BERBAMAR, AUTOBUSES DE MOAÑA O outro día cadrou a falar dos autobuses que houbo en Moaña, hai 35 anos cubrindo tódolos currunchos das parroquias. Uns mozos alí presentes, miráronnos de esguello e ó mesmo tempo soltaron unha interrogante acusadora. ¿Que fixestes para que desapareceran?. -Eran outros tempos e daquela nada se podía facer. É unha contestación lóxica pero insuficiente para compracer a esa simple e boa pregunta. En realidade o sucedido cos "autobuses de Barros" -como popularmente se coñecían- é unha das páxinas máis tristes da nosa historiografía urbana. O que nunca debeu acontecer, aconteceu por aquilo de que o principal adversario do empresario é o empresario da competencia; e nalgúns casos non lles importan os medios utilizados para consegui-lo desexado. A INICIATIVA Todo comezou coma un bo conto, cando alá polos anos 60, un matrimonio moañés, logo de aforrar algo de "plata", gañada co seu esforzo e traballo polos países sudamericanos de Uruguai, Arxentina e Venezuela, deciden regresar da emigración coa idea de investir parte dos aforros en negocios estables. Manuel Barros, ex-mecánico de autobuses en Montevideo, coidou que establecer un servicio urbano, precisamente de autobuses, podía ser rendible; xa que en Moaña só había unha compañía que facía o traxecto Cangas-Moaña-Pontevedra ás 8 da mañá, con regreso ás 3 e media da tarde. A idea estaba ben argumentada e ben enfocada cara á xente que traballaba ou estudiaba en Vigo e que carecían de transporte para trasladarse de casa ó porto e viceversa. Lembremos que daquela aínda non existía a ponte de Rande e os vapores de pasaxe eran o único medio utilizado. Barros entra en sociedade co veciño de Meira, José Martínez Castilla, e logo da súa constitución empresarial presentan no Concello, o 25 de abril de 1962, a solicitude cara á implantación dun servicio de autobuses que, "favorecerían de un modo extraordinario y excepcional, los intereses del vecindario..." E así foi como a Comisión Permanente celebrada un mes despois, non só considerou beneficiosa e de interese xeral a proposta, que ademais lles obrigou a amplia-lo itinerario inicial ata Vilela. Coma é preceptivo, remítenlles a documentación ós organismos competentes e dende o primeiro día o enxeñeiro xefe da Xefatura de Obras Públicas porá impedimentos para autoriza-la entrada en funcionamento do servicio solicitado. De feito, cando en outubro do 62, a Corporación de Moaña aproba os prezos e o horario, a Delegación de Obras Públicas desautoriza ó Concello por outorgar a concesión dun servicio público regular, do que, segundo eles, iso era competencia do ministerio de O.P. Ó final o citado ministerio deu seu informe favorable, cunha concesión provisional en precario, o que non lle impide enviar unha representación ó acto de bendición dos dous primeiros autobuses e á posterior toma dun "viño" celebrado na propiedade da marquesa de Méndez Núñez, na primavera do 63. En abril dese ano a empresa "Autobuses de Moaña" presenta no Concello un cuadrante co itinerario e tarifas que tiñan a base de chegadas e saídas no peirao de viaxeiros, cunha banda horaria entre as 6 da mañá e as 9 da noite para realiza-los seguintes traxectos: 1º)Peirao-Con-Quintela-Sabaceda-Marrúa-Paradela-Broullón e logo baixar a Meira por Couso-Pombal-Reibón-Ribeira- Moureira-Guisamil-Domaio e Rigueiriño. Para volver facíano pola Xunqueira-Reibón-Seara-Praia e o porto. 