Así, no caso de Berducedo, o conxunto dos topónimos falan ás claras dunha forte ralación do home coa terra e da orientación labrega e forestal do territorio. Incluso nos ensinan un poboamento tardío ao non se rexistrar ningún topónimo que delate construccións ou asentamentos antigos, tales como os Castros, Castrelos, Cividades, Torres, Vilares, Casales, etc., que sí hai nos nosos arredores, ou nomes de posuidores xermánicos que remontarían o poboamento di outeiro de Berducedo á Alta Idade Media. Pola contra, unhamorea de topónimos remiten a unha vexetación boscosa ou de monte baixo combinada con espacios destinados a labores agrícolas.
O propio nome de Berducedo aposta nesta dirección . Aínda sendo de explicación pouco clara, parece ter a mesma orixe que verde (lat. VIRIDE) e estar formado a partir dun derivado *VERDUCUM, significando "renovo, rebento de árbore. A terminación -edo indica abundancia , como Aveledo, Freixedo, Salcedo, Carballedo, etc., e polo tanto no noso caso podería referirse a unha antiga repoboación forestal posterior a unha corta ou unha decrúa. Se isto fose certo, o nome do noso lugar debería escribirse con -v (Verducedo), como modernamente aparece nas cartas que nos envía a administración, pero sobre estas cousas ninguén pode dictar normas de corrección, Con -v ou con -b, non somos únicos en Galiza: Verducedo ou Berducedo hainos en Castroverde (Lugo), Montederramo (Ourense) e en Cerponzóns e A Lama (Pontevedra). A maiores, teñen que ver connosco a aldea de Verduga (Rois, A Coruña), O Verdugo (A Lama, Pontevedra) e tamén o río que nace na Lama e acaba desembocando co Oitavén no cu-de-saco da ría de Vigo
Topónimos referidos á vexetación (Fitonimia)
Unha grande cantidade de microtopónimos remarcan este carácter forestal do noso territorio. algúns deles son de fácil interpretación e refírense a plantas ou árbores fácilmente recoñecibles: A Aveleira, O Codesal (lugar onde abundan, ou abundaron, os codesos, abusto semellante á xesta) ; o Carballiño, As Pereiras, A Sanguiñeira (lugar onde abundan ou abundaron os sanguiños) ; ou O Salgueiral, lugar abondoso en salgueiros.
Outros talvez nos parezan máis escuros, pero ben mirados axiña lles encontramos unha planta por detrás.O Fiolledo é un abundancial formado sobre a palabra fiollo, sinónimo de fiúncho, a planta que se emprega para cocer as castañas, e ten a orixe no latín FENUCULU.A Carragala, por moi cambiada que estea, nace pola transformación de Carregal e ten a súa orixe nun suposto latín *CARRECALE, usado para designar un lugar onde abundaba o CAREX, que así se chamaba en latín ao carrizo, unha planta silvestre habitual en terreos pantanosos. Outra opinión distinta afirma que Carregal provén da antiquísima raíz *CARR-, "pedra", e designaría un lugar moi pedregoso. O mellor será comprobalo sobre o terreo.
Topónimos relacionados con labores e usos agrícolas
Cando as persoas se asentan no territorio e o cultivan, acaban nomeando os lugares polas súas utilidades, polos traballlos que tiveron que realizar para facelos productivos, polas súas dimensións, etc.. Desta maneira creouse tamén unha boa fornada de topónimos sobre os que xa se aprecia a man do home.
A Abilleira: como o seu nome denuncia, ten que ver coas abelas e máis en concreto coas colmeas que para elas se construían. Pouco importa que hoxe en día no lugar xa non as haxa, porque en tempos antigos a producción do mel era caseira e as abellas animais domésticos (case) como as galiñas ou ovellas. Para elas reservábase un lugar cercado, un tanto lonxe da poboación, onde se instalaban as abellarizas igual que se construía un pombal ou unha capoeira.
