AS XURISDICCIÓNS NAS FREGUESÍAS MOAÑESAS DURANTE A IDADE MEDIA, por Xosé Carlos Villaverde Román
 

Para entender o concepto de parroquia é necesario remontarse á invasión romana, difusora do cristanismo por todo o imperio. Nun principio partiron do control territorial baixo o mando dun bispo-párroco residente nunha catedral. A catedral era entón o único lugar con pía bautismal, chamada tamén parroquia -daí o nome- onde se administraba o bautismo de toda a diócese. Co tempo, debido á gran expansión do cristianismo, ese previlexio houbo de ser ampliado ás vilas rurais, co fin de solucionar as enormes dificultades que supoñían os longos desprazamentos ás catedrais para bautizarse.

Pouco a pouco, as parroquias van consolidando o desenvolvento as relacións cívico-administrativas para evolucionar hacia unidades territoriais, económicas e fiscais (1).

No ano 287, período do emperador Diocleciano, Gallaecia quedou definida como provincia romana, dividida nos conventos Lucensi (Lugo), Bracarensi (Braga) e Asturiciense (Astorga). Por entón o río Verdugo era a fronteira natural entre os dous primeiros conventos (2). Esta división permanecería inalterable durante o asentamento suevo, iniciado no ano 409. Non obstante un novo entramado da división galega farase a partir de 569, firmado polo rei galaico-suevo Teodomiro no "Parrochiale Suevum".

"...Pierre David, que estudió detenidamente el contenido de las Actas del Concilio de Lugo (569)... tiene como comarcas no interpoladas, y que siempre pertenecieron a la Sede Iriense (Iria-Flavia, Padrón), pasando después a la de Santiago las de: Ipsa Iria, Morracio, Saliniense, Continus, Celenos, Metacios, Mercienses y Pestemarcos" (3).

Despois da integración do Morrazo na sé de Iria Flavia, do convento de Lugo, apenas habería grandes modificacións, polo menos ata o século XII e, sin ter en conta o troque da sé iriense pola compostelana.

"... En la bula del papa Pascual II, 21 de abril de 1110, dirigida al obispo Diego Gelmírez, se confirmó a la Sede Compostelana la posesión y propiedades de las iglesias, bienes y heredades que eran de su pertenencia, formando el territorio jurisdiccional de los obispos compostelanos, que entonces todavía no había conseguido la dignidad arzobispal... En la relación de las comarcas encontramos...Morracium." (4).

A estabilidade desta comarcalización perdura ata 1177, ano no que o arcebispo de Santiago, D. Pedro Suárez de Deza, divide a diócese en cinco distritos, adxudicando o goberno dun deles ó dean, e os catro restantes a catro arcedianados, dependentes do arciprestazgo de Santiago. Os entón arciprestazgos de Morrazo, Salnés, Moraña e Montes, quedaron incluídos no arcedianato do Salnés (5).

Coincidindo coa terminación da basílica compostelana, a mediados do s. XII, vaise producir unha expansión de templos románicos por toda Galicia, entre eles o de Moaña, datada en 1197 por Ángel del Castillo (6). Non obstante, a pesar do control compostelano sobre os dereitos na península do Morrazo, existían outras ordes que exerceron ó mesmo tempo a xurisdicción temporal sobre zonas concretas da bisbarra (7).

OS SANXOANISTAS.

Víamos como en 1177 o arcebispo Suárez de Deza incorporaba o "Morratium" ó desaparecido arcedianato do Salnés. Dentro da comarca había pertenzas á orde dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalen, tamén coñecida coma a dos Cabaleiros de Rodas ou Cabaleiros de Malta e de orixe templario.

Os sanxoanistas do Morrazo, tiveron o seu centro na freguesía de Santa María do Campo, Marín, e dependían da Encomenda de Beade (Ourense), unha das sete que a orde de Malta posuía en Galicia (8). A partir do s. XVII, tódas as encomendas concentráronse precisamente na de Beade (9).

