|
||
![]() |
||
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA, POR CARLOS VÁZQUEZ MARINELLI |
||
Igrexa románica dunha nave. Cruceiro e ábside do século XVIII. Pranta de cruz latina FACHADA PRINCIPAL (OESTE) |
||
Ten un aleiro sostido por dúas columnas sobre altos plintos, con basas áticas, fustes lisos e monolíticos, con capitel de cesta entrelazado (esquerda) e de follas (dereita). O aleiro componse de acubillos de media cana entre dous boceis. Os acudillos teñen dous boceis. Os acubillos teñen no seu interior seis canzorros, e son de esquerda a dereita. Modillón en rolo, modillón con dúas voltas, modillón cunha voluta, cabeza de bóvido, acróbata, dúas figuras que parecen un home abrazado a un lión (¿Hércules?) O conxunto do aleiro e as dúas columnas enmarcan a portada románica da igrexa que é de arco de medio punto apuntado. Consta a portada dunHa chambrana de Taco (axadrezado de cadrados de superficie plana) e dúas arquivoltas que descansan en dous pares de columnas con capiteis e basas entregas apoiadas en plintos decorados. As basas das columnas son áticas con garra e flores de seis pétalos inscritas en círculos. Os fustes interiores da portada teñen torneado salomónico, os exteriores son monolíticos e lisos. Os capiteis son de follas e bólas; o da dereita ten forma de vasilla con entrelazados e leóns afrontados na esquerda. Os ábacos impóstanse na parede, están decorados con círculos e un entrelazado de tipo cesta
|
||
TÍMPANO |
||
Está decorado polas dúas caras e sofito (base do tímpano, habitualmente sen debuxos nin inscricións) Na cara exterior hai 5 figuras enmarcadas por arcos de medio punto e dispostas en orde xerárquica (distinta altura). A figura central é S. Martiño vestido con túnica e tiara, cun báculo na man esquerda e sobre o peito a man dereita. À esquerda poñen a S. Bricio cun incensario na man dereita e un crucifixo na esquerda. À dereita colocan a S. Emiliano, que ten un libro aberto nas mans. Nos arcos máis pequenos hai un escriba cun cálamo (pluma) na dereita; e un home cos brazos dobrados na esquerda (posible mecenas). Na cara interior do tímpano hai unha cruz grega de lazos e no sofito un cordón vexetal con palmas nos seos. O tímpano ten a seguinte inscrición: (Sancti Emiliani : Sancti Martinus episcopus : Sancti Bricii Episcopi : Aras Fecit.) Pode ser ARIAS en vez de ARAS (1)
|
||
FACHADA SUR |
||
Consta esta fachada de dúas fiestras seteiras moi esteritas e de derrame interno, sendo por tanto máis anchas no interior da igrexa que no exterior. O aleiro está percorrido por unha cornisa con decoración de semiesferas e acubillos que teñen no interior estes canzorros (de esquerda a dereita): 1. Home anicado coa cabeza mirando ó chan. 2. Acróbata espido. 3. Músico sentado coas pernas cruzadas, cun instrumento no ombro e un arco na man en actitude de execución. 4. Dúas cabezas. 5. Acróbata espido 6. Felino comendo ou coas mans na boca. 7. Moi deteriorado, difícil precisar qué figura había 8. Figura humana sen vida, parece estar sostida por outra que ésta en segundo plano. 9. Cabeza de animal. 10. Figura humana en actitude de chupar. 11. Cabeza humana mirando o chan. 12. Modillón. 13. Modillón con poma encima. 14. Cabeza de bóvido. 15. Figura sentada. Parece beber duna pipa. 16. Animal comendo un ¿home? 17. Cabeza de animal ensinando os dentes. 18. Dúas figuriñas situadas en primeiro plano, parecen sostidas por detrás por un félido ou unha aguia. 19. Home sentado en crequenas.
