REXURDIMENTO

Visións dun cego.

(farsa aldeá)

de

Afonso Becerra de Becerreá.

Barcelona, 1999.

 

 

 

Aos daquel Vilar de Ousón.

 

 

"Ando limpando a casa de cacharros e trastos

lacenas e faios sin deixar rechubazo.

Ando a tocarlle as maos ós antepasados..."

1972

Uxío Novoneyra - Os Eidos

 

 

 

NOTA DO AUTOR

Esta obra foi escrita aló polo 1999, por encargo da Compañía Teatral NOVE-DOUS do Carballiño.

Tratábase de facer un xoguete cómico, con aires moi populares, sobre aqueles cegos que andaban a cantar romances polos camiños acompañados dun lazarillo. Como dramaturgo supuxo a incursión nun terreo exótico para min, o da farsa popular, que pide personaxes - tipo, case estereotipos, encarnación dos "títeres de cachiporra". E cando digo que, como dramaturgo, foi algo exótico, freaky incluso, refírome ao contexto desde onde estaba a escribir aquela farsa aldeá, xa que, por aquel entón atopábame inmerso no teatro catalán, participando en propostas escénicas sumamente vangardistas. Poñerme a escribir algo así supoñía saldar unha débeda emotiva cos meus avós e coa aldea, volver á nenez, ás noites longas de inverno cando saiamos por aqueles camiños de lama co candil para ir á cas de Baixo, ou á cas de Xenamaro, ou á do Cuartín, onde bailaba muiñeiras coa miña avoa, que tan ben sabía repinicar no pandeiro, mentres nos ollos do tío Antonino crepitaban as chamas da lareira... Escribir isto, desde Barcelona, mentres estaba a ensaiar un espectáculo para o Sitges Teatre Internacional, era como facer unha viaxe tola polas veas do tempo.

Un ano despois, "Rexurdimento. Coplas de cego" estreábase no Carballiño, pola compañía de Josi e Jouse, con Lois Soaxe, Clara Vázquez, Tamara Cristóbal, a escenografía de Carlos Alonso, e a dirección escénica do autor. Creo que a acollida do espectáculo por parte do público foi boa, pero, sen dúbida, foi nos núcleos pequenos do rural onde máis éxito tivo, eu asistín a dúas funcións nestes lugares e a xente escachaba coa risa. Meu avó Manolo de Toldo foina ver cos veciños de Vilar de Ousón, e aínda hoxe se lembran. Iso faime pensar que, quizais, o espectador modelo (receptor implícito) desta peza eran as mulleres e homes da aldea, o tío Antonino, Florinda... a avoa Manuela... un público que xa non está..."Rexurdimento. Coplas de cego", farsa aldeá, a primeira, seguramente a derradeira que saia deste maxín.

Vigo, marzo de 2006.

 

 

 

TRES POETAS, UN PAÍS E UN CEGO

(e non esquezamos ó criado furamozas)

por Basilio Losada Castro[*]

Escribo este limiar no meu último día como profesor na Universidade de Barcelona, e poida que sexa o limiar derradeiro que eu escriba. Nestas circunstancias, xubilares e xubilosas, hei manifestar que posiblemente non haxa satisfacción maior para un vello ensinante que poñer un prefacio á obra dun alumno. Afonso Becerra foi alumno meu, en distintos cursos e anos. Cando un profesor está a falar nunha aula, ten diante si unha masa imprecisa de rostros e de olladas -douscentos ollos cravados nun- nos que apenas pode distinguir trazos individuais, pero sempre aflora entre eles unha ollada curiosa, atenta, interesada. E iso, a posibilidade de que as palabras que un pronuncia, as ideas que un pretende sementar, esperten en alguén curiosidade e interese, é a parte maior das satisfaccións que o exercicio docente nos ofrece. Podo dicir que algúns que foron alumnos meus hai cincuenta anos, ou vinte, ou dez, son hoxe figuras moi alzadas na Literatura en castelán ou nas Letras catalanas. Afonso Becerra, galego de nación, dunha terra rentes da miña orixinal -o meu Val de Láncara limita ó Norde coas terras bravas que van erguéndose cara ós Ancares- foi alumno, excepcional alumno. A súa paixón creativa agromou en tres aspectos: a lingua e as letras nosas, de Galicia; a súa terra de Becerreá, e, poida que por riba de calquera outra, o teatro. Home de teatro, curioso, aberto e informado, ofrece hoxe o que é, supoño eu, o seu primeiro froito á dramátiica galega, este REXURDIMENTO no que conxuga alomenos dous deses tres amores que artellan a súa vida aínda nova.

Aparecen nesta obra as tres grandes figuras do noso Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal. E un cego, e un criado seu, pillabán e furamozas. O cego vai pedir ós poetas letras novas para os seus cantares, canso xa de cantar o que todo cego canta, sempre e coas mesmas palabras. E Rosalía, Curros e Pondal son maxinadospolo autor na súa vida cotián, xa a piques nas crebas das súas vidas, e a peza dramática convértese nun exercicio didáctico: poemas recitados, ou mellor, cantados. Porque a poesía naceu para ser cantada, e así foi alomenos ata o século XV-XVI. Despois veu a poesía para ler, e para ler mentalmente, erro quizais máis grave. Eu descubrín hai tempo que a poesía hai que pronunciala, lela en voz alta, porque a palabra é maxia e música, e non pode un escorregar sobre un verso ou unha estrofa sen catarlle o sentido, sen entrar realmente nel. E, a risco de pasar por tolo, leo en alto a poesía, e non sempre en privado, senón tamén nalgún espazo público, e gozo co espanto dos que me arrodean, e ás veces gozo tamén da súa gratitude.

En realidade, esta peza de teatro é unha escolma na que o celme popular dos versos de Rosalía conxúgase cabeatamente cos cantares do cego Saturio, non moi fino no manexo dos instrumentos pero cunha boa voz de home con medio século de vida ás costas e unha longa experiencia de falcatruadas e tamén de esperanzas e de frustracións. Un grande tipo, este cego, moi na liña do expresionismo popular, cun algo deValle-Inclán, que non é pouco, como do Lazarillo vén o criado Cirilo, amparo do cego Saturio. Os diálogos entre os dous, os parrafeos coas mozas, as loitas dos corpos e das palabras que, como un ritual, preceden ó encontro dos sexos, lume aceso, contan entre o mellor que eu teña lido no teatro noso, que dicir no teatro na nosa lingua. E, logo, o retrato dos tres grandes poetas, sorprendidos na súa vida máis cotián: Rosalía [...]; Pondal no seu desvarío derradeiro, soñando aínda cunha Galicia ceibe e aberta ó mundo desde as súas orixes vivificantes e remotas; Curros, no seu encontro co bispo ourensán que o excomungou, e a canseira infinda de tanta loita pola liberdade, e a saudade inmensa do trasterrado e perseguido.

Cumpría moita audacia para levar a Rosalía, a Curros e a Pondal á escena. Afonso Becerra é un home novo, e a fortuna axuda ós arriscados. E foi quen, este rapaz apaixoado polas artes do teatro, para poñer en vulto e en palabra a quen fixo posible que eu fose profesor de galego e Afonso fose o meu alumno. Sen eles, sen Rosalía, sen Curros, sen Pondal, Deus sabe o que todos nós seríamos. Ben pouca cousa, certamente, xente sen voz e sen presenza.

Sorte que tiven eu de ter alumnos destemidos, atentos, curiosos e informados como o meu amigo Afonso Becerra. El, e outros coma el, danme a esperanza de que cincuenta anos de traballo nas aulas serviron para algo, para moito quizais, vai ti a saber.

Basilio Losada Castro*

Barcelona, 20 de xuño do 2000

[*] Catedrático da Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona. Dpto. de Filoloxía
Románica - Area de Filoloxías Galega e Portuguesa.
Exerceu a Crítica Literaria, o ensaio, é traductor prolífico e novelista.

 

 

 

 

 

REXURDIMENTO

Visións dun cego.(farsa aldeá)

 

 

DRAMATIS PERSONAE:

CIRILO.

Mozo áxil e trouleiro, acompañante e amparo do cego Saturio.

CEGO SATURIO.

Retranqueiro, pouco virtuoso no tocar pero cunha grande voz chea de matices e sonoridades. Ben podería andar nos cincuenta anos.

RAMIRA.

É queixeira. Muller esplendorosa e oronda dunha voluminosidade considerable. Podería ser unha deusa neolítica. Tamén debe de ronda-los cincuenta.

FLORINDA, filla de Ramira.

Mociña guapa duns dezaseis ou dezasete anos.

VELLA CON CAXATA, sogra de Ramira e avoa de Florinda.

Non oe nin ve moi ben, excepto cando lle convén, claro está, ademais ten un xenio de seu, entre outras facultades, que é como para andarse con ollo. Reza na igrexa e fóra dela, ata lle reza a santos que non están canonizados nin autorizados para exerceren, pero ela é muller de responsos.

ROSALÍA DE CASTRO.

Poeta e muller, tamén nai, nos anos de mocidade quizais lle gustase ser actriz, por fin agora atopa a súa oportunidade.

EDUARDO PONDAL.

Bardo barbado. Home misterioso e inspirado.

MARGARIDA, a criada de Pondal.

Muller de confianza do poeta, amiga e confidente. Andará nos trinta anos.

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ.

Poeta loitador e insubornable.

BISPO de Ourense.

Mafioso eclesiástico, de corpo e pensamento pesados. Autoritario. Anda nuns sesenta ben coidados.

A acción ten lugar un Martes de Antroido, aló por finais do XIX, en Galicia.

(A obra está escrita de tal maneira que pode ser representada por dous actores e dúas actrices.)

 

 

 

ESCENA 1ª.

Diante da casa de Ramira, Cirilo vixía que non veña ninguén, mentres seu amo, o cego Saturio, goza no leito da xovenfilla.