Os bens e dereitos da orde de San Xoán no Morrazo extendíanse polas parroquias de Santa María do Campo, Santa María e Santo Tomé de Piñeiro, Santa María de Ardán, Santa María de Cela, San Martiño de Moaña, San Xoán de Tirán, San Andrés de Hío, San Xoán de Marín e San Andrés de Lourizán (10). Hipólito de Sa puntualiza que, ademais dos dereitos, pertencían á orde as igrexas de Santa María do Campo, San Martiño de Moaña, Santo Tomé de Piñeiro e as viguesas de Santa María de Castrelos e Bembrive (11).

O control dos dominios da orde era exercido polos visitadores xerais da Encomenda de Beade, entrando as veces en conflicto coas competencias da xurisdicción episcopal. Un exemplo desta superposición de intereses témolo nun documento datado o día 10 de agosto de 1371, onde o arcebispo de Santiago, Rodrigo de Moscoso, concede a Alvar Páez de Sotomayor varias freguesías, incluída a totalidade de San Martiño e as rendas da igrexa de Tirán, en gratitude polos servicios prestados, tanto ó prelado coma á Igrexa de Santiago (12). Por outra banda, observamos en 1391 como os bens da comentada orde, concorrían no propio Alvar Páez e ó mesmo tempo aforados a seu sogro, Andrés Sánchez de Gres. O outorgamento fora feito a Alvar Páez de Sotomayor, a súa muller Fernández de Gres e a dúas "voces" máis, é dicir, dúas xeneracións (13).

O activo sanxoanista do Morrazo vai sofrir un cambio de titularidade a partir do día 6 de maio de 1495. Nun foro firmado en Mourentán (Arbo-Pontevedra), o comendador da orde, Frei Diego de Villasante, outorga a Leonardo Gil de Barragán, polo tempo da súa vida, a cámara e capela de Santa María do Campo e tódalas posesións da encomenda na comarca e arredores de Pontevedra. Anos despois, en 1512, ese foro foi ampliado a vida da muller de Leonardo Gil e "tres voces" máis (14).

Gil de Barragán, escudeiro, estaba casado con Urraca Estévez, veciño e rexidor de Redondela, tiña moitas propiedades no Morrazo, e sen embargo, as das freguesías moañesas limitábanse a unhas poucas herdades en "A Redondiña dos Valos", unha casa en "Abelenda" (Tirán), algunha terras das "Pedras da Pedreira" e "Esqueiro do Fiunchal" e outras herdades no lugar "da Canizada" en Moaña (15).

A partires de 1654 o patrimonio morracense da orde pasa a depender do priorado de Castrelos de Vigo (16), subcontratado ó conde de Román por 206 reás ó ano. Este conde hipotecou en 1744 tódos os bens que levaba en foro a encomenda no Morrazo. Durante a desamortización de Mendizábal, sobre 1843, facúltase ó apoderado xeral das seis encomendas galegas para liquidar os bens e dereitos da orde (17).

OS CISTERCENSES.

Dentro desta complexa sociedade medieval de señorios e xurisdiccións, tamén tiveron incidencia no Morrazo, dende o s. XII, a orde do Cister. A área desta orde chegou ata Domaio e Vilela a través dos mosteiros de Santa María de Melón e Santa María de Oia, ámbolosdous, pertencentes o bispado de Tui.

"...y finalmente al monasterio Melón, se le concede los cotos de río Deva y la influencia sobre las riberas altas del Tea, las riberas del Oitavén hasta el coto de Domayo y toda la ría de Vigo." (18).

SANTA MARÍA DE MELÓN (OURENSE).

Vimos como a principios do s. XII as institucións eclesiásticas, catedral e mosteiro, tiñan prioridades para facerse coas concesións dos coutos. Previlexio compartido ás veces coa nobleza para administrar xustiza, tal como se mostra nun testamento feito en 1230, por Juán Suero de Chapela, para legar a seu irmán as pertencias do couto de Domaio (19).

