A CANEXA LIGHT Durante milenios, as augas de escorrentía foron labrando e escarvando as terras máis fofas dos montes. Montes de nomes xa esquecidos: ¿Dos Ladrados?, ¿de Quintela?, ¿de Riazón?. Iso é o de menos; o caso é que gracias a chuvia, os nosos devanceiros puideron atravesar os outeiros para ir pescar ou mariscar a praia dos Olmos, nome tamén esquecido hoxe en día. Co paso dos séculos, nace a parroquia de Moaña arredor de San Martiño, e moitos mariñeiros baixaban á ribeira valéndose deses fondóns naturais. Hai uns cen anos, as praias de Moaña comezan a habitarse. Pronto aquel núcleo asumiría como propio o topónimo de Praia. Unhas décadas despois xa estaba consolidada coma centro urbano. Logo viu a necesidade de facer unha estrada para comunicarse con Pontevedra e por onde couberen dous carros de bois. Así foi como en 1913 a "Carretera de Arriba" tronzou as canexas da Bouza, do Xaldeiro, do Pisco, de Cándida Lago -ou Canexa propiamente dita. Posteriormente, sobre 1920 o Concello aproba un recheo, xusto fronte a boca da Canexa para facer unha praza ó aire libre. Aquilo supuxo o gran impulso para este vial polo cal transitaban xentes de Vilela, O Casal, Abelendo, Quintela, Xalde, Sabaceda, Fraga e de moitos máis lugares. A partir de 1921, non houbo máis remedio que arranxar o camiño de maior tránsito do municipio. Na parte superior solucionaron a forte pendente con escaleiras e na inferior cunha costa enlousada de pedras, cubrindo unha boa canle para conducción das augas ó mar. Posteriormente foi empedrada. A partir de entón esa rúa deviuse nun centro comercial complementario á praza de abastos: bodegóns, froitería, tendas; incluso a central de Teléfonos e ata a "Irmandá". Co paso dos anos, xorden por todo o concello os supermercados en clara competencia á praza. O fluxo da xente por esta canexa minguou considerablemente. En consecuencia, a Canexa caeu nunha grave depresión económica. Tan só Lino e Sira mantiveron a duras penas unha taberna e un "Super 100" respectivamente. Locais pechados, negocios traspasados, casas á venda e baixos alugados. É máis, chegou a desaparecer toda aquela rapazada que facía da Canexa un estreito campo de fútbol empedrado. Pero mira por onde. Por casualidade, aconteceu un feito insólito que transformou, mellor dito, revolucionou, toda esa zona para convertelo noutro "Outeiro encantado". Se ben soa paradoxo, convén sinalar que todo partiu dunha remodelación presupostada dende o Concello. O concurso fora gañado por FCC, e o seu enxeñeiro en Pontes e Canles -non podía ser menos- cometeu o erro de confundir nos planos, o trazado das augas pluviais co das residuais. E se a isto engadimos a neglixencia dun albanel ó esquecer a "catalana", resultou que no empate dos desaugues da Martinga, cos tubos estreitos procedentes de Quintela, o auga aumentou a presión e xusto ó chegar a arqueta, situada fronte Teléfonos, como se atopaba atuíada pola "catalana", a auga saía despedida coma se se tratara dun chafariz. O surtidor quedou tan bonito, que en vez de reparalo, acordaron acondicionalo coma ilustración da citada travesía. A dicir verdade, aquel chorro despedía un sublime tufo a auga "abonada". Pero iso non lle foi impedimento a Sra. Criselda para experimentar coa auga daquel manancial e regar unhas begonias que tiña no canto debaixo do quinteiro. Nada máis chegar o día seguinte, aqueles tubérculos duplicaron a flor. Isabel, recén casada con Moises Casal, tamén quixo probar cos xeranios trepadores da balconada do segundo. Ós tres días case penduraban ata o chan de fermosos e floridos que estaban. Nin que dicir ten, á semana seguinte toda a Canexa devíu nun verxel. ¡Ah! E non só afectou as plantas; pois ninguén podía imaxinar o descomunal medrío dos muxos, alimentándose no prebe daquel regueiro que ía desembocar detrás da praza. ¡Había que pescalos con arpóns!. -¡Que ocasión máis boa!, cavilaba sr. Manolo "o Muiñeiro" con mente lúcida, decidido en aproveitar a conxuntura. E de feito foi o primeiro en reconverter o bodegón. Montou unha terraza no exterior para contemplar o "xéiser" e mentres, no interior, decorou o "pub" ambientado con música "country". Nunca máis volearon os bocois de viño Canexa arriba, Canexa abaixo. Os calzos e correas de madeira acabaron trillados e alimentando a fogueira de san Xoán. A seguinte en progresar foi miña madriña Aureliña, quen tamén se