Intensifícanse os saloucos, arriba na habitación, rinchan as táboas. Cirilo sobe pola parra e observa excitado a través da fiestracomo Saturio e Florinda se perden un no outro.

CIRILO.-Veña Saturio, agárrate ben!, touporroutou, zascarraschás...

Nunca tal vin... vaia orquestra de pirindengues... cómo lle sabe busca-lo xeito, o xeito do dereito o xeito do revés.

(Bótalle un berraco) Ei, Saturio, deixádeme subir que vai un frío que pela, facédeme un sitio que morro aterecido!

Non hai xustiza, moito xa che tocará - xa che tocará, e quen o pasa ben, ó final, é el, e eu aquí que devezo, a vixiar.

En pleno frenesí da parella e do mozo voyeur, aparece Ramira.

RAMIRA.- E seica te volviches tolo, rapaz?, moito escándalo fas na miña porta de mañá cedo. Viute o demo ou que tes?

Aparta que teño presa.

Cirilo brinca e rebrinca facéndolle as beiras á vella, facendo mil carantoñas.

CIRILO.-E vostede que presa ten? Bote uns pasos comigo que hoxe é Martes d'Antroido.

Zascarraschás, touporroutou...

Veña señora Ramira, que por aí din que baila vostede moi ben!

RAMIRA.- Arrenegado sexa o demo! E volvícheste tolo?

CIRILO.- Tolo por bailar con vostede, muller de formas cumpridas. Touporroutou, zascarraschás, baila na eira fermosa romeira,e ven para aquí a prende-lo meu lar.

RAMIRA.- Xesús, como se pode estar tan teso xa de mañá cedo! Déixame estar, galopín, demo de mozo! Déixame estar, que aínda ha de vi-lo meu Xan! Ai, mira que es pillabán!

CIRILO.-Xan... Xan Piricán da cabalo dun can, vente a bailar!

Cirilo guinda o pandeiro e sáenlle cen mans para asediar de cóxegas á rechoncha Ramira.

RAMIRA.- Tate quedo Cirilo! Lou che limpo us fociños dun sopapo!

(Apertándose a el) Ai, por Deus, déixame, que aínda ha de vi-lo meu Xan, e dimpois xa verás...! Ai-ai-ai... xa verás! Ummm... xa verás - xa verás! Galopín, galopín déixame. Vaite con mozas da túa idade, lambón.

CIRILO.-Non -non, que non podo! Vostede ten iso... que hai que ter... (Perdido nas ricas turxencias de Ramira.) ... Ummm qué quentiñas... ummm...

RAMIRA.- (Bótalle a manó pandeiro) Lambereteiro lambón que me perdes.

A filla de Ramira ceiba un salouco de pracer.

RAMIRA.-Vaite, marcha lambón, que paréceme que escoito rebumbio, aínda ha vir Xan...

Ai meu Deus!, seméllame escoitar á miña nena saloucar..., é ela... abofé que é ela, arriba na habitación. Déixame, tentador!, voulle acudir, non vaia ser que estea mala... Xesús, que berros máis penetrantes dá!

Dun empuxón sóltase de Cirilo, pero este impídelle o paso coas súas carantoñas e rexoubas.

RAMIRA.- Aparta! Sácateme de diante! Que ese saloucar nunca llo oín á miña nena.

CIRILO.-Puidera ser que tivese un mal soño. Os pesadelos, ás veces, fanlle a un berrar e, se se dá o caso, ata tirarse do leito.

RAMIRA.- Ti si que es un pesadelo. Onde vai o teu amo, o cego? El ten máis xeito e pódese falar, a ti pérdente os ollos, onde o deixaches, Cirilo?

CIRILO.- Ándalle de chimpafigos ás voltas. Ese si que non lle está na parra.

RAMIRA.- Chimpafigos, chimpafigos: chimpar heite de chimpar eu, lambón! Onde tes ó amo?

Vaite de aí facer esmorga a outra porta. Aparta, non me estorbes, que a miña filla delira, non vaia ter algo malo.

CIRILO.-Hanlle ser cousas do Antroido. Estará soñando con troulas...

RAMIRA.- Heille de dar eu troulas á condanada, aínda é moi nova para pensar en troulas...Que horas son estas de estar na cama, mentres a nai érguese co día e anda derrangada facendo pola vida?

A xuventude é o que ten, sempre ós biosbardos en vez de axudar!

Quita - quita...

Sae disparada cara á casa. Portazo.

CIRILO.-(Decepcionado) Vaia ho, mira cómo me deixa, mira... agora que estaba entrando en calor, xusto agora, mira cómo me deixa... heime ter que servir so, e teño ben cansas as mans de tocarlle a pelica ó pandeiro. Tamén manda carallo hai que ser oportuno!

Rumores e ruxe ruxe na casa.

VOZ DE RAMIRA.- (A voces: ) Abre a porta Florinda que son túa nai! Ábreme a porta meniña que me tes preocupada!

VOZ DE FLORINDA.- (Baixiño, con urxencia: ) Dáme a man.

Aparece o busto de Florinda na ventá.

FLORINDA.-Oi, solta, déixame xa! Que fas...? Oh, será posible...! Veña, dáme a man, non sexas malo, vah... por aquí, por aquí...

Xunto á mociña, na ventá, aparece agora Saturio, aínda aceso de paixón.

SATURIO.-Miña xoia... tesme baldado e aínda devezo por ti... deixa que che acariñe as fazulas unha vez máis... déixame que che cofee eses peitiños tan feiticeiros... ummm...

FLORINDA.- (A salaios suaves: ) Ummm... cego enmeigador... cego, cego, que non ves o perigo... Vaite, por favor... Deica a noite, deica a noite, vaite...

SATURIO.-Só un aloumiño máis, só un.

VOZ DE RAMIRA.- (Forte: ) Florinda, filla! Segues a murmurar? Se non abres vou busca-lo teu pai. Isto non pode ser! Á cabeza véñenme mil imaxinacións. (Para si mesma: ) Só agardo equivocarme, senón mátame Xan. (Forte: ) Florinda, filla!

FLORINDA.- (Baixiño, con urxencia: ) Coidado, coidado, non vaias caer, meu sol, por aquí, sae por aquí! Vas ben... (Berrando: ) Mamá, non te preocupes, non me pasa nada, xa vou... (Voz baixa, con urxencia: ) Ai... e dálle, que me deixes, Saturio, ti queres busca-la ruína!

A ver, primeiro as pernas, bota as pernas, vah... agárrate a min... así, fóra.

O cego bota as pernas fóra, non lle deu tempo sequera a subirse os pantalóns e véselle o cu. A nena bota medio corpo por riba das costas do cego e tentade subirlle os calzóns.

FLORINDA.-Ai!, espera, espera... os calzóns, os calzóns, que os levas no fondo das pernas, sóbeos, corre.

SATURIO.- Non podo solta-las mans!

FLORINDA.- É verdade, espera que chos subo eu.

Saturio debe de te-la cabeza entre as pernas da moza.

FLORINDA.- Oh, pero, pero qué fas! Ai, Saturio, sátiro, que lingua máis fozadora tes, oh, oh, oh, Saturio!

VOZ DE RAMIRA.- Florinda!

Florinda dálle un bo azoute no cu ó cego.

FLORINDA.- Vale xa, vale xa, vaite, vaite, sátiro!

VOZ DE RAMIRA.- (A voces: ) "Vaite", dixo "vaite"? Que dis, non te entendo? Malpocada non me fagas sufrir máis. Fálame nena e abre a porta a túa nai!

FLORINDA.- (Forte: ) Vai frío, estou buscando un abrigo e xa vou, mamá!, estate tranquila. Acordei toda suada soñando que me perseguían, e agora con este clima dáme coraxe saír do leito...

VOZ DE RAMIRA.- (Forte. A piques de perde-la paciencia.) Pois se non atopas abrigo, envólvete nunha manta, pero franquéame a porta dunha vez por todas.

FLORINDA.- (Piano. Apurada.) Meu vello tolo, abur! (Forte: ) Xa está, mamá.

O cego Saturio descólgase pola parra.

O galopín sitúase no toro para botarlle unha man ó amo.

SATURIO.- (Cara a ventá de Florinda: ) Abur amorciño, deica a noite. (Cara abaixo: ) E ti non me tóque-lo cu, carallo.

O cego toca terra.

CIRILO.- (Coma medio enfurruñado.) Aínda por riba... 'cago en diola, qué fino, vesme moi sensible!

SATURIO: Home e logo! Tráioche moi traballado o instrumento, e ó fin e ó cabo os homes se queremos ir finos polo mundo tamén temos que buscar quen nos afine, eh ho?, é así, ou non é así? Ti xa o saberás dabondo, que aínda es moi novo, pero iso lou s'aprende, e ti date por contento que tes un bo maiestro, ó fin e ó cabo, eh ho? : un virtuoso, ou non? Eh ho?

CIRILO:(Para si mesmo.) Moito lle debeu estarrica-la pirola a Florinda, que vén moi paroleiro este demo.

Óense na casa ruxir ferrollos.

VOZ DE FLORINDA.- Mami, mami xa che...

Hostia sonora.

A mociña rómpese en laios.

VOZ DE RAMIRA.- Por tardar tanto...

VOZ DE FLORINDA.- (Xemendo entrecortada: ) ... pero mami xa che dixen que...

Hostia que Deus te criou.

Os laios da moza esnaquízanse ó cadrado.

VOZ DE RAMIRA.- ...Por se o que penso é certo, mala pécora, por armar tanto escándalo... Será posible coa perica esta!

VOZ DE FLORINDA.- (Entre laídos e afogos: ) ... pero se xa che dixen que tiven un...

Hostia ó canto, limpa coma un azoute nun bo cu.