Nesta fachada tópase unha porta cun tímpano irregular apoiado en dúas pedras que rematan en curvas de nacela. O tímpano ten unha cruz grega inscrita en dúas circunferencias, por debaixo ten unha decoración a base de triángulos pequenos. À súa esquerda hai unha inscriciòn moi deteriorada: ----I I I : E: XXV HEIVDIA : VII --------I (L) : ODIIS : F - - I ¿Fecit? |
||
FACHADA NORTE |
||
Ten tres fiestras seteiras de derrame interno, e unha cornisa de canzorros con cobertura en caveto que percorre todo o aleiro (decorado con semiesferas) da fachada. Os canzorros de esquerda a dereita son: -Cabeza humana. -Cabeza humana con barba. -Modillón en voluta. -Modillón en rolo. -Bóvido. -Modillón de planos en proa (coma a proa dun barco). -Modillón con poma. -Félido coas mans na faciana. -Entrelazado de cordón groso. -Modillón en voluta, igual có nº 3. -Modillón en rolo, igual có nº 4. -Dúas figuras sentadas e xuntas. -Modillón en voluta igual có 3 e 10. -Félido comendo. -Modillón en voluta igual có 3, 10, 13. -Dúas figuras, no medio delas hai un ¿báculo? -Modillón con dous lóbulos. -Modillón en planos de proa, igual có 6. -Modillón de proa, igual có 6 e 18. -Modillón en rolo, igual có nº 4. Na porta de esta fachada hai un dintel pentagonal sostido por pedras rematadas en curvas de nacela decoradas con dous conzorros; un dos canzorros é de follas con poma o outro atópase roto O tímpano ten no centro unha besta (¿león?) de catro patas rematadas en garras, rodeada en espiral por dous círculos que atenazan as súas patas, a besta está mordendo a punta do cordón tratando de liberarse. Ós lados hai dous pequenos círculos e inscrito neles unha ave de pico ¿pomba?, ¿aguia?
|
||
PLANTA INTERIOR |
||
A planta da igrexa é de cruz latina con brazos moi curtos. Toda a nave está cunha cuberta de cemento que substitúe a armadura a dúas augas de madeira; esta desafortunada actuación faise na década do 1960. Hai tres fiestras seteiras de derrame interno en cada parede e por debaixo das fiestras e ó longo da nave esténdese un aleiro decorado con bolas As portas laterais (unha por parede) son de arco de medio punto e presentan a particularidade de ter un cipo circular e perforado que se empotra no couzón da porta e ten esculpido un brazo coa man aberta e abrazando o cipo (é un mecanismo de cerre da porta coa axuda duna barra).
Os brazos curtos do cruceiro e presbiterio cóbrense con bóveda de canón con casetóns, tendo menor altura cá nave; as ventás de tipo seteiras son rectangulares e de derrame interno Cruceiro e presbiterio foron feitos despois de 1763 polo mestre Esteban de Sobreira de Hío, que tamén fai este mesmo deseño arquitectónico en San Andrés de Hío e en Sta. María de Darbo; por iso son prácticamente iguais no interior e coa mesma decoración exterior de pináculos redondos nas tres igrexas. O testeiro do Presbiterio está cuberto cun retablo barroco no que sobresae en lugar central a figura do Apóstolo Santiago a cabalo na versión de Santiago Matamoros |
||
COMENTARIO |
||
|
|
A igrexa responde ó principio de adición de espacios, a primitiva igrexa rematada no transepto de hoxe, e dicir que quitada a ábsida románica previsiblemente semicircular, alongouse uns 7 metros a igrexa pero sen cambiar o principio de adición porque non fixeron cortes espaciais. A nave e presbiterio están aliñados nun mesmo eixe lonxitudinal e fúndense ambos espacios; así o transepto pasa desapercibido xa que a visualización óptica o percibe como unha continuidade da nave. A imaxe do templo é unha soa e frontal, todos os puntos son presentidos como semellantes, o espectador ve o mesmo dende sitios distintos da nave ou do presbiterio. As paredes da nave teñen escasos e disimulados vanos (portas laterais de escasa altura) que fan que a mirada non se detenía e se proxecte sempre ó fondo, que é un punto de atracción que absorbe. É onde mana a luz (altar), polo que o espacio se configura como un centro simbólico de emanación da gracia celestial a través da luz de velas que dimana do altar