A NOSA XENTE. Se observamos o noso rueiro, vemos como somos dados a perpetuar a memoria de persoaxes alleos a nosa cultura, a nosa política ou a noso deporte. Aínda comprendendo a solidaridade de persoas íntegras e universais, entendemos que debería haber un criterio de prioridades antes de dedicar unha rúa. Primeiramente respectar sempre a toponímia, e despois a nosa xente, a nosa historia. Quere isto dicir, que para forxar unha identidade, unha razón de existir, deberíamos consagrar o noso pasado. Un pobo non se fai da noite para a mañán. En 145 anos da constitución do noso axuntamento, dá a sensación de que somos un concello fantasma. Agás a figura de Costa Alonso, non existe en Moaña outra avenida, rúa ou camiño dedicado a un fillo moañés. E preguntámonos. ¿Acaso non tivemos, ou non temos a ninguén que mereza gardar na memoria?. ¿De verdade que non temos nada de que orgullecernos?. -------------------------------------------------------------- EUSEBIO ALONSO (O CHAVAL). X.C.V. (A.C. NÓS) -------------------------------------------------------------- Eusebio Alonso Viéites, moañés de devoción, naceu no 1864 en Compostela. Entrou moi cedo no seminario e pouco antes de oficiar a primeira misa comunícalle a seus pais, a drámatica decisión de deixar o sacerdocio (1). Para consolar o disgusto familiar decide facer medicina, carreira que tamén acaba por abandoar. Finalmente opta polas letras, onde si remata os estudos de avogacía (2). En pouco tempo, Eusebio vai trocar a vocación relixiosa por outra de puro contido social. Pronto contactará co mundo da prensa e coa vida asociacionista que o levaría á directiva de varias sociedades obreiras (3). Eusebio Alonso foi procesado en moitas ocasións en Santiago por delictos de imprenta, que na realidade eran postulados políticos en contra da Restauración; sistema imperante dende 1875. A pouco de instalarse en Moaña, foi denunciado en 1906 por colaborar co semanario vigués "La Lucha", de corte republicano-radical -lerrouxista (4). Non hai dúbida, de que Alonso foi un home gradilocuente, de discurso fluído e amante dun periodismo crítico. Xa en Compostela enfocou as aptitudes hacia a prensa, chegando a ser redactor xefe da "Gaceta de Galicia". De feito consagrou gran parte da súa vida á letra impresa, como teremos ocasión de comprobar. Tense constatado a súa presencia estable en Moaña a partir de 1905. Sen embargo hai indicios claros da súa estancia con anterioridade. Pero estes indicios forman parte da vida íntima e persoal deste persoeiro. De feito, Eusebio Alonso cando casou en Moaña, contaba corenta e un anos, estaba viuvo e deixou dous fillos en Santiago. En xaneiro de 1905 naceu unha filla de vida efémera, pois finou en agosto a cuasa dunha meninxite. Este acontecemento troncou temporalmente a felicidade de terse casado o 17 de xuño dese ano, con Clementina Currás Costa. Despois, a vida os compensaría con nove fillos (5). Según referencias, en Moaña consegue a praza de Xuíz de Paz e lonxe de aburguesarse e vivir dos previlexios que o sistema da Restauración posibilitaba, mantivo unha coherencia ideolóxica e dedicouse a promover un intenso proceso de societarismo, tanto campesiño como mariñeiro (6). "...Yo que jamás rendí culto al poderoso, si no a los grandes ideales y a los ilustres genios y hombres que los representan, en estes momento me siento contento de mi mismo" (7). Cando chegou a Moaña, xa viña curtido dun espíritu loitador e coa experiencia de alcanzar a directiva de varias sociedades obreiras de Santiago. Non é doado comprender como este home, poido integrarse tan rapidamente, non tan só na sociedade moañesa, senón que tamén na canguesa e incluso na pontevedresa. Pois sábese que Celestino Pazos de Castro quixo nomealo interventor, nas eleccions á Deputación de 1911. Ou cando a "Conjunción Republicano-Socialista de Pontevedra" propuséralle en 1917, a candidatura da representación popular á Deputación. Dende 1906, ó constituirse a liña política republicano-radical-lerrouxista, Eusebio intégrase nesa