|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| FAUNA : VERTEBRADOS TERRESTRES | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
A composición da fauna vertebrada en Moaña, xunto coa do resto do Morrazo e a de Galicia, ven determinada por dous feitos principais: a posición xeográfica e a evolución climática, ao que tamén se pode engadir o peso do efecto humano a través da súa historia, sobre todo da máis recente. A fauna vertebrada terrestre moañesa presenta elementos de transición entre as Rexións Eurosiberiana e Mediterránea do Paleártico. Está asociada á vexetación característica autóctona das carballeiras e das fragas, onde se misturan distintas especies arbóreas, arbustivas e herbáceas, tanto terrestres como acuáticas de río ou charcas. En menor medida, tamén se asocia á vexetación alóctona, principalmente en repoboacións de piñeiros e eucaliptos en réxime forestal para a producción de madeira. En cada un destes hábitats vive e desenvólvese unha determinada fauna conformando, en conxunto coa vexetación e o medio físico existente, ecosistemas onde todo está relacionado e entrelazado, formando un círculo vital no que uns elementos viven e dependen dos outros, para un perfecto equilibrio biolóxico Neste catálogo imos tocar as distintas especies de fauna vertebrada terrestre que viven e se desenvolven nestes ecosistemas, dos que se valen e nutren para establecer entre si o que se chama rede trófica con :productores primarios - herbívoros - carnívoros - detritívoros da materia morta en descomposición. Cada especie ten a súa escala ou nicho ecolóxico propio dentro da pirámide e depende do resto para sobrevivir, complementándose. Un pequeno desaxuste na rede dun ecosistema pode causar problemas e desequilibrios ecolóxicos no mesmo
Cada un destes ecosistemas ten o seu propio valor faunístico, pero salientamos o das carballeiras e fragas pola súa gran diversidade de especies vexetais e a conseguinte función osixenadora bioclimática que conforma un hábitat máis rico en especies animais, ofrecéndolles unha confortable calidade de vida e seguridade de cobixo. O catálogo de especies que imos tratar ven recollido maioritariamente do estudio dun destes ecosistemas, máis concretamente o do Carballal de Coiro, espacio natural protexido urbanisticamente dende o ano 1989, onde atoparemos bosque, monte raso a toxos e a mato, e ríos e regatos con cadansúa área de influencia de ribeira; nel intégrase unha parte de territorio de monte do municipio de Moaña, xunto con zonas dos municipios de Cangas e Bueu, e pasa por ser o segundo máis importante bosque oceánico caducifolio das Rías Baixas, tras as fragas do Tambre na Coruña, e un dos máis importantes da costa de Galicia. Con este inventario de especies, baseado nun estudo do citado espacio natural realizado a principios desta década polo Grupo Ecoloxista Luita Verde, podemos sinalar que estamos ante a maioría das especies de vertebrados terrestres que podemos avistar dentro dos límites do municipio, dado que nel se atopan a maioría dos hábitats terrestres de Moaña, nos pequenos espacios verdes e naturais do interior e do redor dos núcleos urbanos, nos bosques naturais de ribeira, veigas e comareiros cos seus regatos e as súas sebes arbustivas naturais tradicionais. Tamén se deben incluír na súa área de influencia os distintos parques e xardíns, tanto públicos como privados, como fonte dunha pequena e variada fauna salvaxe, maiormente aves e micromamíferos. O inventario está distribuído en tres apartados de especies principais: -Herpetofauna: Anfibios e Réptiles. -Mamíferos: Micromamíferos, Quirópteros e Macromamíferos. -Aves
HERPETOFAUNA O 71% da herpetofauna de Galicia atópase representada dentro dos límites do citado espacio natural, encontrándose unhas 26 especies de anfibios e réptiles. Son as dúas familias de vertebrados máis antigas dentro da escala evolutiva biolóxica da fauna terrestre.
