| inicio | mapa web

 

A Casa de Meira

por Jacinto García Piñeiro


 

"En la feligresía de Santa Eulalia de Meira, en la Península del Morrazo, todavía se levanta la casa-fuerte de Meira, rodeada de sus murallas, en un paraje encantador..." Fr. José S. Crespo Pozo "Heráldica y Genealogía de Galicia". Tomo III

Estas liñas fan referencia á casa solarega da liñaxe dos Meira, da que aínda se conservan os restos da fortaleza.

Por informacións recollidas na obra que leva por título "Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia", escrita probablemente en 1530-35, e da que é autor Vasco de Aponte, primeiro e gran xenealoxista de Galicia, historiador da nobreza galega baixomedieval, sábese que a Casa de Meira tivo prestixio e notabilidade no século XIV.

Elemento definitorio da nobreza galega, entre outros, era a posesión de "casa y estado", condición indispensable para adquirir peso dentro do estamento, amáis de relevancia de cara ás oportunidades políticas do Reino. A casa e linaxe dos Meira, a saber, das máis antigas de Galicia, radicaba no coto de Meira e estendía o seu señorío por terras do Fragoso e Meira; o seu "status" dentro do panorama nobiliario galego parece perfectamente acreditado pola presencia dos seus titulares entre os cabaleiros da Terra de Santiago que son regularmente convocados polos arcebispos para intervir nas campañas. E deberon ter acadado sona e boa reputación pois nos documentos figura que "eran muy honrrados y muy estimados de los reyes antepasados". Concretamente Vasco Pérez de Meira, titular desta casa no ano 1333, fora distinguido coa grao de capitán maior de Xibraltar polo rei Alfonso XI; das súas debilidades na defensa desta vila e do castelo fálanos a "Crónica de Don Alfonso el Onceno": "et esta era la mayor manciella que el rey Don Alfonso tenía en su corazón, porque se perdiera Gibraltar, ca perdió este logar de Gibraltar un caballero que dicían Vasco Pérez de Meira...". Tamén Aponte fai referencia a este suceso, que repercutiu no prestixio da Casa de Meira: "tomaron los moros la ciudad... y Vasco Pérez de Meyra pasose con los moros allende el mar y desta manera fue abatida la casa de Meyra".

En 1369 aparece como responsable da linaxe Mayor Pérez de Meira ou Mayor de Meira

Co casamento de Teresa de Meira con Gonzalo de Valladares, as posesións da Casa de Meira quedaron incorporadas á casa de Valladares; o herdeiro e titular das propiedades Gregorio de Valladares, que ordenou no seu testamento (1475) que no seu enterro "arrastren os meus pendoes pintados das armas de Meyra, Valadares e Camba", houbo de sofri-los avatares da 2ª guerra irmandiña (1467-1469) que ocasionaron a destrucción da Torre de Meira, fortaleza defensiva dos dominios desta casa, da que aínda se conservan os seus restos; as declaracións das testemuñas do preito Tabera-Fonseca proban este feito.

Sucesivos emparentamentos con outras liñaxes, v.g. Sarmiento do Sobroso, orixinaron unha concentración de apelidos á vez que unha extensión dos dominios e dereitos dos seus titulares a outros puntos do Morrazo. Aliñaxe dos Meira puido sobrevivir durante os últimos séculos do medievo e os inmediatamente posteriores, como "casa abajada" ou diminuída no panorama nobiliario galego, daquela caracterizado pola común competición por ganar protagonismo.

O 2-12-1669 (Rl. Dcho. do 21-VII-1670) o rei Carlos II concede o título de Vizconde de Meira ó ilustre prelado galego D. Diego Sarmiento de Valladares -inquisidor general de España, bispo de Oviedo e Plasencia- para o seu sobriño Luis Sarmiento de Valladares, Meira y Arines de Troncoso, desde 1673 I marqués de Valladares. O vizcondado de Meira transmitiuse unido ó marquesado de Valladares ata a súa extinción en 1918; en 1734 era vizcondesa de Meira Dª Bernarda Sarmiento de Valladares y Guzmán, duquesa de Atrisco, que leva incorporadas no seu escudo as armas da antiga casa de Meira; á duquesa de Atrisco pagaban foros os veciños de Meira, segundo figura no Catastro do Marqués de Ensenada.

En 1925 foi rehabilitado o vizcondado de Meira por Dª María de la Mercedes Pérez y Pérez de Castro, bisneta de D. Francisco J. Martínez, y Enrique Sarmiento de Valladares, VI vizconde de Meira e VII de Valladares; título que na actualidade seguen conservando os seus sucesores.