2º) Peirao-Con-Portal do Almacén-Abelendo-Iglesario-Vilela- e no regreso seguirían pola Praia-Seara-Meira-Domaio. E no retorno desta rota, collerían por Meira de Arriba-Fraga-Sabaceda-Con-Peirao. Esta sociedade chegou a rexistrarse con varios nomes en diferentes anos: "Servicio Urbano de Autobuses", "Autobuses de Moaña" e na última etapa "BERBAMAR, AUTOBUSES DE MOAÑA SA" que foi cando entra a formar parte da empresa, Eugenio Bermúdez por adquisición dunha parte do capital de José Martínez. "BERBAMAR" é o anagrama formado polas primeiras sílabas de cada socio, Bermúdez, Barros e Martínez. Idea suxerida polas monxas do colexio de María de Cangas. Diciamos que a primeira fase fora cuberta por dous buses, con certas irregularidades organizativas que motivaron unha chamada de atención por parte do alcalde, a quen axiña xustificaron dicindo que os prezos tarifados foron alterados por imposición de O.P. e tamén dixeron que os horarios foran modificados a causa do aumento das viaxes que impedían cumprir o estipulado. Tamén é verdade que os ómnibus de "Barros" gañáronse a simpatía da xente, xa que adoitaban agardar por calquera viaxeiro; paraban e recollíante onde cadrara; nunca fallaban nas festas etc. Outras veces prexudicaban a terceiros, sobre todo cando estacionaban ó lado ou enfronte da praza de abastos, provocando verdadeiros embotellamentos. En máis dunha ocasión foron multados e cominados se reiteraban as infraccións. A pesar dos problemas iniciais, "Autobuses de Moaña" conseguen dar cobertura total a tódolos sectores productivos do Concello: Transportaba ós traballadores de Ascón e as manufacturadoras da fábrica da Guía. Dúas grandes empresas en auxe e de vital importancia para a economía local. E tamén polo módico prezo de tres pesetas transportaban ás xentes á praza e ó porto. Desprazaban o persoal ata os secadoiros de Domaio e outras pequenas industrias. En definitiva un extraordinario servicio, polo que pronto tiveron a necesidade de amplialo ata unha flota de 5 ómnibus e un microbús na derradeira etapa. O incremento da flota crea a necesidade dun parque propio. Baseándose na utilidade pública, Manuel Barros solicita da Corporación, en febreiro de 1964, uns terreos municipais na Xunqueira para garaxe dos autobuses, así como para gardar un coche fúnebre que pretendía mercar se lle aprobaran a proposta. Obviamente esa solicitude foille denegada. A COMPETENCIA Por outra parte, a partir de 1965, Transportes La Unión, inicia unha nova rota de Cangas a Moaña por Coiro e A Meixoada, por onde nunca antes andaran, sen que a Corporación tivese noticias da autorización para realizar tal servicio. Esa aparente intromisión parecía obedecer a unha planificación estratéxica e ben estudiada. Evidentemente "La Unión" que non dá puntada sen fío, conta cos resortes e experiencia recollida noutros concellos. E iso permítelle contestar contundentemente ó Goberno local, cando este requírelle a documentación para autorizar a concesión dun servicio urbano de viaxeiros. No escrito do 31 de decembro de 1965, o xerente da "Unión" reponde que os servicios por Coiro non son urbanos e que xa foran aprobados e publicados no Boletín Oficial do Estado no mes de maio do 65. Engade, ademais, que a intensificación de tráfico entre Cangas, Moaña e Domaio tamén están aprobados pola 3ª Xefatura Rexional de Transportes Terrestres. E para que non houbese malos entendidos, poñen en coñecemento da Corporación a inauguración do plan "Unificación 16" no que se especifica os lugares por onde deben circular os que cubran o servicio de Moaña e advirten que teñen o propósito de ampliar máis servicios na liña Cangas-Domaio. A partir da maior presencia dos vehículos de Transportes La Unión, iníciase unha forte loita de competencia que tivo nefastas consecuencias para os emprendedores moañeses. Pódese dicir que padeceron un control e un acoso, case sistemático por parte da Garda Civil de Tráfico, que daba a sensación de ser algo premeditado. Tamén é certo que "Berbamar" incorría