Neste apartado distínguense dúas familias de especies principais: Saurios( lagartos, lagartixas, escánceres e esgonzos), de pel escamosa, catro patas (máis pequenas nos escánceres e esgonzos, producto dun proceso evolutivo intermedio) e rabo; e os Ofidios (cobras e víboras), sen patas e con placas córneas capilares, producto dun proceso evolutivo posterior. A maioría son de reproducción ovípara salvo raras excepcións, como o caso da víbora de Seoane que é ovovivípara Adoitan aparearse e reproducirse entre marzo e finais de xuño, aínda que hai algunha especie que posúe dous celos ó ano e pare en outono, como no caso da cobra lagarteira común. Son termófilas, de sangue frío, cunha pel recuberta de escamas, seca e impermeabilizante. Gustan de ambientes cálidos, dos que necesitan para regular a súa temperatura corporal interna, o cal os obriga ademais a ter unha fase de hibernación ou metamorfose na fría e húmida estación invernal. A maioría deles son de actividade diurna, salvo algunhas especies como o escáncer común ou a cobra lagarteira común, de costumes máis crepusculares ou seminocturnas. Son especies endémicas o lagarto das silvas, do oeste peninsular, a lagartixa galega, do noroeste, o esgonzo ibérico, de toda a península agás a parte do norte máis húmida, e especialmente a víbora de Seoane do nor-noroeste húmido, dende Galicia-norte de Portugal ata Cantabria.
A cultura popular tende a interpretar a estas especies, maiormente os ofidios, como animais malignos e moi perigosos para o ser humano, pero isto é en moitos casos falso, pois só a víbora de Seoane posúe ou pode inxectar un veleno por mordedura a través duns dentes retráctiles que ten ocultos tralo maxilar; isto pode ser mortal, dependendo da persoa, e sobre todo se é un neno/a ou ancián/á, pero na maior parte dos casos, proporcionando auxilio e o tratamento médico adecuado, non chega a maiores. As demáis especies son case inocuas e practicamente inofensivas para o ser humano. Só a mordedura dun cobregón ou dun lagarto arnal poden causar certas complicacións como febres, mareos ou transtornos dixestivos, debido o seu gran tamaño e á ferocidade do seu ataque. Das persoas normalmente foxen, aínda que ó sentírense acosados ou molestados,mesmo por descoido, poden atacar en autodefensa en casos moi contados Pola contra, diremos no seu favor que son especies indispensables no ciclo ecolóxico e moi beneficiosas para o control das outras especies, pois son grandes depredadores. O esgonzo común aliméntanse de pequenos insectos e vermes ; a víbora de Seoane de pequenos paxaros, micromamíferos e anfibios ; o cobregón, a serpe de maior tamaño que podemos atopar tanto aquí como en Galicia, de lagartos, lagartixas e pequenas cobras, ademáis de ratos.
ANFIBIOS Encontráronse once especies que representan o 78% das existentes en Galicia.
Son os máis antigos dentro das especies dos vertebrados terrestres e distínguense dúas ramas principais: Os Urodelos (píntegas e pintafontes), anfibios de cabeza deprimida, tronco longo, catro patas de tamaño semellante e rabo alongado e ás veces aplastado lateralmente, a súa reproducción é interna, ovípara ou ovovívipara ; e os Anuros (ras e sapos), de cabeza ancha ,con catro patas, as traseiras máis desenvolvidas cás dianteiras, adaptadas para saltar, e sen rabo, sendo a súa reproducción externa e ovípara. Adoitan reproducirse nas épocas de temperaturas suaves e chuvias abundantes do Outono-Inverno ou do Inverno-Primavera, segundo as especies, conforme ós seus hábitats e modos de vida. Todos se caracterizan por ter un entorno vital acuático na súa fase de alevín e xuvenil, en principio en forma de larvas e posteriormente de culleróns, con respiración branquial, e pulmonar e cutánea cando son adultas, pero seguen en contacto co medio acuático, feito do que procede o nome da familia. Respiran pola súa pel desnuda, suave e húmida, sen escamas, pero que necesita un certo grado de humidade para non deshidratarse, por isto adoitan ser nocturnos ou habitar en zonas húmidas de augas estancadas, como lagos e lagoas, fontes, pozas ou en charcas ocasionais, preferindo as augas limpas exentas de xermes e contaminación de todo tipo. Debido a isto son un bo índice para calibrar a calidade das mesmas. Aliméntanse basicamente de invertebrados A unha especie, a saramaganta ou píntega rabilonga, imos adicarlle un apartado especial, xa que constitúe sen dúbida ningunha a xoia da herpetofauna de toda a comarca, polo seu carácter endémico. É o único representante actual a nivel mundial do xénero Chioglossa e a súa área de distribución está só no norte de Portugal, Galicia e os límites de Asturias e León co territorio galego. Habita en zonas umbrías cercanas a regatos pouco