O templo conserva a pouca luz do seu pasado románico, onde os fieis seguen sen esforzo os oficios relixiosos, dado que hai que xirar a cabeza para que se lle escape do campo visual a totalidade do altar. A igrexa vén ser como un corredor que nos obriga a mirar ó infinito e que do seu fondo sae unha luz, sendo a gracia que ilumina e dá pureza ó crente, que pola súa condición de pecador está nun lugar escuro, pero que o altar o eleva e prepara para cegar a ser iluminado (gracia que santifica). Créase así unha atmosfera espiritual onde non se poden dar sensacións diverxentes nin outras que faciliten a reflexión individual, o templo proxecta sobre o crente a súa estructura interna e fortalece o espírito comunitario onde se afirma a identidade do grupo relixioso dos cristiáns que teñen o mesmo obxectivo e perseguen o mesmo fin escatolóxico, que é conseguir a salvación eterna. Os brazos do cruceiro quedan ocultos e quedan configurados como dous centros secundarios que non están subordinados á nave, mantéñense cunha independencia total e, a pesar das curtas dimensións, é como ir a outro lugar. |
|
HISTORIA E CRONOLIXÍA CONSTRUCTIVA |
||
1237. Unha doazón de terras ó mosteiro de S. Salvador de Lérez sitúas "In ecclesia Sci Martini3 de Moania". 1318. No testamento de Sancha Yánez de Cortegada4, veciña de Coiro, di: "Item a sam martín de moana L libras para lume" 1466. Alonso González de Moaña5 funda unha capela dedicada a S. Bernardino, coa obriga de dicirlle 12 misas en recordo dos doce apóstolos e darlles de comer a doce pobres. Deixa un celamín de pan para o lume e fábrica da igrexa, engadindo 20 marabedís para a igrexa. 1491. D. Alfonso de Fonseca6, arcebispo de Santiago outorga a don Alfonso de Fonseca o beneficio da tercia parte sen cura de S. Martiño de Moaña. 1512. Carta de pago de misas desde 1512 a 1516 a Frei Renaldo7 capelán da igrexa de S. Martiño. (Constátase que seguen os freires do mosteiro de S. Salvador de Lérez facendo os oficios relixiosos). 1526. Carta de pago a Antonio Álvarez, que xa aparece como crego e capelán de S. Martiño e non como freire. Nestes anos a igrexa cambia da xurisdicción do mosteiro de Lérez e pasa a depender do Colexio de Fonseca (despois Universidade), pero correspóndelle o dereito a presentar cura a un padroado de legos, que son os descendentes da familia Aldao de Pontevedra. 1562. A renda da capela de S. Bernardino viuse acrecentada e case a totalidade das rendas foráis de S. Martiño veñen desta fundación que tiña 10 lugares repartidos polas freguesías e daban unha renda anual de 286 celamíns de pan mediado, 40 ferrados de pan mediado, 21 celamíns de trigo, 2 ferrados de trigo (vese que a capacidade de ferrado e celamín era distinta antes de 1600; aínda que no Morrazo soen ter igual capacidade xa dende o século XVII). Ademais tiña 11 marras, 4 racións de viño e 5 azumes de viño pola vella medida do Morrazo. 1607. O cardeal Jerónimo del Hoyo8 nunha visita á igrexa di: A freguesía ten 120 fregreses. Os froitos de S. Martiño divídense en tres partes. 1/3 para o rector (decimo e igrexario), valerá 40 cargas de pan. 1/3 o colexio Fonseca, 40 cargas de pan. 1/3 para o Cardeal de Santiago, 40 cargas de pan A fábrica ten de renda 64 celamíns de pan mediado (millo e centeo) e 4 azumes de viño, 6 reais en diñeiro e 20 eguas 1613. É patrón da capela de S. Bernardino o capitán Lope Núñez de Aldao, que se compromete a pagar as misas da fundación que non foran satisfeitas ata ese ano. O pago deu lugar a un longo preito. 1700. Ponse unha nova porta de madeira na entrada principal. 