación de nuestro Señor Jesucristo y a la tarde el sermón del mandato y dezendimiento de la cruz y le pagará el mayordomo a costa de dicha cofradía lo que concertare con dicho predicador y en la proceción que el mayordomo sea obligado a tener prebenidos quatro sacerdotes para que lleben en el sepulcro a nuestro señor por la parte que sea costumbre hazer la proceción y lo mesmo estén prevenidos Para hazer el dezendimiento de la cruz el viernes a la tarde y después entran en la proceción y los traerá el mayordomo por lo que pudiere consertar, y si el cura los hubiere de devoción que el mayordomo no esté obligado a ello, que es condición que todos los cofrades an de llebar sus belas encendidas en la procesión Y acompañando a nuestra señora de la Soledad, que la an de llebar quatro cofrades de los mas de su posesión. Y a arbitrio del mayordomo que fuere y delante de la procesión yrá por gión el pendón de la cofradía de nuestra Señora y después la crus en que estubo enclavado nuestro Señor que lo llebará un sacerdote con su alba y estola, para mayor Respeto y Veneración y los sacerdotes que acompañasen el santo sepulcro irán cantando el salmo de misereremei.
A finais do século XVII hai constancia, a carón do que se reflicta nos libros da confraría, de que se contrataba a unha persoa, para que tocara o tambor nestas procesións do Venres Santo, por dous reais; logo que lle pagaban a unha moza tres reais por coller millo polas casas e seis ao mozo que recollía viño para os seus gastos; tamén conta que no ano1876, coa procesión da imaxe de Nosa Señora da Soidade, ían músicos, seguramente da primeira banda moañesa, a dos “Bichucos”, contratados por vinte reais que pasaron a oitenta en 1.884, xa que tocaban varios días da Semana Santa, e incluso saliéntase que se botaron foguetes nese ano por un custe de sesenta reais. Esta confraría de seguro que mandou construír a primeiros do século XVIII, o pequeno cruceiro de pedra que antes estaba pegado a unha casa, a beira do mais moderno e monumental, chamado “Cruceiro das Angurias” do XIX; de feito algunhas procesións aínda dan volta arredor del. Este Cristo da Soidade trasladouse a primeiros do pasado século ao cruce de camiños que está nos lindes do Adro Baixo e na súa cruz ten a epigrafía seguinte: JS LA SOLEDAD DE M. Significa: Jesus Sanctus, la Soledad de María. Malia que as oito confrarías relixiosas moañesas, estivéronse a desfacer a primeiros do século XX, a representación do desencravo tivo continuidade, recuperando durante o franquismo o dramatismo que lle impoñían os freires, que predicaban mentres dous cregos que facían de Xosé de Arimatea e Nicodemus, baixaban o corpo da cruz, posta no medio da capela maior barroca da igrexa de San Martiño; logo refundiuse a da Soidade na que agora se chama “Confraría da Semana Santa”, encargada de que esta bela tradición, teña continuidade no tempo; malia que a mesma xerarquía eclesiástica, non fixera case nada pola súa conservación, pois o afán modernizador e competitivo que lle entrou a algúns dos seus representantes en1.964, no intre de dividir a freguesía de Moaña en dúas parroquias, deu lugar a que unha parte importante da poboación moañesa non apreciase os seus valores relixiosos, históricos e artísticos. Aínda que por sorte, o dramatismo do desencravo perdeuse, a contemplación dunha cruz de mais de tres metros de altura, con un fermoso cristo articulado, plantados no medio do presbiterio entre dúas escaleiras resulta impresionante; resaltando detrás do conxunto, o restaurado retablo maior da Igrexa. A dereita poñen a devandita imaxe da Virxe das Dores e a esquerda, a monumental urna de madeira e cristal. As devanditas imaxes do cristo, virxe das Dores e urna foron encargadas en 1.926 por unha veciña moi rica de Ameixoada, chamada Josefa Freire ao mellor imaxineiro galego do século XX, o santiagués Xosé Rivas Rodríguez, autor tamén das tallas de San Martiño e Virxe do Carme mariñeira. A riqueza artística das imaxes da Semana Santa moañesa completase cunha obra excepcional, a da Virxe Dolorosa feita polo catalán Agustín Querol i Subirats, un dos mellores escultores españois do século XIX, con monumentos de bronce en toda España e parte de América, entre os que cumpre destacar a estatua de Méndez Núñez de Vigo; tamén hai constancia de que tallou algunha imaxe de madeira como outra Dolorosa que se conserva na capela da Misericordia de Tui. Este espectáculo relixioso – histórico – artístico, só se pode contemplar unha vez no ano, polo que merece a pena acudir a igrexa de San Martiño e aos seus adros, recentemente lousados, para participar nel, incluíndo a procesión polo casco antigo da anterga freguesía de Moaña. Manuel Uxío García Barreiro. O Cruceiro - Moaña |
|||
Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia. |
|||