A moza desbórdase en laios.

VOZ DE RAMIRA.- Non hai pero que valla! Logo veñen os díxome- díxome, renegada, ti buscas andar na boca da xente, alomenos, se non queres mirar por ti, mira polo teu pai, quéreslle estraga-la carreira política? Pobre infeliz, non sabes como é a xente... A teu pai estalle custando subir, ata o de "Xan" tivo que cambiar y ahora es Don Juan, que todo el día se pasa alternando en la ciudad... y luego las pago yo, claro.

Pensa nel, renegada, que por ti eses esforzos fai... pensa...

VOZ DE FLORINDA.- (Xemebunda a mares.) ... Si, mami, mami pero xa...

E de novo, coma un lampo, unha hostia.

Os laios xa non son laios de tan laios.

VOZ DE RAMIRA.- (Taxativa.) Non hai pero que valla, cona que te botou! Hai que ser máis disimulada. Se non se pode co corpo hai que ser máis disimulada. Poida que fose o que penso. Poida que fose. Fose ou non fose: aquí morre o conto, san seacabó.

Saturio principia unha copla para tentar calmar a fereza da nai. Cirilo saca dun maletín uns monicreques coloridos e, agachado baixo a capa do cego, move un teatriño no que os títeres representan as escenas que canta o vello.

SATURIO.- Veñan señores i escoiten

farei que esquezan as bágoas

que sei os cantos millores

as hestorias máis estranas....

Timidamente asómase, chorosa, Florinda á ventá. O cego que a venta no vento, sorrille e fai reverencia para deixarlle un beixo ó aire. Florinda enxuga os ollos e funga, sorbe o beixo do aire, engordiño, vólvellea ledicia ó rostro e o beixo ó cego.

SATURIO.-Verán un caso chocante

nas montañas do Cebreiro,

con unha nena ben feita

que casou con un gaiteiro.

Óense pasos na casa, retírase alporizada a moza da fiestra, e ó pouco, louzá e relumbrante, asómase de medio corpo Ramira.

RAMIRA.- (Para si mesma.) Dá xenio velo! Que mozo baril!

O cantar do cego e os títeres do galopín, zongue que zongue, dálle que dálle, son unha ledicia.

SATURIO.-I el chamábase Cristobo

ion día vendeu a gaita,

enfadóuselle a mullere,

seica lle facía falta.

CIRILO.--Pois non te enfades mullere

porque che vendín a gaita,

vendina porque era vella

i estaba toda estragada.

--Pois boa cousa fixeches,

seica te tentou o demo,

xa podes marchar da casa,

eu sen gaita non te quero.

SATURIO.-I outro día Cristobo

veu ó escurecer pra casa,

saliulle a muller á porta

por ver se traguía gaita.

I en canto lle viu a nova

botoulle a mau ó punteiro.

CIRILO.--Esta si que che é graciosa

tiruliru meu gaiteiro.

RAMIRA.- (Aplaude e ceiba risotadas compracentes.) Bravo, bravo, bravo! Son vostedes xeniais. Tiruliru-tiruliru, estupendos, xeniais, tiruliru-tiruliru, qué arte .

O bululú fai as reverencias. Ramira chóscalle un ollo a Cirilo. Cirilo correspóndea cun pulo pelviano.

SATURIO.-(Grandilocuente.) Mil grazas bela dama, que poucas teño visto tan fermosas.

(A Cirilo) É ben certo que a música amansa as feras.

RAMIRA.-Señor Saturio, é vostede un artista, estaba eu aquí arriba tremendo de emoción, coma sempre me acontece cos seus romances, e é que ás veces conta unhas hestorias de tanto sentimento que a min róubame a ánima.

SATURIO.- Iso non lle é só mérito meu...

RAMIRA.-Ai, por suposto, ese galopín que trae con vostede é o rei dos bonecos, qué maneira de movelos, qué paixón lles pon, qué pulos lles dá, que mesmiño parecen vivos! Sen dúbida o Cirilo ten un mérito moi rexo, un mérito notable, un mérito contundente, un mérito... (Chóscalle de novo, con picardía, un ollo ó rapazolo.)

CIRILO.-(Algareiro.) Grazas miña señora. É vostede...

SATURIO.- El tamén, claro que si, o Cirilo é o mellor regalo que me deu o Ceo para me amparar, pero eu referíame, máis ben, a vostede, cómpre contar cun público tan selecto coma vostede, Dona Ramira, non todo o mundo lle posúe esa súa sensibilidade tan especial. Dona Ramira, eu considéroa a vostede aínda máis artista ca nós, pobres demos...

RAMIRA.- (Para si mesma.) A este convén telo a favor, porque senón... Deus nos libre, ten unha lingua que é un veleno.

Dá tanto gusto falar con vostede, Don Saturio, séntese unha elevada. Xa antes preguntei por vostede ó seu galopín, pero como é tan bromista andou engatusa-engatusa e non me acabou de dicir qué era de vostede, e ben que me estrañou non os atopar xuntos ós dous... xa se sabe, á mocidade non se debe deixar soa, andan ós biosbardos, e se un se descoida...

SATURIO.- Todos fomos novos, vostede, sen vela, adivíñolle na voz que aínda non debe ser moi maior.

RAMIRA.- Cale, cale, por Deus, que me vai facer poñer colorada, e xa non son anos...

SATURIO.- E que lles pasaba esta mañá, que me pareceu sentir rebumbio na casa?

RAMIRA.- Esta mañá?, cando?... (Coma cavilativa.) Ah, si oh, esta mañá...!, pois nada, que nos ía pasar? Cousas da mocidade: miña filla tiña un antollo, e tívenllo que quitar da cabeza. Estalle nunha idade moi mala, e hai que ir corrixíndoa.

SATURIO.- Ben logo, menos mal que non foi nada, eu téñoas en boa estima, y alSeñor Don Juan también, que xa se di que gañará as eleuciós.

RAMIRA.- Agradézolle a súa preocupación por nós. E o voto se o dá, tamén. Meu home está tan ocupado, entregado á política...

SATURIO.- Ben, Señora, agora temos que facer camiño, na busca de novas coplas, que esta noite xa temos que estar de volta. Hai que aproveita-lo día para viaxar, neste tempo logo escurece, e dous cegos non valen nada.

Permíteme que lle bique a man Dona Ramira?

RAMIRA.- Ai, por suposto, faltaría máis!

Ramira baixa toda apurada e estende o seu brazo, coqueta. Cirilo guía ó cego ata ela, que lle lambe a man nun bico bobino.

SATURIO.-...E recordos para o seu marido, home podente.

RAMIRA.-Boa viaxe e volvan cando queiran que serán ben recibidos.

Ramira achégase a Cirilo e murmúralle querenciosa e lasciva.

RAMIRA.-Esta noite non estará Xan, e a nena marchará para a foliada.

Van marchando o cego e o galopín. Ramira ficana porta compoñéndose. Os cristais da fiestra embázanse co fío do alento da moza.

 

 

ESCENA 2.

Nunha encrucillada. Ó lado hai unha capela.

SATURIO.- Aquí non fai falta que sáque-los monicreques, os cativos e a xuventude aínda han estar folgando na cama, o Antroido vén forte este ano.
Repenica un aire de muiñeira que axiña ha pasar xente, e cando asomen fasme o sinal que empezo cun romance truculento.

CIRILO.- Truculento! Antes dáme un goto de viño que teño a gorxa seca, e nin con truco nin sen truco me sae palabra.

SATURIO.- Con truco ou sen truco, toca, carallo, o que che digo, que canto. Co viño e contigo hai que levar medida, que despois trócaste nun galo galeador e non usas de precaución. Bebe auga, que aquí cerca parece que roxe unha fonte.

CIRILO.- Dame viño, dame viño,
auga non ha podo ver,
sonche desta condición
con ela hei de morrer.

SATURIO.- (Interrómpeo con brusquidade.) Non me sexas nocivo! Queres face-la regueifa comigo, ou que? Non tes siso... Se queres molla-lo bico toca o pandeiro comigo. Fai o introito, bourean o amén, axiña sairán da capela, detelos asunto teu é.

CIRILO.- E iso que lle pedín?

SATURIO.- E dálle, vuelta la burra al trigo. Fai o que che digo, carallo, que veñen!

CIRILO.- (Con sorna, entoa.)
Este pandeiro que toco
era de cuiro d'armiño
que morriu á túa porta
por unha sede de viño.

SATURIO.- (Arrenegando.) Non me sexas nocivo! Deute o demo vingativo... Se fas isto por un goto de viño... que non farás por causas maiores? Toma, anda... (Tíralle a bota, Cirilo péscaa no aire.) Galopín, vaite a modo... terma del, que nos ten que chegar para a foliada da noite... Hoxe paréceme a min que os dous habemos de durmir quentes... eh ho?
Veña, dálle ó introito, que sexa ledo, que hoxe e Martes d'Antroido.

CIRILO.- (Entoa rebuldeiro co bico mollado.)
Este pandeiro que toco
é de pelica de ovella
onte corría no monte
hoxe toca que rabea.
Deprendeume miña nai
a tocar a pandereta,
deprendeume miña nai
cando me sacou da teta.
Este pandeiro que toco
sinte como unha persoa,
unhas veces canta e ríe
outras veces ríe e chora.
Veñan señores i escoiten
o cantar deste ceguiño
que lles trai mil marabillas
todas lle saen do fuciño.
Veñan i escoiten señores
que estamos ben informados
dos sucesos deste mundo
e dos de tempos pasados.

Cirilo desenvolve un cartel no que se ilustran os cadros do relato que canta o cego, e cunha bariña vai sinalándoos.

CIRILO.- (Anunciando o lance.) "Truculenta hestoria, que bien podiera terse evitado se estuviera la sogra na casa."