caudalosos, preferindo os bosques caducifolios e as augas limpas. Existen a parte outras dúas especies tamén endémicas, como o limpafontes común, moi abondoso en Galicia, endémico do norte e oeste peninsular, e a ra patilonga tamén moi abondosa en Galicia, endémica do noroeste ibérico, dende o norte de Portugal ó País Basco. Tamén neste apartado cómpre destacar e subliñar o desprezo e o medo dunha parte da poboación con respecto á maioría destas especies, principalmente certos anfibios, como toda a familia dos sapos ou a píntega común, chamada popularmente sabandixa , producto de vellas crenzas e supersticións populares que veñen dicir que estes animais producen o que se dá en chamar eiradas, botan o aire e producen grandes malestares físicos e cutáneos que mesmo poden chegar a producir a morte se non se trata o mal a tempo. Isto pasa irremediablemente pola búsqueda e a morte do individuo transmisor. Cómpre afirmar que tal crenza é totalmente falsa, pois está cientificamente comprobado que estas especies non son portadoras de tales doenzas; en realidade só poden producir pequenas molestias ou irritacións accidentais en zonas sensibles do corpo, como os ollos, a boca ou as fosas nasais -é preciso lavarmos ás mans logo de coller un destes animais- Isto é debido a unhas substancias tóxicas que a píntega común e os sapos segregan pola pel. Usannas como autodefensa contra a inxiración por outros animais depredadores, como o raposo. Debemos resaltar que é preciso protexer estes delicados e belos animaliños (como no caso das ras verdes ou das chamativas píntegas) polo feito de que son grandes depredadoras dun amplo número de especies de insectos e larvas que poden ser verdadeiras pragas para as prantas e os cultivos, e axudan tamén á cadea alimenticia e ó necesario equilibrio ecolóxico das especies.
MAMÍFEROS Encontráronse unhas trinta e cinco especies, aproximadamente a metade dos que cohabitan en Galicia na actualidade, entre micromamíferos, quirópteros e macromamíferos. Son, xunto coas aves, a seguinte escala dentro da fase evolutiva faunística vertebrada terrestre, e distínguense por seren completamente vivíparos e utilizaren o xenero femia glándulas mamarias lactantes nunha primeira fase de nutrición e desenvolvemento da crianza.
MICROMAMÍFEROS Habitan unhas 15 especies, prerto do 75% das que existen en Galicia
Especies de menor tamaño físico entre os mamíferos, caracterízanse pola súa extraordinaria capacidade de reproducción e a enorme voracidade na súa dieta alimentaria, principalmente a base de grans e sementes vexetais. Constrúen galerías baixo terra nas que procrean e moran boa parte da súa vida, onde establecen tamén unha despensa para alimentar ás crías ou para resistir períodos longos de inactividade e letargo entre a época invernal e a primaveral. A reproducción prodúcese normalmente na época estival, entre maio e setembro, e sucédense varias camadas ó ano, cun elevado número de crías cada unha, agás a toupa, que só pare unha vez ó ano. A metade son roedores, nome que lle ven polo seu xeito de alimentarse, empregando os seus potentes dentes incisivos, e a outra son insectívoros. Destaca sobre todos eles a presencia do rato de almizcre, por ser esta unha especie endémica do norte peninsular ibérico e principalmente porque en Galicia non é doado atopalo. Vive en galerías feitas na beira dos ríos e regueiros limpos e osixenados de alta e media montaña. A súa actividade é esencialmente nocturna e aliméntase de pequenos animais acuáticos como larvas de insectos, crustáceos ou peixes cativos. Tamén é de destacar a presencia do ourizo cacho, especie moi común e extendida, de aspecto simpático e espiñento. É moi coñecida e apreciada, máis que nada no rural, polos grandes servicios que aporta ó agro. É omnívoro, de costumes e actividade particularmente nocturnas ; aliméntase esencialmente de insectos, caracois e lesmas, aínda que tamén de pequenos roedores como o rato de campo ou o furaño común, e chega mesmo a medirse e valerse con certas cobras. A parte negativa ven da gran mortandade que supón para esta especie a presencia das estradas, pois cada ano sucumben a centos nelas, ó seren animais nocturnos, lentos e tamén por ficar, asustados, quedos e enroscados en lugar de fuxir Debido á sua gran voracidade e extraordinaria capacidade de reproducción, e a pesar do seu valor e funcións propias dentro da escala das especies, a maioría, en especial os roedores, poden supoñer un verdadeiro perigo para o ecosistema e para as demais especies, en especial as vexetais (tanto ó natural como en cultivos), se a escala faunística predadora inmediatamente superior (macromamíferos carnívoros, réptiles e aves de rapiña) se ve seriamente afectada ou extinta.