en accións sancionables coma a de recoller viaxeiros fóra das paradas. Exceder de aforo, ou de ir todos os días ata Cangas sen ter autorización. O caso é que os multaron demasiado. Houbo días de poñerlles ata 50.000 ptas. de sanción. Cando xa levaban uns tres anos en funcionamento, aconteceu que o día 6 de decembro de 1965, a Xefatura Provincial de O.P. ordena a supresión de circulación total dos buses de Moaña, baseándose na caducidade da licencia e dun expediente negativo, cheo de irregularidades e infraccións, elaborado con sospeitoso proceder tal como pode intuírse na correspondencia recibida do enxeñeiro de O.P. O argumento utilizado para suprimir o permiso provisional concedido en 1963 foi precisamente as viaxes realizadas ata Cangas; polo que "Berbamar" tivo que presentar de novo o papelame ante a Dirección Xeral de Transportes Terrestres do ministerio de O.P., previo informe favorable da nosa Corporación, onde comentaban que, se ben a empresa podía ter algo de culpabilidade, para os efectos directos, os prexudicados ían ser miles de traballadores que precisaban dos ómnibus para ir traballar, e as familias que diariamente facían as compras na praza. Nesta ocasión, "Berbamar, Autobuses de Moaña S.A." pretendían conseguir a concesión definitiva. ¡E vaia se a conseguiron!: A Dirección Xeral de Transportes autorízalles a explotación a partir do 6 de marzo de 1966, esixíndolles nada máis e nada menos que: a anulación de paradas, supresión de horarios, interrupción de servicios; é dicir, a prohibición total de efectuar tráfico dende A Fraga ata Moaña e dende Moaña ata Domaio. En resumo só podían circular por camiños veciñais nos que era imposible facelo, ou se podían facelo, coma no caso de Meira de Arriba, sería totalmente ruinoso. Segundo versión do enxeñeiro xefe de O.P. esas condicións foron aceptadas polos peticionarios sen obxección ningunha (?). Ademais, segue puntualizando, a única solución legal para satisfacer as necesidades do transporte en Moaña é que fosen realizadas pola empresa que conta autorización legal para recorrer o itinerario do litoral, así coma o de Marín ó Con, por Paradela e Redondo, sen prohibición de tráfico. E incide que esta empresa está disposta a facer servicios curtos e frecuentes en Moaña, e que ademais, serían autorizados pola Xefatura Provincial de Transportes cara a implantar un período de proba durante 3 meses. Por fin sae a relucir oficialmente o que xa era de dominio público. Transportes La Unión, con máis estructura empresarial, souberon traballar nas estancias dos organismos para cumprir tódolos requisitos legais. Deste xeito, conseguiron a concesión case en exclusiva, case monopolizadora, do transporte regular de viaxeiros no concello de Moaña, paradoxalmente por onde antes xamais cruzara, agás a viaxe da mañá ata Pontevedra, xa comentada anteriormente. Nunha desas instancias presentadas á desesperada en marzo do 68, Eugenio Bermúdez, representante de "Berbamar" comunícalle ó alcalde, entre outras cousas, a evidencia dese favoritismo: "muchas de las multas impuestas a esta Empresa, son motivadas a denuncias inexactas de la Empresa La Unión, la cual cuenta con personal allegado en la Jefatura de Obras Públicas y cuyo extremo estoy dispuesto a probar..." A partir de entón, a dinámica estivo marcada por un longo preito, na que a empresa moañesa estaba predisposta a perdelo ó toparse cunha competencia estribada en bos resortes tanto legais coma oficiais. A PROTESTA FEMININA Reiteramos, unha vez máis, que a prohibición aplicada no mes de Nadal de 1965 causou un grande impacto, ocasionando un grave prexuízo á poboación, o que motiva a nosos políticos locais a tomar cartas no asunto e solicitar