inicio | mapa web

 

Os anfibios

 


Introducción

Os anfibios comprenden o conxunto de animais vertebrados que desenvolven a súa vida entre a auga e a terra, calcúlase que hai unhas 2.000 especies no mundo, delas en Galicia atopamos só con 16 das cales no Morrazo podemos localizar 13. Estes animais teñen unha pel moi elástica que permite a respiración cutánea e sen revestimento de ningunha clase (pelos, plumas ou escamas). Desde que nacen dun ovo, pasan varias etapas (metamorfose) ata chegar a adultos; as fases de larva (Cullarapos ou cabezolos) pásanas na auga, logo de maiores algunhas especies seguen sendo acuáticas, coma a ra verde, mentres que outras, coma o sapo, só voltarán a ela para reproducirense e pór os seus ovos. Chamaremos ANUROS ós anfibios sen cola coma ras e sapos, e URODELOS ós que si a teñen, coma pintígas e tritóns

Catro verdades

As píntigas e sapos levan sobre as costas un sen fin de "calumnias" que falan das súas maldades: que se botan o ar, que se lles fan dano ás mulleres preñadas e ós seus fillos, que se.... Esta mala fama é a responsable de que poucos deles sobrevivan a un encontro cun ser humano, polo xeral, cando isto ocorre mátannos rapidamente con saña, apedréannos ou crávannos en paus, asi morren cada ano centos deles no Morrazo, en parte por medo, en parte ignorancia, xa que estes animais son tremendamente beneficiosos para a agricultura, axudando a manter á raia posibles pragas, lembremos que son insectívoros, tanto é así que no Reino Unido a xente mercábaos para soltar no seu xardin.

Calquera membro de Luita Verde pode dar fe do falsas que son as acusacións antes citadas, temos tocado e medido ducias de píntigas e sapos sen coller xamais enfermidade algunha por iso; o unico certo é que ambos teñen detrás da cabeza uns abultamentos ben visibles, son unhas glándulas chamadas "Parótidas", capaces de segregar unha substancia irritante ao contacto con zonas sensibles, úsanas para defenderse dos predadores, soltando o líquido irritante por exemplo na súa boca, así conseguen que os solten sen comelos, co cal a única precaución que hai que tomar con pintigas e sapos será non trabalos nin tocalos, e se os tocamos basta con lavarnos logo as mans e mentres tanto evitar frotarnos con elas zonas sensibles coma beizos ou ollos.

Neste ultimo século asistimos ó declive dos anfibios en todo o mundo e nin Galicia nin o Morrazo son excepcións, as causas que motivan esta situación son variadas: As principais son as diversas formas de destrucción do seu hábitat coma é a desecación de zonas húmidas. As grandes infraestructuras coma: estradas, presas nos ríos, canalizacións de auga, concentracións parcelarias. etc., que destrúen o seu hábitat directa ou indirectamente ó facer variar o réxime hídrico, secando grandes zonas o supoñer obstáculos insalvables nos seus desprazamentos na época de cría. Estradas e canalizacións de auga matan anfibios por milleiros cada ano.

Tamén os incendios forestais, xeneralizados nos últimos 30 anos, afectan aos anfibios provocando fortes erosións que contaminan moitas charcas e regatos cun exceso de nutrintes, veñen a sumarse a eses males os pesticidas, os fertilizantes químicos, cada vez de maior uso, e a contaminación industrial, facendo que o medio onde se atopan sexa inapropiado para a vida, e os insectos que comen estean envelenados, así cando un agricultor bota algún veleno para acabar cunha praga, está atacando tamén os animais que a comen e que son os seus aliados naturais. A introducción polo home de peixes predadores en ríos e lagos para facer cotos de pesca supón a miúdo a desaparición dalgunha especie de anfibios xa que depredan fortemente sobre as súas larvas. Nalgunhas zonas a caza de ras con fins comerciais (ancas de ra) levou a un decaemento moi grave das poboacións, esta actividade é ademais moi cruel xa que as ancas lle son cortadas en vivo e logo son tiradas onde morren nunha longa agonía. Os atropellos por coches poden ser masivos en época de cria xa que algunhas especies se moven, por centos ou milleiros cara a puntos (charcas) concretos para pór os ovos ou aparellarse, cando nun desprazamento deben cruzar unha estrada é fácil que a maioria non chegue,, téñense contado 2.000 en 200 metros de estrada, no Morrazo cada vez hai menos atropelos pero non por civismo senón porque cada día quedan menos.

¿E qué se pode facer?

Desde Luita Verde propoñemos: A) Esixir un Estudio de Impacto Ambiental e vinculante en calquera grande infraestructura, con especial atención ás repercusións directas ou non sobre o réxime hídrico e as zonas húmidas afectadas . B)Sinalizar nas estradas as zonas de paso de anfibios, ou facer neses lugares pequenos pasos para a fauna. C) Protección das zonas húmidas existentes na actualidade e recuperación das degradadas, incluídas as multiples pozas o lagos de rego, que temos por todo Galicia, e adaptar os estanques da loita contra incendios e outras cunha simple rampliña que facilite a entrada e saída os anfibios atraídos por elas. D)Reducir no campo o uso de productos químicos malos ademais de para a flora ea fauna , para nós mesmos, e controlar a contaminación industrial. E)A administración debería estudar a situación actual dos anfibios galegos (con especial atención a Saramaganta), e con base neste estudo declarar zonas de especial protecció n de anfibios, elaborar un plan de conservación para Galicia e realizar campañas para concienciar a xente sobre o infundado da súa mala fama e a utilidade que teñen para o campo.

 

Lembra que todos os anfibios están hoxe protexidos pola lei ¿qué podes facer tí?

En primeiro lugar concienciate de que os anfibios non fan dano ningún e pola contra son moi beneficiosos na agricultura e logo axudanos a concienciar o resto da xente. -Se conduces evita o seu atropelo e o de outros animais na medida en que sexa posible. -Evita o uso de pesticidas e outros tóxicos nas túas veigas. -Rexeita as ancas de ra. -Se ves algunha charca con cabezóns que vai quedar seca, podes collelas e levalas a outra onde non corra nese risco. - Evita coller os anfibios na man, resécanse e pasano mal coa calor delas, se tes que coller algún, por exemplo para desprazalo a un lugar seguro o mellor é usar un frasco cun pouco de auga

Desaconsellamos a observación en catividade que tanto-lles gosta os nenos especialmente dos cabezolos por cuestiòns legais xa que están todos protexidos ademáis de por cuestións prácticas e de conservación, xa que non é fácil alimentalos axeitadamente, podendo morrer a maioría de fame durante as metamorfoses xa que estas traen con sigo un gran gasto de enerxía, e aporte alimenticio e pode tamén aparecer canibalismo.

Un traballo realizado polo Grupo Ecoloxista Luita Verde