Agúns topónimos fan referencia aos labores de preparación das terras para o cultivo, como A Rosada (de rozar ou roturar) ; O Redollo (do lat. RETRUCULU, "último, posterior"), referido a un terreo segado no que se deixa rebrotar; ou O Estripeiro (de STIRPE, "cepa, renovo, vara"), que tanto pode designar un terreo de monte baixo, antes de ser cultivado, como outro recén roturado. Con estes ten que ver tamén A Borralleira, que fácilmente podemos relacionar con borralla, máis en concreto con montóns que se formaban ao queimar os torróns tras a cava ou a decrúa. Sen embargo, hai quen explica este toónimo doutra maneira, dado que a raíz precéltica *BORR- pode equivaler sinxelamente a "montón" ou "amoreamento" de terra.
Os Carrís parecen referirse ás vías que abrían os carros ao pasar contínuamente por un lugar. Na nosa zona, o curioso deste topónimo é que nos ensina cómo facían o plural das palabras agudas acabadas en -l os nosos antepasados. Carrís é o plural de Carril -como o que está a par de Vilagarcía-, da mesma maneira que Currás é plural de Curral e Casás de Casal, topónimos e apelidos estes mois habituais en Moaña. As formas de plural -Carriles, Corrales ou Casales- son en realidade inventos recentes, de hai dous ou trescentos anos, debidos á influencia do español. Como antes dixemos, os nomes dos lugares gardan fielmente a memoria de como foi a nosa lingua.
O Comareiro e A Cortiña fálannos de distintos tipos de leiras, a segunda de reducidas dimensións. Canto a O Comareiro, a palabra, sinónimo de cómaro ou valo, pode designar o terraplén que salva o desnivel entre dous terreos. Con estes tamén se relacionan O Pardiñeiro, ao parecer derivado do latín PARIETE e referido a edificios en ruínas e terreos acoutados ou valados.
O Resío e O Enxido son topónimos relacionados con antigos hábitos de distribución do territorio. O primeiro provén do latín RESIDUUM, "sobrante", e designaría un terreo que por vellos costumes non se laboraba, dado que o dono debá cedelo ao común ao cerrar cun muro a súa propiedade. O segundo, do latín EXITUS, "saída", refírese a unha área próxima á vivenda, habitualmente cerrada e dedicada a horta ou a frutais.
De costumes legais infórmannos tamén outros tres topónimos, O Reguengo, A Cacharela e A Cachada. O Reguengo -que a xente chama vulgarmente "Rejenjo" ou "Rejenco"- provén do que desde a Idade Media se chamaban "Terras de realengo", porque estaban submetidas ao rei, en tanto que as outras pagaban dereitos de señorío ou foros á Igrexa ou a nobres propietarios. A Cachada e A Cacharela, aínda que soen a cachar, segundo din os entendidos proveñen dun verbo latino CAPPELARE, que significaba "cortar ou dividir en partees": designarían fincas máis ou menos pequenas orixinadas pola partilla dunha herdanza, un subforo, etc.
Topónimos que designan as formas do terreo (Oronimia e Hidronimia)
A través da toponimia achamos unha descrición do territorio mellor ca a de calquera mapa. Atendendo á inclinación, a se ten ou non auga, á forma que adopta, etc., o pobo atribuíu nomes que xeración tras xeración chegaron ata nós, aínda que polo camiño perderamos a noción do seu significado.
A configuración da terra que nos rodea é irregular, con pequenas elevacións e declives. As elevacións orixinaron nomes como Os Picóns, do céltico *PICC-, con sentido de "punta" ou "picacho" ; A Moleda (de *MOLETA), referido a un montículo ou a un montón de terra ; e As Moutas, do preindoeuropeo *MOUT- co significado de promontorio ou monte. E como todo o que sube baixa, tamén temos A Buraca, As Covachas e O Cocho (de *COCCULU, "depresión, sitio oculto ou anaco de terra pequeno"), para designar leiras situadas nun dclive do terreo ou nun lugar máis ou menos agachado. Esta mesma procedencia parece ter o topónimo O Cunchal ou Os Cunchás, do latín *CONCULA, "cunquiña, oco". Máis difícil é que se derive do hábito, moi recente, de aboar as leiras con conchas de moluscos para proporcionarlles cal...pero todo é posible. E como entre o que sobe e o que baixa prodúcese unha pendente, pois non habían faltar entre nós A Costeira e A Portela, esta última derivada do latín PORTU que non só se refería a un porto de mar, senón tamén a un paso entre montes e outeiros.