1760. Roubo na igrexa, os ladróns levan as alfaias e a cruz de prata procesional. Mercan outra coas contribucións da fábrica e cofrarías do Rosario, Soidade, S. Antonio e S. Martiño Rematan as obras na torre-campanario, na súa cara sur reza a seguinte inscrición: ( M D C C L X ) (1760) 1763. LORENZO DE PAREDES, veciño de Moaña, que finou en Sta. Fe de Bogotá (reino do Perú), deixou para a Nosa Sra. do Rosario 3000 pesos (cantidade moi grande neste momento) para o que precisara a igrexa. Con estes cartos: -Quitan a ábsida románica e alongan a igrexa construíndo os brazos do Cruceiro e presbiterio; é dicir a capela maior e as dúas laterais que se cobren con bóveda de canón con casetóns -Constrúe unha nova sancristía con bóveda. -Retablo maior e os dous colaterais (o retablo maior penso que se amaña, aproveitando o anterior, que é de 1750). -Enlousan e fan altares de pedra nas tres capelas. -Mudan o cemiterio que se atopaba na parte do vendaval (sur). Estas obras son feitas polo mestre-arquitecto Esteban de Sobreira9, que vive en Hío (Cangas), por 13.500 reais. Colocan a Virxen do Rosario no lado da Epístola e pintan o seu retablo. Mercan alfaias como: Coroa de prata con pedrería, rostrillo de prata con pedreríaa para a virxen, estandarte de damasco de cor branca, un manto de seda azul celeste, andas.... 1774. Faise o púlpito. 1779. Mudan o púlpito e poñen no seu lugar dous confesionarios 1791. Na visita parroquial dese ano detallan que hai un rector, Domingo Antonio Martínez i Prado, e seis curas (3 son curas patrimoniais que poden celebrar misa e confesar e 3 con tonsurados que non celebran misa). Hai fundadas tres capelas con capelán: Santa Lucía con 3 misas de pensión, sendo o seu patrón Juan Antonio Gestido. Benditas Ánimas con 2 misas de pensión. Soledad con 2 misas anuais, sendo patrón Josef Benito Tavares. Ermida de S. Gregorio dentro do Pazo do Rosal, con 2 misas semanais sendo patrón Josef Martín Iglesia; foi fundada por Dª. Constanza López Saavedra en 1631 cunha misa semanal. 1806. Faise unha nova pía bautismal. A vella é de 1593. 1826. Poñen dúas campás novas e o seu custo foi de 4.421 reais. 1833. Estase facendo un cemiterio; a fábrica axuda con 400 reais. 1853. Fan as escaleiras do adro (son as actuais) e baldosan o espacio da porta principal. 1965. O estado da cuberta é lamentable, o teito estaba apuntalado con vigas de eucalipto Por carencias económicas poñen unha lamentable cuberta de cemento. |
||
CONFRARÍA DA NOSA SRA. DO ROSARIO |
||
Sen dúbida a vida relixiosa vese plasmada nas parroquias pola pertenza ás confrarías, que mediante o pago duna cantidade anual por veciño e medio veciño (viúvas e solteiros), preparaba fundamentalmente os oficios relixiosos nos días sucesivos á morte do confrade. Fornecía a familia do falecido de misas cantadas ou rezadas, así mesmo disponía a procesión mortuoria e número de cregos asistentes. O confrade tiña dereito tamén a ter velóns na súa casa e na igrexa o día anterior e o mesmo día do enterro No século XX a confraría dedícase a organizar os cultos relixiosos e a festa con fogos artificiais, cohetería e romaría a cargo de gaiteiros ou orquestras, nos días de advocación da súa virxe ou santo da confraría. Era obrigado ter Ordenanzas e Constitucións da confraría e que estivesen aprobadas por Arcebispo de Santiago. No caso da Confraría da Virxe do Rosario de Moaña, as ordenanzas fanse en 1661, aínda que temos documentación dende 1641, pero descoñecemos a data da súa orixe, que sen dúbida é anterior |
||
Carta de pago de 1526 por misas en San Martiño |
||
Nesta Carta Antonio Álbarez Clerigo, capelán de San Martiño de Moaña, dixo "doce misas por mandato de Duarte Rodríguez, escudeiro las cuales misas le mando dar pola anima de Alonso González, e por que é verdade que as dixe no de 1526, as firma co seu nome". |
||
Ordenanzas da Confraría |
||
1° O primeiro domingo de cada mes, dirase unha misa cantada, con dous cirios acesos no altar maior e catro no altar da Virxe. O sacerdote dará a bicar o manípulo ós confrades. 3° Cando a Virxen saia en procesión a ermidas ou freguesías veciñas, polos froitos de mar e de terra, repartirán a cera e os bens entre a confraría e freguesía. 4°[...] Á fin da procesión cantarán os confrades un responso polos irmáns confrades defuntos. 5° O oito de setembro, día da Natividade de Nosa Sra., farase unha misa con oito ou máis sacerdotes. Os mordomos da confraría darán a cada sacerdote 6 reais e unha comida moderada. 6° Cada ano nomearanse mordomos (...) renden contas da súa xestión ante o rector de S. Martiño. 7° [...] Cada confrade pagará de (añal) anualidade como mínimo un real. Os mordomos pediranlles todos os anos a esmola de pan e viño ós confrades polas portas. 8° Se finase un confrade poñerase un cirio de catro en libra na casa do defunto, e dúas achas (candeas grandes) e pendón de defuntos, cando vaian buscalo dende a casa ata a igrexa. 10° Cada confrade finado ten un funeral pagado pola confraría, cun custo de catro reais. |
