O feito de que o concello de Moaña presente aproximadamente 14 Kilómetros de costa, determina que o longo deste litoral se desenvolvan numerosas comunidades relacionadas en maior ou menor grao co medio mariño. Nesta liña de costa alternan, pequenas praias,onde predominan procesos de sedimentación, delimitadas por tramos costeiros formados por afloracións de distintos tipos de rocas plutónicas e metamórficas , que serven de resgardo e zona de fixación para numerosos grupos zoolóxicos.

Agulla colipinta cun peteiro longo
(Limossa lapponice)


A liña de costa representa unha zona de transición entre o medio mariño e o medio terrestre, dous medios físicos suxeitos a distintas regras e que conforman ecosistemas totalmente distintos. Estas zonas de transición entre ecosistemas representan o que os ecólogos definen como ecotonos, que se caracterizan por unha grande variabilidade das especies biolóxicas presentes, e o elevado número de representantes que amosa cada especie.

Na beiramar podemonos atopar basicamente con dous tipos de sustratos, os sustratos duros e brandos. Nos sustratos duros van a vivir basicamemete animais de vida sésil coma os mexilóns (Mytillus galloprovincialis), as lapas (Patella vulgata), esponxas (Hymeniacidon sanguinea), etc. Nembargantes nos sustratos brandos como os areais das praias , onde non é posible desenvolver mecanismos de suxección, imos atopar especies cunha movilidade máis acusada como por exemplo as miñocas ( Nereis diversicolor ), crustáceos anfípodos como as pulgas de area ( Talitrus saltator ), etc.

Unha das praias máis importantes do concello é sen dúbida a Praia da Xunqueira que presenta unha alta productividade marisqueira da que anualmente se extraen importantes cantidades de ameixa babosa (Venerupis pullastra), ameixa fina (Venerupis decussata) e croque (Cerastoderma edule).

Virapedras
Arenaria interpres


Na Xunqueira podemos observar nos meses de migración (marzo - abril e setembro - outubro) numerosas especies de aves limícolas en paso, como por exemplo as agullas (Limosa limosa, Limosa lapponica), os pilros (Calidris alpina, Calidris canutus, Calidris ferruginea), as píllaras (Charadrius hiaticula), sen esquecernos dos mazaricos (Numenius arquata, Numenius phaeophus). Tamén son doados de observar pousados durante a baixamar nos areeiros numerosos bandos de mascateiras e carráns (Sterna sandvicensis, Sterna hirundo, Sterna albifrons).

Tamén existen numerosas poblacións de gaivotas (Larus ridibundus, Larus melanocephalus, Larus cachinans, Larus fuscus), corvos mariños (Phalacrocorax aristotelis, Phalacrocorax carbo), estas aves mariñas durante o inverno se achegan a costa na procura de zonas onde poder alimentarse ó mesmo tempo que se resgardan dos temporais .



A praia da Xunqueira funciona para este tipo de aves do mesmo xeito que unha base aérea militar. Representa unha zona de descanso, onde poden alimentarse e repoñer forzas antes de comenzar de novo a súa viaxe migratoria alén da nosa terra.

Na enseada do Con tamén podemos observar durante os meses invernais distintas especies de aves limícolas que escollen este enclave como lugar de alimentación durante a baixamar na procura de vermes e pequenos crustáceos intermareais , sendo moi frecuente atopar numerosos especímenes de virapedras agrupados en distintos bandos.

Os virapedras son pequenos paxaros migradores que se atopan na zona intermareal, que se alimentan de pequenos crustáceos e vermes presentes debaixo de pequenas pedras que voltean coa axuda do seu peteiro, de ahí o seu nome. As poblacións que invernan na península ibérica proveñen na súa totalidade de Groenlandia, onde desenvolven o período de cría entre os meses de xuño e xullo, chegando a Galicia xa a mediados do mes de Agosto.

Dentro do conxunto da fauna mariña local , podemos apuntar como unha das especies máis salientables o arroaz (Tursiops truncatus). O arroaz é un mamífero mariño pertencente a familia Delphinidae , constituíndo unha das especies de golfiños que de xeito máis doado se poden observar preto da costa, dada a súa propensión a desenvolver as súas actividades vitais nas inmediacións do litoral.

En Moaña os arroaces poden ser observados ó longo de todo o ano,dun xeito moi doado dende os peiraos, as praias, e mesmo desde pequenos outeiros naturais. Aproximanse ata costa en mandas que poden chegar ata os cen individuos, o que implica que a población de arroaces da Ría de Vigo sexa sen dúbida a manda máis importante da península ibérica, e posiblemente unha das máis importantes de Europa.
Arroaz
Arroaz na Ría de Vigo
Arroaces
Mais fermosos exemplares

Algunhas veces causan danos económicos ós pescadores locais que se adican a captura da sardiña co arte do xeito, pero tamén poden quedar atrapados, nas artes do cerco e mesmo nas redes empregadas para a pesca da faneca , morrendo por afogamento. Nembargantes as interaccións coa actividade pesqueira non representan as maiores ameazas para estes animais, as principais ameazas proveñen da destrucción dos seus hábitats naturais, como poden ser os aterros sobre a beiramar con fins claramente especulativos, a contaminación por hidrocarburos, e ultimamente o acoso que padecen de pequenas embarcacións deportivas como planeadoras e motos de auga .