No medievo descríbese o couto como unha zona onde o señorío exerce os dereitos de xurisdicción, grazas a unha concesión real. Aquí é onde os testamentos xogan un importante condicionamento daquela sociedade en base ás doazóns á Igrexa e os repartos de sucesión (20).

Ademais dos donativos, este mosteiro foi aumentando paulatinamente seu patrimonio. Unhas veces pola compra directa de terreos, por exemplo, cando mercaron no ano 1259 unha casa con horta en Domaio (21); e outras, porque algúns dos nobres feudais víronse na necesidade de enaxenar parte dos seus bens, a fin de conservar o status de distinción.

"Ego dominus Johanes Arie de Meyra, et uxor mea donna Eldoncia Fernandi e omni vox nostra vendimus e concedimus vobis domino Petro Abbati e conventi Melonis Ipsum nostrum casale de Domayo..." (ano 1254). (22).

Noutras ocasións, o cenobio valíase dos contratos enfitéuticos, para forzar ós aforados a outros menesteres diferentes ó simple pago das rendas. Outro exemplo pode comprobarse nun foro rubricado en Domaio en 1250 por unha herdade de Palmás, onde condicionan o pago de tres milleiros de sardiñas a que sexan depositadas na vila de Redondela. Esta pretensión obedecía á estratexia da abadía de centralizar neste porto todo o seu comercio da ría de Vigo (23).

Co paso do tempo a extracción pesqueira mantíñase activa, e así, os aforados de Redondela, Domaio e Vigo, debían pagar, en 1430, as rendas en polbos, ollomoles, pescadas e sardiñas (24).

Sabedores das dificultades para atravesar a ría, os monxes de Melón imputaban ós veciños os gastos do transporte. Houbo un caso rexistrado nun foro de 1258, outorgado a Juán Martínez por un casal en Domaio, que tiña a obriga de cruzar ós frades cando ían predicar nas vilas morracenses do seu dominio (25).

Se, de por si, as cargas e porcentaxes das rendas eran considerables; a partir do s. XIV, obsérvase un endurecemento das mesmas e, sobre todo, nos recoñecementos do señorío ou na imposición de alimentar ós representantes da institución eclesiástica nos seus desplazamentos.

"... En ese mismo año (1307), el monasterio de Melón afora a Justa Pérez, su yerno y la mujer de este, la mitad de un casal en Domaio, por lo que los foreros han de reconocer el señorío del monasterio". (26).

En contrato diferente, de 1315, obrigaba a Miguel Martínez, tamén de Domaio, a súa muller e fillo, a prover de comida e bebida ó recadador do mencionado mosteiro; ademais, o pago da mitade de tódolos froitos. E aínda por riba a "serdes vasalo do dito moesteiro servyentes e obedientes..." (27).

Hai outro documento do 15 de xaneiro de 1396, no que as condicións pola cuarta parte dun casal e fincas lindantes, en "Xendeal" (¿Verdeal?), eran igualmente duras. Non só polo pago da terceira do que deran o campo, nin pola metade do viño, no caso de faceren viña nova; senón que debían dar de comer e beber ó encargado de recoller os froitos, verzas e castañas da horta. E por suposto traspasalo en barca se procedía da outra beira da ría.

Outra das esixencias era a consideración de vasalaxe e obediencia cada vez que os señores visitasen a comarca e prohibíanlle ó memo tempo pasarse a outro señorío ou criar fillos de cabaleiros e escudeiros alleos ó mosteiro. Tamén lle pedían o pago da "loytosa" -dereito de transmisión- e unha penalización de 200 maravedíes, no caso de incumplir calquera das partes do contrato (28).