QUIRÓPTEROS Coexisten unhas oito especies, aproximadamente a metade das que hai en Galicia
Coñecidos xeralmente polo nome de morcegos, estes mamíferos voadores son amantes da escuridade e de costumes nocturnas. A súa imaxe, metade de rato e metade de paxaro, é producto dun proceso evolutivo anterior no que adaptaron unha capa catilaxinosa aerodinámica desde o tronco ata as extremidades. Son en grande número excelentes e eficientes insectívoros e polo tanto de gran importancia na rede trófica. Non succionan sangue animal nin humana, como algunha xente pode imaxinar producto da superstición e a novelesca, confundindo estas especies con outras de ámbitos e vida tropicais. As poboacións experimentaron nos últimos tempos unha moi preocupante regresión, e algunhas especies están en perigo de desaparición por diversas causas: as molestias que sofren nos refuxios en que hibernan e nos lugares de cría -principalmente covas- por exceso de visitas humanas, diminución do número de refuxios por mor da tala de árbores vellas, retellado de casas antigas, ermidas ou igrexas onde tamén se cobixan, pero primordialmente polo emprego na agricultura e no tratamento da madeira de substancias químicas altamente contaminantes -biocidas e insecticidas- que provocan gran mortandade pola inxestión de insectos contaminados. Cómpre, daquela, protexer e a conservar estas especies loitando pola necesaria preservación dos seus refuxios, por un control serio dos insecticidas e tamén a través de campañas de educación e concienciación medioambiental.
MACROMAMÍFEROS Cohabitan doce especies, máis da metade das galegas existentes. Representan as especies de mamíferos, herbívoros e carnívoros na parte máis alta da cadea alimentaria.
Estas especies son de vital importancia ecolóxica polo seu valor na cadea alimentaria. Cabe destacar a desaparición dos montes do municipio e de toda a comarca do lobo ibérico (Canis lupus),o máis grande carnívoro depredador e cumio da pirámide alimentaria da fauna terrestre en Galicia, polo tanto de vital importancia nos nosos bosques e ecosistemas de montaña. A súa desaparición produciuse a finais dos anos setenta, víctima dos cazadores. Tamén se extinguíu o gato montés (Felis sylvestris), e posiblemente a lontra (Lutra lutra), de gran importancia ecolóxica no río e na rede trófica. Do mesmo xeito debemos subliñar o descenso considerable do número de mustélidos, xenetas e teixugos producto da caza indiscriminada e do uso de velenos no pasado e no presente, anque o auténtico perigo témolo na progresiva destrucción e desaparición dos seus hábitats naturais, as carballeiras e fragas, ou os pequenos valos e muros de pedra de vellas construccións rurais no caso da doneciña ou a doniña branca. Debido a este feito ambas as dúas especies están en vías de extinción en boa parte da comarca. Pola contra, nestes últimos anos reapareceron outras especies, como o esquío ou o porco bravo, ambas en forte proceso de expansión en Galicia. Tamén é destacable a cada vez máis numerosa -e por outra parte indexesable-presencia de cans e gatos asilvestrados desde hai xa varias xeracións, producto do abandono por parte do home. É de salientar igualmente a presencia do visón americano -aínda que algúns autores o consideran a mesma especie co visón europeo-, que se expandiu ó fugarse do gran número de granxas que nos anos oitenta se instalaron no municipio e no Morrazo e que nalgúns casos pode dar lugar a confusións coa case extinguida lontra, debido ó seu certo parecido físico e a coincidencia ás veces dos hábitats, perto dos ríos. Por último cabe destacar a presencia de pequenos rabaños de cabalos, e mesmo de vacas, soltos en réxime de gandería extensiva nos montes e espacios do rural, e que teñen tamén certa función ecolóxica e atractivo turístico.
