Lugares de interese

Igrexa de San Martiño

Monumento de interese histórico artístico, posúe un tímpano románico do s. XII.

Son tamén de interese os arredores desta igrexa e adro, as casas tradicionais, algunha delas magnificamente restaurada ou conservada, a Casa da Rectoral, etc.

Para acceder, cóllese a estrada Moaña-Marín ata o lugar da Porta do Cego, onde se tomará a desviación que vai a Coiro-Cangas, unha vez nela hai que estar atento ó cruzamento que sinala o lugar de O Cruceiro, entre as casas do lugar de San Martiño.


Dolmen e mámoa de Chan da Arquiña

É este un monumento funerario de gran interese arqueolóxico. A mámoa está semisoterrada e pódese ver a súa entrada e interior.

No contorno deste monumento hay unha zona de bosque e área de recreo, con castiñeiros, auga e mesas e lugares onde cociñar ó aire libre.

Camiño a este lugar non é difícil que atopemos cabalos que se crían ceibes polos arredores, así como diversos tipos de aves.



Para chegar colleremos pola estrada que sae ó pé da Ponte de Rande (Parroquia de Domaio) ata o lugar de San Lourenzo para continuar á Chan da Arquiña. Igualmente accédese a esta zona pola estrada que se desvía da C-550 ó seu paso por Domaio, no lugar chamado A Cerradiña. Calquera das dúas estradas ten gran interese panorámico. O terceiro lugar de acceso é dende a estrada Moaña-Marín, chegando ó alto da Cruz da Maceira, e collendo a desviación que sinala A Castiñeira ata coller o definitivo cruzamento de Chan da Arquiña.

Este lugar é ademais especialmente recomendado porque unha vez alí, cun pequeno paseo a pé ou en coche, accédese ó citado cume do Monte Faro de Domaio, o miradoiro máis alto da península do Morrazo, con vista sobre todas as Rías Baixas de Galicia.

Nos arredores de Chan da Arquiña, sempre no monte, existe o Lago de Castiñeira, con ampla zona de descanso, árbores, lugares para comer e un pequeno zoolóxico, e taméen o miradoiro de Cotorredondo, con vistas sobre o interior da Ría de Vigo e illa de San Simón.

Praias

  • A praia da Xunqueira (parroquia de Meira, a rente do campo municipal de fútbol) probablemente é a que ten un maior atractivo porque concentra o interese natural (aves migratorias), económico (extracción de berberechos e ameixas), e turístico (bó acceso, paseo marítimo, area fina, auga morna e tranquila, bosque con herba ó seu carón).

  • A praia do Con (parroquia de Tirán, peirao do Con) é distinta pola súa maior abertura á Ría e profundidade das súas augas. Ofrece unhas vistas inmellorables sobre a ría e a cidade de Vigo e non é difícil presenciar as tarefas dos mariñeiros á busca do camarón ou a nécora no seu contorno.

    Este vello peirao do Con é tamén un espacio agradable para o paseo pola beiramar ou a parada nos bares, cafeterías, todos con terrazas e vista ó mar.


  • Outras praias de interese:
    • Domaio (parroquia de Domiao).
    • A Borna (parroquia de Meira).
    • A Videira, O Niño do Corvo e O Canaval (parroquia de Tirán).