||
Economía da Confraría |
||
Os ingresos veñen das anualidades dos confrades, de esmolas en especie (cereais, viño, liño) e do diñeiro recollido en petitorios feitos en misas e festividades. Os gastos son en cera, funerais e misas, así como os derivados da festividade de Nosa Sra. Do Rosario como comidas, misas cantadas, gaiteiros, danzantes..... Con carácter extraordinario os fondos da confraría dedícanse a mercar ou reparar a imaxe da virxen e vestidos ou alfaias para ela. Excepcionalmente a confraría axuda a obras de reparación da igrexa ou a compras de moito custo como campás e retablos, tamén lles dá subsidios ós mareantes de Moaña que van servir na armada naval. Esto ocorre dende o último tercio do XVII, no XVIII e primeira metade o XIX. |
||
Desenvolvemento da Confraría do Rosario |
||
Prácticamente son confrades todos os vecinos de Moaña, o que se denominaba PERNA MAYOR, e confrades doutras aldeas e lugares de Moaña ou doutras parroquias, o que se denominaba PERNA MENOR. O libro da Confraría do Rosario conclúe en 1856; despois desta data agrúpanse as contas das confrarías nun só libro e desaparecen as contas de cada ano; é sinal inequívoco de crise total e de que non se lles cobran anualidades ós confrades, nin hai esmolas. As confrarías desaparecen en todo o Morrazo ó redor de 1931, cando chega a II República, aínda que levaban xa unha pequena actividade relixiosa e precaria economía dende 1870. As confrarías renacen despois de reamatada a guerra civil, sendo levadas en principio polos curas párrocos e co tempo por organización dos confrades devotos da Virxe, que organizan as festas e procesións |
||
ARQUIVO PARROQUIAL DE SAN MARTIÑO |
||
Libro da fábrica I...................................................1776-1856 Libro Confraría de Ánimas..................................1644-1796 Libro Confraría de Nosa Sra. do Rosario I..........1641-1773 Libro Confraría de Nosa Sra. do Rosario II..........1773-1856 Libro Confraría da Soedad..................................1672-1800 Libro Confraría de San Roque.............................1821-1856 Libro Confraría de San Antonio........................ ..1813-1856 Libro Confraría Santísimo Sacramento................1641-1799 Libro de confrarías reunidas...............................1899-1932 Libro de consentimentos paternos.......................1862 26 libros de bautizados........................................1770-1991 (Comenza no núm.II, falta o núm.I) 12 libros de casados............................................1634-1991 10 libros de defuntos............................................1634-1991 |
||
NOTAS |
||
1. Na inscrición pode ser ARIA ou ARAS. De ser o mecenas podería tratarse de Rodrigo Arias que, cara a 1272, foi un home poderoso no Morrazo. Ver Luis Sánchez Belda. Documentos reales de la Edad Media, n° 794. 2. Os espacios con guións corresponden a letras hoxe ilexibles. 3. AHN. Documentos de Mosteiro de S. Salvador de Lérez, Carpeta 1786, doc. 19. 4. BRAG. Tomo I, páxs. 61-65, A Coruña, 1915. 5. APM (Arquivo Parroquial de Moaña). Carpeta de re varia. 6. Fondos documentais da Universidade de Santiago, páx. 493. A Coruña, 1991. 7. APM. Carpeta de re varia. 8. Cardeal Jerónimo del Hoyo. Memorias del Arzobispado de Santiago, transación de manuscrito de 1607 feita por Ángel González e Benito Varela Jácome. 9. AHP., Escribán José Ignacio Porto Mariño, leg. 1331, fol. 18. |
||
Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia. |
||