Algunhas desta medidas ían encamiñadas a evitar o abandono do campo hacia nucleos urbáns, forzando ós aforados a residir no propio lugar. En 1325, Miguel Martínez e a súa muller asinaron foro, a condición de "...morardes con vosos corpos cada huno... e aquel que a non morar por seu corpo que perda o dito foro e o dito mosteyro..." (29)

Hermelindo Portela atribue esta presión a unhas medidas provocadas pola notable diminución económica sofrida polo mosteiro de Melón a partir do s. XIV, rexida entón por abades comendatarios, máis interesados polos bens da abadía que velar polo carácter relixioso da orde (30). Aínda así, os foros seguiron vixentes, como o outorgado en 1563 por unha facenda en Domaio.

A crise dos derradeiros anos do s. XIV caracterízase polo aumento da influencia señorial en detrimento dos mosteiros. Os grupos de cidadáns, os novos burgueses e os nobres laicos, van trunfando cada vez máis. Aparecen señores de apelidos aristocráticos como os Soutomaior e Valladares, de considerable repercusión nesta península.

SANTA MARIA DE OIA. (PONTEVEDRA)

A outra influencia cistercense no actual concello de Moaña procede do cenobio de Santa María de Oia, ó estender seus dominios ata a freguesía de San Xoán de Tirán, grazas a unha real provisión dada por Enrique II en Sevilla, o día 26 de febreiro de 1376. Esta carta ía irixida ó arcebispo de Santiago para que, a súa vez, ordease ó Adiantado Maior de Galicia, Pedro Ruíz Sarmiento, que lle dera posesión do couto de "Villela en terra de Morraços" a Gonzalo Soutiño, abade de Oia (31). En realidade aquel manuscrito non era máis que a resolución dun pleito que a abadía mantivo coa persoa de García Plego, e resultou ser o inicio dunha xurisdicción mantida durante catro séculos.

O conde Nolasco de Lanzós quixo poñer ó día as súas contas antes de morrer, así como a renovación dun foro da súa propiedade. Para tal finalidade presenta unha demanda -datada en marzo de 1754- nomeando ó "Pai Frade", o arquiveiro de Oia, ó mordomo do partido de Pontevedra e ó escribano de Marín para recoñecer as propiedades que posuía no couto de "Villela", no "Casal de Otero" na parroquia de Tirán e "fondo da Vila" en Moaña. Unha vez recoñecidos os lugares, o mencionado conde, presentou reclamación na cidade de Compostela para intentar renovar o foro, pero foille novamente desestimado, obrigándolle a restitución dos bens dese foro ó mosteiro de Oia. Aquela sentencia foi asumida por todos e pouco máis tarde, o P. Matías retomou a posesión das propiedades, para logo integralas noutro foro, outorgado o día 12 de marzo de 1756 (32).

OS SOUTOMAIOR.

Apelido ilustre que deu orixe a unha ampla ramificación espallada non só pola Galicia medieval, senon que tamén por varios territorios da xeografía ibérica.

Xa comentabamos, no apartado dos sanxoanistas, como o arcebispo de Compostela concedía a Álvar Páez, fillo de Fernán Yáñez de Sotomayor, o número de once freguesías, incluída a de San Martiño e as rendas que obtiña San Salvador de Coiro da parroquia de Tirán. Lembremos que esta concesión, do ano 1371, aparece aforada dez anos despois a Andrés Sánchez de Gres, xenro de Álvar Páez.

Segundo Vasco de Aponte, Álvar Páez, era home poderoso con casa de setenta lanzas e mandaba practicamente en todo obispado de Tui; agás do condado de Rivadavia, con quen mantivo fortes liortas. Este home feneceu sen herdeiros directos e sucedeuno, en 1468, o irmán bastardo Pedro Álvarez de Soutomaior, posteriormente conde Camiña, tamén coñecido como Pedro Madruga (33). Pedro Álvarez solía tomar "mollos de reforta" ou confort nos dominios en Cangas. Fuxiu a Portugal durante a segunda guerra Irmandiña iniciada en 1467 co obxetivo de reconstruir un exército de portugueses e casteláns cara á recuperación dos terreos perdidos. Previo pacto co arcebispado de Santiago, logra os obxetivos a partir de 1469.