corrente e comeza a colaborar co semanario "La Libertad" de Pontevedra, voceiro de tal ideoloxía (8). En 1914, abandoa o partido xunto cos principais líderes, para logo fundar o "Partido Radical Autónomo", integrado na "Conjunción Republicano-Socialista" de Pontevedra (9). É probable que de aquí saira o achegamento idiolóxico e colaboracionista con Lorenzo Corbacho, coma veremos máis adiante. Na localidade, pronto contacta con José Trigo García, dirixente agrarista, que acabarán por constituir a "Sociedad de Agricultores El Porvenir de Moaña", a cal xa funcionaba en 1914 (10). Ambos, protagonizaron unha loita anticaciquil contra Antonio Pazos, presidente da Deputación e representante de Montero Ríos, político liberal que dominaba toda esta zona. A raíz destas mobilizacións, con talas das viñas incluídas, foron procesados en 1916 e absolvidos por falta de probas (11). O movemento agrario, levado da súa man, vai acadar un grande eco na manifestación de 1910, celebrada en Pontevedra e promovida polo Directorio Antiforista de Teis. A concurrencia de labregos moañeses, liderados por Emilio Rodal e Eusebio Alonso, protestaban pola excesiva contribución gravada nalgúns productos primarios (12). "Intrigados por nosotros por todo esto y por tratarse de un distrito donde se halla de Alcalde un resellado que se acojió a los hilvanados faldones de Pazos, procuramos ver si nos avistábamos con el Sr. Rodal ó el Sr. Alonso y solo hemos tropezados dos ó tres paisanos que andaban desperdigados. -¿Son ustedes de Moaña? -Somos, si señor. -¿Qué ocurre por allá, para venir en tanto número a Pontevedra? -Que nunca estuvimos tal mal como ahora. Mire, señor , alí non se pode vivir. Entre D. Emilio e Sobral, asolágannos. -Y ¿Quién ese Sobral? -Elle o secretario. Dende fai uns anos pr'a acá desde que don Emilio se meteu n'o Auntamento todo se volve en pedirnos cartos é mais cartos como si tivésemos unha fábrica deles..." (13) Xoán Miguel González, constata que as primeiras mobilizacións mariñeiras acaecidas en Moaña, parten dos primeiros meses de 1911 para protestar contra a ardora e ó mesmo tempo solicitar a pesca coa rapeta e a xábega (arte), en postas sinaladas. Cabe intuír que detrás destas reivindicación estivese a man de Eusebio Alonso. "Ocurre en la clase pescadora que generalmente es explotada por improvisados pequeños capitalistas hijos de la casualidad que amontonan en su conciencia toda clase de suciedades; en fuerza de querer olvidar al hambre que á lo mejor pasaron en su infancia y los remendados vestidos que usaron en su juventud, así es que traban y explotan á los infortunados marineros..." (14). En ocasións, Eusebio Alonso coincide co socialista cangués Lorenzo Corbacho, carpinteiro e de longa experiencia vindicativa. Xuntos lideraron moitas das mobilizacións habidas en 1917; concretamente na gran folga de agosto dese ano, contra a política conservadora da Restauración e en protesta polo elevado número de desempregados. En Moaña, aquela folga apenas tivo eco, todo o contrario de Vigo que secundou o paro xeral; mentras en Cangas, Lorenzo Corbacho, Eusebio Alonso e Juán Luis Barreiro, alentan o paro prohibindo o transporte de alimentos. O alcalde de Cangas, insta ó de Moaña para que prenda a Eusebio por instigar á folga, verquer ideas insurrectas, atacar a todo principio de autoridade e difamar o antagonismo das clases (15). Para sosegar o activismo do noso personaxe, achegouse a Moaña, o procurador pontevedrés, Bernardino González, con quen mantén unha entrevista sen resultados aparentes, xa que uns días despois, volve ser detido e acusado de coliderar as mobilizacións de Cangas (16). Lorenzo Corbacho, víu traballar a Moaña de canteiro. Confiando nas súas virtudes, trata de organizar en 1919 un sindicato de mariñeiros. En xaneiro de 1920, Eusebio Alonso, Lorenzo Corbacho legalizan "La Alianza Marinera de Pescadores de Moaña y sus Contornos" cuns 800 afiliados (17). Pero a raíz dunha folga xeral a fins de 1919, e outros acontecementos que se sucederon ata 1920, provocan