|
|||||||||||
| A FLORA NO CONCELLO DE MOAÑA | |||||||||||
|
A flora do concello moañés entra no marco da vexetación atlántica incluída na amplia rexión Eurosiberiana. Esta esténdese dende o norte europeo, pola franxa cántabra ata o río Douro . A benignidade do clima das rías baixas, de temperaturas suaves e certa aridez estival, permite que elementos da próxima flora mediterranea penetren cara á zona atlántica formando parte da nosa foresta. Así aparecen árbores como a sobreira ou corcheiro (Querqus suber ) de notable presencia na parroquia de Domaio, e o cerquiño (Quercus pyrenaica ), misturados entre o bosque autóctono e ás veces formando pequenos rodais ou bosques. Mais, a vexetación do noso concello como a de toda a comarca morracense é de marcado carácter atlántico. Imos, pois, describir de forma necesariamente concisa, que elementos compoñen esta nosa flora, e cales son as formacións vexetais máis caracteristicas As carballeiras Por vexetaciòn climàcica ou climax entendese aquela que se asentarìa nun lugar determinado ò final da etapa evolutiva forestal. No concello moañés esta corresponde na meirande parte às carballeiras, formacións boscosas donde a especie dominante è o carballo (Quercus robur). Científicamente as carballeiras das nosas latitudes clasifícanse co nome de (Rusco aculeatu-Querquetum roboris) definida pola asociación vexetal entre o carballo e a silvarbeira (Ruscus-aculeatus) , ésta é unha carballeira termófila (amante do calor) que se asenta no piso colino (desde o nivel do mar ata os 600 metros de altitude) do sector galaico-portugués incluido na rexión eurosiberiana.
Máis, este tipo de bosque sofriu ó longo dos séculos unha regresión debida principalmente á acción do home, o que as deixou reducidas a pequenas masas. Hoxe o seu lugar ocúpanno as repoboacións de piñeiros e eucaliptos e as series de vexetación debidas á regresión do bosque que son os toxais, as carrasqueiras, xesteiras. Quizais o máis triste sexan as zonas erosianadas onde se perdeu o solo e afloran os rochedos. A pesar desta desastrosa situación do bosque autóctono, aínda podemos atopar lugares onde este medra amosándonos todo o seu esplendor e beleza. Podemos admirar excelentes carballeiras nos límites do noso concello cos de Bueu e Cangas, onde forman o coñecido carballal de Coiro, masas de carballo que se estenden, algunhas illadas, pola parte alta do río Bouzos, serra de Coiro, montes de Hermelo, e pola faldra do monte do Xestoso e Paralaia ata Broullón, e dende aquí ata os montes de Cela en Bueu.
Na conca do río da Fraga ou dos Ladróns aíndan perduran formacións de carballos que se mesturan coas árbores de ribeira. Tamén é posible atopar pequenas carballeiras preto da zona urbana, falamos de lugares como a carballeira de Bronlle, onde se celebra unha coñecida festa no mes de agosto, ou da carballeira de Castroviejo, en Tirán, unha excelente representación en miniatura do noso xenuíno bosque autóctono. O bosque de ribeira Coñecidos tamén como ripisilvas, bosques de galería, soutos ribereños, estes bosques están asociados a cursos de auga e lugares asulagados. Aínda que moi intervidos pola man do home que aproveita da gran productividade dos terreos lindantes, nos ríos do noso Concello perduran exemplos deste tipo de bosque. Estas galerías arbóreas, asentadas ó longo da beira do río, forman ecosistemas de gran biodiversidade e moi interesantes polas diversas funcións que cumpren : protección das ribeiras frente á erosión, refuxio e alimentación para a fauna, filtro verde frente á contaminación, regulador da temperatura das augas, corredor natural que facilita a expansión das especies contribuindo a enriquecer a biodiversidade dos nosos ecosistemas. A especie dominante é o Amieiro (Alnus glutinosa) xunto ó cal medran salgueiros (Salix sp), bidueiros (Betula celtibérica), abelairas (Corylus avellana), sabugueiros (Sambucus migra), etc. Tamén medran trepadoras, como as hedras (Hedera helix) e silveiras (Rubus sp). Como representativas do estrato herbáceo podemos citar plantas do xénero Carex, violetas (Viola sp), pé de boi (Oenanthe crocata), e varias especies de fentos (macho, femia, real...). O máis caudaloso dos nosos ríos é o da Fraga ou dos Ladróns, moi intervido na parte baixa do seu curso, aínda que a medida que ascendemos atopamos a vexetación autóctona característica, o carballo achégase ata a beira mesma dominando nalgúns tramos; na parte alta do curso atopamos unha notable presencia de mimosa moura (Acacia melanoxylon), especie alóctona que invade as beiras, mais, paga a pena gozar dun paseo polo contorno do río.