No Morrazo, a revolta tamén foi significativa e os Irmandiños destruíron o castelo de Darbo, propiedade da sé compostelana e da torre de Meira, inmoble pertencente os Valladares de Vigo.

Recuperado os dominios feudais, o arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, ordea a reconstrucción do castelo de Darbo -Darabelo ou Aravelo- á costa dos veciños e logo envía a Vasco Fernández a vivir nela como "merino" ou xuíz da xurisdicción. Mentras, Gregorio de Valladares optou por non tocar a torre de Meira, que quedou tal como a deixaran os Irmandiños (34).

As relacións entre Fonseca e Pedro Álvarez eran por entón de enfrontamento, ó parecer por discrepancias sobre uns privilexios na vila de Pontevedra. De feito, o conde chegou tomar Pontevedra, Vigo, Cangas, Redondela e Caldas de Reis nos momentos máis críticos. A pesar de todo, a guerra entre ambos rematou cun tratado de paz (35). A resolución definitiva deste conflicto procedeu directamente de man dos Reis Católicos, que dictan sentencia en 1480, ordeando a Fonseca á devolución dos terreos do Morrazo en virtude das capitulacións asinadas co rei de Portugal, segundo as cales, devolveríanse as terras ós señores que loitaron no seu bando,. cousa que fixo o Conde de Camiña (36).

Álvaro Pérez de Soutomaior, fillo de Pedro Madruga, sucesor imposto polos Reis Católicos, trasladouse a Cangas o 15 de xaneiro de 1495 coa carta real, solicitando a restitución dos bens despoxados pola xente de Alonso de Fonseca. Levou consigo varias testemuñas, entre elas a Fernando de Romay, escudeiro e de apelido vinculado, na posteridade, á casa do Rosal (37).

Coincidindo coa construcción da colexiata durante o s. XVI, a Igrexa de Compostela nomea a Cangas cabeza xurisdiccional das parroquias de Darbo, Tirán, Coiro, Domaio, Moaña, Aldán, Bueu, Cela e Piñeiro; independentemente de que o conde de Soutomaior mantivese o dominio da abadía de San Xoan de Tirán, gobernada a través da xustiza de Cangas (38).

OS VALLADARES

Retomando a Vasco de Aponte, pódese extrapolar das súas crónicas contemporáneas que a casa de Valladares, propiedade do conde Gregorio de Valladares, basaba o seu poderío nuns cento cincuenta vasalos aproximadamente. O cronista puntualiza que, parte dese poder débese ó entroncamento coa casa de Meira, unha das máis antigas do reino de Galicia (39)

.A este respecto nada coñecemos da orixe da liñaxe de Meira; non obstante sábese que o 7 de xaneiro de 1337, Gutiérrez Fernández de Valladares, vendeu a seu irmán Goter Martínez, tódolos bens que posuía no couto e freguesía de San Andrés de Ardán, Santa María de Moaña (¿ou San Martiño?) e Santa Eulalia de Meira polo prezo de catro mil maravedíes (40).

O engrandecemento deste apelido foi considerable e moi difundido. Proba diso foron os enlaces cos Barba Figueroa de Caldas de Reis e Sarmiento de Meira. Tamén se espallaron por terras de Salvaterra e Sobroso, de onde procederon os títulos nobiliarios desta casa a finais do s. XV (41).

Hai unha unión Valladares-Meira o día 5 de setembro de 1422 na que o arcebispo de Compostela, Lope de Mendoza, concede a Teresa de Mera (Meira), muller de Gonzalo de Valladares e filla de Fernán Camiña de Lira e Inés de Meira, varias freguesías da xurisdicción de Santiago e propiedade de Inés de Meira (42). Deste casamento, Teresa de Meira-Gonzalo de Valladares, o apelido e bens da primeira, quedaron agregados ó barón; herdados en 1475 polo fillo Gregorio (43)

Tal como testificou Vasco Rodríguez, veciño de Saxamonde (Redondela), Gregorio de Valladares, propietario da torre de Meira, sofriu as consecuencias da guerra Irmandiña,

"Bido la Torre de Meira llebantada y echa con dos çercas e que la hermandad la desportillara una de las çercas e la otra çerca de cabe la dicha torre la derrocaran del todo e desmocharan e derribaran delle casi que hasta el medio..." (44).