discrepancias profundas entre ambos líderes, significando un cambio de actitude de Eusebio, que se pasa a patronal Canguesa, cousa moi criticada polos socialistas de Pontevedra que escriben en "Nueva Aurora" (18). Doído no máis profundo, Eusebio non tarda en sacar un extenso e profundo manifesto, entre xustificación e contricción, denota xa unha decadencia de militancia activista. "Llevo más de treinta años de adhesión a las ideas democráticas y aún en la actualidad milito en el partido republicano radical... Ya voy en el ocaso de mi vida y aún me siento batallador contra toda injusticia y contra los atentados a la libertad y derechos individuales... ...contribuí a organizar y fomentar sociedades de agricultores y marineros, y aún actué en ellas, siempre con perjuicio de mis particulares intereses... ...Llegó el conflicto preparado en Vigo sin la debida meditación y sin verdadero y justo fundamento... Admitamos el hecho de la huelga general en Vigo. ¿Podía y debía imponerse en paro en Cangas y Moaña, de una manera despótica?... ...A mi me indignaron los aludidos desmanes y procedimientos... ...Esto no es desertar, ni abdicar, ni traicionar, es sentir la democracia; los que desertan, abdican y traicionan son los que prostituyen la democracia, comprometen a los trabajadores y viven de sus cotizaciones..." Eusebio Alonso remata este manifesto, impreso nunha tipografía pontevedresa en xaneiro de 1920, facendo un chamamento ós industriais, armadores, patronos, pescadores e agricultores a intervir na vida pública contra os que arroxan estigmas que poidan empobrecer e escravizar á sociedade. A raíz des proclama, a vida de Alonso, tórnase máis íntima, máis familiar, alterada por algún que outro acontecemento extraordinario, de carácter persoal, como o ter descendencia, ós 63 ou 64 anos, cunha moza empregada na súa casa. Neste caso concreto, a comparsa "Os Verdadeiros Humoristas", aproveitaron o entroido de 1928, para dedicarlle unha cantiga composta polo famoso Tenreiro. "Hay unhas menciñas novas, disque de moito sabor, inyeucións satenta e catro xarabe confortador.. Hay que emprealo ó dereito, dixo un médico en Donón. Sendo chaval do Lideiro Si é chavala do Lidón. Non teñen estas menciñas, máis que un defeuto ladrón, da que se prantan no corpo xa escomenza la inchazón. E hay por aquí na parroquia, un raio dun carcamal, que polo ben que as aplica, xa lle chama o "Chaval" (19). Dende entón foi popularmente coñecido como Alonso "O Chaval". -------------------------------------------------------------- Referencias. (1). Información dada pola súa filla Gloria Alonso Currás. (Maio 2001). (2). Referencia comunicada polo neto Carlos Pérez Alonso. (Maio 2001). (3). González Fernández, Xoán Miguel. "Moaña nos anos vermellos". Edicións do Castro. 1999. Páx. 33. (4). Alonso, Eusebio. "Gran Enciclopedia Gallega". Silverio Cañada Editor. (5). Información facilitada pola súa filla Gloria Alonso. (6). Alonso, Eusebio. "Gran..." (7). Alonso, Eusebio. "Los horrores del caciquismo en Moaña". La Libertad, 4-2-1913. (8). Alonso, Eusebio. "Gran..." (9). Alonso, Eusebio. "Gran..." (10). González Fernández, Xoán Miguel. "Moaña..." Páx 33 e 101. (11). Alonso, Eusebio. "Gran..." (12). González Fernández, Xoán Miguel. "Moaña..." Páx. 33 (13). Vaya unos caciques!. "La Libertad" 23-4-1910. (14). Alonso, Eusebio. "El magno problema de la pesca". "La Libertad" 13-5-1911. (15). Información cedida por Antonio Nores Soliño de Cangas. (16). González Fernández, Xoán Miguel. "Moaña..." Páx. 36. (17). González Fernández, Xoán Miguel. "Moaña..." Páx. 35. (18). Alonso, Eusebio. "Gran..." (19). Información dada por Pedro Riobó Casqueiro. -------------------------------------------------------------- O máis sinceiro agradecemento pola súa colaboración a Pedro Riobó Casqueiro, Antonio Nores Soliño, Xoán Miguel González Fernández, Carlos Pérez Alonso (neto) e en especial a súa filla Gloria Alonso Currás, quen ademáis da información tivo a xentileza de ceder a fotografía desta interesante persoa. Maio, 2001