AVES Recolléronse oitenta e unha especies, máis do 75% das especies galegas. Fauna eminentemente voadora e ovípara, con plumas en vez de pelaxe, posúe pico córneo na boca, dúas alas para voar, dúas patas para andar, agarrar ou pousar, e rabo emplumado con funcións de timón para o voo. Representan o grupo máis numeroso entre os vertebrados terrestres.
Destas especies, algunhas son meramente ocasionais, coma a cigoña, o miñato abelleiro, o pedreiro cincento ou o corvo. As gaivotas citadas, se ben non forman en absoluto parte destes ecosistemas terrestres, sí son frecuentemente avistadas voando, dada a proximidade da costa. A cigoña citada foi avistada en só dúas ocasións: a primeira en 1984 e a segunda en 1994 . Do mesmo xeito hai constancia da proliferación, nos útimos anos, de aves exóticas soltas ou fuxidas, como loros, cacatúas ou periquitos. A este total de especies recollidas aínda se poderían engadir algunhas máis, principalmente carriceiras e zarceiros, que son escasos e de difícil identificación. É de destacar de entre as catalogadas, a extensa familia das aves rapaces, tanto diurnas como nocturnas: miñatos, falcóns, gabiáns, azores, lagarteiros, e tamén bufos, mouchos e curuxas. Estas aves, ademais de seren excelentes depredadores dentro do seu nicho ecolóxico, o máis alto da pirámide alimentaria dentro das aves, supoñen un importante banco de datos científicos biolóxicos a través da analise das súas egagrópilas, excrecións compostas de pelame, ósos e corazas córneas que expulsan pola boca despois de inxerir e dixerir as suás presas, pequenos roedores, outras aves ou insectos maiores como certos escarabellos ou coleópteros. Tamén supoñen un gran beneficio para o agro e os cultivos ó alimentárense de especies menores que en gran número son un perigo para os mesmos, como os pequenos roedores campestres. Na mesma catalogación podemos falar doutras especies, a nocturna avenoiteira cincenta ou ralo, como popularmente se lle chama en moitas zonas de Moaña, que se alimenta exclusivamente de insectos ; ou unha extensa gama de medianas e pequenas aves como por exemplo as anduriñas, vencellos e avións, tamén insectívoras; a lavandeira común, o paporrubio, a carriza, a papuxa, o pimpín ou mesmo os comúns pardais entre outras, que se alimentan e limpan de insectos e vermes os nosos campos, veigas e xardíns, a parte de mostrarnos os seus coloridos e deleitarnos cos seus alegres cantos. Outras das aves beneficiosas son a familia dos córvidos (corvos, cornellas e pegas), pois son excelentes detritívoras ó alimentárense de cadáveres doutros animais de presa ou abandoados xa mortos. Por último cómpre prestarlle especial atención a unha especie, o martiño peixeiro ou picapeixe, dunha fermosura sen parangón, que pode habitar tanto á beira dos ríos -onde representa xunto co merlo rieiro (Cinclus cinclus) a avifauna ripícola por excelencia- como no litoral costeiro. Noutrora foron moi abundantes pero, debido á súa predilección polas augas limpas e cheas de peixe, hoxe están en serio retroceso e en vías de extinción ó seren privados do seu hábitat polos verquidos tóxicos das industrias e a canalizacióndos dos desaugues ós ríos e ó mar
Autor e coordinador da páxina: Cándido Martínez Rodríguez (Grupo Ecoloxista Luita Verde) Autor do estudio da fauna terrestre do Carballal de Coiro: Francisco José Bernárdez Solla (Grupo Ecoloxista Luita Verde) BIBLIOGRAFÍA: Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo : Edicións Xerais de Galicia, 1993. R. T. Peterson. Guía de campo de las aves de España y de Europa. Barcelona : Omega, 1995 Atlas de vertebrados de Galicia. Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 1995 FOTOGRAFÍA Grupo Ecoloxista Luita Verde |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||