A alianza de Gregorio de Valladares co arcebispo de Santiago significaba a enemizade con Pedro Madruga, o cal chegou tomar a xustiza pola súa man e mandou ó seu "merino" Juan Fernández a derrubar totalmente a torre de Meira, en vinganza pola morte dun vasalo moi apreciado. Pasados uns anos, o xenro de Gregorio de Valladares, García Sarmiento, presentou demanda contra Juan Fernández, o cal foi condeado polos Alcaldes Maiores do Reino de Galicia, segundo a testemuña do cangués Esteban Rodríguez:

"...fuera a Tuy a buscar los dichos diez mill maravedis para hacer la dicha paga al dicho Garçia Sarmiento e los trouxiera e los diera al dicho Juan Fernández..." (45).

O apelido Sarmiento quedou unido á casa de Valladares a través do enlace coa casa de Sobroso. O primeiro título de marqués de Valladares, foi concedido en 1675 polo rei Carlos II a D. Luís de Valladares, Meira y Sarmiento, en compensación da colaboración durante as guerras da independencia de Portugal (46). O dominio dos Valladares perpetuouse no tempo e incluso incrementando as concesións. De feito vemos como en xuño de 1698, o rei Carlos II cede ó conde de Amarante e marqués de Valladares, a explotación das salinas de San Bartolomé (47).

A CASA PAZO DO ROSAL (48)

Na publicación de ámbito local sobre este pazo, Miguel González sitúa a orixe no apelido Romai, que relaciona con un dos alcaldes ordinarios da vila de Pontevedra, Alonso García de Raxó, casado con Constanza López de Romai. Precisamente, nas partixas dos bens da muller xa fan referencia ás casas e lugar do Rosal. Noutra partición de 1571, a mesma Dª Constanza foi requerida polos seus irmáns. D. Pedro Falcón e D. Fernando de Romai para lle reclamar algúns dos bens da Fraga e Berducedo.

Por outro lado, non é descartable que descenderan daquel Fernando Romay, escudeiro e testemuña de Pedro Álvaro Pérez de Soutomaior, cando en 1945 reclamara en Cangas, as posesións do Morrazo ó arcebispo Fonseca.

O citado autor sitúa a formación da fidalguía desta granxa pacega desde a aparición dos Saavedra como titulares da mesma e apunta ó matrimonio Nicolás Saavedra e Pazos-Urraca Falcón de Romai, como os proxenitores da liñaxe xeneolóxica do señorío do Rosal, fundado por Álvaro Suárez de Deza e Constanza López de Romai. A primeira mansión solariega do Rosal, data de 1640 e foi levantada por Gonzalo Saavedra e Beatriz Súarez de Deza, sobriña dos fundadores do morgado. Isto quere dicir que a partir de entón legábase todo o patrimonio ó primoxénito, sen poder dividilo. A comezos do s. XVIII, o capitán Álvaro Suárez de Deza e Constanza López de Romai, adquiriron moito patrimonio para logo deixar á súa sobriña Beatríz Suárez, casada como dixemos, con Gonzalo Saavedra. Este matrimonio non só chegou a dominar gran parte da actual Moaña, se non que contaban con varios inmobles na vilas de Vigo, Morrazo, Val do Fragoso e algo de Redondela. En diferentes entroncamentos e sucesións, ampliaron os dominios do señorío ata Lugo, chegando a ser unha das casas máis poderosas da ría de Vigo. O morgado do señor do Rosal foi quebrantado a finais do s. XIX, por José Saavedra Costa, ó dividir o patrimonio entre os familiares, por carecer de descendencia directa.

O CENSO DE 1607.