SATURIO.- En la vila del Rabiño,
partido de Corteghada,
habitaba un matrimonio,
modelo de fe cristiana.
Chamábase el Don Xaquín,
i su esposa Dona iAna,
i venían del Brasile
i tragueran mucha prata.
A eso de la media noche
cando el ghallo ya cantaba,
por la puerta del gardín
los criminales entraban.
Cogieron a Don Xaquín,
ia su esposa Dona iAna
le metieron en la boca
un colchón i dos almohadas,
un gran mantón d'ocho puntas
un cobertor i dos mantas.
En el piso prencipal
la criada daba gritos
sen que naide la acodiera,
ni los mesmos anguelitos.
La cogen por la cintura,
la chimpan por la ventana
i va caer de fociños
ond'estaba la estercada,
i allí entre malos olores
a Dios entregó su alma.

CIRILO.- Madres que tenedes niños,
niños que vais a la escola,
no olvidéis que es necesario
tener en casa la sogra.
Pues si a veces nos insultan
nos maltratan i nos peghan,
también nos guardan la casa
mejor cun perro de presa.

La - la - lá - ra - lá...

Unha vella Gorgona, coma un corvo negra e corcovada, achégase fóra de si, interrompendo o espectáculo.

VELLA.- Mala idea traes Saturio! As varíolas que che picaron os ollos tamén che habían de pica-la lingua!

CIRILO.- Ai Saturio, Saturio, paréceme que non acertaches co repertorio!

VELLA.- Mala idea traes! Soletreas un idioma moi fino, Saturio, pero atacas temas moi bárbaros, renegado.

CIRILO.- Pregúntalle se por un casual é sogra, Saturio?

VELLA.- Home, home, o mínimo que se ha de ter é un respeuto ás mulleres maiores! E a familia? Home, home... andar con esas lerias... iso é cagar na padricanzaina.

CIRILO.- (Burleiro.) Aínda nos ha zoscar, e iso que vén de rezar.

SATURIO.- Perdoe señora, a composición estalle feita así, se non a quere mercar, non a merque, ninguén a obriga, pero non nos espante a xente con esas exclamacións, que aínda pensarán que lle fixemos tratos deshonestos.

VELLA.- Tampouco ninguén me ten porque obrigar a escoitar desvergoñas semellantes, e por riba neste lugar sagrado. Non ten letras menos comprometidas? Ou, polo menos, que non ofendan.

CIRILO.- Esta élle "la verdadera hestoria del crimen horrendo..." A hestoria verídica de Don Xaquín e Dona iAna... ós que lles faltou unha muller como vostede na casa.

VELLA.- (Toda alporizada, pega nel coa caxata.) Nin que eu fora unha fera! Ven que te pille. Se non tes quen t'aduque heite d'aducar eu de vez. Rediaños, mocidade perdida! Así pasan dimpois as cousas que pasan polo mundo adiante, rediaños.

Cirilo faille a figa. A vella dóbrase a coller un croio, guíndallo, e acértalle.

CIRILO.- (Doído.) Bruxa...!

VELLA.- (Con riso malicioso) Se se tercia aínda me sei defender.

SATURIO.- Cala Cirilo, agora non te queixes, hai que saber con quen se xoga, e se non apandar coas consecuencias.

VELLA.- (Chea de razón.) Aí, aí, aí lle doe. Non todo vai ser coser e cantar, eh, rapaz? O primeiro é a homildá e o respeuto. (Agarimadora.) Ven, anda... ven pr'aquí que che cure a ferida... Ven, non teñas medo, rapaz... ven ho, que che limpo a meixela, non ves que así non te han quere-las mozas, ven caraveliño...

Mecoso vaise achegando Cirilo. Cando o ten ó alcance, o demo da vella encáixalle unha boa patada no cu.

VELLA.- Se son bruxa é cousa miña!

CIRILO.- Madia leva, bruxa titulada que, en vez de vasoira, leva caxata.

SATURIO.- Aínda tes que dicir, testarrán?

VELLA.- Xa o aducará o mundo, non lle hai mestre mellor.
E iso da sogra, na cantiga, atópoo de mal gusto. Vaia papel que lle toca! Non, señor Saturio, iso non é de lei, deixar así ás sogras.

SATURIO.- Eu non opino, os sucesos eu non os provoco. Cando acontece algún relevante, vou xunto ó licenciado e mércolle a composición. Eu póñolle o instrumento, e o Cirilo acompaña cos monicreques, ou toca o pandeiro, e píntalle uns carteis, que ata os doutores de Santiago se teñen quedado pasmados. Do restante nós non lle temos culpa.
Ademais, pronto habemos ter cantares mellores, que imos pedirlle un a Rosalía.

CIRILO.- (Que reacciona.) A Rosalía de Castro?

SATURIO.- Si, galopín, a Rosalía de Castro.

VELLA.- (Sen dar creto) Á Santiña?

CIRILO.- Parece vostede o Papa de Roma.

VELLA.- Terase visto nunca un desvergoñado coma este! Aínda che hei de quenta-lo pandeiro.
Como vos atrevedes a pensar que vos ía recibir, a vosoutros dous, a Santiña?

CIRILO.- E dálle cos santos, me cago en diola! Non imos ir onda unha estatua. Imos visitar a Rosalía, que está viva.

VELLA.- A Padrón a comer pementos, que vos piquen ben na gorxa, a ver se vos abrasan o atrevemento, e calades, porque barbaridades xa levades ditas unhas cantas.

CIRILO.- Cala bruxa e bótame as cartas.

SATURIO.- Teño oído eu que Rosalía ten uns Cantares gallegos, feitos coa nosa fala e unhas Follas Novas cheas de verdade. Letras que falan de nós, de todos nós. Cos anos un vai aprendendo algo, e xa vai sendo hora de cambiar.

VELLA.- Sabedes moita letra miúda, pícaros.
(Para si mesma rosma.) Xunto a Rosalía de Castro, estes soñan! E deben de pensar que nacín onte.

CIRILO.- Vostede cáeme ben, señora meiga, por iso antes de cambia-lo repertorio aínda lle hei regalar uns cantes nosos que lle han gustar, abofé.

VELLA.- Ala, rapaz, que hoxe toca. Principia que hai que ir indo a xantar, e a caxata non me funciona para voar.

CIRILO.- O cura e maila criada
ordenaron de cocer,
tiñan a leña no monte
i a fariña por moer.
Io cura cando vai fóra
mont'a criada na mula,
na primeira ramalleira
dálle unha sacodedura.
O cura e maila criada
foron te-los cabritiños,
a criada cai de espaldas
io cura cai de fuciños.
Ios collois do cura vello
van nun carro car'ó inferno,
ia criada vai detrás:
tó Castaño vent'ó rego.

Touporroutou, zascarraschás...

VELLA.- (Cun riso malicioso.) Báilache a graza no corpo, non se che pode negar.
Xa pode estar contento señor Saturio, leva consigo un bo comediante.

SATURIO.- Non me podo queixar, é algo cabezán, pero polo resto non o hai máis habilidoso.

VELLA.- (Con sorna) Ah, si! Non vos esquezades de virme visitar cando volvades de ver á Santiña.
Puidera ser que ata vos convide a merendar.

SATURIO.- Déao vostede por feito, que aquí viremos cantar, e logo merendaremos.

VELLA.- Ben, ben... pero os cantares teñen que ser de Rosalía, eh.
Ata a volta!

Desaparece a vella.

SATURIO.- Qué bárbara.

CIRILO.- Tiñámoslle que cantar aquilo de:


Unha vella, moito vella,
cun peido matou a outra,
malo raio parta á vella
que forza ten na petouta.

Rin os dous coma descosidos.

SATURIO.- Si, si... ou aquela que di:


Unha vella, moito vella,
xa tiña a cabeza branca,
botou un peido na cama
e fixo fuxir a manta.

CIRILO.- Vaia bruxa!

SATURIO.- Ai, chaval, eu vou botar unha sonetada aquí mesmo, que hai que estar descansado para a foliada desta noite.

O cego recóstase para durmir.

CIRILO.- (Burleiro) Así que a Rosalía, eh?

SATURIO.- Si, galopín, e a don Eduardo Pondal, e a Manuel Curros. E agora cala que preciso durmir un pouco.

CIRILO.- Menudo repertorio, eh Saturio!.

SATURIO.- Hai que rexurdir meu fillo... Ala, déixame descansar.

CIRILO.- Escoita, Saturio, xa se me ocorreu o introito que farei cando teñamos ese novo repertorio. Heiche facer un ensaio, a ver que che parece a presentación:

Veñan señores i escoiten,
poñan boa atención,

Pois verán o nunca visto,
toda unha alucinación:

Ben lles podo xurar que o cego a Rosalía veu,
E a Pondal e a Curros tamén, iso lles xuro eu,
Algo tan certo coma que choven cartos do ceu.

SATURIO.- Cirilo, Cirilo, non me búsque-lo xenio coas túas burlas que dimpois... Máis che vale durmir.

CIRILO.- Hai soños que me fan rir.

SATURIO.- Cala Cirilo, ponte a durmir.

Vanse quedando durmidos.

 

 

 

 

ESCENA 3.

 

Entra Rosalía de Castro no soño do cego.

ROSALÍA.- Escribir... non é fácil. Grande atrevemento é, sin duda, pra un probe inxenio como o que me cadrou en sorte. Grande atrevemento, ata quizais sexa unha soberbia falar desde a escrita, unha contradicción, cando ós que ti te dirixes, os que estimas e queres, nin saben tan sequera ler...

SATURIO.- A xente non só precisa comer e beber... tamén ten necesidade de cousas fermosas.
Os sucesos morbosos que nós cantamos.... lou se cantan, lou se gastan, son como a auga nun cesto.

