MOAÑA, NO CAMIÑO DO MAR (1750-2006)

 

por Manuel Uxío García Barreiro

 

 

Na mañanciña do 10 de novembro de 1956, cando ían comezar as festas patronais da parroquia de Moaña en honra de San Martiño e a Virxe do Carme, afundiu á altura das Illas Cíes o barco pesqueiro "Ave del Mar" cos seus vinteseis tripulantes a bordo, cubrindo de loito todo o Concello.

Este naufraxio, no tocante ó número de persoas que perderon a vida nel, foi o máis importante ocorrido en todo o concello de Moaña desde que se teñen noticias das catástrofes marítimas acaecidas nesta zona.

Por iso, ao conmemorarse no presente ano 2006 o 50º cabodano de tan tráxico accidente, inténtase explicar nos capítulos que integran este libro unha gran parte das circunstancias que deron lugar a que, no ano da traxedia, existisen en Moaña máis de 200 buques dedicados á pesca, utilizando preferentemente a arte denominada "ardora", orixinando que o seu porto fose entón o máis importante de España en pesca de baixura.

Dos aproximadamente doce mil habitantes que tiña o concello en 1.956, máis de 2500 homes tripulaban os citados barcos, e moitas outras persoas de ambos sexos tamén estaban relacionadas coa pesca de baixura a través das fábricas de conservas herméticas de peixe instaladas no Con, Meira, Cangas e Vigo ; cordelerías en Meira, estaleiros, subministros navais, etc..

Fíxase no ano 1.750 o comezo dos relatos que determinaron ditas circunstancias, por iniciarse nel os inquéritos que deron motivo á posterior aparición en 1752, do famoso Castastro do Marqués de la Ensenada, onde entre outros datos estatíticos dá conta da poboación censada das catro parroquias que no século seguinte formaron o Concello de Moaña, e que era de 950 veciños, que se estima correspondían con 3.600 habitantes , dos cales só 74 estaban rexistrados como mariñeiros, en contraste aos seus 466 labregos-xornaleiros, o que demostra que a inmensa maioría dos poboadores do municipio estaban dedicados ao sector primario da producción.

Seis anos máis tarde ocorreu un fenómeno moi importante que deu orixe á transformación de case todas as vilas do litoral galego: o establecemento por estas terras dos fomentadores cataláns. Eles transformaron as estruturas que imperaban desde tempos inmemoriais, ao implantaren novas artes para a pesca intensiva de sardiñas e outros peixes azuis, materia prima coa que fornecían as súas factorías de salgadura. Así comezou a industrialización de Moaña e o inicio da senda que ía levando cara ao mar.

Aproximadamente un século despois, os seus herdeiros empezaron a levantar unha cantidade considerábel de fábricas de conservas por todo o litoral galego. Nelas cociñábase e esterilizábase o peixe, que despois se introducía en caixas de lata herméticas, ao obxecto de que se conservase sen deterioro durante un longo periódo de tempo, podendo así exportarse a mercados de case toda España e do resto de Europa, preferentemente aos da veciña nación francesa.

Na descrición dos sucesos ocorridos nese período de pouco máis de dous séculos e medio, detállase como a parroquia agrícola e gandeira de San Martiño de Moaña, que no ano de publicación do catastro era a máis poboada da Península de Morrazo con 1.690 habitantes, case todos ubicados nas súas zonas altas e medias, foise transformando nunha potencia pesqueira de baixura, construíndo o seu primeiro estaleiro no inicio dos aterrados que se fixeron na súa ampla praia, a fins do século XIX, con persoal que procedía dos anteriormente instalados en Meira e Domaio, e lanzándose á pesca intensiva a bordo de botes e traíñas, ata que se impuxeron os barcos de vapor e de motor, a partir de 1.912.

Dedícase un amplo capítulo a expór o fenómeno local relacionado coa parroquia Meira consistente no establecemento de cordelerías e carreiras que na década dos cincuenta do século XX deron traballo a perto de mil persoas, mulleres na súa maioría, confeccionando cabos e cordas para a pesca e tamén para a agricultura.

A consecuencia negativa desta dependencia do mar foi o elevado número de naufraxios que foron enchendo o concello de loito, o relato dos cales ocupa outro capítulo.

Ao coincidir a catástrofe do "Ave del Mar" coas festas patronais de San Martiño de Moaña, efectúase unha exposición detallada do cambio nas preferencias devocionais dos fregreses das catro parroquias, por causa da declaración oficial do padraodo da Virxe do Carme sobre os homes do mar en 1.901. Tamén se describe o programa que se pretendía executar durante as festas de novembro de 1956, asó como de todas as circunstancias que as rodeaban. Dito programa foi suspendido desde o mesmo instante en que se fixeron públicas as novas da máis importante traxedia marítima ocorrida en todo o concello moañés.

O penúltimo capítulo analiza en profundidade, tanto o feito do naufraxio en si como a recuperación de cadáveres, enterros e funerais dos vintedous tripulantes recuperados do mar e dos catro desaparecidos, deixando o capítulo final para describir a visita que realizou a Moaña, en outubro de 2002, o mergullador John Potte, que foi o que dirixiu o rescate dos corpos sen vida dunha gran parte dos náufragos do "Ave del Mar". Tamén se da conta da homenaxe que se lle rendeu na Casa do Concello e do que el mesmo ofreceu a todas a víctimas no cemiterio municipal.

Fianliza o capítulo e o libro cuns versos plenos de emoción e sentimento, saídos da pluma do fillo dunha das víctimas do naufraxio: Pepe "O Caramuxo", home moi popular na nosa vila, que esta vez cambiou as poesías alegres e sarcásticas, coas que case todos os anos nos foi deleitando no tempo de entroido, por esas outras que abrollaron desde a profundidade do seu espíritu, dirixidas a seu pai e ós vintecinco compañeiros afogados.

Os mariñeiros ían ó mar e toda Moaña foi indo con eles a nutrirse das súas riquezas, para alimentar as súas xentes. A longa viaxe por este camiño duro e difícil intenta describirse paso a paso a través de todos os capítulos que se citaron e que se desnvolven seguidamente.

 

 

I. As catro parroquias do actual Concello de Moaña en 1750

II. Irrupción no litoral galego dos fomentadores cataláns en 1756. A conservación do peixe

III.O gran desenvolvemento da pesca de baixura en Moaña

IV. A construcción naval no Concello de Moaña

V. As cordelerías de Meira

VI. Traxedias no mar relacionadas con Moaña

VII. Cambio de devocións relixiosas incluíndo a suspensión das festas de San Martiño en 1956 polo naufraxio do "Ave del Mar"

VIII. Descrición do naufraxio do "Ave del Mar" e da conseguinte conmoción producida en Moaña

IX. Homenaxe aos náufragos do "Ave del Mar" no ano 2002 polo mergullador que dirixiu o seu rescate e poema final dun orfo da traxedia.