O segoviano Jerónimo del Hoyo, canónigo-cardeal de Compostela, foi visitador xeral da archidiócese entre 1603 e 1614. Producto dese traballo foi a compilación das "Memorias del Arzobispado de Santiago" centrado no ano de 1607 e o cal ofrece datos moi xenerais sobre as parroquias.

San Martiño de Moaña. "Tiene esta felegresía de San Martiño ciento y veinte feligreses. Los fructos se dividen en tres partes: La una y un dezmero y el iglesario lleva la cura, que valdrá quarenta cargas de pan; la otra el collegio de Santiago, y la tercera es sinecura colletiva eclesiástica y la cura presentación de legos. La fábrica tiene de renta sesenta y cuatro celemines de pan, mediado y quatro açumbres de viño, seis reales en dinero y veinte yeguas".

Santa Olaia de Meira. "Esta felegresía de Santa Eulalia tiene cinquenta feligreses. Los fructos se hacen tres partes: Las dos y un dezmero pertenecen al retor, y la otra al collegio de Santiago. Vale la parte del retor veinte cargas de pan y una pipa de vino. Presentación del monasterio de Poio. La fábrica tiene de renta veinte y un celemines de pan. Hay una hermita de Santa Eulalia de Meira"

San Pedro de Domio. "Esta felegresia de San Pedro hay treinta y ocho feligreses y de los fructos se hace dos partes: La una y un dezmero y el iglesario, lleva el retor; valdrá todo veinte y dos cargas de todo pan y una pipa de vino, y la otra, pertenece al Collegio Mayor de Santiago. Presentación de legos. La fábrica tiene de renta veinte y quatro celemines de pan mediado".

San Xoan de Tirán. "En esta felegresía hay treinta feligreses. De los fructos se hacen dos partes: La una y un dezmero y el iglesario que valdrán diez y seis cargas de pan y tres pipas de vino lleva el retor, la otra el cabildo de Santiago. Presentación: la mitad de la dignidad arçobispal y la otra la casa de Sotomaior. La fábrica tiene renta treinta y cuatro celemines de pan mediado. Hay una hermita en esta felegresía que llaman Nuestra Señora de Castro. Dotola el fundador en veinte y ocho celemines de pan cada año con la obligación de que le digan una misa reçada y un responso en cada fiesta de Nuestra Señora y de que el día de la Asunción sea cantada".

Neste apartado hai que subliñar que a aportación á universidade de Santiago procede do arcebispo Alonso III de Fonseca, posteriormente de Toledo, que cede as sinecuras de San Martiño, Meira e Domaio. Estas sinecuras formaban parte do outorgamento dos beneficios que fixera en 1491, seu pai, o incontinente arcebispo Alonso II de Fonseca (49).