ROSALÍA.- A súa arte, Saturio, tamén pode ser unha lección, ou un suxerente manancial de sensaciós. Lembro ter escoitado algúns romances que me arreguizaban, (Ri.) e despois pola noite non podía durmir..., ou se me mandaban por auga á fonte morría de medo polo camiño, imaxinando asasinos, ladras, monstros de longas garras como aqueles dos romances...


Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.
¡Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo!.

SATURIO.- Sucesos sempre ha de haber, e quen os conte tamén, e chegará un punto no que o público, acostumado, non se deixará impresionar, e tanto lle terá o que lle poñan diante.

ROSALÍA.- (Leda) Ten vostede un aire de Tiresias.

SATURIO.- Ese era meu pai, e sei que aínda lle me semello.

ROSALÍA.- Certamente. Eu penso, Saturio, que hai ondiñas no ambiente que gardan moitos segredos, e que non se ven cos ollos...

CIRILO.- (Sacándoos da ensoñación.) Desde que lles oín ás Corais cantar os seus cantares, sempre desexei escenificar algún cos nosos bonecos, ou acompañalo co meu pandeiro.

ROSALÍA.- Non sei se che servirán para iso, es moi amable, mozo.
Tiña boas ganas de coñecelo, señor Saturio, teño oído falar moito de vostede, xa antes de irme a Madrid.

SATURIO.- Agradécese, pero eu non lle son ninguén.

ROSALÍA.- Ninguén é niguén, e no fondo nada somos, xa se sabe.

SATURIO.- Vostede é letrada, e a sabenza sempre axuda.

ROSALÍA.- Vostede cre?

SATURIO.- A ánima vese máis alumada cando un ten escola.

ROSALÍA.- A miña escola élle como a súa, case que témo-la mesma.

SATURIO.- A min fáltame a dos ollos.

ROSALÍA.- Mozo, e ti non dis nada?, como te chamas?

CIRILO.- Cirilo.

ROSALÍA.- Cirilo, en que pensabas?

CIRILO.- ... En nada...

ROSALÍA.- Aí está, sempre por algún lado, a nada. (Para si mesma.) Onde se mete entón Deus?

SATURIO.- Este mozo, se se lle dá confianza é perigoso, hai que vixialo... ten a natura moi solta.

ROSALÍA.- Está feito un gaiteiro.
Non lles deixo marchar sen que me canten algo.

CIRILO.- E despois, recitaranos vostede algún poema seu?

ROSALÍA.- Claro que si. Ademais, algún divertido.
Veña, Cirilo!, anímaste?

CIRILO.- Imos aló.

SATURIO.- Galopín que te vexo!

CIRILO.- (Ri.) Que me vai ver, Saturio, que me vai ver, vostede?
(Repenica no pandeiro e principia así: )
Touporroutou, zascarraschás...
Eu ben vin o gaiteiro da moca,
eu ben o vin e ben sei como toca,
eu ben o vin eu ben o vin,
inda non toca tan ben coma min.

ROSALÍA.- Un repoludo gaiteiro,
de pano sedán vestido,
como un príncipe cumprido,
cariñoso e falangueiro,
entre os mozos o pirmeiro
e nas suidades sin par,
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña:

CIRILO.- -Con esta miña gaitiña ás nenas hei de engañar.

ROSALÍA.- Sempre pola vila entraba
con aquel de señorío;
sempre con poxante brío
co tambor se acompasaba;
e si na gaita sopraba,
era tan dose soprar,
que ben fixera en cantar
aló pola mañanciña:


CIRILO.-
Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Para festa que armaron nin fixo falta tal gaita. O cego aplaude e fai aturuxos mentres Rosalía e Cirilo saúdan con xenuflexión coma se fosen dous artistas de varietés.

SATURIO.- Eu que ando os camiños ben sentín dicir que vostede, dona Rosalía, xa tivera sona como actriz, en Santiago, e agora sei que é certo.
Escoite, rabeo polos seus cantares, eu levo feitos uns aforros, pagaríalle o que fora preciso. A súa poesía iría polos camiños coma o suceso máis importante.

ROSALÍA.- Neste caso tería que ser eu a pagadora, porque alguén se preste a devolverlle ó pobo as verbas que el me deixou.
Non aprendín en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada sólo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados, que tan dosemente resoaron nos meus oídos desde a cuna, e que foran recollidos polo meu corazón como harencia propia.

SATURIO.- O segredo da medicina da súa verba, ese debe de ser.

ROSALÍA.- Non hai segredo. Cantos, bágoas, queixas, sospiros... todo aquelo que pola súa forma e colorido é dino de ser cantado, todo o que tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegase a conmoverme, todo esto m'atrevín a cantar.

CIRILO.- Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.


ROSALÍA.- Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;

SATURIO.- de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.

ROSALÍA.- É así, meus amigos.


(Prodúcese un silencio.)


Luz e progreso en todas partes..., pero
as dudas nos corazós,
e bágoas que un non sabe por qué corren,
e dores que un non saben por qué son.

...
Pero estes sonlle outros cantares que quizais non conveñan tanto ó avío dun cego e máis do seu galopín para gañarse o necesario sustento. (Dirixíndose ó público.) Esta xente quere acción, movemento, velocidade...
Non, os medos de dentro é mellor deixalos no papel, deixalos durmir...
Anque, ás veces, as cousas teñen de ser como as fan as circunstancias, e si eu non puden nunca fuxir ás miñas tristezas, os meus versos menos. Nin aínda cando quero falar de tantas cousas como andan hoxe no aire e no noso corazón. ¡Tola de min! ¿No aire, dixen?. No meu corazón, inda. Mais ¿fóra del?. Aunque en verdade, ¿que lle pasará a un que non sea como se pasase en tódolos demais?.

¿Qué pasa ó redor de min?
¿Qué me pasa que eu non sei?
Teño medo dunha cousa
que vive e que non se ve.
Teño medo á desgracia traidora
que ven, e que nunca se sabe ónde ven.
...

Pero estes sonlles outros cantares que xa non son cantares. Isto non, isto non... quizais non lles conveña...

Vaite, noi-
te, --vai fuxin-
do. -Vente, auro-
ra, --vente abrin-
do, --co teu ros-
tro -que, sorrin-
do, --¡¡¡ a sombra espanta !!!.

 

 

 


ESCENA 4.

 

 

Casa fidalga en Ponteceso (A Coruña), ás orelas do río Anllóns.
Entra Margarida, a ama de chaves, acompañando a Cirilo para presentarllo a Pondal.
Cando están no luxoso salón, escoitase un estarrecedor berro do bardo barbado. Cirilo, que xa estaba arrepiado pola fastosidade da cova do bardo, fica agora aterrorizado, Margarida tenta calmalo.

MARGARIDA.- (En voz baixa) Ai, señor Cirilo...! Vostede non se asuste, nin pense mal de meu amo!

Vólvese a escoitar un alarido estraño do bardo. Cirilo treme.

CIRILO.- (Que quere facerse o valente. Apégase a ela tremeliquento.) ...Vostede, á miña beira, señorita, perda coidado... eu para o que se tercie aquí estou, non se...

MARGARIDA.- (Gustosa.) Ai, SI..., ai... si..., pero teña tino que me afoga!

CIRILO.- (Confuso e medorento.) Vostede cre que...?

MARGARIDA.- Ai, si... se non se aparta un pouco vaime afogar!

CIRILO.- ...cre que me recibirá?

MARGARIDA.- Quen?

CIRILO.- Que?

MARGARIDA.- (Melosa.) Que me vai afogar se continúa vostede apertándome.

CIRILO.- Podes atuarme, non cres?

MARGARIDA.- Atúote, pero ti a min trátame de vostede.

CIRILO.- Se che gusta máis, pois vale.

MARGARIDA.- (Insiste: ) "Se LLE gusta... se a vostede, señorita, lle gusta". Ai, e non me oprimas tanto! (Para o seu chaleque.) Por Deus, este home é un polbo: cantas mans ten?

CIRILO.- Pois perdoe vostede, señorita.

MARGARIDA.- Iso está mellor.

O bardo barbado berra arroutado.
Coma cun resorte Cirilo e a Criada vólvense axuntar.

VOZ DE PONDAL.- (Chouta que chouta.) Téñote, téñote, agora si...! Ai... agora, agora si...!

CIRILO.- (Espantado.) Vostede cre que será prudente irlle falar?

MARGARIDA.- Antes era médico, agora éche poeta... débeo de estar collendo a inspiración... é típico! (Con premeditado misterio) Está no trance.

CIRILO.- Máis ben parece ó revés, que sexa el quen a debe de estar collendo a ela...

MARGARIDA.- Non penses mal, ten momentos así... especiais...

CIRILO.- Sendo home de ciencias...

MARGARIDA.- (Confidencial.) Padece algo dos nervios, pero canto máis brinca, máis axiña lle pasa.
Por que estás tan branco?

CIRILO.- E se non me recibe ben?

MARGARIDA.- OH...!

CIRILO.- Que che pasa?, quero dicir: que lle pasa, señorita?

MARGARIDA.- (Apurada.) Estasme cravando un xeonllo na...!

CIRILO.- (Cun sorriso inocente.) Síntoo.

MARGARIDA.- Pois non o sintas e quita esa perna de entre as miñas.

CIRILO.- Ai, ten vostede razón, señorita... (Recolócase.) Así está millor?

MARGARIDA.- Si, se non fose que me estás pisando un pé.

CIRILO.- (Cun risiño.) Ai, qué torpe, perdoe vostede, señorita... (Recolócase.) Así está millor?

MARGARIDA.- Estás nervioso, Cirilín?

CIRILO.- Eu...!, que vah!

MARGARIDA.- Non te preocupes, ho. E non penses mal do señor Pondal. Meu amo é do mellorciño.

CIRILO.- Vaia carácter que debe de ter! Non sei se viría en boa hora. Saturio, envioume aquí, mentres el vai falar co señor Curros Enríquez. Non sei se mo faría adrede, o condanado do cego.

