Historia

Na parroquia matriz de San Martiño, na Pedra da Pena, atopouse un machado da época acheliense (75.000 a.C.), que constitúe o primeiro feito constatado dos poboadores da localidade.
 
En Meira, San Martiño e Tirán aparecen, xa no Neolítico, mostras de machados, anacos de sílex espallados por varios lugares. Pero serán sobre todo os xacementos de Regueiriño e Fontenla (parroquia de Domaio) os que xa nos amosen as pegadas dunha cultura que utiliza técnicas de agricultura e cerámica, ó abeiro dun clima máis morno.
 
Desta época é a maior parte do patrimonio arqueolóxico do concello, destacando ademáis dos lugares citados, o monumento máis importante de todos os que se conservan, a mámoa e dolmen de Chan da Arquiña (parroquia de Domaio).

A entrada da época do Bronce significa, ademais dos moitos cuncheiros indispensables para o estudio da época, as escenas que nos falan dun sentido máis gráfico do home como creador e crente, o que esculpe na pedra os petroglifos que podemos atopar en Domaio, Meira e Tirán.

Saltando no tempo, a cultura romana aproveita a vella estructura arquitectónica e habitacional ovalada dos vellos castros e aporta un deseño máis cadrado, ademais de cerámicas, ánforas e outros elementos que nos deixan á entrada do s.III. Este grao de integración cultural fixo posible a mistura das divinidades romanas coas dos nativos dando orixe a unha mitoloxía en forma de folclore que aínda hoxe se recolle nas proximidades das citanias.

Posteriormente, os suevos aportan un novo tipo de asentamentos nos que se pode recoñecer a orixe de moitas das nosas parroquias e vilas, que tanta importancia van a ter na historia de Galicia.

Sobre algún daqueles castros edificáronse os castelos do medioevo, e alí onde se erguera a Torre de Meira, quedan só vestixios da pedra que no dicir do cronista, os Irmandiños "democharon e desportillaron".

Con moitos engadidos e modificacións, desta época pervive sobre todo o Pazo do Rosal (parroquia de Moaña), herdeiro de nobreza e fidalguías e que se foron pasando de man en man dende o s. XV, os Romai,Saavedra, Deza, Falcón, Valladares, Silva, Lanzós e Soutomaior.

Evolución da poboación:

Parroquia/Ano 1607 1824
Domaio 38 690
Moaña 120 2.093
Tirán 30 280

Moaña foi testemuña e aínda protagonista de dous acontecementos históricos de singular importancia. Durante o combate naval de Rande, en outubro de 1702, os ingleses saquearon Domaio, Meira e Tirán; Cen anos despois, en 1809, as parroquias moañesas participaron activamente na loita contra os franceses na denominada Guerra da Independencia.

A actual configuración territorial e administrativa do Concello de Moaña arranca en 1813, cando a Deputación Única de Galicia delimita como termos municipais aquelas parroquias que contaban con máis de mil almas. Máis tarde, aproveitando o descontrol institucional, prodúcense diversos movementos arredistas que constitúen concellos ilegais representativos das parroquias de Meira e Domaio, probablemente tamén Moaña, que querían segregarse da xurisdicción de Cangas. Houbo revoltas e en marzo de 1813 foron detidos os elementos máis representativos das parroquias de Moaña e Domaio.

O 30 de novembro de 1836 publícase a nova planta de concellos en Pontevedra, e Meira é a primeira capital do novo concello. Tras varios movementos de protesta de Domaio e Moaña, o 6 de abril de 1874 confírmase oficialmente o traslado da Casa do Concello para a parroquia de S. Martiño (Moaña), quedando configurados os límites territoriais que aínda rexen na actualidade.
 
Coa entrada do s. XX, Moaña vai asentándose cada vez máis na beiramar, de onde procede a súa economía fundamental, a pesca e os seus derivados, salgaduras, cordoerías e outros servicios complementarios.

Practícanse tódalas artes de baixura, os chamados oficios baixos, pero sobre todo "a arte" dende as traíñas, embarcacións que simbolizan toda unha época na economía e o desenvolvemento local.
 

A entrada da II República en 1931, consolida unhas fortes organizacións políticas e sindicais que dan lugar á época de máis dinamismo social de toda a historia, por aquí pasaron Emiliano Iglesias, Vicenti ou Castelao ata que chegou o alzamento de 1936.

A posguerra rexistras uns primeiros anos de moitas carencias alimenticias e de subministracións en xeral, a trnsformación da flota pesqueira que pasa a ser principalmente da ardora, unha emigración masiva a América e Centroeuropa, un grande fluxo laboral hacia Vigo e tamén os comezos de asentamentos -en Meira sobre todo- das empresas industriais que se desenvolverían dende os anos 50 en adiante.