apresurou a desfacerse da froitería para instalar uns frigoríficos de productos da horta. Na inauguración colocou un letreiro luminoso visible dende calquera punto, onde podía lerse: "Little Aurelie Company Fruits". Como poderá observase os nomes dos novos negocios estaban en consonancia coa normalización lingüística propugnada por Lord Paco Vazquéz, entón presidente da "The Galice Union's" (antes Xunta de Galicia). Aquel fenómeno "natural" provocou unha súpeta prosperidade, atraendo gran número de curiosos. Era necesario aproveitarse do bo momento. As remodelacións eran diarias. Maximino o "Cachila", vendeu o barco e montou un restaurante de comidas rápidas. Os seus fillos non coñeceron a emigración. A tenda-taberna de Teresa foi reconvertida en tenda de paxaros, atestada de aves exóticas e especializada en canarios. Chegou a contarse máis de dez mil exemplares desta especie; a gran paixón de seu home "Deixáa". E non digamos o éxito alcanzado por Antonio Pardo, quen transformou os ultramarinos nun supermercado "Nuit" ligado a unha multicional francesa. Acabou por superar a competencia do seu cuñado Fernando. Dende o traslado en 1975 da Central de Teléfonos para as Barxas, Jesús "do Muelle" encamiñou o local da Canexa ó máis futurista dos negocios. Á representación de "mancontros" de todo tipo: Airtel, Moviestar, Amena, Retevisión, Unidós, Nokia etc. Ó final tivo que amplialo ata parte do comercio. A economía foille tan favorable que súa muller, Carmen "de Román" xamais volveu remendar un pantalón. De tódolos cambios, quizais, o máis espectacular fora na casa de señora Carmen "de Abelardo", debido a que Modesta conseguiu doutorarse e montar unha "Escola Universitaria de Diseño e Patronaxe". Ata alí empezou a peregrinar xente de toda Europa, sobre todo de París e Milán para aprender alta costura. E tan alta, pois tiñan que subir ata o ático, onde estaba a academia. Como anécdota interesante, comentar de Modesta como a única do Estado en posesión do "Couturière d'Or". Máximo galardón europeo concedido a unha modista e sen necesidade de recorrer ás transparencias. Lembrar que Modesta, creadora da "manga rangla" gañou por escaso marxe a Mary Quant, inventora da minifalda. As evolucións neste vieiro eran tan vertixinosas que, tanto Juan "da Manca" como Valentín déronse présa en retirar os carteis de "Véndese". Mentres Juan construía cinco alturas para hotel, Valentín deriva a fontanería nun almacén dedicado á bricolaxe. Benito de "Bufa", home de visión extraordinaria para os negocios, regalou os aparellos para remodelar o casete. Despois de descartar unha tenda de deportes para Nitucho, constrúe unha discoteca de catro pistas con diferentes ambientes. Os "week- ends" están a tope. Con dicir que pecharon a maioría dos locais da movida do concello veciño, xa dá a verdadeira dimensión do éxito acadado. A remodelación, esta vez definitiva, tamén chegou ó emblemático edificio da "Churrería". Remataron as chapuzas para converterse nun edificio señorial vertebrado en tres dimensións diferentes. O baixo, café-concerto "Xeniño", enchíase diariamente para admirar ó señor Eugenio, deleitando a un selecto público, entregado a súa virtuosidade co acordeón. O primeiro andar, "Catering Churrería", único en protocolos e recepcións oficiais de Galicia. De recén inaugurado, tivo a honra de celebrar no salón rexio a "I CUMBRE HISPANOAMERICANA". Dito cumio deulle moita sona a Moaña, gracias a agarimosa acollida dos famosos mandatarios latinoamericanos, entre eles: Fidel, Anastasio, Jorge Rafael, Efraín, Augusto e outros tantos agasallados polo noso anfitrión Francisco. O terceiro sobrado, con preciosas vistas ó mar por riba da praza, quedou destinada a "Solarium" de luxo, frecuentada por espidos honorables de Moaña. A sona da Canexa alcanzou horizontes inimaxinables. Portadas en "Time", "Le Monde" ou "Washington Post" influíron en especialistas de "Tragalgar Square" ou das, non menos famosas, "Galeries Lafayette" para analizar, in situ, a realidade desta zona costaneira. Pero, -sempre hai un pero- sobre este marabilloso fenómeno ronda un sino, baseado na posibilidade de que algún día, un alcalde ou un grupo de goberno pretenda a súa remodelación. Non esquezamos as connotacións electoralistas da Canexa. Agardemos que cando chegue ese día, non cometan a imprudencia de retirar a "catalana" da arqueta. Villa Xullo 2000