MARGARIDA.- (Agarimadora.) E logo: arrepínteste de vir?

CIRILO.- Non... o que pasa é que quizais...

Prorrompe Pondal no salón coma posuído por forzas ultraterrenas, relouca e corre arredor doescritorio. Cirilo observa, estupefacto, as evolucións portentosas do bardo barbado, acochado trala saia de Margarida.
Pondal alanca e bracea con arrouto querendo atrapar non se sabe qué no ar, o alento apurado, o xesto desencaixado, chouteiro demais para a súa idade.
A ama de chaves non desaproveita o achegamento do galopín e apértao gustosa contra ela.

PONDAL.- (Excitado, á caza de sombras fuxitivas. Fai espaventos, ceiba sons viscerais.)
Enganosa Morpeguite,
fada do doce mirar;
filla lixeira da brétoma,
de corpo leve e lanzal;
presurosa compañeira
da virazón da mañán:
lévenme os demos, se agora
me has de volver a escapar,
nin outra vez, como anguía,
te me has de escorrer das mans.

De súpeto óese unha voz feminina ecoante, que semella vir do máis alá, como se os esforzos do poeta e as súas invocacións fosen atendidas.
Cirilo permanece estupefacto, collido a Margarida.

A VOZ DA FADA.- Mira, estate quedo, Mouco,
Mouco, non me fagas mal;
se me soltas che prometo,
me obrigo de che contar
quen repousa na Arca de Ogas
desde a nosa antiga edá;
non me prendas a faldra de brétoma,
déixame, Mouco, vagar.

PONDAL.- Fóra leria... As túas mentiras
cansado estou de escuitar;
en ti curarei á forza
as suidades daquel mal,
que deixas na alma, cando
correndo soes pasar.
Hei de fartarme de ti
cho xuro por miña nai;
coma un oso que atopa famento
de mel un doce panal.

Pondal cae extenuado, alasando.

PONDAL.- (...)
Quezais celeste
reminiscencia
es doutra vida que pasei xa;
quezais presaxio
doutra existencia
misteriosa que índa virá.
Virxen dos celtas de amigos astros,
dos nobres celtas
fortes e bos;
quezais habitas nos verdes castros,
xenio dos nosos
grandes avós.
E pois no cárcere que ó home encerra,
pracer non acha,
tregua ou solaz,
detén un pouco
na escura terra
o teu gracioso paso fugaz.
E me apreixando
dos teus garridos,
gracioso velo de ledo tul,
nos perderemos
do van collidos,
dos patrios eidos no brando azul.

O poeta fica derrubado no chan coma ferido de guerra.

MARGARIDA.- Soñando está o bardo
cun vago soñar,
á beira do facho
que vértigo dá;
que se ergue sublime
por cima do mar
e os baixos contempla
que rompendo están.
E venlle á memoria
con máxico afán,
a brancura das faldras garridas
da doce Rentar...
E triste e penoso,
suspira quezais...

CIRILO.- (Para si mesmo, sen dar creto ó que está a acontecerlle.)Vaia esceniña para un clásico! Isto é de loucos.

MARGARIDA.- Dicíasme algo?

CIRILO.- Non, non... nada.

MARGARIDA.- Preocúpasme, Cirilo, estás branco coma un cirio!

CIRILO.- Estou de marabilla.

MARGARIDA.- Parece que xa se calmou... Vou ver se está ben, ti espera aquí a que te chame.

En canto a ama de chaves dá un paso, Cirilo bótase a correr, pero ela deteno pillándoo polo calzón.

MARGARIDA.- Onde ías?

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Si, ti.

CIRILO.- Por que?

MARGARIDA.- Non sei, pareceume verte así como...

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Si, ti, ti mesmo, parecía coma se quixeses fuxir.

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Si, ti, ti mesmo!, ou non?

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Estás enfermo?

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Si, ti, ti mesmo.

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Pásache algo? Preocúpasme, ¿non sabes dicir máis que "eu - eu - eu..."?

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- (A punto de poñerse a berrar histérica.) Ves!, Viches?, viches?, Ves ou non ves? Volta outra vez co "eu" maldito?, es parviño, ou que?

CIRILO.- Eu?

MARGARIDA.- Ai, ninín, nunca outro tal vin. (Para si mesma: ) ...A ver se así me reacciona, parece que quedou encallado...

Margarida cóllelle as mans ó mozo e ponas sobre as súas tetas. Cirilo volve acenderse.

MARGARIDA.- Ben, ben, non te pases... a ver se con iso de facerse o tolo...!

CIRILO.- Onde estabamos?

MARGARIDA.- En que fagas o favor de non moverte de aquí, vale? Eu vou ver cómo se atopa o señor Don Eduardo, e ti agardas aquí, quediño, a que te chame, vale? (Disponse a marchar.)

CIRILO.- Espera!

MARGARIDA.- Que?

CIRILO.- Espere!, Non me podería dar vostede, señorita, un traguiño? Teño a gorxa seca, e preciso falarlle ben ó señor poeta Pondal.

MARGARIDA.- Non te preocupes, que el non ha pasar sen te convidar, si ho! (Disponse, de novo, a marchar.)

CIRILO.- Espera!, ESPERE!

MARGARIDA.- Pero, a ver...!, Que queres agora?

CIRILO.- (Cun riso inocente.) Non me deixaría vostede, que lle...? (Fai coas mans o xesto xiratorio dándose fregas sobre os peitos.)

MARGARIDA.- (Con outro sorriso igual de inocente.) A ver... por vostede.

Cando el lle coloca as mans no sitio, ela, sen miramentos, arréalle unha zoupada.

MARGARIDA.- Ala, que non son unha bola de pan! Será posible...!

Vaise xunto a Pondal que xace non chan. Axúdalle a erguerse e compono ben coma se fose o seu neno, e despois irá recollendo todo o que o vento ciscou.

MARGARIDA.- Señor Don Eduardo!, atópase ben?

PONDAL.- Si, muller si. Estaba escribindo e, de súpeto...

MARGARIDA.- ...pasou un anxo.

PONDAL.- Máis ou menos. Anda axúdame. Cun home é máis difícil falar destas cousas, segundo como...

MARGARIDA.- Todos temos momentos especiais... favorables a outros apercibimentos..., e iso, iso é o fantástico desta vida, ter acceso a eses intres...

PONDAL.- Margarida, o que ti dis ten moito máis sentido que moitas das palabras que escoito nas tertulias literarias...

MARGARIDA.- Don Eduardo, ten visita. O señor Cirilo, que vén de parte de dona Rosalía Castro de Murguía.

PONDAL.- Se vén de parte da amiga da miña irmá Eduarda, que pase de inmediato, non fai falta que recollas nada, ha de ser persoa de confianza.

Margarida vai por Cirilo.

MARGARIDA.- Señor Cirilo, preséntolle a Don Eduardo Pondal, doutor consagrado á Poesía.

PONDAL.- (Saudándoo.) Un nace pro que nace, e o resto faino a propia vontade. Sexa benvido á miña
casa.

CIRILO.- (Tose un pouco, acovardado.) Grazas.

PONDAL.- Tomará algo, verdade?

Margarida chóscalle un ollo risoño.

CIRILO.- Pois...

PONDAL.- Non se fale máis. Margarida fai o favor de sacar unhas copas de whisky para os tres.

MARGARIDA.- E que whisky lle apetece hoxe, don Eduardo?

PONDAL.- Mesmamente o que me regalou Breogán cando seu fillo Ith conquistou Irlanda. Gran amigo meu, Breogán. Non lle importa que se quede Margarida?

CIRILO.- Faltaría máis, claro que non.

PONDAL.- Margarida ademais de traballar nesta casa, é amiga e confidente. Como queda Rosalía?

CIRILO.- Ben, meu amo, o cego Saturio e máis eu estivemos con ela non hai moito.

PONDAL.- Miña benquerida Rosalía... A súa arte é suprema. E do seu home, Manuel, amigo da alma, qué vou dicir, sen el seriamos uns ignorantes... el animoume a facer o que fago.
Ou sexa que ti es o mocete que vai co cego Saturio, o popular cego Saturio.

CIRILO.- Si, señor.

MARGARIDA.- Colle orellas, Cirilo, fíxenas eu esta mañá, para cando veñan as máscaras.

PONDAL.- (Meténdolle o dente a unha orella.) Oh, manxar celestial!

MARGARIDA.- E ti, Cirilo, non dis nada das miñas orellas?

CIRILO.- (Cunha orella na boca.) Tes unhas orellas preciosas. Ai, perdón, quería dicir que...

Pondal e Margarida rin estrepitosamente. A Cirilo sóbenlle as cores á cara.

PONDAL.- Ben, ben... E logo que te trae por aquí, mocete?

CIRILO.- Pois resulta que, o Cego Saturio e máis eu, estamos xa cansos de andar cantando sucesos, así que pensamos renova-lo noso repertorio e...

PONDAL.- Mocete, alégrame moito escoitar iso. A voz e a palabra... A voz, a palabra e o xesto han de camiñar xuntas, claro que si.
Na antigüidade, unha boa arenga, enchendo de valor os peitos, podía facer gañar unha guerra difícil. Iso será o que eu vos dea, unha letra que tente encher de forza e de enerxía os peitos de quen a escoite, unha letra que mova á loita esforzada por conquistar o que nos pertence.


O caso está na ruda
adversidade urxente;
diante da dura proba
mostrar o peito enxebre
e sustentar magnánimos
noso ideal ardente.


ESCENA 5.

 

No soño do cego está agora Manuel Curros Enríquez, comparecendo ante o Bispo de Ourense por causa dunhas "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas y algunas que merecen otra censura." que o citado eclesiástico atopou no seu libro Aires da miña terra.
Óense as voces do pecado currosián, ás veces superpóñense, ou solápanse, producindo efectos
estarrecedores. O Bispo de Ourense dá voltas cheo de carraxe. Curros permanece quedo, sen inmutarse.