Outra boa chea de topónimos fan referencia ao carácter pedregoso de certos lugares. Nalgúns, como A Pedregueira, a cousa está clara; noutros é máis difícil de crer. Así, A Peroxa recórdanos de lonxe a súa orixe en "pedrosa" e en "pedra", de onde procede. As Louras, aínda que poidera ter relación coa cor e incluso co loureiro, o máis probable é que derive dunha antiquísima raíz preindoeuropea -¡con máis de cinco mil anos!- *LOR-, que significaría "pedra" ou "lugar pedroso". Non abemos se hai ou houbo alí pedras, aínda que podemos apostar que sí: o máis estimulante de todo é que sendo certo, as nosas humildes Louras fanse parentes lonxanas do Val de Louriña, o río Louro e incluso de Lourdes, alá onde apareceu a Virxe. Máis misteriosa é aínda a Veiga de Mal, non pola veiga, que procede do preindoeuropeo *BAIKA e todos sabemos o que quere dicir, senón polo Mal. Como non hai veigas malas, habendo quen as traballe, os que entenden disto opinan que pode proceder doutra raíz preindoeuropea, *MAL-, ou *MEL-, que significa tamén "rocha". Nunca imos averiguar se foi ou non foi pero podemos conformarnos con que esta orixe nos emparenta con Malpica, Melón, Málaga ou Malagón, que segundo parece teñen que ver co mesmo.
Xa por último, outra serie de nomes refírense á presencia da auga, ben corrente, ben estancada ou empozando as terras de cultivo. Tendo dous regatos a ambos lados do lugar e tantas fontes que baixan da Fraga, difícilmente habían faltar. A Lagoíña non precisa explicación, e moi pouca O Sorrego, que proceda da preposición latina SUB, "debaixo" e do céltico *RECU, "zanxa ou regato". A Bouciña e A Buceira están relacionadas coa palabra común e usual bouza, derivada talvez do céltico BALSA e que designa habitualmente un lugar encharcado ou lamacento, aínda que tamén, por extensión, pode nomear un terreo inculto e cheo de bosque ou matorral. Unha procedencia semellante ten A Barreira, derivado do prerromano *BARRO, "lama", se ben pode referirse tamén a un terreo onde abunda a arxila, da que en tempos a xente se servía para o forno ou a tella, e incluso a un sitio escarpado ou un barranco. De orixe máis escura é A Fampena, se ben nos inclinamos a opinar que oculta unha antiga e transformada "fonte da pena": a única maneira de comprobalo sería averiguar se queda alí tal fonte ou memoria dela.
E aquí rematamos a nosa longa viaxe pola toponimia de Berducedo. Algúns topónimos quedaron atrás por descoido, outros como Río do Arroás, Escobar, Paramentes, As Pajonas, etc., porque sinceiramente non sabemos acertar coa súa procedencia. En moitos casos, o significado que lle atribuímos é o correcto; noutros, simplemente posible. Nalgúns, nunca se chegará a saber con certeza, porque moitos deses nomes veñen de miles de anos atràs e ningún está en condicións de ir ata tan lonxe.
Pero ao cabo o importante é que se conserven. Moitos deles están en perigo de desaparición, simplemente porque a memoria pasa de pais a fillos ou senón convértese en esquecemento. Cando décadas atrás a xente vivía atenta á terra e aos seus traballos, transmitir os nomes de leiras e montes, a súa situación, os lindes, etc., tiña unha grande importancia; hoxe en día, por desgracia, cada vez ten menos. Esperamos tan sequera que os nomes que aquí apuntamos nunca cheguen a perderrse, porque son o mellor diccionario do noso idioma, o máis rico e o máis popular.
X.M. Millán