do Gobernador Civil e da Delegación Provincial de Transportes a inmediata restitución do servicio. Sen embargo, sería este último organismo quen, nun informe de carácter confidencial, insta ó Gobernador para que a súa vez se dirixa ó concello de Moaña e comunicarlle de que non existe outra solución legal máis que a da Unión para cubrir as necesidades do transporte moañés. Pasan os meses e ó non haber unha solución inmediata, o día 22 de abril de 1966, un grupo de 25 mulleres concéntranse diante da casa do alcalde que vivía en fronte da praza. Alí provocan un resoado escándalo. A cousa non era de estrañar. Un altercado lóxico despois dunhas medidas que ocasionaron un malestar enorme entre os veciños. Sen embargo non era tan doado o pronunciamento reivindicativo das mulleres, se temos en conta o estado dictatorial no que se vivía. Ó día seguinte, organízase outra protesta, dunhas 40 mulleres de Meira e Domaio, promovidas por persoal da empresa afectada, e preséntanse na alcaldía para seguir reclamando o establecemento das liñas de viaxe. Tódalas manifestantes deixaron entrever o trastorno ocasionado a mais das familias, fillos e homes dependentes dese medio de locomoción. O día 25 de abril celebrouse a maior manifestación-concentración de mulleres da historia de Moaña. Sobre as 6 da tarde unhas 170 mulleres -segundo a versión oficial foron 60-, todas elas de Domaio, Meira e Tirán, diríxense a casa consistorial para reclamarlle ó alcalde a xestión inmediata para restablecer o servicio suspendido. O propio alcalde informa das últimas novidades sobre o problema, e ó mesmo tempo ameaza, directamente, que no caso de seguir coas "reuniones tumultuosas" puidese dar motivo a unha intervención da forza..."pudiendo con ello, acarrear alteración de orden público." Insistimos que esa reacción feminina é un caso insólito en Galicia, especialmente nunha época onde estaba prohibido ou controlado o dereito de reunión e asociación. De feito, o Gobernador Civil, ante o cariz que estaba tomando, decide actuar con prema e non dubida enviar un duro comunicado a Josefa Argibay (Pepita), José Martínez, Manuel Barros e Eugenio Bermúdez, responsabilizándoos das protestas veciñais e poñéndolles unha sanción de tipo moral por ser a primeira vez. De continuar as manifestacións, consideraranse faltas graves e serían severamente sancionados con multas de "elevada cuantía", ademais de seren ameazados ante o tan temido Tribunal de Orden Público (TOP), verdadeiro verdugo do sistema franquista. Por mor dese ultimato, cesaron as mobilizacións e como xa quedou dito, o conflicto seguiu por canles da xustiza, mellor dito dos tribunais. Ó final xa se sabe como se desenvolveu. Pero en resumo, o que máis se botou en falta por parte das autoridades locais foi un posicionamento firme para seguir apoiando a empresa moañesa; coma por exemplo: a dimisión en bloque da Corporación. Tamén é certo que as autoridades políticas de entón contaban co eximente de seren escollidos -xamais elixidos- con base nunha obediencia hermética, de mentalidade castrense, e dunha doutrina política que obrigaba a submisión cara ós xerarcas inmediatos. Ó final, e en conclusión, enviouse á ruína a familias moañesas que tiveron o valor de investir os seus aforros en iniciativas interesantes. -------------------------------------------------------------- (?) No lugar onde aparece esta interrogante, permítase a dúbida de que os socios de "Berbamar" puidesen aceptar aquelas condicións tan nefastas. Para rematar, agradecer a colaboración do funcionario Fran Casás, e tamén a Pepita Argibay pola cesión das fotos que fan de soporte gráfico deste artigo. Xosé C, Villaverde Román Agrupación Cultural NÓS Agosto de 1998