VOZ 1.- Dios, non atopando
cousa en qué entreterse,
farto de estar solo;

VOZ 2.- cavilando sempre
en forxar cadeas,
traballos e pestes, (...)

VOZ 3.- (...) Viu malos gobernos
que falsos i aleves
co xugo dos pobos
engordan e crecen;

VOZ 1.- cregos que, feroces
como cans doentes, (...)

VOZ 3.- (...) i en fin, cantas cousas
que non deben verse,

VOZ 4.- que Dios, arripiado,
i as cruces facéndose,
conecida a causa
de que o inferno medre,
meteuse na groria
decindo entre dentes:

TÓDALAS
VOCES.- Si eu fixen tal mundo,
que o demo me leve.

BISPO.- (Interrompindo con feroces ouveos.) ¡Basta! ¡Basta! ¡Basta!. Esto es inadmisible. ¡Una heregía! ¡Anticristo, arderás condenado por siempre! ¡Herege!

CURROS.- Aínda non oíu vostede as mellores...

BISPO.- ¡Silencio! Tu palabra envenena el aire, y yo estoy respirando tus iniquidades.

CURROS.- Certo é que hai verdades que envelenan certos peitos...

BISPO.- ¡Silencio, he dicho, renegado! Sólo tu presencia ofende estos santos techos.

CURROS.- Moi ben, marcho. (Disponse a saír.)

BISPO.- ¡Alto aí! ¡Ni un paso más!

CURROS.- ¿Que me está, apuntando cunha escopeta, ou que?

BISPO.- ¡Siéntate!

CURROS.- (Non se move. Cala.)

BISPO.- ¡Siéntate!

CURROS.- (Inmóvil. Nin palabra.)

BISPO.- Puedes sentarte, hablaremos más cómodos.

CURROS.- Eu con vostede, Sr. Bispo, teño moi pouco de que falar. Estou aquí, baixo o seu santo teito, por obrigación, non polo meu gusto. Así que fale o que queira.

BISPO.- Tienes mujer, tienes familia..., un puesto en el Ayuntamiento... ¿verdad?

CURROS.- (Non despega os beizos.)

BISPO.- Yo te consideraba un hombre juicioso, aún más, un escritor sublime... Me has decepcionado dolorosamente hijo.

CURROS.- "¿Hijo?". Se tódolos pais foran coma vostede...

BISPO.- Después de aquel hermosísimo poema con el que habías ganado los Juegos Florales... ¡Ay!, ¿cómo se titulaba?, ¿cómo era... aquello de...?. Aquella jovencita tan virtuosa... que con su amor conmovió a la madre de Dios nuestro Señor.

CURROS.- (Pra si mesmo.) O poder ten poder para dicir o que queira, para poñe-las cousas coma mellor lle conveña, para amañalas ó seu antollo...

BISPO.- ¡Ya me acuerdo!. "A virxe do Cristal", así se titulaba... Una leyenda verídica, emocionante, el relato de un milagro, lleno de candor, aquella imagen tan...
Manuel, yo tenía esperanzas de verte llegar alto, ¿por qué has caído tan bajo?
Te he llamado, antes de continuar con el proceso, que te puede costar muy caro, para ofrecerteuna solución. Inspirado por nuestro Señor intento perdonar, a Él se lo has de agradecer. Sólo has de retractarte de estas infamias heréticas que pueden ser tu ruína, y que tanto daño pueden causar en otras almas débiles, que no tengan la suficiente fuerza de discernimiento.
Sólo has de firmar esta declaración, acto seguido quemaremos todos los ejemplares de eso...
¿Te avienes?

CURROS.- Penso que a louvada Santa Inquisición, xa está fóra de servicio, non?

BISPO.- ¿Que insinúas?

CURROS.- Que a liberdade é o tesouro máis grande que pode posuí-lo ser humano.

BISPO.- La libertad se encuentra en la fe.

CURROS.- Quen lle dixo a vostede que eu non teño fe?, claro que a teño, teño fe e esperanza en que algún día desaparezan os que mandan e os que obedecen.

BISPO.- Mi paciencia tiene un límite...

CURROS.- A miña tamén debería de telo, igual que a de tódolos galegos, por desgraza somos xentiña de demasiada paciencia, e así nos vai.

BISPO.- Muy bien, desafías la fe y el orden social. Tú mismo te pierdes, y no piensas en los que están a tu cargo, pobres almas desamparadas. ¡Qué conste que lo he intentado! ¡A Dios Todopoderoso y Eterno pongo por testigo!
El proceso seguirá su curso.
Ya veremos dónde acabas.

CURROS.- Onde queira que acabe acabarei EU, e descansarei tranquilo. Mentres tanto aínda me queda algún amigo, iso non ten prezo, revolveremos nas leis, ten que haber algún lugar que protexa a liberdade de pensamento, xa que non exista a de feito. Buscaremos, buscaremos.

BISPO.- Eres orgulloso... ¿Esa es tu última palabra?

CURROS.- Si, señor bispo: liberdade, teña paciencia, senón a chega a ver vostede, veraa algún dos seus fillos.

BISPO.- (Nun ataque de histeria.) ¿Como te atreves a calumniar mi persona?. Esto, esto, esto es...

CURROS.- (Con sorna.) Non se preocupe, ho, que iso é o mellor que pode facer, senón fóra pola pobre desventurada a quen lle toque aguantar enriba a un home de tanto peso coma vostede.

BISPO.- (Fóra de sí.) ¡Fuera de mi vista! ¡Me arden los oídos de escucharte! ¡Largo, fuera! ¡Fuera!

O poeta marcha.

CURROS.- ¡Escoitade!. De fondas queixas cheo
brota da terra un misterioso canto;
raios de branca lus tinxen o ceo;
rompe a mañá do celestial encanto.
Da caixa de Pandora
sobre a patria deitada,
que peste e monstros gomitou cada hora,
vai a Espranza surxir consoladora
que quedaba no fondo acurrunchada...

¡Ouh, Libertá sagrada,
alba de groria pró oprimido mundo,
dos pobos deseada,
que escravos viven en dolor profundo!
Esparexe, querida,
da escura noite as tréboas cenicentas,
de verdugos e déspotas garida,
¡e fuxan medoñentas,
seguidas do seu lívido aparello,
diante de ti as visiós do mundo vello!.

Atópase co cego Saturio.

CURROS.- Saturio?

SATURIO.- O mesmo.

Curros dálle un longo abrazo de irmandade ó cego.

CURROS.- Saturio! Cantas ganas tiña de coñecelo!

SATURIO.- Eu si que tiña ganas de coñecelo a vostede, mestre.

CURROS.- Escoiteino a vostede cando era un neno, en Celanova.

SATURIO.- Xa hai ben tempo que non vou por Celanova.

CURROS.- Eu estaba traballando axudándolle a meu pai, no despacho que tiña de escribán, oín troula na rúa, e sen permiso da cabeza guindei os papeis e saín correndo.... Lembro que se me poñía coiro de pita escoitando aqueles relatos macabros.

SATURIO.- Agora estamos cambiando a tocata.

CURROS.- A min, daquela, tanto me impresionara que despois levei unha dobre malleira de meu pai, por guindarlle os papeis, e de propina por dicir que eu de maior tamén quería ser cego para ir cantando polos camiños, farto como estaba do despacho de escribán. Sei que vén vostede de parte de Rosalía.

SATURIO.- Si, estivemos con ela, e ó sabe-la nosa intención, alegrouse moito, e dixo que non podiamos pasar sen representar algunha peza de don Eduardo Pondal e de vostede. Ela deunos unhas fermosísimas.

CURROS.- Créollo ben. Esa muller vale moito.

SATURIO.- Vostede pida o que sexa, teño uns aforros é para isto son.

CURROS.- Saturio, a cantiga que lle darei e tristeira, pide voz quebrada. É un regalo que non paga o que lle debo, de escribán nunca comprendería a forza que poden chegar a te-las palabras se non fose por aquel día no que unha voz me fixo saír correndo a escoitar, e me fixo tremer.
Con iso quedei ben pago, e agora quédoo con saber que a CANTIGA que lle dou, a través da súa voz fará tremer a outras persoas noutros lugares, quizais... quizais noutros tempos...

O cego Saturio principia a CANTIGA.

SATURIO.- No xardín unha noite sentada,
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdés dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
"Xa no mundo non teño ninguén,
vou morrer e non ver os meus ollos
os olliños do meu doce ben."
Os seus ecos de malenconía
camiñaban nas alas do vento,
i o lamento
repetía:
"¡Vou morrer e non ven o meu ben!".

 

 

 

 

ESCENA 6.

 

 

No camiño Cirilo e Saturio dormen, un contra o outro, coa expresión plácida do soño na face. A claridade xa non é a do día, senón a dunha enmeigadora lúa chea que baila espida na noite.

SATURIO.- (En soños) No xardín unha noite sentada,
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdés dun ingrato galán.

CIRILO.- (En soños) Ai, por suposto, ese galopín que trae con vostede é o rei dos bonecos, qué maneira de movelos...!

SATURIO.- (En soños) ...Hai ondiñas no ambiente que gardan moitos segredos e que non se ven cos ollos...

CIRILO.- (En soños. Excitado. Pegado ó cego) Baila na eira, fermosa romeira, e ven para aquí a prende-lo meu lar. Ummm... mira Ramira... tira - tira - tira daquí... oh... Rami...

SATURIO.- (En soños) Dios santo premita
Que aquestes cantares
De alivio vos sirvan
Nos vosos pesares;

Cirilo bótase co seu mérito rexo enriba do cego e apálpao excitado.