O río do Muíño do Inferno ofrécenos a posibilidade de observar ó longo do seu curso bosquetes de abelairas vexetando xuntos as especies arboreas típicas xa mencionadas, merece a nosa consideración a observación dalgún exemplar de freixo debido a escasez desta árbore no concello. Baixando desde a parte altapodemos maravillarnos coa flora que medra nas marxes do rio : cáncaro (Primula sp,) xacinto bravo, amerelle ( Narcissus sp.) ou a fermosa soldaconsolda ( Polygonatum odoratum ). No lugar do Rosal o rio únese co río do Arroás que baixa dende Berducedo para formar o río Puntillón, gravemente afectado por construccións ilegais e oculto por unha canalización ata a súa desembocadura. Na parroquia de Domaio paga a pena visita-los ríos da Freixa e da Miñouva, onde aínda fican remanentes da vexetación de ribeira. Para concluír este apartado, debemos considerar as ripisilvas como parte fundamental que hai que conservar dentro do noso patrimonio natural. Os bosques de repoboación Trátase de formacións forestais de especies alóctonas, (foráneas), implantadas polo home. En realidade podemos falar de cultivos forestais cunha única función que é o aproveitamento madeireiro. Tres son as especies máis utilizadas nesta tarefa: o piñeiro bravo (Pinus pinaster ), coñecido como piñeiro do país a pesar de non ser autóctono, o piñeiro americano (Pinus radiata), e o eucalipto (Eucaliptus globulus), árbore de orixe australiana. Utilízanse outras especies pero en menor medida como o carballo americano (Quercus rubra) e, ultimamente, estase empregando algunha especie autoctona como o freixo, máis todavía estes son casos contados localizados en superficies reducidas.
A especie que domina por todas partes a paisaxe forestal do noso municipio é o eucalipto, árbore de cremento rápido empregado como materia prima para a industria das celulosas. O carácter de especie pirófita (amante do lume), facilita a expansión da árbore despois dos incendios forestais, que por outra parte son tan habituais na comarca. Se a isto engadimos a facilidade que ten a especie para ocupar todo tipo de habitats da nosa comarca, as poucas esixencias edáficas, e a facilidade para rebrotar despois dunha corta temos a árbore ideal para a industria do papel, a ave fenix que renace das súas propias cinzas, un autentico "allien" que penetra nas entrañas do pouco que nos queda do noso bosque autoctono. A necesidade dunha política forestal ordenadora dos montes é imperiosa. Necesitamos con urxencia delimitar espacios para os diferentes usos do monte: ecolóxico, productivo e social. Urxe ademais cuestionar a politica das repoboacións, xa que o uso de diversas madeiras incluídas as de maior calidade e crecemento lento permite abrir mercados como o do moble, ebanisteria etc..., que non obligarian ó sector productivo a depender dunha ou dúas especies. Dende o punto de vista ecolóxico os bosques de repoboación non chegan a formar auténticos bosques xa que as quendas de corta non permiten a formación dun ecosistema maduro, ó contrario, cando baixo estes bosques comeza a medrar a vexetación propia do lugar, chega a quenda de corta que a reduce a destroza. Os monocultivos de eucalipto están a sufrir unha doenza de consecuencias devastadoras; tratase do Gonipterus, un insecto carábido defoliador procedente de Australia que literalmente devora a folla da árbore o cal acaba debilitandoa ata o extremo de causarlle a morte. Contra este insecto estase empregando a loita biolóxica mediante á solta da Anaphis, unha avispa de orixe Australiana que parasita as postas do Gonipterus impedindo o crecemento larvario. Tense empregado tamén un producto químico con resultados mediocres. Atopámonos así cun panorama cando menos inquietante, non só importamos unha árbore que ecoloxicamente resulta unha praga para as posibilidades de desenvolvemento do bosque autóctono, senón que tamén nos quedamos con dous insectos alleos que forman xa parte da nosa fauna. ¡ Quen sabe se nos traerán tamén os koalas ! Os matos Formacións arbustivas que na meirande parte do noso territorio ocupan espacios onde o bosque foi degradado ou destruído pola acción do home. Tratase, pois, de etapas seriais de vexetación, e segundo as especies que interveñan na súa formación e estructura ocupan un lugar da serie de vexetación que en condicións naturais evoluciona cara ó bosque climácico. As formacións máis comúns que atopamos no Morrazo son os toxais-carrascais de monte onde predomina a asociación ( Ulici europaei-Ericetum cinerae ) que inclúe o toxo arnal, varias especies de carrascas e outras prantas. A outra formación predominante son as xesteiras ( Ulici europaei-Cyticetum striati ) onde o toxo acompaña á xesta. Outros matos que se dan de forma natural, e dicir que maedran no lugar que lle corresponde como vexetación climacica son os toxais-carrascais de acantilados mariños,e os matos das dunas costeiras. Juan Antonio Tomé Cruz. Membro do Grupo Ecoloxista Luita Verde.
|
|||||||||||
Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia. |
|||||||||||