Notas. (1). "Parroquia". Gran Enciclopedia Gallega. Silverio Cañada Editor. (2). Autores varios. "Cántabros, Astúres y Galaicos". Edita Ministerio de Cultura, Dirección General de Bellas Artes. Subdirección de Arqueología y Etnografía". 1982. (3). De Sa Bravo, Hipólito. "Caldas de Reis. Páginas históricas de la Villa y de Linajes de la misma y su contorno". "El Museo de Pontevedra XXXVIII, 1984". Páx. 33 e 35. (4). De Sa Bravo. "Caldas..." Páx. 37. (5). De Sa Bravo. "Caldas..." Páx. 38. (6). Pita Andrade, José Manuel. "Notas sobre el románico popular de Galicia". "Cuadernos de Estudios Gallegos XXIV. 1969". Páx. 63. (7). De Sa Bravo, Hipólito. "Rutas del románico en la provincia de Pontevedra". Ed. Caja Rural Provincial de Pontevedra. 1978. Páx. 148. (8). De Sa Bravo, Hipólito. "Rutas..." Páx. 148. (9). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes y derechos de los caballeros sanjuanistas en tierra de Morrazo y villa de Pontevedra". "El Museo de Pontevedra VI. 1951". Páx. 39. (10). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes..." Páx. 33. (11). De Sa Bravo, Hipólito. "El monacato en Galicia.II". Ed. Librigal. 1972. (12). Rodríguez González, Ángel. "Documentación Medieval del Archivo Histórico Diocesano de Santiago". "Compostellanum XXXVII. 1992". Nº 3-4. Páx. 381. (13). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes..." Páx. 33. (14). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes..." Páx. 34. (15). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes..." Páx. 36. (16). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes..." Páx. 37. (17). Otero Pedrayo, Ramón. "Bienes..." Páx. 38. (18). "Fornelos de Montes". "Enciclopedia viva de los pueblos de la provincia". Faro del Lunes, 14-1-1985. (19). Portela Silva, Hermelindo. "La región del obispado de Tuy en los siglos XII a XV". "Compostellanum XX. 1975. Páx. 224. (20). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 162. (21). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 80. (22). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 170. (23). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 183. (24). Pérez Rodríguez, Francisco Javier. "El dominio de un monasterio gallego bajomedieval: Santa María de Melón en el siglo XV". "El Museo de Pontevedra. XLIV". Páx. 647. (25). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 223. (26). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 326. (27). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 388-389. (28). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 456-457. (29). Portela Silva, Hermelindo. "La región..." Páx. 327. (30). "Melón, monasterio de Santa María de,". "Gran Enciclopedia Gallega". Silverio Cañada Editor. (31). Yáñez Neira, Fr. Mª. "El monasterio de Santa María de Oya y sus abades". "El Museo de Pontevedra. XXVIII. 1974". Páx. 164. (32). Yáñez Neira, Fr. Mª. "El monasterio..." Páx. 212 (33). Vasco de Aponte. "Pedro Madruga". O Moucho. 1972. Páx 16 (34). Rodríguez González, Ángel. "Las fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños. I" Fundación Barrié de la Maza Conde de Fenosa. 1984. (35). Rodríguez González, Ángel. "Las fortalezas..." Páx. 392. (36). Miramontes Castro, María. "Catálogo da documentación medieval do museo de Pontevedra". "El Museo de Pontevedra L. 1996". Páx. 123. (37). López Carreira, Anselmo. "Cangas na Idade Media. Estudio e Documentación". Ed. Concello de Cangas e Caixavigo. 1999. Páx 133. (38). Yáñez Neira, Fr. Mª. "El monasterio..." (39). Vasco de Aponte. "Pedro..." Páx. 35. (40). "Extracto de documentos del archivo de Valladares facilitados por el Marqués de Alcolado". "El Museo de Pontevedra XXV. 1961". (41). Caballero y Barba de Figueroa, Alejandro. "Los Barba de Figueroa de la provincia de Pontevedra". "El Museo de Pontevedra XLI, 1987" Páx. 649. (42). Rodríguez González, Ángel. "Documentación..." Páx. 400 (43). García Piñeiro, Jacinto. "A casa de Meira". Faro de Vigo 10-12-1999. (44). Rodríguez González, Ángel. "Las fortalezas..." Páx. 253. (45). Rodríguez Gonzáles, Ángel. "Las fortalezas..." Páx. 258. (46). Pin, José María. "Valladares a través del tiempo". "Faro de Vigo, 16-3-1985". (47). F. Cigoña, Salvador. "Dos órdenes religiosas se disputaron el poder en Moaña hasta el siglo XVII". "Faro de Vigo, 27-8-1995". (48). González Fernández, Juan Miguel. "A casa fidalga do Rosal". Agrupación Cultural NÓS. Moaña 1992. (49). Parada, Suso. "A Igrexa de S. Martiño contribuíu á creación da Universidade de Compostela". "A Comarca, 30- 10-1998". Maio 2001. .

 

 

 

Web aloxada por Registros en la Red © 1999-2008 Biblioteca Pública Municipal. Concello de Moaña. 36950. Moaña (Pontevedra) Galicia.