CIRILO.- Lambereteiro, lambón, que me perdes.
Ramira, ...ummm... qué quentiñas... muller de formas cumpridas... imaxínate que dá con el o rato furador... oh-oh-oh...

Saturio cóllelle o gusto ás apreturas, ata que se decata de quen ten enriba, entón espílese sobresaltado.

SATURIO.- Ei, ei, ei... ninín, que te perdes!, che!, que pasa, chaval?

Cirilo espértase, e sepárase do cego, alporizado.

CIRILO.- RAMIRA? E Ramira?

SATURIO.- Ui, ui, ui... que mal te vexo...!

CIRILO.- Xa é noite, e nós aquí aínda!

SATURIO.- É noite?

CIRILO.- Si, e teño unha cita con Ramira, e estarame agardando, e nós aquí, durmindo no camiño coma dous perdularios.

SATURIO.- Noite pecha?

CIRILO.- Lúa chea, Saturio.

SATURIO.- Se soubeses que soño tiven, Cirilo...

CIRILO.- Pois anda que o que tiven eu...! Non podo ficar aquí nin un so intre máis. Ímonos, que chegaremos tarde á cita.

SATURIO.- Espera que che hei de contar quen nos veu visitar no soño.

CIRILO.- Non hai espera que valla! Cóntamo, se queres, polo camiño.

SATURIO.- Estaba en Padrón, a que non sabes con quen?

CIRILO.- Ti onde quedaras con Florinda, na súa casa, ou na foliada da carballeira?

SATURIO.- Ti tamén estabas alí, no soño...

Van desaparecendo no camiño. O mozo tira, apurado, polo cego ensoñado.

Diante da casa da Escena 1. Noite clara de luar. Florinda agarda no camiño, coa maleta preparada, a que pase Saturio para marcharse con el. Cerca oíse música de gaita e os boureos da foliada. Dentro da casa anda a nai remexendo.

RAMIRA.- (Asomada á fiestra) Florinda, e ti aínda estás aí?

FLORINDA.- Sí mamá, aquí estou.

RAMIRA.- E logo non vas á foliada?

FLORINDA.- Non teño ganas de ir.

RAMIRA.- (Para si mesma.) Esta pequena vai acabar comigo a desgustos. (Á filla.) E logo por que non vas?

FLORINDA.- Non teño ganas, ademais ti estás enfadada comigo polo de esta mañá.

RAMIRA.- Non estou nada enfadada. E anque o estivera, iso non ten nada que ver. Só fixen avisarte e darche un bo consello, que para iso son túa nai, carallo. Hai que ser disimulada! Non ves que hai moita envexa no mundo, e sobran malas pécoras que estean agardando a pillala a unha in fraganti, para mirar de buscárno-la perdición.
Mentres esteas baixo o meu teito fas o que se che diga. Túa nai só quere o teu ben.
Non, non estou nada enfadada, así que marcha para o baile agora mesmo.

FLORINDA.- Pois se non o estás ti, estouno eu.

RAMIRA.- Que fai unha moza da túa idade, bailando na porta da casa, coma se estivese tola, cando na carballeira veciña están todos de foliada?

FLORINDA.- E ti, mamá, non vas?

RAMIRA.- Estou cansa que madruguei moito, ademais sen teu pai tampouco é bonito que me vaia eu soa a bailar.

FLORINDA.- Hoxe é baile de máscaras, pódeste disfrazar. Quen vai saber que es a muller de Don Juan?

RAMIRA.- A ti tamén vaia ideas que se che ocorren, manda chover coa nena, que astucia che ten. Anda, non me tires do xenio, vaite para a festa!

FLORINDA.- Non.

RAMIRA.- E dálle.

FLORINDA.- E logo ti que vas facer?

RAMIRA.- Eu voume deitar agora mesmo. Non penso saír esta noite.

FLORINDA.- Ben, pois entón... pois... pois marcho.

RAMIRA.- Así me gusta, e pórtate ben, recorda o que che dixen.

FLORINDA.- Adeus.

A moza fai que marcha, e escóndese coa maleta detrás da parra. Van chegando o cego Saturio e Cirilo, que vén tirando del.

SATURIO.- Mira ben o que fas, non quero desgustos, e a Ramira seica é de armas tomar...

CIRILO.- Tolea por min e eu por ela, xa quedamos citados. Ademais así ti... poderás facer coa
filla o que queiras.

SATURIO.- Esa muller podería se-la túa nai.

CIRILO.- Dígoche eu a ti, acaso, que a Florinda podería ser túa filla, eh ho?

SATURIO.- É diferente, eu sei o que fago, e os novos perdéde-lo siso.

CIRILO.- Vaia, sempre fala o máis indicado!

SATURIO.- Eu non son novo, xa andei moito mundo, chaval, cústame máis namorarme, iso non quere dicir que me vaia privar de certos goces, ¿entendes, ninín?.

CIRILO.- Non che parece que para ninín teño talla demais.

SATURIO.- Vale, vale, fera, non digo nada, ti verás o que fas.

CIRILO.- De vez en cando a min tamén me toca mollar.

Séntense pasos na casa.

CIRILO.- Escóndete detrás da parra, que vexa que veño eu so, así non lle dará vergoña.

SATURIO.- De acordo, como sexa, non tardes, que despois temos que ir á foliada.

CIRILO.- Xa.

SATURIO.- En acabando quedei coa moza.

CIRILO.- (Empuxándoo para detrás da parra.) Veña, demo, escóndete que se asoma Ramira!

Bota Ramira os seus fermosos peitos espidos pola ventá, Cirilo asubíalle, ela como avergoñada tapa os peitos. O cego move e remove, fochica detrás da parra ó atoparse entre a follaxe á moza...

CIRILO.- Por min perde coidado, estabas moi ben como estabas, con eses...

RAMIRA.- Ai, Cirilo, case morro coa vergoña, pensaba que eras o meu Xan!

CIRILO.- Recíbelo así cando vén?

RAMIRA.- Só cando hai lúa chea.

CIRILO.- Pero esta noite a el non o esperabas, verdade?

RAMIRA.- A quen se non!

CIRILO.- Dixéchesme que esta noite non viña teu home.

RAMIRA.- Ai, é verdade, xa me esquecera!
(Facendo como se se fose a retirar.) Boas noites, galopín. Ai...!

CIRILO.- Tamén esqueciches o resto do que me dixeches esta mañá?

RAMIRA.- Galopín, boas noites. Ai...! (Pecha a fiestra.)

Cirilo anícase por unhas areas e tírallas ós vidros. Volve Ramira suspirante á fiestra.

RAMIRA.- Ai, Cirilín, por Deus, non me provoques!, non ves que estou soíña nesta casa tan grande? (Pecha a fiestra.)

Cirilo volve tirarlle unha areas. Non se abre a ventá. Volve tirar outras. Ramira sae saloucando.

CIRILO.- Ábreme a porta, que te acompaño!

RAMIRA.- Ai, vaite coa mocidade á foliada, Cirilín!

CIRILO.- Non podo.

RAMIRA.- Ti búscasme a perdición. Marcha de aí!

CIRILO.- Non podo.

RAMIRA.- Por que?

CIRILO.- (Levando unha man a entreperna.) Mira como me tes!

RAMIRA.- Galopín que me perdes!

CIRILO.- Ábreme a porta, muller de formas cumpridas!

RAMIRA.- Cala, galopín, que hai lúa chea!

CIRILO.- Lúa de namorados.

RAMIRA.- Se ti souberas.

CIRILO.- O que non sei ti hasmo aprender. Déixame entrar!

RAMIRA.- Ós meus anos..., e bríncame o corazón.

CIRILO.- Iso é índice de paixón.

RAMIRA.- Ai, vaite, non sexas cabrón!

CIRILO.- Ábreme, corazón!

RAMIRA.- Ai... vaite, hai lúa chea e estouche vendo aberto o calzón!

CIRILO.- (A cen.) Acábaseme de romper do empuxón.

RAMIRA.- Ai... non botei o pasador... sube, lambón!

O galopín galopa cara o cuarto, e alí segue a galopar, desbocado. Os xemidos e o renxer das táboas levan o compás da gaita da foliada, e por acanearse, ata a parra se acanea por mor da parella que acocha.
Diante da porta brillan, á pálida luz do luar, os instrumentos dos artistas ambulantes.
Polo camiño séntese petar de zocas, vai chegando a vella da caxata. Vén parolando soa.

VELLA.- Meu fillo, dime que non, meu fillo é coma tódolos homes, un pasmón, ¡ai, ho, saíu ben a seu pai! Meu probe, no ceo estea, nunca de nada se decataba, el era feliz, eeu así... aínda máis.
Mira que lle teño dito: Xan, Xanciño... unha muller como a túa, e unha filla moza e garrida, hainas que vixiar máis, ti vaste coas túas políticas, e deixas na casa dúas mulleres soas días e noites, e ese non é xeito, Xanciño, iso acabará por traerche poblemas.
Hai que mirar máis pola casa, e máis nunha noite como a d'hoxe, noite do Antroido..

A nora non me quere na casa, por algo será, eu non é que sexa desconfiada, pero... Fillos non teño máis ca este.
E esta noite hai lúa chea.

Ve o instrumental, o pandeiro. Os saloucos entrecortados corren pracenteiros pola noite. A vella, medio xorda, non os escoita.

Arre demo! E que farán aquí estes istrumentos? Aínda non sei se serán os dese cego e o seu galopín. Mira ti, os malvados como non volveron pola miña casa cantarme algo de Rosalía! E iso que os convidara a unha merenda! Pillabáns mintireiros! Non deben andar moi lonxe.

Vaise á porta da casa. A cachoada de saloucos sáese fóra, reborda e estala, xusto cando a vella pum-pum peta na porta.

 

Afonso Becerra de Becerreá.